El Campello
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Comunidade Valenciana | ||||
Provincia | Provincia de Alacant | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 30.600 (2024) (553,65 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Valenciano (lingua predominante) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 55,27 km² | ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo | ||||
Altitude | 26 m | ||||
Punto máis alto | Tossal del Blanquinar (455 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Juan José Berenguer Alcobendas (2019–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 03560 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 965 e 966 | ||||
Código INE | 03050 | ||||
Código ARGOS de concellos | 03050 | ||||
Sitio web | elcampello.es | ||||
El Campello é un concello costeiro do País Valenciano situado 13 quilómetros ao nordés da cidade de Alacant. Forma parte da aglomeración de Alacant e está incluído na comarca do Alacantí. Ten 26.043 habitantes (INE 2008).
Xeografía
[editar | editar a fonte]O termo municipal, de 55,27 quilómetros cadrados, limita con Alacant, Sant Joan d'Alacant, Mutxamel, Busot, Aigües, Orxeta e La Vila Joiosa.
O termo ten 23 km de costa, destacándose a "praia de Mutxavista" (que é o nome que recibe a continuación da praia de Sant Joan, pertencente a Alacant, no termo municipal de El Campello) e a que se sitúa no propio centro urbano. A medio camiño entre as dúas praias, desemboca o río Montegre, chamado Riu Sec (Río Seco) no Alacantí, cuxo caudal ao seu paso por Campello adoita ser nulo, aínda que pode levar correntes violentas de auga en momentos de fortes choivas (riadas).
No seu litoral, son tamén moi coñecidas a praia do Carrer del Mar, situada no paseo marítimo (no centro urbano), as calas dos Banys da la Reina, na "Illeta", e as calas da Coveta Fumá (núcleo de poboación do municipio de El Campello, cunha poboación aproximada de 1.060 habitantes (2004) que sofre un importante desenvolvemento urbanístico dende hai algúns anos).
A orografía de El Campello é chaira na súa parte sur, mentres que a zona norte do termo vén condicionada polos contrafortes do Cabeçó d'Or, con accidentes xeográficos que non superan os 310 metros de altitude.
Historia
[editar | editar a fonte]El Campello constituía unha partida rural de Alacant até a súa segregación de devandito municipio en 1901, constituíndose desde entón como concello propio.
Asentamento do Illote
[editar | editar a fonte]O Illote é unha península situada nos arredores da poboación que, até os anos 1940, formaba unha illa. O lugar presenta indicios de ocupación desde finais do terceiro milenio a.C. En época romana, sobre as ruínas ibéricas e prehistóricas alzouse unha vila agrícola que contaba cunhas pequenas termas. Desta época son unhas balsas, comunicadas co mar, nas que eran criados os peixes; estas construcións dan o nome de os Baños da Raíña á zona do asentamento, pois segundo o imaxinario popular eran os baños dunha raíña moura.
Da Idade Media ao municipio actual
[editar | editar a fonte]Trala conquista cristiá da zona polo rei castelán Afonso X o Sabio a mediados do século XIII, o termo de El Campello, ao parecer sen núcleos de poboación significativos, pasou a formar parte do termo da vila de Alacant, dentro da Coroa de Castela. En 1304 pasaría a depender xunto a Alacant do Reino de Valencia pola Sentenza Arbitral de Torrellas. En 1475, todos os terreos do termo aparecían formando un señorío propiedade de Alfons Martínez de Vera, descendente dos Reis de Navarra, dentro sempre da xurisdición de Alacant.
As numerosas incursións de piratas berberiscos, que durante o século XVI acosaban continuamente todo o litoral levantino, provocaron a construción, entre 1554 e 1557, dunha torre de vixilancia; aínda en pé, atópase nunha elevación á altura do porto.
Tras pasar por varias mans, no século XVIII o morgado acabou sendo propiedade de Nicolau Pérez de Sarrió i Doménech, quen comezou a colonizar as terras municipais, e, en 1775, asináronse as bases para crear un pobo no lugar. En 1795, estabeleceuse un estaleiro na desembocadura do Montegre, dando así un grande impulso ao Barrio de Pescadores. En 1827, o servizo relixioso pasou a depender da parroquia de Sant Joan d'Alacant, até o estabelecemento dunha parroquia propia en 1873. Finalmente, en 1901 El Campello independizouse administrativamente da cidade de Alacant.
En 1914, construíuse unha liña de ferrocarril (cuxo descendente é o actual Trenet) que pasaba pola localidade, contribuíndo en gran medida ao desenvolvemento económico e urbanístico do municipio. A partir dos anos 50 do século XX, o turismo e a proximidade a Alacant cambiaron profundamente a fisionomía do municipio cun importante "boom" urbanístico.
Poboación
[editar | editar a fonte]Segundo o padrón de 1 de xaneiro de 2008, a poboación de El Campello ascende a 26.043 habitantes, sendo o 18º municipio da provincia por orde de habitantes. A esta cifra de poboación habería que engadir a poboación flotante que non se atopa censada, que se estima que supera os 70.000 no verán.
Unha parte moi importante da poboación encóntrase dispersa por urbanizacións situadas nunha ampla franxa costeira.
Presentando un gran crecemento demográfico dende os anos 70, no período 1990-2005 a poboación medrou en máis dun 100%; este rápido crecemento pode explicarse por un lado polo turismo, e por outro polo seu papel crecente como unha zona residencial plenamente integrada na área metropolitana de Alacant-Elx.
Evolución demográfica de El Campello[1] | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 1996 | 2001 | 2006 | 2008 | |||||||
Poboación | 2.928 | 2.992 | 3.012 | 3.582 | 3.746 | 4.477 | 5.871 | 8.335 | 11.094 | 15.200 | 19.238 | 24.674 | 26.043 |
Economía
[editar | editar a fonte]Orixinalmente foi unha vila de pescadores e de agricultores, pero o turismo, a construción e outras actividades relacionadas constitúen actualmente as actividades económicas máis importantes no concello.
Cidades irmandadas
[editar | editar a fonte]Festas
[editar | editar a fonte]- Festas da Virxe do Carme: celébrase o 16 de xullo na honra do Virxe do Carme, patroa dos mariñeiro. Os principais actos son unha procesión mariñeira, o traslado da virxe a súa Ermida e fogos de artificio.
- Mouros e cristiáns: celébrase do 11 ao 15 de outubro, inclúen un desembarco mouro na praia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fonte: Poboación de feito segundo o INE. Alteracións dos municipios nos Censos de Poboación dende 1842 Arquivado 11 de marzo de 2009 en Wayback Machine. Series de poboación dos municipios dende 1996. Arquivado 18 de abril de 2010 en Wayback Machine.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web do Ajuntament de El Campello
- Índice de estatística municipal de El Campello. Unidade de Documentación da Deputación de Alacant
- Páxina web da Deputación de Alacant sobre El Campello
- Asociación de Profesionais, Empresarios e Comerciantes de El Campello
- Páxina web da Junta Festera Moros i Cristians del Campello
- Web de turismo de El Campello da Comunitat Valenciana