Elizabeth Jones
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de maio de 1935 (89 anos) Montclair, Estados Unidos de América |
Educación | Universidade de Boston Vassar College (pt) Montclair Kimberley Academy (en) |
Actividade | |
Ocupación | gravadora |
Elizabeth Jones, nada en Montclair, Nova Jersey, o 31 de maio de 1935, é unha gravadora, medallista e deseñadora de moeda estadounidense, a undécima en ocupar a xefatura do Departamento de Gravado da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1981-1991).[1][2]
A súa marca de gravadora, que estampa nas moedas e medallas da súa creación, é EJ.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Jones, filla dun médico xinecólogo de Nova Jersey, cursou o seu ensino secundario na súa vila natal e en 1953 graduouse na Montclair Kimberley Academy. Posteriormente fixo estudos superiores no Vassar College, no Estado de Nova York, no que acadou a súa graduación en Historia da Arte en 1957. Entre 1958 e 1960 ampliou os seus estudos na Art Students League, de Nova York, e en 1961 marchou a Roma para seguir a súa formación, cidade na que pasou as dúas décadas seguintes.[2] Alí comezou a se sentir atraída polo mundo da medalla logo de coñecer o escultor italiano Renato Signorini, autor da medalla oficial dos Xogos Olímpicos de Roma de 1960.[3] Entre outras institucións, en Roma instruíuse en medallística na Scuola dell’Arte della Medaglia do Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato.[2]
En 1979, o Goberno italiano encomendoulle a elaboración dunha medalla de ouro na honra de Xoán Paulo II. Alí gravou tamén outras medallas sobre diversos personaxes como Mozart, Picasso, Albert Schweitzer, Charles Dickens ou Susan B. Anthony.[2]
De volta nos Estados Unidos, en setembro de 1981, cando tiña 46 anos, o presidente Ronald Reagan nomeouna gravadora xefa da US Mint, logo da xubilación do anterior xefe, Frank Gasparro.[1] Tratábase da primeira vez que unha muller ocupaba este posto.[3] Naquel momento, Jones xa era considerada como unha reputada gravadora de medallas, e xa levara a cabo diversos traballos por encarga, entre outros, da Frankling Mint, da Medallic Art Company e da Judaic Heritage Society.[2]
En 1991, Elizabeth Jones xubilouse do seu posto como gravadora xefa logo dunha década no cargo e, desde ese momento, o posto quedou vacante durante 15 anos, antes de ser ocupado por John Mercanti.[2]
Un dos traballos máis sobranceiros de Jones foi a moeda dun dólar de prata de 1983 conmemorativa dos Xogos Olímpicos dos Ánxeles, que amosa un lanzador de disco cos contornos marcados en tres capas, o que dá a sensación dun movemento estroboscópico.[4][5] Tamén é relevante a súa medalla presidencial, correspondente a Ronald Reagan.[3][6]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1972): Escultor do ano, da American Numismatic Association.[2][3]
- (1978): Premio Louis Bennett, da National Sculpture Society.[1][2]
- (1994): Membro honorario da American Numismatic Association.[2]
Escolma de traballos de Elizabeth Jones
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Nomination of Elizabeth Jones To Be Engraver of the United States Mint at Philadelphia, Pennsylvania". The American Presidency Proyect. 13 de xullo de 1981.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Elizabeth Jones. US Chief Coin Designer and Engraver". USA Coin Book.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Klemesrud, J. (1983).
- ↑ "1 Dollar XXIII Olympiad Los Angeles". Numista.com
- ↑ "1 Dollar (XXIII Summer Olympic Games 1984 Los Angeles". Colnect.com
- ↑ Deisher, B. (2015). "Ex chief engraver recalls President Reagan’s medal". En Coin World. 22 de abril.
- ↑ "½ Dollar George Washington". Numista.com
- ↑ "1 Dollar XXIII Olympiad Los Angeles". Numista.com
- ↑ "5 Dollars Statue of Liberty Centennial". Numista.com
- ↑ "5 Dollars U.S. Capitol Visitor Center". Numista.com
- ↑ "5 Dollars U.S. Capitol Visitor Center". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Benvenuto, M. (2020). "Elizabeth Jones: A Master Chief Engraver". En Coins Magazine. 67 (7). Páxina 12.
- Klemesrud, J. (1983). “Her mark is on the coinage”. En The New York Times. 26 de xuño de 1983.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Frank Gasparro |
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1981 - 1990 |
Sucesor: John Mercanti |