John Mercanti
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de abril de 1943 (81 anos) Filadelfia, Estados Unidos de América |
Educación | Universidade das Artes South Philadelphia High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Ocupación | escultor |
John M. Mercanti, nado o 27 de abril de 1943 en Filadelfia, Pensilvania, é un escultor e deseñador e gravador de moeda estadounidense, que ocupou ata 2010 o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1][2][3]
A marca de gravador que estampa nas súas moedas e medallas é JM.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Na súa xuventude, Mercanti estudou en Filadelfia, a súa cidade natal, na Pennsylvania Academy of Fine Arts, na Universidade das Artes e na Fleisher Art Memorial School.[4] Por outra parte, serviu tamén na Garda Nacional en Pensilvania durante seis anos.[1][2]
En 1974, Mercanti ingresou na US Mint como escultor-gravador axudante, no equipo dirixido por Frank Gasparro, e posteriormente traballou tamén como ilustrador.[4][5] O 19 de maio de 2006 foi nomeado "supervisor de deseño e mestre especialista en desenvolvemento de ferramentas", un posto equivalente ao anteriormente denominado "gravador xefe".[6] Esta situación mantívose ata o 3 de febreiro de 2009, cando o director da casa da moeda, Edward C. Moy, restableceu a denominación clásica do cargo e nomeou formalmente a John Mercanti como "gravador xefe".[1][2][7][8]
Logo do seu retiro en 2010 como gravador xefe da US Mint, en xuño de 2011 Mercanti integrouse como voceiro e imaxe pública da compañía Goldline International.[1][9] Tamén colabora profesionalmente con Professional Coin Grading Service (PCGS).[10][11]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]John Mercanti foi recoñecido en 2021 co Premio á Arte Numismática pola Excelencia na Escultura da Medalla, outorgado pola American Numismatic Association (ANA).[10] A mesma entidade premiárao xa en 2001 co galardón ao Escultor do Ano.[3]
En 2017, o Distrito Histórico de Rittenhouse, en Filadelfia, concedeulle o premio David Rittenhouse.[12]
Obra artística
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa carreira na US Mint, Mercanti foi o responsable do deseño e do gravado de máis dun cento de moedas, máis que calquera outro gravador na historia da ceca estadounidense. Entre os seus traballos máis significativos destacan as moedas de prata e de platino das series Silver Eagle e Platinum Eagle.[2] Tamén é o autor de varias das moedas circulantes de cuarto dólar dedicadas a cada un dos estados dos EEUU, pertencentes á serie 50 State Quarters Program (en concreto as dos estados de Arcansas, Iowa, Carolina do Norte, Pensilvania e Virxinia Occidental).[13]
Paralelamente, Mercanti é autor de varias series de moedas conmemorativas emitidas por Australia e cuñadas na Casa da Moeda de Perth.[14]
Escolma de traballos de John Mercanti
[editar | editar a fonte]-
Anverso do dólar do centenario de Eisenhower (1990)
-
Anverso do dólar da Guerra de Corea (1991)
-
1/4 dólar dedicado ao
Estado de Virxinia (2005)
Publicacións
[editar | editar a fonte]- (2012). American silver eagles. A guide to the U.S. bullion coin program (con M. Standish). Whitman, Atlanta. ISBN 9780794837259
- (2014). Morgan Dollar. Legendary coins and the making of the modern market: featuring the coins of the Coronet Collection. Whitman, Atlanta. ISBN 9780794842772
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "John M. Mercanti". USA Coin Book.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Men at the Mint: John Mercanti Arquivado 13 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Certified Coin Consultans Inc.
- ↑ 3,0 3,1 "John M. Mercanti. Engraver, sculptor". Prabook.com
- ↑ 4,0 4,1 "John Mercanti". askART.
- ↑ "Money maker. John Mercanti 63, Senior Engraver, U.S. Mint, Philadelphia". CNN Money. 19 de xaneiro de 2007.
- ↑ "John Mercanti elevated to head of U. S. Mint Engraving Department". En The E-Sylum. Vol. 9. Nº 22. 28 de maio de 2006.
- ↑ "John Mercanti". USA Coin Book.
- ↑ "Mercanti named 12th Chief Engraver of the U.S. Mint". En The E-Sylum. Vol. 12. Nº 10. 8 de marzo de 2009.
- ↑ "Goldline International Introduces Retired U.S. Mint Chief Engraver as Spokesperson". Business Wire. 28 de xuño de 2011.
- ↑ 10,0 10,1 "CoinWeek Coin Designer’s Profile: John M. Mercanti". En Coin Week. 18 de maio de 2015.
- ↑ "John M. Mercanti Agrees to Exclusive NGC Signature Label Deal". Numismatic Guaranty Corporation. 14 de decembro de 2015.
- ↑ "2017 David Rittenhouse Award to honor John Mercanti, 12th chief engraver/sculptor of the Mint Arquivado 13 de abril de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Update. 23 de febreiro de 2017.
- ↑ "50 State Quarters Program". USA Coin Book.
- ↑ "John Mercanti’s Wedge Tailed Eagle bullion series for the Perth Mint returns with a sixth new design". Ag/au News.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Elizabeth Jones |
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos 2006 - 2010 |
Sucesor: Joseph Menna |