Os seus inicios remóntanse ao ano 1851, cando un grupo de estudantes murcianos querían imitar as mascaradas que viran en Madrid.
Durante todo o ano as chamadas agrupacións sardiñeiras fan os preparativos da festa. Dentro destes actos preparatorios as agrupacións nomean cada ano un Gran Peixe e, desde 1988, a unha Dona Sardiña, títulos honoríficos que presiden simbolicamente as celebracións. As agrupacións sardiñeiras en Murcia son: Apolo, Aquiles, Baco, Centauro, Centro Brujo, Ceres, Diana Cazadora, Eros, Hércules, Júpiter, Marte, Mercurio, Momo, Morfeo, Neptuno, Odín, Palas Atenea, Plutón, Polifemo, Saturno, Selene, Ulises e Vulcano.
A semana previa ao gran desfile do sábado realízanse multitude de pequenos desfiles de charangas e actos preparatorios entre os que destacan o testamento e o velorio da sardiña. O desfile do sábado consiste nun desfile mestura de entroido e mitolóxico, no que o principal interese son os xoguetes que reparten desde as carrozas. Unha vez finaliza o desfile, quéimase unha escultura que representa unha gran sardiña. A queima da sardiña prodúcese xunto á Ponte Vella e a continuación un gran despregamento de fogos artificiais pon fin ás Festas de Primavera.