Escola Rexional de Declamación
Escola Rexional de Declamación | |
---|---|
Tipo | escola |
Data de fundación | 1903 |
Data de disolución | 1905 |
Sede | A Coruña |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Escola Rexional de Declamación foi un proxecto de consolidación do teatro galego levado a cabo a comezos do século XX.
Historia
[editar | editar a fonte]En decembro de 1902 apareceu nun xornal unha noticia na cal figuraba que un grupo de mozos liderado por Eduardo Sánchez Miño pretendía crear na cidade herculina unha escola teatral. A iniciativa recolleuna a Cova Céltica[1], e o 18 de xaneiro de 1903, actores e actrices da Coruña representaron a obra dramática ¡Filla...! de Galo Salinas. De todos os xeitos, non foi doado encontrar actores, e sobre todo actrices, que estivesen dispostos a actuar en galego, debido aos preconceptos lingüísticos existente na época. De feito, o problema dos prexuízos creados arredor da lingua de Galiza viña minguando o número de actores en galego xa desde 1882. Pouco despois ese colectivo, dirixido polo propio Salinas, constituíu na Coruña a Escola Rexional Galega de Declamación.
O seu Presidente pasou a ser Manuel Lugrís Freire, máximo representante do teatro social, o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa e autor da totalidade dos espectáculos realizados polo cadro coa excepción da obra de Salinas: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904).
Houbo un grupo de autores ligados á Escola Rexional de Declamación, definindo unha serie de trazos comúns aos integrantes deste grupo[2]:
- Pertenza á Cova Céltica.
- Colaboración na Revista Gallega, de Galo Salinas.
- Todos eles tiveron algún tipo de vinculación coa Liga Gallega.
- Pertenza á Real Academia Galega.
- Manifestación do seu compromiso coa plataforma agrarista Solidaridad Gallega.
- Integración nas estruturas das Irmandades da Fala.
Foi o primeiro grupo de teatro estábel do ámbito galego (Rabunhal 1994). Comezou a levar a cabo ensaios teatrais, a substitución do verso pola prosa e a evolución desde o teatro histórico de pegadas románticas a un teatro que desde estratexias realistas chega á alegación de inpiración social.
Mais a Escola Rexional de Declamación sufriu unha serie de problemas internos, protagonizados principalmente pola falta de entendemento patente entre Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire. Alén disto, os autores dramáticos galegos non se implicaron demasiado con esta causa. Eduardo Sánchez Miño declarou en 1911 nun artigo de prensa que a Escola solicitara a través dun xornal que os escritores teatrais galegos lle enviasen as súas obras para seren postas en escena.[3] Parece ser que só Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire atenderon ao dito chamamento. Todos isto derivou na disolución (en 1905) da Escola Rexional de Declamación. Aínda así, tal disolución valeu para que a prensa rexionalista da emigración cubana comezase a exercer presión para que reactivase na emigración o teatro galego.
Foi a primeira compañía teatral dedicada á realización de espectáculos en galego e constitúe a primeira iniciativa de formación teatral que se emprendeu na Galiza. A pesar da súa curta traxectoria, pois desapareceu aos dous anos sen acadar os obxectivos, converteuse nun feito transcendental e pioneiro no desenvolvemento do teatro rexionalista e na creación dun movemento teatral galego.
Serviu como precedente do Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado polas Irmandades da Fala en 1919.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Campos Villar, X. (2000). A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire. Santiago de Compostela: CRPIH. p. 20.
- ↑ Rabuhal, Henrique (1994). Textos e contextos do teatro galego: 1671-1936. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 978-84-87847-39-4.
- ↑ Tato Fontaíña, Laura (1999). Historia do teatro galego (das orixes a 1936). A Nosa Terra. ISBN 84-89976-98-8.