Estandarización da lingua galega
Cando se comezou a escribir de novo a lingua galega a comezos do século XIX non había memoria entre os novos escritores da literatura nin da escrita medieval polo que para escribiren a súa lingua tenderon a adaptar a ortografía da lingua castelá ao galego[1].
Periodización
[editar | editar a fonte]Galego popular
[editar | editar a fonte]O galego que se empregou na escrita durante gran parte do século XIX estaba moi próximo ao galego falado[2], sen que a tradición literaria do galego medieval influíse significativamente, pero tampouco houbo realmente escritores dialectais puros, nos textos adoitan convivir solucións interdialectais. Nesta liña de achegamento á fala popular abundan os vulgarismos e os castelanismos, mesmo alternando con formas propias do galego, xa que era o castelán escrito o que actuaba como modelo[3] para uns escritores que carecían de calquera referencia para o galego máis alá do galego popular. Pola contra case non aparecen hiperenxebrismos ou arcaísmos e as vacilacións na escolla e escrita do léxico era a norma. Contra 1880, no final do período, comezou o debate sobre que tipo de galego debería servir de base á lingua literaria, por unha banda estaban os defensores do galego popular, baseado na fala do rural, menos influída polo castelán, e pola outra os defensores dun galego culto, baseado no galego das vilas e cidades e máis castelanizado.[4]
Galego enxebrista
[editar | editar a fonte]A partir de finais do século XIX, con Antonio López Ferreiro, e sobre todo na época das Irmandades da Fala e a Xeración Nós procúrase a pureza da lingua, mesmo chegando na súa afirmación fronte ao castelán a distorsións do propio léxico galego e a prácticas diferencialistas[5] que deron orixe aos coñecidos como hiperenxebrismos. O castelán deixou de ser o único referente para a creación do léxico novo, recorréndose fundamentalmente a arcaísmos, lusismos e estranxeirismos pero tamén a neoloxismos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Benigno Fernández Salgado e Henrique Monteagudo Do galego literario ó galego común. O proceso de estandarización na época contemporánea en Henrique Monteagudo (ed.) Estudios de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto. Galaxia, 1995, páxina 109
- ↑ Henrique Monteagudo (ed.) Ob. cit, páxina 127
- ↑ Xosé Luís Regueira A sílaba en galego: lingua, estándar e ideoloxía en Ramón Lorenzo (coord.) Homenaxe a Fernando R. Tato Plaza. Universidade de Santiago de Compostela, 2002, páxina 245
- ↑ Ernesto Xosé González Seoane A estandarización do léxico en Galicia: perspectiva histórica en María Álvarez de la Granja e Ernesto Xosé González Seoane (ed.) A estandarización do léxico. Consello da Cultura Galega, 2003, páxina 168
- ↑ Ramón Mariño Paz Historia da lingua galega. Sotelo Blanco, 1998, páxina 466