Aínda que o club Estrela Vermelha naceu no ano 1997, non é até o ano 2013 que o club crea a sección de fútbol gaélico, seguindo a estela doutros equipos deste deporte irlandés que agromaran polo país. Proclamouse campión da Liga Galega de Fútbol Gaélico e da Copa Galega de Fútbol Gaélico nas tempadas 2013/2014[1][2], 2014/2015 [3] e 2015/2016 [4]. Desde o seu debut até a terceira tempada, o equipo masculino gañou todas as Ligas e Copas galegas de Fútbol gaélico (3 dobretes [5]). Na tempada 2017/2018 fica subcampión da Liga, campión da Copa Galega e subcampión do Campionato Ibérico. Na tempada 2021/22 queda en terceira posición na Liga e no All-Galicia.
No 2014 créase a sección feminina do equipo que, ao longo das tempadas, foi acadando mellores resultados. Na tempada 2017/2018 consegue o primeiro gran título ao gañar a Copa Galega, ademais de ficar no terceiro posto na Liga e en segundo lugar no Campionato Ibérico. Catro integrantes do equipo feminino estreleira (Ánxela, Uxía, Lucía e Vane) forman parte da Selección galega de fútbol gaélico que consegue no verán de 2018 o título de campioas de Europa na primeira edición do Torneo Europeo de fútbol gaélico, celebrada en Lorient no marco do Festival Intercéltico de Lorient. Na tempada 2019/2020 conseguen o seu primeiro título de Liga[6]. O Estrela feminino acada o dobrete de campioas da Liga[7] e da Copa[8] na tempada 2021/22.
Na tempada 2018/2019 inicia a súa andaina o equipo filial do Estrela Vermelha na categoría masculina baixo o nome de "Estrela Gaels" e fican undécimos na Liga Galega de Fútbol Gaélico.
Na tempada 2019/2020 o Estrela Gaels conseguiu o récord de empates consecutivos na Historia da Liga: tres. Contra Irmandinhos, Cambados e Keltoi Vigo. Cortaron a racha coa vitoria en Chaián ante o Dorna da Illa de Arousa.