Fernando Abreu
Biografía | |
---|---|
Actividade | |
Ocupación | músico, clarinetista |
Fernando Abreu Fernández, nado en Vigo o 3 de xaneiro de 1967,[Cómpre referencia] é un músico e clarinetista galego de formación e traxectoria ecléctica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Comezou o seu contacto co clarinete na Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Ponteareas) e coa linguaxe musical co profesor e compositor Ángel Viro Caamaño. Realizou os estudos de clarinete no Conservatorio Superior de Música de Vigo con Francisco Pérez, e alí trabou amizade cos futuros membros do Cuarteto Caramuxo. Ingresou como bolseiro na Xove Orquestra de Galicia, dirixida polo musicólogo e compositor Joám Trillo.
Música histórica
[editar | editar a fonte]Rematou a carreira de clarinete no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid co profesor Justo Sanz e comezou o seu contacto co clarinete antigo co músico catalán Carles Riera Pujal, trasladándose posteriormente ao Koninklijk Conservatorium da Haia, onde rematou o mestrado de clarinete histórico co profesor Eric Hoeprich. Esta formación levouno a participar en concertos e gravacións con instrumentos históricos coa Orquesta Barroca de Sevilla ou Estil Concertant de Valencia.
Música contemporánea
[editar | editar a fonte]Interesado pola música contemporánea creou un dúo co compositor Antón L. Pulido Cid e colaborou con outros compositores galegos como Jesús González ou Juan Carlos Martínez Fontana. En 1996 formou parte do "añorado"[1] Taller Instrumental do CGAC onde compartiu escenario con solistas como David Quiggle, Ben Kreith, Ananda Sukarlan baixo a dirección de Pierre-André Valade tocando obras dos compositores da vangarda (Tristan Murail, Gérard Grisey, Magnus Lindberg, Philippe Hurel, Kaija Sahariaho...).
A improvisación libre
[editar | editar a fonte]Durante a súa estadía nos Países Baixos asiste ás aulas do profesor Michel Barker no Koninklijk Conservatorium, formando o cuarteto Koncon xunto ao percusionista brasileiro Celio Vasconcellos, o compositor guatemalteco Renato Maselli e o colombiano Ricardo Arias. Participou na gravación do primeiro CD de Ricardo Arias e, no ano 2000, realiza unha xira de concertos por Guatemala a dúo con Renato Maselli.
Xa en Galicia formou parte da orquestra de improvisación libre Omega[2] (Orquestra de Música Espontánea de GAlicia) nacida na Sala Nasa de Santiago de Compostela. Un orquestra moi especial formada por unha vintena de músicos galegos procedentes de diversos ámbitos coa premisa da improvisación libre guiada baixo conduta xestual.
En 2003 Xela Arias propúxolle participar no recital de presentación de Intempériome, o seu cuarto poemario, para o que gravou á propia poeta recitando. A morte de Xela truncou o proxecto, pero o legado sonoro será reutilizado. En 2021, cando se lle dedicou a Xela Arias o Día das Letras Galegas, Fernando Abreu dirixiu o espectáculo Vencerse é cousa de se tratar,[3] onde mesturou as gravacións de 2003 de Xela coa música de vangarda e a improvisación libre co cinema en directo. Neste proxecto contou coa colaboración da cantante Mónica de Nut, o guitarrista Pablo Carrera e o cineasta Roi Fernández. Ese mesmo ano foi o responsable do CD que acompañou a edición especial «Letras Galegas» do poemario Intempériome que publica Xerais coa participación da violonchelista Macarena Montesinos, da violinista Elena Vázquez, o guitarrista Pablo Carrera e el mesmo como clarinetista e director musical.[4]
Outras músicas
[editar | editar a fonte]Colabora como músico de estudio e de directo con Mercedes Peón e nese contexto coñeceu o guitarrista Pablo González Carrera, co que forma o grupo DOUS, que continúa en activo, co que xa levan publicados varios discos e tres veces finalistas dos Premios Martín Códax da Música no apartado de músicas do mundo.
Co Cuarteto Caramuxo ten unha eclosión no mundo escénico, xa que comeza a ter unha gran repercusión no mundo da música tradicional que os leva a gañar varios premios e seren recoñecidos internacionalmente.
En 2011 participou na gravación da banda sonora da película Crebinsky da que vai nacer a Banda Crebinsky onde fusionan estilos como o folk, o klezmer, o jazz, o rock ou a música clásica e experimental, aderezados con letras en galego, ruso, castelán, francés e italiano.
Como músico solista o en dúo fai improvisacións nos cursos que organiza Voarte, plataforma (xerada por Víctor Orive) baseada na sinerxía de artes e técnicas psicocorporais utilizando a danza como fío condutor.
Froito destas experiencias e do confinamento de 2020 compuxo as pezas que compoñen o seu primeiro disco en solitario, CaLMA, no que contou coa colaboración do pianista de jazz Alberto Vilas. Este traballo mereceu un nomeamento na IX edición dos Premios Martín Codax da Música no apartado de música clásica e contemporánea.
Outros grupos cos que tamén ten colaborado son Dr. Harapos, Xistra de Coruxo, Sete Saias, Ecléctica Ensemble, Malvela, Sra. Carmen e Batuko Tabanka.
Exerce como profesor de música no IES de Salvaterra de Miño desde o ano 2001. Na XI edición do certame de curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega[5] obtivo o segundo premio na categoría de Centros de Ensino co curto Intemperiámonos con Xela Arias.[6]
Tamén ten unha faceta como investigador especializado na presenza do clarinete no repertorio tradicional galego, e leva anos practicando o deporte da maratón e do tríatlon como afeccionado.
Discografía
[editar | editar a fonte]Cuarteto Caramuxo
[editar | editar a fonte]- Tituriru (Falcatruada, 2009)
- Arrieros somos (Nakra, 2015)
- Reviravoltas (Nakra, 2021)
Banda Crebinsky
[editar | editar a fonte]- Crebinsky (2011)
- Jet lag (2016)
Dous
[editar | editar a fonte]- Só son sons (Falcatruada, 2008)
- No son só sons (2008)
- Dous (Nakra, 2012)
- A viaxe de Yoyo (2017)
Solitario
[editar | editar a fonte]- Intempériome (Edicións Xerais de Galicia, 2021)
- CaLMA (2021)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Yáñez, Paco (25 de marzo de 2010). "Brisa en dos movimientos". Mundoclasico.com. Consultado o 15 de marzo de 2023.
- ↑ Salgado, Daniel (5 de xullo de 2008). "Sonidos efímeros en caída libre". El País. Consultado o 15 de Marzo de 2023. Texto "subscrición0si" ignorado (Axuda)
- ↑ Crespo, Carlos. "Fernando Abreu: «Este espectáculo ten o que non ten ninguén, ten a Xela»". La Voz de Galicia. Consultado o 4 de abril de 2023.
- ↑ REGA-UK, Rede Galega do Reino Unido (18 de decembro de 2021). Entrevista a Fernando Abreu sobre Xela Arias e o seu proxecto conxunto "Intempériome"- REGA-UK (Youtube).
- ↑ "Certame de Curtas da AS-PG. Historia". Bitaculas AS-PG. Consultado o 4 de abril de 2023.
- ↑ IES de Salvaterra de Miño (11 de marzo de 2022). Intemperiámonos con XELA ARIAS (Youtube).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Programa do concerto "O son dos camiños" do compositor Carlos Suárez.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web do cuarteto caramuxo.
- Páxina web do grupo DOUS