Fernando Ruiz de Castro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Fernando Ruiz de Castro nun cadro do século XVII no Pazo dos condes de Ficalho, en Serpa, Portugal. | |
Biografía | |
---|---|
Morte | 1377 Baiona, Francia |
Lugar de sepultura | Baiona |
Mordomo maior do rei de Castela | |
Pertegueiro maior de Santiago | |
Conde de Trastámara Condado de Trastámara | |
Actividade | |
Ocupación | aristócrata, militar |
Outro | |
Título | Conde de Trastámara Conde de Lemos Condado de Sarria |
Familia | Casa de Castro |
Cónxuxe | Xoana Afonso de Castela |
Pais | Pedro Fernández de Castro e Isabel Ponce de León |
Irmáns | Xoana de Castro Inés de Castro Alvar Peres de Castro |
Fernando Ruiz de Castro, finado en 1377 en Bayonne, foi un nobre galego do século XIV, III conde de Lemos, Trastámara e Sarria con carácter non hereditario. Foi un dos persoeiros galegos máis importantes e influentes da centuria do XIV. Adaíl da causa de Pedro I na guerra civil de Castela, aparece coma insaciable canalizador das lealdades petristas. Mesmo logo da morte do monarca, continuaría coa súa cruzada ata o derradeiro alento.
Os Castro
[editar | editar a fonte]A liñaxe dos Castro xurdiu na vila burgalesa de Castrojeriz e pertence, xunto aos Lara ou aos Guzmán, ás cinco grandes familias emparentadas cos primeiros reis de Castela. Unha rama da familia pasou a Galiza no século XII onde se emparentaron coas casas de Lemos e Sarria. Dominaron Galiza e estiveron presentes nos feitos máis suliñables da súa historia, así coma na de Castela e León, destacando no auxilio prestado aos seus monarcas nas campañas de conquista dos territorios musulmáns. O declive dos Trava permitiu que aos poucos fosen ocupando o seu lugar preeminente.
Fernando Ruiz de Castro naceu do segundo matrimonio de Pedro Fernández de Castro O da Guerra e Isabel Ponce de León. O seu proxenitor destacou ao carón de Afonso XI de Castela na loita contra os musulmáns. Coma proba dos seus bos servizos, lealdade e reputación que ostentaba, o rei recompensouno coa tenencia de importantes títulos e diversas fortalezas coma a de Castro Caldelas (Ourense) e a de Monforte de Lemos (Lugo), esta doada no 1332.
Fernando era o primoxénito de catro irmáns: Xoana de Castro e os bastardos Alvar Pérez de Castro e Inés de Castro; tivo que tomar as rendas do apelido a unha idade moi nova (apenas contaba con 15 anos). Así, no 1337, con data do 27 de marzo en Allariz, o testamento de Pedro Fernández de Castro non deixa lugar a dúbidas:
E faço meus herdeiros en todos meus herdamentos e bes que houber ho tempo da miña morte a ho dito meu fillo Fernán Ruiz, e hos outros meus fillos e fillas legitimas que houber, que partan os ditos meus herdamentos e bens hirmabelmente etc. E faço cumpridores deste meu testamento ha dita dona Isabel, miña muller, e don Juan do Campo, obispo de León, e Juan Fernandez de Volaño, e ho abbade do mosteiro de Sobrado, e fray Lopo Affonso, doutor, da orden dos pregadores.
Mais non morrería trala sinatura do anterior testamento, senón que acontecería en xuño de 1343 no sitio de Xibraltar xunto ao seu rei. Unha epidemia de peste que asolou Castela decimou o exército de Afonso XI, xunto ao que loitaba o conde galego.
Co falecemento do pai comezamos a ter as primeiras novas á cabeza dos títulos e mercedes que ostentara Pedro. Aparece nomeado Pertegueiro Maior de Santiago e a súa Terra e ratificando no 1345 uns privilexios que o mosteiro de Sobrado dos Monxes tiña concedidos do rei. Posteriormente, no 1351, Pedro I intitularíao Mordomo Maior do Rei e Alférez Maior.
A súa filiación á causa petrista semella pois evidente ao teor das mercedes obtidas e axiña se constituiría como a man dereita do rei, aínda que unha afronta ao seu honor trocaría as súas lealdades e acabaría apoiando a Henrique de Trastámara. Con anterioridade exerceu de testemuña nos esponsais celebrados en Valladolid entre Pedro I e Branca de Borbón no ano 1353. Mais no 1354 a situación troca, alzarase ofendido na defensa da honra da súa irmá Xoana, sendo entón cando escoita a chamada do conde de Trastámara.
A desnaturalización de Fernando
[editar | editar a fonte]O infortunado evento aconteceu en Cuéllar (Segovia), onde residía a viúva de Diego de Haro, Xoana; os textos da época exaltan a súa beleza, realmente comparábel á da súa irmá Inés:
E era esta Doña Juana mujer bien fermosa e el rey decía que quería casar con ella.
En efecto o rei, obnubilado pola súa fermosura, requiría os amores da galega; esta negábase aducindo que o rei estaba xa casado con Branca. A tenacidade do monarca non se viu minguada e solicitou os testemuños dos bispos Sancho de Ávila e Juan de Salamanca para que anulasen dito casamento e convencesen á irmá do de Castro a que accedese ao seu desexo.
Os esponsais celebráronse finalmente na mesma vila de Cuéllar, oficiando o bispo de Salamanca. Xoana sería esposa por unha noite, a da voda, pero raíña ata a súa morte. O rei irá refuxiarse aos brazos da súa amante María de Padilla.
A pesar que Branca de Borbón sempre foi considerada a lexítima raíña, observamos en diferentes documentos asinados pola irmá de Fernando de Castro coma se autointitula raíña e esposa do monarca castelán:
Domna Iohanna pola graça de Deus, reyna de Castella et de León, a qualquer ou quaesquer que por min an de coller oui de recaudar en renda ou en fieldade(...). Dada en o dito moesteiro d`Osseira, viinte et huun dias d'abril era de mille et treçentos et noveenta et çinque annos. Yo Diego Rodrigues la fis escribir por mandado de la reyna.
A esta ofensa tan grave e tan sentida polo cabaleiro galego, debemos sumarlle a acusación que fai na contra de Pedro, de que este o quixo matar nun torneo celebrado en Valladolid en relación co casamento deste con Branca. Foi entón cando reuniu ao seu exército e partiu a reunirse cos trastamaristas. Estes acollérono sen reparos xa que tiña nome, importantes riquezas e Galiza seguiríao sen dificultades. Amais, tiña merecida fama de excelente loitador.
O capítulo da sedición de Fernando de Castro abriuse cos famosos episodios de Salvaterra. Atravesaría a fronteira con Portugal establecéndose en Monção, nos sucesivos nove días pasaría a raia cara Galiza e ante notario faría pública a súa desvinculación (desnaturalización) do rei de Castela polas afrontas citadas anteriormente. A continuación marchará a reunirse cos outros sediciosos: Henrique de Trastámara e Juan Alfonso de Alburquerque. Logo de diversas tentativas de chegaren a algún tipo de acordo con Pedro e de acoller a máis descontentos, ao fin reuníronse en Toro (Zamora); ou máis ben cabería dicir que o rei foi retido contra a súa vontade na vila por estes cabaleiros. Alí repartíronse diversos cargos da corte, o de Castro foi nomeado Mordomo Maior.
Solucionado o incidente reclama tamén a man de Xoana, irmá do de Trastámara, coma lle prometeran, da cal, segundo afirma López de Ayala, estaba profundamente namorado e que coñecera na corte onde esta se criara. As nupcias contraéronse en Toro e seguidamente volveu a Galiza acompañado da esposa.
Troco de lealdades
[editar | editar a fonte]Cabe salientar un aspecto interesante a ter en conta que arrodea todo este asunto. O futuro conde de Lemos apoiou ata a súa propia morte ao bando lexitimista cun fervor inusitado; que non é propio dun cabaleiro que se viu ultraxado. Abandona Toro sen render pleitesía a Pedro coma fixeran outros cabaleiros, entre eles o seu irmán Alvar Pérez de Castro, para máis adiante aparecer ao carón do rei nos momentos complicados que salpicaron o seu reinado. ¿Por que esta actitude do galego? ¿Que lle fixo trocar radicalmente de postura? Fernando de Castro coñecía a inconformidade do monarca perante o seu matrimonio pois deste xeito emparentábase co seu maior inimigo.
Llaguno Amirolo apunta que mediante petición rexia o galego anulou o matrimonio baixo a afirmación de que eran parentes e a inexistencia dunha dispensa papal facía que cohabitasen en pecado. Pedro conseguiu deste xeito dúas importantes vantaxes: por unha banda pór a mal a Fernando de Castro e ao conde de Trastámara, e por outra achegalo ao seu seo.
Por outra banda hai autores que defenden que as intencións do galego estribaban só en que o rei recapacitara e se decatara do erro cometido na súa persoa. En ningún intre se lle pasou polo pensamento a idea de destronar a Pedro. A súa lealdade permaneceu intacta a pesar de todo e talvez cando coñeceu os plans do conde de Trastámara e os seus aliados, decidiu desvincularse de tal empresa. Polo que tampouco sería disparatado que esta fora unha razón de peso para a anulación do matrimonio con Xoana.
Nada se sabe da súa vida entre os anos 1357 e 1366. O máis probable é que se atopase en Portugal por mor da morte da súa irmá Inés de Castro asasinada por orde do monarca luso.
De todos os xeitos axiña os Castro comezaron a recibir da coroa cuantiosas dádivas, cargos e terras en honra a súa inestimable axuda e lealdade. Recibiron o condado de Trastámara arrebatado a Henrique; tamén no ano 1360 recibiu o título de Alférez Maior das terras de Sarria, San Xiao e Outeiro de Rei.
Coa intención de que a liñaxe tivera descendentes lexítimos o rei Pedro ofrécelle a man de Leonor Enríquez emparentada por liña directa co rei Fernando o Santo.
A única mención que se fai do De Castro neses anos aparece en relación á batalla de Araviana (1359) nas ladeiras do Moncayo entre o exército de Pedro I e outro comandado por Henrique de Trastámara e o seu irmán Tello que estaban ao servizo de Pedro IV "O Cerimonioso". O exército castelán sufriu unha durísima desfeita e Fernando de Castro viuse na obriga de fuxir picando esporas e sen poder evitar que o seu alférez maior Gonzalo Sánchez de Ulloa perecera na contenda onde estaba coma fronteiro do rei.
A década dos sesenta presentouse complicada para Pedro I, pola súa contra o de Trastámara ía paulatinamente gañando adeptos e o seu avance polo reino castelán semellaba imparable. A pesar da bravura esgrimida polo galego no 1364 perante os muros da cidade de València, nada puido facer para evitar un grave afundimento militar. No 1366 Henrique avanzaba xunto as temibles Compañas Brancas comandadas polo bretón Bertrand Du Guesclin asoballando a todo aquel que se interpoñía ao seu paso.
A Guerra Civil trasládase a Galiza
[editar | editar a fonte]Amparado tralos muros de Sevilla, Pedro I atopábase cada vez máis só e axiña se decatou de que Galiza se amosaba coma a resposta axeitada. Pedro decidiu entón reunirse con Fernando de Castro e outros galegos leais en xuño de 1366 en Monterrei (Verín). No castelo desta vila tratáronse moitos temas de interese e discutíronse diferentes plans de acción.
A flor e tona do petrismo galego estaba alí reunida: o incombustible Fernando de Castro, o coruñés Xoán Fernández de Andeyro, Men Rodríguez de Sanabria, Gómez Gallinato e Fernán Pérez de Deza dos Churruchao, entre outros. Tamén acodeu o arcebispo de Compostela Suero Gómez de Toledo, sobre cuxa mitra pairaba a sospeita da traizón, pois segundo parece simpatizaba con Henrique e ousara mandar asasinar a un cabaleiro dos Deza que pretendera acusalo da súa preferencia na disputa dinástica. O arcebispo era consciente da xenreira que os Churruchao lle gardaban e por iso arribou a Monterrei escoltado por un numeroso continxente.
Na reunión acentuouse a belicosidade da nobreza galega; a súa idea constante consistía en presentar batalla cun exército galego ás tropas de Henrique en terras zamoranas. A defensa desta alternativa contaba co apoio do mestre de Alcántara e, como non, do líder da nobreza galaica Fernando de Castro. Mais o chanceler Mateo Fernández dubidaba da viabilidade do proxecto: no se fiaba de la eficacia de los soldados gallegos lejos de sus montañas.
O rei non se atrevía a tomar unha decisión que precisaba chegar o máis axiña posible. Finalmente desestimou a opción dos galegos aferrándose a unha factible axuda inglesa. O porto da Coruña vería partir cara a Francia ocupada polos ingleses a Pedro xunto as súas fillas e o minguado tesouro real, aínda que antes tería lugar un lance que mancharía se cabe aínda máis a imaxe do monarca. Falamos, claro está, do asasinato de Suero Gómez de Toledo.
Deste feito podemos entresacar tres teorías que trocan por completo a tradicional percepción que sobre dito asasinato sempre se tivo:
- En primeiro lugar debemos presentar a tradicional idea que sobrevoa o tráxico fin do arcebispo compostelán. Pedro, perante as simpatías do eclesiástico cara Henrique, ordena impunemente a súa "execucion" inmediata:
E mandó el rey a Fernán Pérez Churrichao, e a Gonzalo Gómez Gallinato, dos caballeros de Galicia que querían mal al arzobispo, que le estoviesen esperando con veinte de caballo a la puerta de la cibdad, e que le matasen; e ellos ficieronlo así (...) e allí finó delante del altar de Santiago. E el rey estaba ese día encima de la iglesia, donde veía todo isto: e tomó al arzobispo todo quanto avía...
- Verbas do cronista López de Ayala, que militará no bando trastamarista. A propaganda deste ilustre personaxe será ardua e numerosa.
- Unha segunda teoría acusa ao mesmo Henrique de Trastámara como o autor da orde de dar morte ao prelado. Baséase este razoamento en dous puntos:
- Pedro en ningún momento fai alarde ou mención do feito, algo estraño xa que sempre fixo gala dunha sinceridade brutal cando se trataba deste tipo de asuntos.
- Con motivo de desacreditar unha vez máis ao rei.
- E, finalmente, unha terceira vía podería suxerir que ambos os dous cabaleiros, Churruchao e Gallinato, actuaron pola súa conta baixo o descoñecemento do rei movidos pola profunda xenreira que sentían cara ao arcebispo. Ayala fala desta malquerenza: ...dos caballeros de Galicia que querían mal al arzobispo.... Esta malquerenza ten a súa orixe nunha muller da que estaban namorados o arcebispo e o tal Fernán de Churruchao e que estaba casada con Alfonso Suárez de Deza. Morto o esposo ás mans dos soldados arcebispais e ocupadas por este certas terras do falecido, a despeitada muller falaría co Churruchao para acabar coa vida de Suero. Esta teoría, con moita raigame popular, daría pé ó verso;
- Pertiño da Rúa Nova,
- Na Rúa da Balconada,
- mataron un Arcebispo
- por celos dunha dama.
Fernando de Castro, adail do Petrismo
[editar | editar a fonte]Trala morte do arcebispo, Fernando de Castro recibiu todas as fortalezas da mitra compostelá, tamén en Santiago recibirá o título de conde de Lemos e os de Adiantado de Galiza e León. Con Pedro I na Baiona francesa, o conde de Lemos converteuse na cabeza da loita petrista e no rexente do trono; rexencia que indica a suma confianza do rei na lealdade do galego. Deseguida comezou a fusrtigar aos partidarios de Henrique en Galiza, os cales axiña recibiron axuda do mesmo conde á cabeza dun exército. Este tomou gran parte de Galiza obrigando a Fernando de Castro e aos seus a refuxiarse tralas murallas de Lugo. O duelo entre Castro-Andrade (Fernán Pérez de Andrade, importante partidario galego do de Trastámara) non se fixo agardar, e durante dous meses o conde de Lemos freou os ataques inimigos e defendeu con gallardía a cidade. Unha vez máis e contemplando a imposibilidade de triunfar naquela lide, Henrique optou por botar man da diplomacia e convencer a Fernando da conveniencia de unirse á súa bandeira. Fernando de Castro negouse.
Non obstante chegaron a un acordo; Henrique ofreceulle a posibilidade de renderse sempre e cando nos seguintes cinco meses e ata o día de Pascua de Resurrección coma data límite, Pedro non acudiría ao seu auxilio, mesmo se aceptaba renderlle pleitesía respectaría os títulos e privilexios que seu irmán lle concedera. Fernando comprometeuse tamén a non atentar contra Henrique e os seus partidarios mentres o prazo pactado permanecese vixente. Logo desta negociación Henrique abandonou Galiza e dirixiuse a Burgos.
As novas da reunión dun poderoso exército inglés e a súa inmediata marcha cara a península animaron ao conde galego a romper o pacto e a lanzarse a unha carreira de enfrontamentos e loitas contra os trastamaristas galegos coa firme idea de sometelos. O seu pulo espectacular granxeoulle unha serie de vitorias decisivas que o fixeron o amo de Galiza; as excepcións foron Padrón, Allariz e Monterrei que resistiron a acometida petrista. Numerosas fortalezas e enclaves estratéxicos rendéronse sen presentar batalla, tal como é o caso rechamante de Xoán Pérez de Noboa que entregou a ponte de Ourense. Con Galiza practicamente baixo control dirixiuse a Zamora, aínda leal a Pedro, con dúas determinacións:
- Interceptar ao prior de San Xoán que acudía no auxilio dos enriqueños galegos.
- Socorrer Zamora e someter todos os territorios próximos á cidade.
Pacificadas as áreas de Astorga e León, en abril de 1367 estivo na crucial batalla de Nájera, que obrigou a fuxir a Henrique a Aragón, e demostrou claramente a superioridade do exército inglés sobor o castelán e as Compañas Brancas.
O fratricidio de Montiel
[editar | editar a fonte]A fatídica hora para Fernando de Castro chegaría na noite do 23 de marzo de 1369. Os feitos acaecidos perante os muros do castelo da Estrela nos campos de Montiel (Cidade Real) abrirán unha onda de continuos levantamentos petristas dende Galiza baixo o seu mando. Quixo o destino que Pedro I tomase a errónea decisión de espallar o seu exército polos pobos e aldeas próximas ao castelo de Montiel, fortaleza na que el mesmo se asentou acompañado do Conde de Lemos e do fiel cabaleiro, tamén do noroeste, Men Rodriguez de Sanabria:
E partió el rey don Enrique de Orgaz, e luego sopo cómo el rey don Pedro pasara por el campo de Calatrava, e que era cerca de un logar e castillo de la orden de Santiago que dicen Montiel, e que la compaña que con él viniera era esta: Fernando de Castro, e los concejos de Sevilla, e de...
Tamén quixo un capricho do destino que fose o mesmo Men Rodriguez quen en segredo se entrevistara co bretón Du Guesclin coa esperanza de chegar a un acordo favorable que permitise fuxir ao rei lexítimo furtivamente do cerco que o exército henriqueño lle tiña posto arredor da fortaleza sen sequera sospeitar a traizón que xermolaba no siso do mercenario francés.
Ambos os dous galegos asistirán impotentes ao asasinato de seu rei na tenda de campaña que ocupaba Bertrand Du Guesclin para despois pasar ao status de prisioneiros. Pasou á historia a frase de Du Guesclin, pronunciada cando, ó caer Pedro e mais o seu irmán Enrique ao chan, colocou a Pedro embaixo, o que aproveitou Enrique para acoitelalo e cortarlle a cabeza:
Nin quito nin poño rei, pero axudo ao meu señor.
E tovolo e non lo dejó partir. E vino con el rey don Pedro esa noche Fernando de Castro, e Diego Gonçalez, fijo del maestre de Alcantara, e men Rodriguez de Sanabria, e otros. E luego que alli llego el rey don Pedro, e tardava en la posada de mossen Beltran commo dicho avemos, sopolo el rey don Enrique que estaba ya aperçebido e armado de todas sus armas e el baçinete en la cabeça, esperando este fecho, e entro en la posada de mossen Beltran. E assi como llego el rey don Enrique, travo del rey don Pedro, e non lo conosçio, ca avia grand tiempo que non lo avia visto, e dizen que le dixo un cavallero de los de mossen Beltran: Catad que este es vuestro enemigo. E el rey don Enrique aun dubdava si era el, e dizen que dixo el rey don Pedro: - Yo so. Yo so. E estonçes el rey don Enrique conosçiolo e feriolo con una daga por la cara, e dizen que amos a dos, el rey don Pedro e el rey don Enrique, cayeron en tierra. E el rey don Enrique lo firio, estando en tierra, de otras feridas. E alli morio el rey don Pedro...
A mala nova correrá como a pólvora por todo o territorio, causando sentimentos e comportamentos contraditorios nas xentes segundo o lugar e a súa filiación. Moitas cidades decidiron render vasalaxe a reis doutros reinos peninsulares, Galiza a Fernando I de Portugal. O monarca lusitano, perante a favorable situación e case coas chaves das cidades galaicas nas mans, comezará a ocupación de Galiza. Na Coruña agardábao cos brazos abertos Andeyro; no seu camiño Tui e Compostela tomarán o seu nome con entusiasmo.
Para desgraza de galegos e portugueses a fortuna viroulle as costas e nunha prodixiosa ofensiva o novo rei castelán penetrou profundamente no reino portugués. Fernando I abandonou deseguida A Coruña deixando a Nuno Freire de Andrade (irmán de Fernán Pérez de Andrade) á fronte da súa defensa. Foi no sitio de Guimarães onde Fernando de Castro puido fuxir do seu cativerio. Facendo uso dun ardil pediu falar cos sitiados podendo entrar no recinto amurallado. Alí arengou aos portugueses de tal xeito que Henrique II de Castela viuse na obriga de abandonar o lugar. Instalado en Portugal recibiu do monarca luso importantes concesións territoriais e uniuse gostoso á loita entre ambas as dúas coroas.
Os derradeiros estertores do petrismo
[editar | editar a fonte]Nesta tesitura cruzou o Miño e fíxose cun exército de vellos petristas co que fustrigaría Galiza tomando dimensións desproporcionadas; a Henrique non lle quedou máis remedio que enviar un numeroso continxente. No 1370 Pedro Manrique e Pedro Ruiz Sarmiento xunto ás famosas e temidas Compañas Brancas derrotaron ao conde de Lemos na batalla de Porto de Bois (Palas de Rei, Lugo); unha vez máis, e servindo de paralelismo, a Araviana fuxiu ao galope cara Portugal. Alí permaneceu lambendo as feridas e preparando novas sublevacións ata que a paz de Santarem en marzo de 1371 obrigou a Fernando I, entre outras cousas, a deportar aos furibundos petristas refuxiados no seu reino. Atrincheirado no castelo de Ourem, o de Castro negouse a volver a Castela, pero tivo que renderse ante a evidencia de que xa todo estaba perdido e non merecía a pena continuar por este camiño. A Guiena francesa, en mans inglesas, foi a terra que o acolleu.
Fernando Ruiz de Castro e Ponce de León, fillo de Pedro Fernández de Castro O da Guerra; conde de Castro-Xeriz, Lemos e Sarria; señor de Cabrera e Rivera; Alferez Maior do rei, Pertegueiro Maior de Compostela, Adiantado Maior de Galiza, León e Asturias, bo cabaleiro e guerreiro destacado pola súa lealdade, falecía na Baiona francesa no 1377.
A historia conta que na súa tumba rezaba o seguinte epitafio:
“ | Aquí yace don Fernán Ruiz de Castro, toda la lealtad de España…[1] | ” |
Fernando Ruiz de Castro Nacemento: 1322? Falecemento: 1377
| ||
Aristocracia galega | ||
---|---|---|
Precedido por Henrique de Trastámara
|
Conde de Lemos, Trastámara e Sarria 1366? – 1377 |
Sucedido por Pero Henriques de Castro |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Armesto, Victoria (1969). Galicia Feudal (en castelán). Galaxia. p. 351. ISBN 8471541874.
Do suposto epitafio despréndese un sospeitoso cheiro decimonónico; non parece probábel que a ninguén se lle ocorrese nada semellante. Falar de "lealdade a España" no século XIV parece moi prematuro e, en calquera caso, inoportuno, tratándose de Castro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- García Oro, José, Galicia na Baixa Idade Media: Igrexa, Señorío e Nobreza, A Coruña, 1999.
- Guichot, Joaquin, Don Pedro I de Castilla: Ensayo de Vindicacion Crítico-Histórico de su Reinado, Sevilla, 1878.
- López de Ayala, Pero, Crónicas, Barcelona, 1991.
- Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Tenentes y Condes de Lemos en la Edad Media, Colección Galicia Histórica, Fundación Barrié de la Maza, Tomos I e II, A Coruña, 2000.
- Sanz, N. y Ruiz de la Peña, Don Pedro I de Castilla Llamado el Cruel, Madrid, 1943.
- Vazquez, Germán, Historia de Monforte y su Tierra de Lemos, Monforte de Lemos, 1990.