Saltar ao contido

Filosofía azteca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A filosofía azteca foi a filosofía desenvolvida pola cultura azteca.[1] A cosmoloxía dos aztecas pode considerarse dualista, mais nunha variante coñecida como monismo dialéctico. A filosofía azteca inclúe tamén reflexións sobre ética e estética. Unha das cuestións principais tratadas polos filósofos aztecas foi o problema de como atopar estabilidade e harmonía nun mundo efémero.[2]

Fontes textuais

[editar | editar a fonte]

Consérvanse moi poucos materiais relativos á filosofía azteca, e a meirande parte dos textos proceden de misioneiros e colonos casteláns, ou de nativos cristianizados. Os conquistadores queimaron case todos os manuscritos aztecas e maias. As poucas fontes anteriores á conquista inclúen o Códice Borgia e mais o Códice Borbónico (redactados en datas próximas á chegada dos europeos). Entre os documentos posteriores á colonización, destacan o Códice Florentino, o Códice Mendoza e mais o Códice Magliabechiano.[2]

Relixión e cosmoloxía

[editar | editar a fonte]

Na cosmoloxía azteca, o concepto de Ometeotl refírese á unidade que subxace ao universo. O Ometeotl crea, da forma e é en si mesmo todas as cousas. Incluso elementos opostos (luz e escuridade, vida e morte etc.) non son máis ca expresións desta mesma unidade. Esta crenza nunha unidade baixo os dualismos é similar ao monismo dialéctico desenvolvido nas filosofía occidental e oriental.[2]

A nivel relixioso, na filosofía azteca desenvolveuse unha forma de panenteísmo; porén, a relixión popular azteca era na práctica politeísta. Os sacerdotes concibían aos diferentes deuses como aspectos dunha realidade singular e transcendente, o teotl, que as masas adoraban como entidades independentes.[2]

Ética e estética

[editar | editar a fonte]

O pensamento azteca concibía a moralidade como o establecemento dun equilibrio, posto que o mundo se atopa en constante cambio seguindo os movementos do teotl. Xa que logo, a moral céntrase en atopar unha forma de vida en harmonía, ofrecendo estabilidade fronte ás mudanzas da realidade.[2]

Canto á estética, os aztecas pensaban a arte como un xeito de expresar a auténtica natureza do teotl.[2] Nesta liña, unha obra considerábase boa se ofrecía unha mellor comprensión do teotl.[2] A poesía azteca estaba ligada a esta concepción, e adoitaba expresar conceptos filosóficos.[2][3] O seguinte poema é un exemplo desta tendencia:

Ninguén vén ao mundo a morrer

Os nosos corpos son como roseiras
Agroman pétalos que logo murchan e fenecen
Mais os nosos corazóns son como herba de primavera

Viven para sempre e sempre volven medrar

Concepción do tempo

[editar | editar a fonte]
Sinais do calendario no Códice Magliabechiano
Sinais do calendario no Códice Magliabechiano

O concepto de tempo dos aztecas (ao igual que o dos maias) non era lineal e uniforme, polo que non podía ser medido con instrumentos coma os reloxos.[4] Así, sucesos concretos eran entendidos como entidades únicas e separadas, apenas relacionadas cos eventos pasados ou futuros. Eran de grande importancia os días 260 e 360+5 dos seus calendarios, así como o día 584 do ciclo de Venus.

Por outra banda, existía unha forte correlación entre as dimensións espacial e temporal, segundo a cal certos períodos do tempo eran representados por áreas do espazo.[5] Trátase dun fenómeno coñecido como "espacialización do tempo", segundo a expresión cuñada por Miguel León Portilla.[5] Ademais, estas rexións espazo-temporais tiñan asociadas características como cores, poderes ou, incluso, connotacións sexuais; neste sentido, servían como orientación e guía para a vida das persoas.[5]

  1. Mann 2005, p. 121.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Maffie 2005.
  3. Mann 2005, pp. 122-123.
  4. Maffie 2014, p. 421.
  5. 5,0 5,1 5,2 Elzey 1976, p. 315.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]