Saltar ao contido

Teotl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deidades aztecas representadas no Códice Borgia.
Deidades aztecas representadas no Códice Borgia (s. XVI)

Teotl (náhuatl: teōtl) é un termo en lingua náhuatl para referirse ao sacro ou divino. En ocasións, foi traducido como "deus". Para os aztecas, o teotl era unha omnipresencia metafísica na que se baseaba a súa filosofía.

Segundo James Maffie, teotl "é, esencialmente, poder: continuamente activo, actualizado, enerxía en movemento...como un río que flúe".[1] Neste sentido, o teotl rexenérase de xeito constante como parte dun proceso sen fin no que se crea e perpetúa o propio cosmos.[1]

Os deuses do panteón azteca, que recibían o nome de teotl (en plural, teteo), eran elementos activos no mundo que se manifestaban a través dos fenómenos naturais ou na arte. Ademais, podían ser invocados ou incluso posuír aos sacerdotes durante os rituais.[2]

Porén, existía tamén unha noción de monismo panteísta que se manifestaba nunha deidade suprema, Ometeotl, así como nunha serie de deidades menores que representaban versións ideais de fenómenos como as estrelas ou o lume.[3]

Atópanse conceptos similares ao de teotl en toda Mesoamérica antes da conquista, como o termo zapoteco pee ou o maia ku. Na mitoloxía do pobo pipil, o equivalente Teut (etimoloxicamente emparentado con teotl) é o nome do deus creador e pai de toda a vida.[4] Por outra banda, este tipo de enerxía inmaterial pode compararse co concepto polinesio de mana.[5]

No cristianismo

[editar | editar a fonte]

Nas primeiras traducións da Biblia e outros textos cristiáns ao náhuatl, Deus aparece representado co estranxeirismo castelán "Dios". Porén, nas traducións actuais, emprégase o neoloxismo Teotzin, unha combinación de teotl co sufixo reverencial -tzin.[6]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]