Flipper
Flipper | |
---|---|
Orixe | San Francisco, California, |
Período | 1979 - 1987 1990 - 1995 2005 - presente |
Xénero(s) | punk rock, noise rock, post-punk, hardcore punk, post-hardcore |
Selo(s) discográfico(s) | Subterranean, Alternative Tentacles, ROIR, American |
Membros | Ted Falconi Steve DePace Mike Watt |
Antigos membros | Krist Novoselic Will Shatter John Dougerty Ricky Williams Bruno DeSmartas Bruce Loose Rachel Thoele |
Artistas relacionados | The Sleepers, Rad Command, Negative Trend, A3I, Nirvana, Frightwig, Mudwimin, Van Gough's Daughter, Scratch Acid, The Jesus Lizard, Minutemen |
Na rede | |
flipperrules.com | |
Flipper é unha banda de punk e noise rock formada en San Francisco, California en 1979, tocando de xeito errático ata finais dos anos 90. No ano 2005 o grupo volveu reunirse. O grupo influenciou a un feixe de bandas de grunge,[1] punk rock e noise rock. O seu estilo punk ralentizado, conducido polo baixo e fortemente distorsionado considérase un precursor clave do sludge metal, e influenciou a bandas como Melvins e Nirvana, cuxo baixista Krist Novoselic tocou con Flipper nos anos 2000.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Flipper foi creada polo antigo membro de Sleepers Ricky Williams (voces), o antigo membro de Rad Command Ted Falconi (guitarra), e os antigos membros de Negative Trend Will Shatter (baixo) e Steve DePace (batería).[3] Acreditouse a Williams bautizar a banda, pero este foi despedido antes de realizar ningunha gravación.[4] Bruce “Loose” Calderwood substituíu a Williams[4] e el e Shatter pasaron a intercambiar funcións vocales e de baixo, levando ámbolos dous un baixo no escenario.[5] Falconi, un veterano da guerra de Vietnam, tocaba un estilo de guitarra distorsionado único.[6][7]
As primeiras gravacións de Flipper apareceron a finais de 1979 no EP de 7 polgadas SF Underground publicado a través do novo selo Subterranean Records,[3] seguido do sinxelo de 7 polgadas "Love Canal"/"Ha Ha Ha" en 1980.
En 1981 lanzouse o sinxelo "Sex Bomb"/"Brainwash", que presentaba portadas feitas a man individualmente. A longa cara A tiña letras minimalistas ("She's a sex bomb, my baby, yeah") e gañou a notoriedade da banda dentro da comunidade punk. A formación orixinal lanzou o seu primeiro álbum de longa duración, Album – Generic Flipper, con Subterranean en 1982.[3] Gravouse durante un ano[5] e contiña unha nova versión de "Sex Bomb". Foi seguido máis tarde no ano con outro sinxelo en Subterranean, "Get Away"/"The Old Lady that Swallowed the Fly".
A banda actuaba con regularidade na área de San Francisco e atraeu a moitos seguidores. Simultaneamente, o seu enfoque único lento e estridente do punk conseguiu enfurecer a outros membros da escena punk local,[5] especialmente coa crecente popularidade do hardcore punk máis rápido.[8] Mark Arm afirmou, no documental de 2006 American Hardcore, que o encanto de Flipper como banda residía na súa capacidade de molestar ao público ao mesmo tempo que atraía a súa total atención e curiosidade. Os fans comezaron a pintar con spray "Flipper Rules" (Flipper manda) en varios lugares de San Francisco e, finalmente, no mundo.[8]
En 1983 a banda apareceu no filme independente de Rick Schmidt Emerald Cities. As imaxes dunha actuación en directo foron intercaladas ao longo da película, mostrando tres cancións: "One By One", "Get Away" e "Love Canal".[9]
O seu seguinte álbum de estudio foi Gone Fishin', editado en 1984 tamén por Subterranean.[3] A colorida furgoneta da portada, xunto coas figuras que representan a banda e o seu equipamento na contraportada, podía ser recortada e montarse. Subterranean tamén ofreceu portadas adicionais para aqueles fans que querían recortar a portada e montala.
Tamén e 1984, o selo de casetes ROIR lanzou Blow'n Chunks, unha gravación dun concerto de Flipper no CBGB de Nova York en novembro de 1983. Incluía material de todas as fases da existencia da banda ata esa data. O directo foi reeditado en CD en 1990. Unha reedición de 2001 incluía catro descartes da sesión en directo e en 2005 o disco reeditouse en vinilo.[10]
Flipper titulou o seu álbum dobre en directo de 1986 Public Flipper Limited, facendo referencia á banda Public Image Ltd. O álbum despregábase como un xogo de mesa cunha ruleta recortada e cartas de xogo, e Subterranean volveu proporcionar portadas adicionais por correo. O disco contiña gravacións ao vivo feitas entre 1980 e 1985.[11]
A formación orixinal separouse en 1987 despois dun período de xiras, e o vocalista Will Shatter morreu o 9 de decembro de 1987 por unha sobredose de drogas[4] despois de formar A3I. Subterranean compilou os sinxelos e as rarezas da banda como a colección de 1987 Sex Bomb Baby. A edición en casete e as reedicións posteriores en CD incluíron tres temas extra.
Despois de Will Shatter
[editar | editar a fonte]A banda reapareceu en 1990 cun novo sinxelo con Subterranean, "Some Day"/"Distant Illusion", e comezou a actuar novamente ci¡on John Dougherty como novo baixista. Nürnberg Fish Trials, outro álbum ao vivo, foi lanzado en 1991. Esta formación publicou un novo álbum de estudio en 1992, American Grafishy, desta vez a través do selo do produtor Rick Rubin Def American, pero que non foi tan ben recibido como os seus anteriores traballos. Tamén en 1992 o membro fundador Ricky Williams morreu dunha sobredose de heroína.[12] A banda pararía en 1993 e John Dougherty morrería tamén dunha sobredose de drogas no ano 1997.[3]
Rubin tamén reeditou Album – Generic Flipper e o recompilatorio de sinxelos Sex Bomb Baby a través do seu selo Infinite Zero. En 1997 a maioría da música de Flipper estaba descatalogada, mantendo Rubin os dereitos. Como parte dun acordo legal, Subterranean recibiu o dereito de reeditar os seus discos de Flipper en vinilo nos Estados Unidos.
Reformas
[editar | editar a fonte]En 2002, Loose (usando un bastón) regresou para realizar un único concerto no club 924 Gilman Street de Berkeley como "Not Flipper". Afirmou que cambiou o seu nome de Bruce Lose a Bruce Loose "porque quería ser menos negativo" (lose significa perder).[5][13]
Os membros orixinais de Flipper, agás o falecido Shatter (con Bruno DeSmartass substituíndo de novo a Shatter,[5] como fixera nunha xira en 1982), reuníronse para apoiar o CBGB os días 22 e 28 de agosto de 2005.[5] Esta formación continuou tocando en directo a partir de 2006.
En decembro de 2006, DeSmartass foi substituído por Krist Novoselic (ex-Nirvana) no baixo para unha xira polo Reino Unido e Irlanda, así como para varios concertos nos Estados Unidos.[14] O tema "Scentless Apprentice", que a banda gravou (sen Novoselic) para un álbum tributo a Nirvana do ano 2000, engadiuse á lista de cancións ao vivo da banda.
En 2008 a banda gravou un novo álbum con Novoselic.[15] O 19 de maio de 2009 Flipper lanzou dous traballos, o álbum Love co novo material de estudio, e o álbum ao vivo Fight con cancións novas e antigas.[16] Os dous discos foron producidos polo produtor de Seattle Jack Endino e foron ben recibidos. Novoselic anunciou a súa saída da banda en setembro de 2009 debido a responsabilidades na casa, o que obrigou a cancelar a xira.[17] Foi substituído por Rachel Thoele, antes en Frightwig, Mudwimin e Van Gough's Daughter.[5]
Varios álbums de Flipper foron reeditados en distintos formatos entre 2008 e 2009. Album – Generic Flipper, Gone Fishin', Public Flipper Limited e Sex Bomb Baby! reeditáronse en CD por Water Records nos Estados Unidos e Domino Recording Company no Reino Unido,[16] e en vinilo polo selo 4 Men with Beards.
Flipper tocou dous concertos no Bottom of the Hill de San Francisco os días 10 e 11 de outubro de 2015, con DeSmartass regresando ao baixo e David Yow (anteriormente de Scratch Acid e The Jesus Lizard) na voz.
En 2019, Flipper decidiu tocar algunhas datas para celebrar o seu 40 aniversario.[2] A encarnación da banda en 2019 estaba formada por Steve DePace, Ted Falconi e David Yow.[2] Sen un baixista permanente, a banda contou con Rachel Thoele na súa xira por América do Norte entre os meses de abril e xullo,[18] e con Mike Watt (cuxa banda anterior Minutemen tocara con Flipper 36 anos antes) na súa xira por Europa en xullo e agosto.[19]
Tamén en 2019 a banda uniuse aos Melvins para o lanzamento do EP Hot Fish. Na cara A as dúas banda colaboran nun tema novo, "Hot Fish", e realizan unha versión da canción de Flipper "Sacrifice". Na cara B aparecen so Melvins versionando os temas de Flipper "Flipper Blues" e "I Saw You Shine".[20]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Album – Generic Flipper | 1982 | Subterranean Records |
Gone Fishin' | 1984 | Subterranean Records |
American Grafishy | 1993 | Def American |
Love | 2009 | MVD Audio |
Álbums ao vivo
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Blow'n Chunks | 1984 | ROIR |
Public Flipper Limited | 1986 | Subterranean Records |
Nürnberg Fish Trials | 1991 | Musical Tragedies |
Live at CBGB's | 1997 | Overground |
Fight | 2009 | MVD Audio |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Novoselic, Krist (2008-06-24). "My Life Into, and Inside, Flipper". Seattle Weekly (en inglés). Consultado o 2020-07-30.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Iconic punk rock band is back and trying ‘to do it bigger than ever’". The Mercury News (en inglés). 2019-04-17. Consultado o 2020-07-30.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "CBS SF Talks To Flipper Drummer Steve DePace - CBS San Francisco". www.cbsnews.com (en inglés). 2019-07-10. Consultado o 2024-10-04.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Meet Flipper’s Ted Falconi, Vietnam Vet And Punk Rock Legend". KPBS Public Media (en inglés). 2017-11-16. Consultado o 2024-10-04.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 "Life Is The Only Thing Worth Living For: Flipper Interviewed". Clash Magazine Music News, Reviews & Interviews (en inglés). 2019-07-26. Consultado o 2024-10-04.
- ↑ "Riff Raff". SF Weekly. 2017-10-16. Consultado o 2024-10-04.
- ↑ "Interview with Flipper guitarist Ted Falconi". Guitar Site. Consultado o 4 de outubro de 2024.
- ↑ 8,0 8,1 "Flipper’s Steve DePace". AV Club (en inglés). Consultado o 2024-10-04.
- ↑ "Emerald Cities (1983) - Soundtracks - IMDb" (en inglés). Consultado o 2024-10-04.
- ↑ "Flipper – Blow'n Chunks (Live)". Discogs. Consultado o 5 de outubro de 2024.
- ↑ "Perfect Sound Forever: Flipper's PUBLIC FLIPPER LIMITED". www.furious.com. Consultado o 2024-10-04.
- ↑ "Flipper Redux". SFWeekly. Consultado o 5 de outubro de 2024.
- ↑ York, Will (2-8 de marzo de 1999). "This punk's not dead". San Francisco Bay Guardian
- ↑ "Flipper Still Rules, With Nirvana’s Krist Novoselic in Tow". LAWeekly. Consultado o 5 de outubro de 2024.
- ↑ "Flipper Drafts Novoselic For New Album". Billboard (en inglés). 2008-01-04. Consultado o 2024-10-05.
- ↑ 16,0 16,1 Breihan, Tom (2009-05-08). "New Flipper Albums, Reissues on the Way". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-10-06.
- ↑ "News Ticker: Radiohead, Aerosmith, “War Child” and Flipper : Rolling Stone : Rock and Roll Daily". web.archive.org. 2008-09-23. Consultado o 2024-10-05.
- ↑ Bloom, Madison (2019-03-07). "Flipper Announce 40th Anniversary Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-10-06.
- ↑ Edwards, Briony (2019-07-30). "Mike Watt's guide to Flipper". louder (en inglés). Consultado o 2024-10-06.
- ↑ Gentile, John (2019-09-05). "Melvins/Flipper - Hot Fish [EP]". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2024-10-06.