Saltar ao contido

Punk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Punk rock»)
Punk
Orixe musicalgarage rock, rock and roll, rockabilly, hard rock, pub rock, proto-punk, glam punk

O punk, tamén coñecido como punk rock, é un movemento musical dentro do rock que emerxeu a mediados dos anos 1970. Con raíces no garage rock dos anos 60, as bandas punk rexeitaron os excesos do rock mainstream dos 70. Caracterízase pola súa actitude independente e de afeccionados, adoptando a ética DIY, encargándose moitos grupos de autoproducir os seus traballos, editados a través de pequenos selos independentes. Nos seus inicios, o punk era unha música moi simple e crúa, ás veces descoidada: un tipo de rock sinxelo, con melodías simples de duracións curtas, sons de guitarras amplificadas pouco controlados ou ruidosos, poucos arranxos e instrumentos, e, polo xeral, de compases e tempos rápidos.

As liñas de guitarra caracterízanse pola súa sinxeleza e a crueza do son amplificado, xeralmente creando un ambiente sonoro ruidoso ou agresivo herdado do garage rock. O baixo, polo xeral, segue só a liña do acorde e non busca adornar con oitavas nin arranxos a melodía. A batería pola súa banda leva un tempo acelerado, con ritmos sinxelos de rock. As voces varían desde expresións fortes e ata violentas ou desgarradas, expresivas caricaturas cantadas que alteran os parámetros convencionais da acción do cantante, ata formas máis melódicas e elaboradas.

Historia do punk

[editar | editar a fonte]

Orixes e contexto cultural

[editar | editar a fonte]

A finais dos anos 1960, unha corrente de mozos de Gran Bretaña e outros países industrializados consideraban que o rock pasara de ser un medio de expresión para os mozos, a unha mera ferramenta de mercado e escaparate para a grandilocuencia dos músicos dese entón, afastando a música da xente común. O punk xurdiu como unha mofa á rixidez dos convencionalismos que ocultaban formas de opresión social e cultural.

As características do punk rock foron precedidas polo garaxe rock, recruando máis o son forte do rock e con composicións menos profesionais, influenciados polo son da "Invasión Británica", como The Kinks, The Beatles ou The Who, e collendo elementos do son ruidoso do garaxe rock de The Stooges ou The Velvet Underground. Tamén se recollen influencias do frenético Surf rock. Estas variadas influencias coñécense agora como proto-punk. Dentro das mesmas pódese incluír tamén entre as influencias temperás a Bobby Fouler Four autor do sinxelo "I Fought the Law", que fose covereado por The Clash, e a Moderns Lovers autores de "Rooadrunner" dados os seus ritmos acelerados, non tan próximos ao punk rock posterior pero se afastado do rock convencional e típico da época, con acordes simples pero aínda sen distorsión ou volume alto.

The Ramones fixeron composicións sinxelas, cuxas acedas letras trataban temas como a anti-moda e as drogas, marcando co seu estilo unha pauta a seguir para as bandas por vir.

The Clash, unha das bandas máis populares do punk británico.A visita destes a Londres fixo que grupos xa existentes, como os Sex Pistols, comezasen a usar os seus instrumentos como medios de expresión e provocación para mostrar o seu descontento cara ao que consideraban unha sociedade de mentalidade estreita e represora.

Co tempo o xénero tomaría diferentes camiños e no seu paso evolucionaría en moitos subxéneros e recollería influencias doutros estilos musicais. Os subxéneros do punk defínense ás veces por características musicais, e noutros casos polo contido da mensaxe ou a ideoloxía que o inspira.

Tal como despois sucedería en moitos outros países, en Inglaterra pronto os grupos tomaron influencias doutros xéneros. Unha das primeiras fusións do punk foi co reggae e o ska dos inmigrantes xamaicanos no país. Como primeiro e máis representativo exemplo pódese mencionar á banda The Clash e os seus temas "Police and Thieves", "The Guns of Brixton" e "(White Man) In Hammersmith Palais". Outro xénero que pronto se fusionou co punk foi o glam rock.

Nos inicios tamén xurdiu o estilo hardcore punk, que se caracterizou por ser unha versión máis rápida da forma sucia de tocar o punk. As primeiras bandas foron Bad Brains, Middle Class e Teen Idles.

Orixe do termo 'punk'

[editar | editar a fonte]

O termo inglés "punk" ten un significado despectivo que adoita variar, aplicándose a obxectos (significando "lixo") ou a persoas (significando "vago", "desprezable" ou, tamén, "lixo" e "escoura"). Utilízase de forma irónica como descrición do substrato crítico ou descontento que contén esta música. Ao utilizalo como etiqueta propia, os "punkies" (ou "punks") desmárcanse da adecuación aos roles e estereotipos sociais. Debido ao carácter deste significado, o punk a miúdo asociouse a actitudes de descoido persoal, utilizouse como medio de expresión de sentimentos de malestar e odio, e tamén deu cabida a comportamentos neuróticos ou autodestrutivos.

O termo punk utilizouse como título dunha revista fundada en 1976 en Nova York por John Holmstrom, Ged Dunn e Legs McNeil que desexaban unha revista que falase de todo o que lles gustaba: as reposicións por televisión, beber cervexa, o sexo, as hamburguesas con queixo, os cómics, as películas de serie B, e o estraño rock n' roll que soaba nos garitos máis cotrosos da cidade: Velvet Underground, Stooges e New York Dolls, entre outros.

Máis tarde o significado tamén serviría para inspirar as correntes esquerdistas do xénero, como etiqueta que desfai a condición de clase ou rol social con débedas de reputación ou aparencia.

Filosofía punk

[editar | editar a fonte]

A primeira onda de punk rock foi "agresivamente moderna" e difería do que a precedía.[1] Segundo o batería dos Ramones, Tommy Ramone, "na súa forma inicial, unha morea de cousas [dos 60] eran innovadoras e excitantes. Por desgraza, o que pasa é que a xente que non podía manter unha vela como Hendrix comezaron a afastarse. Pouco despois tiñas solos interminables que ían cara ningures. Cara 1973 souben que era necesario algo puro, desposuído, non rock 'n' roll de merda".[2] John Holmstrom, editor fundador da revista Punk, lembra a sensación de que "o punk rock tivo que aparecer porque a escena rock se volvera tan mansa que artistas como Billy Joel e Simon and Garfunkel estaban sendo chamados rock and roll, cando para min e para outros fans o rock and roll significa esta música salvaxe e rebelde".[3] Na descrición do crítico Robert Christgau, "tamén era unha subcultura que rexeitaba con desprezo o idealismo político e a parvada californiana do flower-power do mito hippie".[4]

A accesibilidade tecnolóxica e un espírito "faino ti mesmo" (DIY) son apreciados no punk rock. O pub rock británico de 1972-1975 axudou á aparición do punk rock desenvolvendo unha rede de pequenos locais, como pubs, onde podían tocar as bandas que non eran mainstream.[5] O pub rock tamén presentou a idea dos selos discográficos independentes, como Stiff Records, que publicaban discos básicos a baixo custe. As bandas de pub rock organizaban as súas propias pequenas xiras e editaban pequenas edicións das súas gravacións. Nos primeiros días do punk rock, esta ética DIY contrastaba fortemente cos que consideraban os ostentosos efectos musicais e demandas tecnolóxicas de moitas bandas de rock mainstream.[6] O virtuosismo musical adoitaba a ser visto con receo. Segundo Holmstrom, o punk rock era "rock and roll de persoas que non tiñan moitas habilidades como músicos pero aínda así sentían a necesidade de expresarse a través da música". En decembro de 1976 o fanzine inglés Sideburns publicou unha (agora) famosa ilustración de tres acordes subtitulada "Este é un acorde, este é outro, este é un terceiro. Agora formemos unha banda".[7]

O punk británico rexeitaba o rock mainstream contemporáneo, a cultura máis ampla que representaba, e aos seus predecesores musicais: "Non Elvis, Beatles ou Rolling Stones en 1977", declaraba a canción de The Clash song "1977".[8] 1976, cando a revolución punk comezou no Reino Unido, converteuse nun "ano cero" cultural e musical. Ao descartarse a nostalxia, moitos na escena adoptaron unha actitude nihilista resumida no eslogan dos Sex Pistols "No Future";[1] o director Derek Jarman dixo posteriormente que entre o desemprego e os disturbios sociais en 1977, "a arrogancia nihilista do punk foi a cousa máis emocionante en Inglaterra".[9] Aínda que a "alienación autoimposta" era común entre os "punks bébedos" e os "punks de sumidoiro", había sempre tensión entre a súa visión nihilista e o "utopianismo radical de esquerdas" de bandas como Crass, que atoparon un sentido positivo e liberador no movemento.

O movemento punk deu lugar a transgresións das convencións estéticas. A forma orixinaria do punk era unha forma expresionista de transgresión, buscando liberarse dos corpiños estéticos e da opresión, da autoridade e en non estar de acordo na sociedade convencional, así como dos estigmas sociais. O punk orixinal non daba explicacións e buscaba incomodar ao establecido chocando, ofendendo e molestando, sendo sempre o "politicamente incorrecto" e o oposto ao bo gusto, a moral e a tradición. Nun primeiro momento era basicamente unha serie de actitudes de transgresión estética e musical (na vestimenta, o peiteado etc.), aparelladas a unha serie de comportamentos de desconformidade cotiá, que se foron acentuando.

Más adiante, especialmente coa aparición do hardcore punk, as demostracións neglixentes ou autodestrutivas foron perdendo protagonismo, e fíxose presente todo un abanico de enfoques con intencións máis conscientes, con énfases na crítica social e cultural, e posicionamentos políticos, asociacionismos e afinidade a campañas de protesta.

Adoitan ir asociadas ao punk algunhas ideoloxías políticas como o anarquismo, o anticapitalismo, o antimilitarismo e o antifascismo. A partir do movemento punk politizado, hai un debate constante que fai crítica aos que son afeccionados ao punk por cuestións estéticas ou musicais e deixan ao carón o enfoque social ou político.

Doutra banda, debido ao carácter transgresor e ás veces violento do punk, existiron algúns grupos que na súa música inclúen unha mensaxe ou fondo de corte ultradereitista, aínda que en xeral o movemento defínese como próximo á esquerda.

Subxéneros e estilos relacionados

[editar | editar a fonte]

Como movemento creativo, o son punk deu aparición a numerosas vertentes e estilos. Moitos dos grupos movíanse dun a outro xénero, existindo diferentes niveis de permeación, evolución e fusión, podendo falarse de bandas que encaixan no perfil de máis de dous subxéneros.

Entre os seus subxéneros pódense identificar os seguintes:

Por outra banda, tamén se clasifican estilos a partir da súa temática ou enfoque:

En Galiza

[editar | editar a fonte]

Galiza polo seu carácter rural aínda a finais do século XX, asistiu de xeito tardío á chegada do punk. Sen dúbida, a primeira banda que pode ser xa considerada plenamente como punk en Galiza son os vigueses Siniestro Total, formados en 1981, aínda que máis ou menos na mesma altura hai outras bandas relacionadas coa movida viguesa, Aerolineas Federales (1981) ou Os Resentidos (1984), que tamén participan en certa maneira do mesmo espírito «punk» a pesar de que esteticamente non cheguen a inscribirse dentro del.[Cómpre referencia]

Continuando no tempo as diferentes innovacións estéticas dentro do movemento punk a nivel internacional van chegando pouco a pouco ao país, o Hardcore, o Ska-Punk, o Oi! etc. cristalizando en diversas escenas, digamos «punk», con diferentes bandas de maior ou menor importancia que van nacer durante os 90 e xa no século XXI. Nos 90 destacan dentro do punk "Os Rastreros" de Chantada, Xenreira, que facían ska, os Fame Neghra, os coruñeses Mol co seu son metaleiro, o Hardcore dos vigueses Neboa, o HC dos coruñeses Use of Abuse etc. Na Coruña, xa co troco de século, destaca a escena das Ruinas (nome da nave industrial abandonada en Meicende, na periferia da Coruña, na que se realizaban concertos) vencellada ao crust con bandas que mesmo son consideradas referentes internacionais do estilo como Ekkaia ou Madame Germen. En Vigo, a HC Vigo Crew tamén destacou pola súa actividade con bandas como Carcomedhi.

En Vigo a mediados e finais dos 80, saen bastantes máis bandas como: Desvirgheitors, Kruce de Kables, Triunfos Kopas, Juerga General, Kankro de mama... No Morrazo nacen Os Raiados, banda de Moaña dos primeiros 80, unha das primeiras bandas de punk en usar integramente o galego nas súas letras; tamén do Morrazo, pero xa de finais dos oitenta son os Keimakasas. No 1989 nacen, tamén no Morrazo, os Kaos, agora Soak,que definen o seu estilo como punk rock furtivo e korrosivo.

En 1991 nacen en Vigo Skacha, a maioría dos seus discos son cantados en galego. A principios/mediados dos 90 tamén nacen en Vigo bandas como "Disturbio 77","Os Podridos", "Oxtiax ke te pariu", "Ke oxtia pasa", "KGben", "Pussycats", "Nen@s da Revolta"(que fusionaban ska, reggae e hardcore)... ou, xa na escena oi! os "Ruín Bois" ou os "Keltoi!". De finais dos noventa ate hoxe saen á luz, na ría de Vigo, grupos como Skarnio(ska en galego), "Xolda", "Karlanka", "Guerra de guerrillas"; "Maxximum destruçao", "Tes o As" e "Mortos en vida"(tres bandas hardcore do Morrazo), "Puta miseria", "Essenzia de lapo", "Los faltones", "Ofensiva"(HC), "Otra birra", "El yuyo", "Siervos de nadie", "Modulo 4", "Furancho do vissio", "Rojo2"(HC), "Saldos Arias"... e un longo etcétera.

En Lalín nacen a mediados dos 90 os "Tiro na testa", no ano 2000 créanse os Skarmento, e outros grupos como os "Última Sacudida". En Santiago, nace no 2004 o grupo "Post Mortem".

O punk noutros países

[editar | editar a fonte]

O punk en Portugal

[editar | editar a fonte]

O nacemento do Punk en Portugal está vencellado á vaga londiniense de 1977 coa chegada ao país de álbums compilatorios británicos que incluían bandas como UK Subs, The Damned, Undertones, Dead Boys, Buzzcocks, Sham 69, The Boys, Slaughter and the Dogs, The Adverts, Ramones, Sex Pistols, The Clash, Wire, Skrewdriver etc. É deste xeito que comezan a agromar as primeiras bandas: Faíscas, Minas e Armadilhas, Aqui D'el Rock e UHF.

As primeiras gravacións son singles: Os UHF lanzan “A Caçada” e os Aqui D’el Rock, 2 singles cos títulos “Há que violentar o sistema” e “Eu não Sei” (ambos de 1978).

Tamén nesta época comezan a dar os seus primeiros pasos Xutos & Pontapés. Máis underground estaban os Cães a Morte e o Desejo (máis tarde virían a chamarse Cães Vadios), nos 80 os Aqui del Rock pasan a facer new-wave e pos-punk mudando o nome por Mau Mau.

Na década de 1980 aparecen bandas de maior impacto no estado portugués como Mata-Ratos que foi a máis importante da altura co seu Street Punk Oi!(aínda hoxe existentes). Outras bandas dos 80: Bastardos do Cardeal, Jesús Morto na Cruz, Ku de Judas, os Crise Total, os Khaos, os Condenação Pacífica, os Peste & Sida, Morituri, os N.A.M (Núcleo de Atrasados Mentais) etc.

Nos 90 o HC-Punk gozou de boa saúde no país irmán: os Censurados, Subcaos,X-Acto,Alcoore , Corrosão Caótica, F.a.r.t, Inkisição, Arghh, Desordeiros, Simbiose, Humor Cáustico, Má Fama, Insurrectos, 31, Zé Manel Suicida, Motorcharge, Simbiose, N.O.Opression etc.

O punk no Brasil

[editar | editar a fonte]

O movemento nace no Brasil como crítica ao réxime ditatorial e represivo implantado no país no golpe de 1964. Moitas das cancións dos primeiros grupos son consideradas como auténticos himnos contra a ditadura.

O primeiro rexistro musical do xénero foi Grito Suburbano, compilación DIY con Inocentes, Olho Seco e Cólera en 1982. Tamén neste mesmo ano ten lugar O Começo do Fim do Mundo, evento que actuou como marco de inicio para o movemento con 20 bandas da cidade de São Paulo e do ABC paulista. O festival rematou con fortes enfrontamentos coa policía. O movemento concéntrase sobre todo en San Paulo mais tamén hai bandas doutros lugares como Aborto Elétrico de Brasilia.

Nos 80 o movemento atravesa por un pequena crise da que renacerá con novas forzas nos anos 90 e no século XXI coas novas innovacións tecnolóxicas que favorecen a difusión e as gravacións (Internet, computadores etc.). Por suposto, a variedade estilística aumenta aparecendo bandas moi dispares. Continúan bandas antigas e aparecen outras moitas: Ratos de Porão, Discarga, Eu serei a hiena, Cólera, Inocentes, Garotos Podres etc.

O punk en España

[editar | editar a fonte]

Moitos españois, estudantes, e descendentes de exiliados e emigrantes formaron parte da movida punk londiniense, como a batería de The Slits, Palmolive, que era madrileña. En España, xa por 1976, a influencia punk aparece con La Banda Trapera del Rio, grupo de Cornellà de Llobregat (Barcelona), pioneiros do xénero no país. Os grupos iniciadores da movida madrileña empezaron a finais dos 70 cunha actitude e musicalidade eminentemente punk. Falamos especialmente do grupo Kaka de Luxe, verdadeira semente da Movida, que posteriormente continuou a súa liña punk nas súas dúas escisións: Alaska y los Pegamoides e Radio Futura. A partir dos anos 1980 en diante atopamos bandas que recollen influencias do punk, como Parálisis Permanente, Siniestro Total, T.N.T., Larsen e Seguridad Social, La Polla Records, Kortatu, Cicatriz, Las Vulpes, Eskorbuto, El Último Ke Zierre etc. A presenza do punk entón sempre estivo moi relacionada co rock radical vasco, e a Movida madrileña dos anos 1980, sendo estes movementos a resposta española ao punk e ao new wave británico.

Nos anos 90, co rexurdir comercial do punk nos Estados Unidos, xorden moitas bandas facéndose eco, en todos os subxéneros, desde Lendakaris Muertos, o pop punk de NoWayOut e Dikers, á formación de novas bandas con vellos coñecidos como Gatillazo, tras a separación en 2003 da Polla Records.

  1. 1,0 1,1 Robb (2006), p. xi
  2. Ramone, Tommy, "Fight Club", Uncut, xaneiro de 2007
  3. "Punk rock: 30 years of subversion" (en inglés). 2006-08-18. Consultado o 2020-07-27. 
  4. "Robert Christgau: Inventing Punk: Legs McNeil and Gillian McCain's "Please Kill Me"". www.robertchristgau.com. Consultado o 2020-07-27. 
  5. Laing, Dave. One Chord Wonders: Power and Meaning in Punk Rock. PM Press, 2015. p. 18
  6. Rodel (2004), p. 237; Bennett (2001), pp. 49-50
  7. "Strangled". xulucomics.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2016. Consultado o 2020-07-30. 
  8. Harris (2004), p. 202
  9. Jeffries, Stuart (2007-07-20). "Stuart Jeffries recalls Derek Jarman's dystopian cinematic punk satire, Jubilee". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2020-07-30. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Filmografía (documentais, biopics e filmes de ficción)

[editar | editar a fonte]
Filme Director Ano Notas
The Blank Generation Amos Poe 1976
Crash 'n' Burn Ross McLaren 1977
The Punk Rock Movie Don Letts 1977-1979 documental
The Last Pogo Colin Brunton 1978 documental
Rock 'n' Roll High School Allan Arkush 1979 saen The Ramones
The Great Rock 'n' Roll Swindle Julien Temple 1980 documental de ficción sobre Sex Pistols
Blank Generation Ulli Lommel 1980
The Decline of Western Civilization Penelope Spheeris 1980 documental
Rude Boy Jack Hazan e David Mingay 1980
Times Square Allan Moyle 1980
Ladies and Gentlemen, The Fabulous Stains Lou Adler 1981
Urgh! A Music War Derek Burbidge 1981
Another State of Mind Adam Small e Peter Stuart 1982 documental
Burst City Sogo Ishii 1982 musical de ciencia ficción do Xapón
Ebba the Movie Johan Donner 1982 documental

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Smash the State: A Discography of Canadian Punk, 1977-92 (Frank Manley, No Exit, 1993), ISBN 0-9696631-0-2
  • Our Band Could Be Your Life (Azerrad, Michael; New York: Little, Brown, 2001). ISBN 0-316-78753-1
  • Going Underground: American Punk 1979-1992 (George Hurchalla, Zuo Press, 2005)
  • Culture Clash: Dread Meets Punk Rockers (3rd edition ed.). London: SAF Publishing. ISBN 0946719993. OCLC 181422771. (Autobiográfico)

Banda deseñada

[editar | editar a fonte]