Saltar ao contido

Joy Division

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
OrixeManchester, Inglaterra
Período1977 - 1980
Xénero(s)post-punk
Selo(s) discográfico(s)Factory Records
MembrosIan Curtis
Bernard Sumner
Peter Hook
Stephen Morris
Artistas relacionadosNew Order
Na rede
https://www.joydivisionofficial.com/
IMDB: nm1920312 Facebook: JoyDivisionOfficial Twitter: joydivision Instagram: officialjoydivision MySpace: joydivision Youtube: UCMnHk6_QgQT1KQkbUlxhTYw BNE: XX132973 Souncloud: joy-division-3 Spotify: 432R46LaYsJZV2Gmc4jUV5 iTunes: 722383 Last fm: Joy+Division Musicbrainz: 9a58fda3-f4ed-4080-a3a5-f457aac9fcdd Songkick: 373805 Discogs: 3898 Allmusic: mn0000290812 Deezer: 1249 Editar o valor en Wikidata

Joy Division foi unha banda de post-punk inglesa, formada en 1976 en Salford, Gran Manchester. Co seu son cavernoso e escuro, e o uso das guitarras, o seu vibrante baixo, e da electrónica, fundaron o post-punk a finais dos 70. Ademais, Joy Division sempre serviu de principal referencia nos terreos do "Dark" e da música "Gótica". Disolveuse en maio de 1980 tralo suicidio do seu cantante, Ian Curtis. O resto de membros do grupo crearon un grupo novo, New Order, un par de meses despois, onde conseguiron máis éxito do que xa obtiveran, non só no Reino Unido, senón tamén noutros lugares de Europa.

Se ben tiveron un modesto éxito na súa carreira, e lanzaron só dous álbums de estudio, Joy Division foron aclamados desde entón como un dos máis innovadores, evocativos e influentes grupos do seu tempo; Thim Jurek escribe: "Tan só nos deixaron un pequeno retallo de música e un eco que aínda soa"[1].

Joy Divison foron etiquetados por moita xente como unha banda escura e depresiva, debido ó inhóspito da súa música e ó suicidio de Ian Curtis, pero, os restantes membros do grupo e a xente que coñeceu a banda negouno sempre.

As súas influencias van desde o proto-punk (The Velvet Underground, The Stooges), ó punk (Sex Pistols) ou mesmo o glam (David Bowie). Tomou de todas estas bandas bordeando sempre un ámbito máis alternativo. Poderíase dicir que Joy Division tomou destas bandas un pouco e o mesturou nun estilo que só poucos puideron interpretar: o post-punk. Do proto-punk tomou a súa excentricidade e lírica. Do punk tomou a forza escénica e musical, e finalmente tomou do glam a súa estética.

Inspirados pola presentación dos Sex Pistols no Manchester Lesser Free Trade Hall, o 20 de xullo de 1976, Bernard Sumner (tamén coñecido como Bernard Dicken, Bernard Albrecht ou Bernard Albrecht-Dicken) e Peter Hook formaron un grupo xunto co seu amigo Terry Mason. Sumner mercou unha guitarra, Hook mercou un baixo e Mason un equipo de batería. O grupo puxo un anuncio nunha tenda de discos de Manchester, recrutando así a Maxi Koch e a Joakin Hail, que gravaban as voces, e a Ian Curtis como cantante. Curtis coñecía a Sumner, Hook e Mason de presentacións previas, xa que tamén estivera esa noite entre o público do concerto dos Sex Pistols xunto á súa esposa, Deborah. Richard Boon e Pete Shelley do grupo Buzzcocks suxeriron o nome Stiff Kittens para a banda. Se ben o nome "Stiff Kittens" apareceu nalgúns panfletos de presentacións, ó grupo nunca lle agradou nin o aceptou oficialmente.

Debido a que carecía de confianza nas súas capacidades como batería, Mason abandonou o grupo o día anterior á primeira presentación no Electric Circus, para transformarse no representante do grupo. Para a ocasión, foi substituído por Tony Tabac. Momentos antes daquela presentación xunto a Buzzcocks e a Penetration, o 29 de maio de 1977, o grupo mudou o nome a Warsaw. Cinco semanas despois, tras seis presentacións, Tabac foi substituído polo batería do grupo punk Panik, Steve Brotherdale. Gravaron The Warsaw Demo o 18 de xullo de 1977, cinta que contiña cinco crúas cancións de punk.

Despois da demo, Brotherdale foi despedido; o resto da banda seguiu sen el. Brotherdale intentou integrar a Curtis no seu grupo, Panik, pero foi rexeitada a súa invitación. Stephen Morris foi contratado como substituto de Brotherdale, tras ver un anuncio na fiestra dunha tenda de música. Foi contratado en primeira instancia, xa que Curtis recordaba ter asistido ó mesmo colexio que Morris. Curtis era dous anos maior que Morris. En comparación cos baterías anteriores, Morris encaixou ben cos tres membros restantes.

A comezos de 1978, para evitar a confusión co grupo de punk de Londres Warsaw Pakt, Warsaw mudou o nome a Joy Division. Este nome fai referencia ó grupo de mulleres xudías usadas como escravas sexuais nos campos de concentración nazis, representadas na novela de 1955 de Ka-Tzetnik 135633. Se ben a elección do nome foi dun modo máis reflexiva, que unha forma de loitar contra os tabús, esta elección, xunto coa adopción por parte de Sumner do apelido Albrecht acumularon no grupo unha serie de críticas de perceptible insensibilidade. Incluso foron perseguidos por acusacións de neonazismo, acusacións que negaron vigorosamente.

A música e o xénero musical do grupo empezou a definirse por este período. As sesións gravadas en decembro de 1977 comezaron a soar de maneira considerablemente distinta ó son producido en The Warsaw Demo.

1978: Formación Joy Division e Tony Wilson

[editar | editar a fonte]
O popular presentador da BBC, Tony Wilson, foi a persoa que levou á fama ós Joy Division.

O primeiro concerto de Joy Division foi no Pip's de Manchester, o 24 de xaneiro de 1978. O 3 e 4 de maio dese ano gravaron para o selo RCA o material do seu primeiro disco. Pero o produtor John Anderson, crendo que o Punk non duraría moito e sen o consentimento dos músicos, encheu a gravación de sintetizadores na mestura final. A banda estivo completamente en desacordo con isto e o disco nunca foi editado -aínda que se convertería nun dos bootlegs máis coñecidos do grupo. Pouco despois Rob Gretton substituíu a Terry Mason como axente. Sobre o son da banda Bernard Sumner di: "Joy Division tiña unha fórmula pero nunca traballábamos en forma premeditada. Saía naturalmente. Eu era o ritmo e os acordes, e Hooky a melodía. Adoitaba tocar o seu baixo a un volume alto porque me gustaba distorsionar a guitarra e o amplificador que usaba só funcionaba ó máximo volume. Cando Hooky tocaba a un volume baixo, non se lle escoitaba. Steve tiña o seu propio estilo, diferente ó doutros baterías. Para min, o batería é o reloxo da banda porque é pasivo: el podía seguir o ritmo da banda, marcando o noso propio límite. En vivo, manexábamonos visualmente vendo a Ian bailar". En canto ás letras agrega que "todo o mundo di que as nosas letras son escuras e pesadas. Con bastante frecuencia pregúntanme por qué. A única resposta que podo dar é a miña resposta. O lugar onde vivía de neno, onde teño as miñas memorias máis felices, desapareceu. Todo o que queda é unha vella planta química. Decateime de que nunca ía poder volver atrás, recuperar esa felicidade. Entón está este baleiro. Para min Joy Division era acerca da morte da miña comunidade e da miña infancia. Era completamente irrecuperable".

O 9 de xuño Joy Division tocou con outras bandas na apertura do club The Factory de Tony Wilson, coñecido animador de Granada TV. O artista Peter Saville deseñou o póster do evento que foi coñecido como FAC 1!! Pouco despois Tony Wilson funda o selo discográfico Factory, que en decembro dese ano edita o EP A Factory Sample, un compilado das bandas do selo, entre as que estaban The Durutti Column, John Dowie ou Cabaret Voltaire. Joy Division participou cos temas Glass e Digital. O 27 de decembro fixeron o seu primeiro show en Londres, no Hope And Anchor de Islington fronte a unhas 30 persoas. Este foi, ademais, o primeiro concerto polo que cobraron entrada.

O 14 de febreiro de 1979 Joy Division tocou na BBC, onde gravaron varios temas para o coñecido programa de John Peel -posteriormente sería coñecido (e editado) como The 1st Peel Session. Isto deulles bastante publicidade e en marzal dese mesmo ano tocaron como abreconcertos de The Cure no Marquee de Londres. En abril de 1979 gravan Unknown Pleasures, a produción foi de Martin Hannett e o deseño da tapa realizouno Peter Saville. Ambos os dous continuarían traballando con Joy Division e, posteriormente, con New Order. O disco tivo moi boas críticas e vendeuse ben. Malia o éxito e as ofertas de selos grandes, Joy Division decidiu ficar en Factory para poder ter control sobre a súa música. En novembro de 1979 a Warner Bros. americana ofreceulles un millón de dólares para distribuír o seu disco nos Estados Unidos e facer algúns vídeos. Nunca responderon. A súa actitude sería similar cando en maio de 1980 repetiuse a oferta en termos máis favorables para a banda.

O 31 de agosto de 1979 reuniron a 1200 persoas no Electric Ballroom, Londres. A maior audiencia que tivo a banda. O 15 de setembro apareceron na televisión no programa Something Else da BBC -antes apareceran un par de veces en Granada TV-. Os violentos movementos de Ian durante "Transmission" e "She's lost Control" impresionaron á audiencia. Pronto chamarían a atención por outras razóns. Curtis sufría de epilepsia e con frecuencia tiña convulsións, espasmos e mesmo perda do coñecemento. O 26 de novembro gravaron por segunda vez con John Peel -The 2nd Peel Session-. Unha das cancións era "Love will tear us apart" que axiña se converteu nun clásico da banda e unha das máis coñecidas cancións "non gravadas" de Inglaterra: ata o 10 de abril de 1980 en que foi editada como single, só era posible oíla nos concertos.

En decembro iniciaron un breve tour por Europa que se prolongou ata xaneiro e durante o cal terminou o affaire de Ian con Annick Honore que comezara un par de meses antes. Deste tour é famoso o concerto no club Paradiso de Ámsterdam. Non só porque nel tocaron dous sets consecutivos cun total de 17 temas, senón tamén por ser outro dos bootlegs máis famosos da banda. En marzo de 1980 a revista Sordine Sentimental editou un disco de sete polgadas chamado Licht Und Blindheit, publicándose 1578 copias numeradas sen silencios entre as cancións. Foi unha produción de Martin Hannett que incluíu Dead Souls e Atmosphere -outro clásico- que Joy Division gravara en outubro do ano anterior.

1980: Suicidio de Ian Curtis e Closer

[editar | editar a fonte]
Epitafio na tumba de Ian Curtis, onde figura a súa frase máis célebre: «Love will tear us apart».

En marzo gravaron o material do seu segundo disco, Closer e o single "Love Will Tear Us Apart". O tratamento médico de Curtis non axudaba e a súa condición xeral parecía agravarse a medida que a axenda da banda aumentaba. Os seus ataques continuaban, incluso en escena. Durante un concerto tocando antes ca The Stranglers perdeu o control de si mesmo e derrubou a batería. Tres días despois intentou suicidarse cunha sobredose de fenobarbital. A noite seguinte debeu ser substituído no concerto do Derby Hall, Bury. A xente, que esperaba a Curtis, comezou un verdadeiro caos onde non faltaron golpes e botellas voando. Curtis viu todo desde o backstage e non puido deixar de sentirse responsable.

O 2 de maio Joy Division tocou o seu derradeiro concerto en Birmingham. Este concerto, a única vez que tocaron Ceremony, aparecería logo no disco dobre Still. Dúas semanas despois, ían a partir aos Estados Unidos para facer o seu primeiro tour nese país.

Na mañá do domingo 18 de maio de 1980 Curtis estaba vendo a película Aguirre, der Zorn Gottes. Ao terminar o filme puxo o disco The Idiot, de Iggy Pop e tras escribir unha nota á súa esposa aforcouse na cociña da súa casa. Dous meses despois Love Will Tear Us Apart alcanzou o Top 20 dos charts británicos mentres que Closer chegou ó Top 10. Cando parecía que iso era todo e que a carreira da banda estaba terminada, Sumner, Hook e Morris formaron New Order. O grupo continuaría o camiño de Joy Division, incorporando outros ritmos, ampliando o seu horizonte de experimentación pero mantendo sempre a súa independencia e calidade. Non pode negarse a influencia de Curtis neste cambio de dirección. "Ian adoitaba facernos escoitar os álbums de Kraftwerk dicindo 'escoitade isto, é algo novo, algo fantástico'. Tal vez el sabía e estaba a mostrarnos o camiño", recordou Sumner nunha entrevista de Paul Morley.

Influencia na música gótica

[editar | editar a fonte]

Joy Division foi descrito como "gótico" polo seu representante en 1979, comparándoos coa música pop daquel entón. Algunhas persoas consideran que son os precursores do rock gótico. A pesar do feito de que Joy Division non vestían no que podería considerarse como "estilo gótico", este xénero estaba nacendo durante a carreira de Joy Division, e aínda non estaba asociado con ningún tipo de imaxe.

Joy Division estaba composto inicialmente por Ian Curtis (guitarra e voz), Bernard Sumner (guitarra e teclado), Peter Hook (baixo) e Terry Mason (batería). Tras o afastamento de Terry Mason en maio de 1977, Tony Tabac substituíuno fugazmente ata xuño de 1977 e Steve Brotherdale, tamén de modo provisional, ata agosto de 1977. Finalmente Stephen Morris converteuse no batería definitivo.

Discografía

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Unknown Pleasures 1979 Factory Records
Closer 1980 Factory Records

Recompilatorios

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Still 1981 Factory Records
Substance 1988 Factory Records
The Peel Sessions 1990 Strange Fruit Records
Warsaw 1994 Movieplay Gold
Permanent 1995 London Records
Heart and Soul 1997 London Records
The Complete BBC Recordings 2000 Strange Fruit
Martin Hannett's Personal Mixes 2007 Interstate
Let the Movie Begin 2007 Interstate
The Best of Joy Division 2008 London, Rhino
+− Singles 1978–80 2010 London, Rhino
Total: From Joy Division to New Order 2011 WEA UK, Rhino

Sinxelos e EP

[editar | editar a fonte]
  • An Ideal for Living, 1978.
  • Transmission, 1979.
  • Licht und Blindheit, 1980.
  • Komakino, 1980.
  • Love Will Tear Us Apart, 1980.
  • Atmosphere/She's Lost Control, 1980.
  • The First Peel Session, 1986.
  • The Second Peel Session, 1987.
  • Atmosphere, 1988.
  • Love Will Tear Us Apart, 1995.

Hai, ademais, unha gran cantidade de edicións "bootleg" (non oficiais), tanto en vivo como en estudio.

  • Here Are the Young Men
  • Love Will Tear Us Apart
  • Atmosphere
  1. Heart and Soul, crítica de Thim Jurek en All Music (en inglés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]