A historia de Cornellà de Llobregat está definida por tres factores principais: a súa proximidade á cidade de Barcelona, o ser un territorio de paso (así como toda a comarca do Baix Llobregat) das vías de entrada e saída da capital de Cataluña, e a presenza do río Llobregat. O seu nome posúe unha orixe romana (Cornelianus) e as características arquitectónicas da cidade posúen trazos visigóticos.
A primeira referencia escrita da cidade data de 980, cando xa existía unha igrexa e unha torre de defensa contra os sarracenos no mesmo lugar que onde hoxe se establece o actual Castelo (construído no século XIV). A cidade foi incorporada ao territorio de Barcelona no século XIII e por pouco tempo, pertenceu ás "Franqueses del Llobregat", onde se desenvolvía principalmente a actividade agrícola. A cidade foi dominada polos "masos" ata o século XVIII.
No ano 1716 a cidade separouse de Barcelona polo Decreto de Nova Planta, e pasou a formar parte da comarca do Baix Llobregat. No ano 1819, xunto coa inauguración da Canle da Infanta desenvólvese o regadío e comézase un proceso de industrialización. O ferrocarril chega á cidade en 1854. Durante un século o sector téxtil convértese na base económica do municipio e á vez crecen os núcleos de poboación separados do centro (barrios de Riera, Almeda, El Pedró e La Gavarra). De 1950 en diante, multiplícase a chegada de novos habitantes e acentúase o proceso de industrialización e urbanización. Constrúese o barrio de Sant Ildefons (anos 60) e Fontsanta (1974). Chégase a 100.000 habitantes en 1979.
A cidade adquire relevancia como referente da loita obreira e social pola democracia nos últimos anos do franquismo.
A cidade de Cornellà está ao suroeste da gran conurbación que ten por centro Barcelona. Cornellà sitúase ao nordés do gran meandro do Llobregat, entre a beira esquerda do río e os estribos da montaña de Collserola, no límite nororiental do delta do Llobregat.
O clima é tipicamente mediterráneo cunha media anual duns 7 a 9 °C no inverno e uns 28 a 30 °C no verán. Nos meses de xullo e agosto corresponde o período de mínimos de choiva e máximos de temperatura. Os máximos en canto a precipitacións rexístranse en xeral no outono.
Cornellà de Llobregat divídese administrativamente en seis distritos (I, II, III, IV, V e VI). Estes distritos coinciden parcialmente coa división máis usual e recoñecible por parte da poboación, que corresponde aos seguintes barrios: