Florián Rey
![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Antonio Martínez del Castillo ![]() 25 de xaneiro de 1894 ![]() La Almunia de Doña Godina, España ![]() |
Morte | 11 de abril de 1962 ![]() Benidorm, España ![]() |
Outros nomes | Florián Rey ![]() |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema, guionista, actor, produtor de cinema ![]() |
Período de actividade | 1920 ![]() ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Imperio Argentina (1934–1939) ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Antonio Martínez del Castillo, nado en La Almunia de Doña Godina (Zaragoza) o 25 de xaneiro de 1894 e finado en Benidorm (Alacant) o 11 de abril de 1962 foi un director de cinema español coñecido como Florián Rey, un dos máximos representantes do cinema mudo e da industria cinematográfica española da Segunda República.
O seu filme La aldea maldita (1930) considérase como a obra mestra do cinema español da etapa muda, e algunha das súas obras populares da etapa republicana, como Nobleza baturra (1935) ou Morena Clara (1936), protagonizadas por Imperio Argentina, tiveron un grande éxito, que o levaron a competir coa industria cinematográfica estadounidense e abriron a posibilidade de desenvolver unha industria do cinema española, aínda que a creación desta foi abortada co inicio da Guerra Civil Española.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou os estudos de Dereito en 1909, pero abandonounos axiña. Ao ano seguinte traballou na redacción do diario zaragozano La Crónica de Aragón e viaxou a Madrid, para ser redactor de Revista Financiera. Tras cumprir o servizo militar, regresou a Zaragoza en 1918 e comezou a traballar no Diario de Avisos, ao tempo que enviaba crónicas ao diario madrileño La Correspondencia de España, onde comezou a empregar o pseudónimo de “Florián Rey”.
En 1920 traballou como actor no filme La inaccesible, de José Buchs e ao ano seguinte foi contratado por Gregorio Martínez Sierra para o elenco do Teatro Eslava. Pouco despois pasou á compañía do Teatro de la Princesa. En 1923 actuou no filme Maruxa, obtendo un importante éxito que consolidou a súa profesión de actor, actuando en La Casa de la Troya, dirixida por Alejandro Pérez Lugín e Manuel Noriega. En 1924 comezou a dirixir, adaptando para o cinema a zarzuela La revoltosa, que conseguiu un grande éxito popular.
En 1927 descubriu ao seu novo iluminador, José María Beltrán, e á actriz Imperio Argentina, que protagonizou, baixo a súa dirección La Hermana San Sulpicio, que ambos os dous refarían no cinema sonoro en 1934. En 1929 dirixiu a que se considera á obra mestra do cinema español deste período, La aldea maldita. Ao coincidir coa chegada do cinema falado, en Francia déuselle son e rodáronse novamente algunhas escenas, aínda que non nos chegou esta versión.
Tras esta cinta, a produción española debe adaptarse ao novo medio e neste período Rey marchou a familiarizarse con este sistema, sendo contratado como director de dobraxes en castelán por Les Studios Paramount de Joinville-le-Pont.
Regresou a España en 1933, sendo o seu primeiro filme totalmente sonoro Sierra de Ronda, unha historia sobre bandoleiros andaluces cargada de dramatismo. Nesta etapa na Segunda República madurou a idea de crear un cinema español comercial, baseado en temas e formas populares. Con estas ideas realizou a triloxía formada por La hermana San Sulpicio (1934), Nobleza baturra (1935) e Morena Clara (1936), protagonizadas por Imperio Argentina, que exploraban a loita da muller nun mundo tradicional baseado na relixión e na vida rural, actitude ante a muller acorde cos avances do período republicano. A visión conciliadora entre as diferentes posturas que convivían nestes tempos supuña un pequeno avance na forxa dunha sociedade moderna para España.
O director inaugurou un período dourado do cinema español, de raíces costumistas, apoiado no folclore e os mitos populares, nos números musicais tradicionais e nunha narrativa fílmica eficaz e intelixente. Estes filmes puideron competir co chegado de Hollywood.
A guerra civil truncou o fulgurante ascenso. Florián, de ideoloxía conservadora e Imperio Argentina, xa casados, trasladáronse a Berlín, onde foron acollidos polo mesmo Adolf Hitler. Realizaron en Alemaña dous filmes en 1938, Carmen la de Triana, revisión do mito de Carmen, e La canción de Aixa, inicio do fin da relación entre Rey e Imperio.
Retornado a España trala guerra, rodou La Dolores, protagonizada por Concha Piquer, un intento de restaurar aquel cine costumista e popular na España franquista. Brindis a Manolete (1948) e Cuentos de la Alhambra (1950), inspirado nos contos de Washington Irving, foron as súas últimas obras valiosas.
Retirouse en 1957 porque, como dixo o estudoso Agustín Sánchez Vidal, “non pode resignarse á clase de infracinema que o obrigan a facer”. De aí derivouse unha tímida actitude rebelde ante o réxime de Francisco Franco. Morreu esquecido en 1962.
Filmografía
[editar | editar a fonte]- 1924 - La revoltosa
- 1925 - La chavala
- 1925 - Los chicos de la escuela
- 1925 - El lazarillo de Tormes
- 1925 - Gigantes y cabezudos
- 1926 - El pilluelo de Madrid
- 1926 - El cura de aldea
- 1927 - Águilas de acero o los misterios de Tánger
- 1927 - La Hermana San Sulpicio
- 1928 - Agustina de Aragón
- 1928 - Los claveles de la Virgen
- 1929 - Fútbol, amor y toros
- 1930 - La aldea maldita
- 1934 - La Hermana San Sulpicio
- 1935 - Nobleza baturra
- 1936 - Morena Clara
- 1938 - Carmen la de Triana
- 1939 - La canción de Aixa
- 1940 - La Dolores
- 1941 - Polizón a bordo
- 1942 - La aldea maldita
- 1943 - Orosia
- 1943 - Ídolos
- 1945 - La luna vale un millón
- 1946 - Audiencia pública
- 1947 - La nao Capitana
- 1948 - Brindis a Manolete
- 1950 - Cuentos de la Alhambra
- 1954 - La danza de los deseos
- 1954 - La moza del cántaro
- 1955 - Cruz de mayo
- 1956 - Polvorilla
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Sánchez Vidal, Agustín (1991). Caja de Ahorros de la Inmaculada de Aragón, ed. 'El cine de Florián Rey. Zaragoza. ISBN 84-606-0526-4.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Florián Rey na Gran Enciclopedia Aragonesa Arquivado 07 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
- Florián Rey en Epdlp
- Lembranza de Florián Rey
- Web oficial dos "Premios Florián Rey" Arquivado 29 de abril de 2014 en Wayback Machine.
- Florián Rey na IMDb (en inglés).