Fundición Malingre
Fundición Malingre | |
---|---|
Tipo | fundición |
Data de fundación | 1865 |
Data de disolución | 1979 |
Sede | Ourense |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Fundición Malingre foi unha empresa radicada en Ourense que estivo operativa desde a década de 1860 até 1979. De grande importancia no desenvolvemento urbanístico da cidade, destaca por ser a primeira fundición estabelecida na mesma.
Historia
[editar | editar a fonte]Manuel Malingre Parmantier, fundador da empresa, naceu en Souvret, no municipio de Courcelles, na provincia de Hainaut (Bélxica) o 21 de outubro de 1834. Foi fillo de Casimiro Malingre e Carolina Enriqueta Parmantier, pais de polo menos outros tres fillos: Narciso, Rosa e Enriqueta.[1][2] Chegou a España, ao parecer, en 1852, mais non se conservan de datos sobre os seus primeiros anos de vida. Unicamente se coñece que para 1858 xa se atopaba con certeza en España, pois o 14 de agosto dese ano tivo lugar o nacemento e bautismo do seu primoxénito, froito do seu matrimonio coa asturiana Inés Ludeña Álvarez-Laviada, na parroquia de San Pedro en Xixón.[2]
Malingre trasladouse a Ourense en 1864 e estabeleceu unha fundición na localidade de Reza, a cal pechou en 1866 ou 1867. Ese ano empezou a dirixir unha fundición de ferro en cubilotes, así como unha industria dedicada á elaboración de tubos na rúa ourensá de Santo Domingo.[2] É probábel que a relación entre Manuel e o negocio da fundición se debese ao seu traballo nunha fábrica de canóns en Trubia, aínda que os seus antepasados xa se dedicaban a este negocio.[3]
En 1872 inaugurou unha empresa de fundición no parque de San Lázaro[1] (antigo campo da feira da cidade), a cal dirixiu até a súa retirada do negocio en 1896. Ese ano os seus descendentes Manuel e Antonio Malingre Ludeña estabeleceron unha fundición de ferro, La Concepción, na rúa Ervedelo. Consistía nunha planta baixa onde se situaban a fundición, os talleres e as oficinas, destacando particularmente a cheminea.[2] Cun persoal composto por 100 persoas en 1911,[4] tras a morte de Manuel Malingre en 1916 os irmáns dividiron a fundición en dúas marcas comerciais: La Concepción, dirixida por Antonio, e Manuel Malingre Fundiciones, a cargo de Manuel.[1] Arturo e Manuel Malingre Lamas-Carvajal, fillos deste último, sucedérono no negocio tras o seu deceso en 1930.[2] En 1938 Arturo adquiriulle ao seu tío Antonio (un dos propiciadores da creación da Cámara de Comercio)[3] unha parte da empresa e ambos irmáns dirixiron o negocio como unha única industria. Durante a Guerra Civil a fundición foi militarizada e empregouse para a fabricación exclusiva de proxectís, o que provocou que algúns tornos chegasen a romper.[3] Tras abandonar Arturo a empresa en 1949, Manuel quedou a cargo da mesma até o seu pasamento en 1979, ano en que a fundición pechou as súas portas.[1]
Importancia
[editar | editar a fonte]
Malingre foi a primeira fundición estabelecida en Ourense. Era a única que proporcionaba ferro ornamental á cidade a finais do século XIX. Debido ao considerábel crecemento que estaba a vivir a cidade, e dado o novo e imprescindíbel que supuña o ferro fundido na construción, a empresa contribuíu en gran medida ao desenvolvemento urbanístico da cidade.[2] A riqueza económica experimentada por varios dos habitantes da capital traduciuse en numerosos encargos á fundición, co fin de levantar edificios do estilo dos doutras cidades españolas e estranxeiras. A empresa plasmou o gusto daquel entón polos balcóns, galerías, miradoiros, escaleiras e columnas de ferro fundido con todo tipo de elementos ornamentais.[2] Así mesmo, a fundición experimentou, do mesmo xeito que outras empresas do sector, un elevado grao de expansión grazas á construción de vías férreas e material ferroviario.[2] En 1881 executou a terminación do tramo entre Vigo e Ourense.[5]

A fundición Malingre destacou ademais por ser a primeira industria en Ourense dedicada á elaboración de cociñas de ferro,[2] coñecidas como «cociñas económicas» ou «cociñas bilbaínas» por teren a súa orixe en Biscaia. Alí, ademais, un dos irmáns de Manuel, Narciso, traballaba na industria metalúrxica.[6] A empresa abarcou igualmente un amplo abano de produtos, como maquinaria para muíños, adegas e serradoiros, o que supuxo unha considerábel contribución á mecanización do campo.[2] Tamén se construíron turbinas, farois e estatuas dispersas pola cidade.[2] Destacan, entre outros, o palco situado no parque da Alameda e unha das campás da Igrexa de San Francisco, daquela situado xunto ao convento homónimo, aos pés de Montealegre.[3]
Unha das zonas de Ourense onde se achan concentradas varias obras procedentes da fundición é o cemiterio de San Francisco, anexo ao convento. De todas as obras escultóricas presentes no camposanto, polo menos tres delas foron facturadas pola industria: dous anxos (un situado na entrada do camposanto e outro sobre a cúspide dun mausoleo) e unha estatua orante a tamaño natural da Virxe María.[7] Así mesmo, a empresa elaborou a maioría das reixas dos panteóns do cemiterio, onde tamén se atopa a tumba de Manuel Malingre Parmantier. Nela figuran un Cristo crucificado, unha placa e un enreixado da fundición.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Tapa de rexistro do concello de Ourense de 1933
-
Tapa de rexistro de sumidoiro na Gudiña
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "La fundición Malingre marcó la historia de la ciudad durante 113 años, a través de varias generaciones". Faro de Vigo. 14 de abril de 2014.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Malingre Rodríguez, Ana María (2020). "La fundición Malingre de Ourense durante el siglo XIX y su influencia europea". Minius: historia, arte e xeografía (en castelán) (25): 105–142. ISSN 1131-5989. doi:10.35869/mns.v0i25.3313.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Vázquez, Marta (1 de marzo de 2016). "«Mi tatarabuelo fue un innovador»". La Región (en castelán).
- ↑ Gay, Gonzalo (27 de febreiro de 2016). "Ana María Malingre: “Las huellas de la Fundición Malingre se ven por todo Ourense". La Región (en castelán).
- ↑ Anllo Lago, Andrea (13 de novembro de 2015). "Elementos arquitectónicos en hierro elaborados en las fundiciones de la provincia de Pontevedra: Galerías, Balcones y Rejería". Repositorio Universidade Coruña (en castelán).
- ↑ "242 Fundiciones Malingre". Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 27 de febreiro de 2013. Consultado o 9 de xaneiro de 2025.
- ↑ Casado Nieto, María Rosa (1991). "Escultura funeraria del cementerio de San Francisco de Ourense" (PDF). Porta da aira: revista de historia del arte orensano (en castelán) (4): 165–187. ISSN 0214-4964.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Malingre Rodríguez, Ana María (2021): La Fundición Malingre: historia y aportaciones al patrimonio artístico y etnográfico ourensano. Vigo: Universidade de Vigo, tese de doutoramento.