Galicia na segunda guerra mundial
A participación de Galicia na segunda guerra mundial estivo marcada pola súa situación fronte ás costas do Atlántico.[1] A segunda guerra mundial foi un conflito armado a nivel global que durou dende 1939 a 1945. A pesar da neutralidade española, a guerra tamén afectou ao país debido á súa situación estratéxica. O volframio extraído de minas como as de San Fins era utilizado pola industria bélica nazi. A extracción e transporte do mineral realizábano empresas tapadeiras, como a Sociedade Financeira e Industrial (SOFINDUS).[2]
Centos de galegos viaxaron para loitar cos alemáns na fronte oriental, dentro da División Azul, por outra banda, antigos combatentes republicanos loitaron cos aliados, sendo moitos deles recluídos en campos de concentración. Dos portos galegos saían U-Boot alemáns, e para manter a comunicación con estes, os nazis construíron en Cospeito unha antena que enviaba o sinal que permitía a navegación. Unha vez rematou o conflito, moitos criminais nazis utilizaron os portos de Vigo e Ferrol para fuxir a Suramérica.[3]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Galicia na Segunda República e Guerra civil española.
O 1 de abril de 1939 acabou a guerra civil española e Francisco Franco converteuse en xefe do Estado do novo réxime en España. Apenas medio ano despois, Adolf Hitler desencadea a ofensiva sobre Polonia que producirá o estoupido da segunda guerra mundial. Fronte a iso, Franco, que goberna un estado en ruínas e con aínda enfrontamentos entre forzas de seguridade e guerrilleiros, ten tres opcións: situarse como inimigo de Alemaña ou Italia, cousa que non quixo facer, posto que ten grande afinidade política e ideolóxica cos gobernos deses países, que ademais colaboraron de forma importante na súa vitoria na guerra civil. Tampouco pode situarse como inimigo das potencias occidentais aliadas, ao estar rodeado de Francia e as súas colonias e ter Gran Bretaña unha poderosa frota que podería impoñer un bloqueo. Non lle queda máis remedio que impoñer a neutralidade, coincidindo coa mesma posición que mantivo España na primeira guerra mundial.
Pero as diferenzas entre ambos os casos eran claras. Mentres que na primeira guerra mundial España mantívose neutral na guerra debido ao isolacionismo que sufrira tralo desastre do 98, e polo tanto, tiña desfasado o seu exército, agora mostrábase neutral debido ás consecuencias da guerra civil, que devastara os nós de comunicacións, industrias e cidades. Malia que tiña un exército con gran cantidade de experiencia acumulada na guerra civil e material moderno de orixe italiana, alemá e rusa. A única similitude que había entre ambos os casos era a grande axitación interna.
Mentres, trala entrada en guerra de Italia o 10 de xuño de 1940, Franco cambiou a súa posición de 'neutralidade' a outra de 'non belixerancia' o 12 de xuño de 1940.
Participación galega
[editar | editar a fonte]División Azul
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: División Azul.
Trala fin da guerra civil, existía en España unha certa xermanofilia, moitos dos vencedores vían con admiración á Alemaña nazi. Mostra desta admiración son testemuños coma o seguinte:
“ | Alemaña, inmensa, os seus campos sementados dun verde forte, nin unha área de terra sen cultivar, sen un mendigo, fábricas con enormes chemineas por todas partes, vivendas sas e alegres de xardíns, todas simetricamente construídas, [...] que ao romper as cadeas do Tratado de Versalles se rexenerou dun xeito asombroso e por todas partes se ve a súa grande actividade e progreso: esta é a obra milagrosa do Führer. | ” |
— Voluntario falanxista na fronte rusa, 1943, [1] |
Este pensamento, unido ao forte anticomunismo da época e ao apoio que prestaran os alemáns a España durante a guerra civil, fixo que se aprobara a creación da División Azul, nome recibido polo uniforme que utilizaban, unha unidade de voluntarios españois que loitou na Fronte Oriental, xunto ao exército alemán e contra o soviético, entre 1941 e 1943. Entre os preto de 50.000 homes participantes,[4] había uns 1.500 galegos. O 13 de xullo de 1941, un día antes da saída dos primeiros trens de Madrid, saíu da Coruña un con destino á capital de España, que levaba aos galegos que participaron na campaña. De entre estes, destacaron o xeneral Santiago Amado, natural da Coruña, que comandou o 263 rexemento, Xosé Méndez, natural de Carantoña, que loitou como artilleiro e chegou a recibir tres conmemoracións, entre elas a Winterschlacht Im Osten (Medalla da Fronte do Leste) e un diploma de agradecemento firmado por Hitler.[5] Guillerme Quintana Lacaci, natural de Ferrol, que recibiu entre outras a Cruz de Ferro de 2º clase, ou José Gabeiras, natural de Ferrol, que exerceu como capitán durante o sitio de Leningrado.[6]
“ | Cando chovía a choiva entraba por todos os lados. Para durmir botábamos palla no chan, víamos na obriga de durmir vestidos, pois non tiñamos mantas. A alimentación estaba reducida ao mínimo. Por suposto, aínda que estivésemos afeitos a estas condición de vida difíciles, por todos aqueles anos de guerra, a situación e a clase de existencia eran moito peores. | ” |
—Refuxiado nun campo francés, [7] |
Exilio e Represión
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Lista de galegos asasinados en Mauthausen.
Durante a guerra civil déronse varias vagas de refuxiados republicanos que fuxiron cara a Francia, escapando da zona ocupada. A primeira deuse no verán de 1936, cando Guipúscoa foi ocupada polo bando nacional, preto de 20.000 persoas fuxiron ao país galo. A medida que se desenvolveu o conflito foi aumentando o número de exiliados, trala vitoria das tropas sublevadas na fronte do Norte ao redor de 125.000 persoas máis trataron de cruzar a fronteira. Destes movementos, o máis importante produciuse despois da caída de Cataluña, en 1939, no que unhas 450.000 persoas cruzaron polos Pireneos Orientais.[8][9] Debido aos elevados gastos que ocasionaban os refuxiados, Francia tentou que os acolleran terceiros países e desenvolveu campañas fomentando a repatriación.[nota 1] Entre os que quedaron en Francia, a maioría foron recluídos en campos de refuxiados, onde vivían nunhas pésimas condicións, especialmente nos primeiros momentos, cando os campos, que foran construídos de maneira provisional e para 5.000 persoas, chegaron a albergar medio millón. A pesar da construción de barracóns, da pequena mellora das condicións hixiénicas, e da diminución do número de refuxiados, as condicións seguían a ser moi malas. Nos campos de Argelès e Saint-Cyprien morreron boa parte dos seus refuxiados, debido a que extraían da praia a auga coa que cociñaban. Pouco a pouco os refuxiados foron abandonando estes campos, sendo enviados a Batallóns de Marcha,[nota 2] ao norte de África, onde desembarcaron unhas 20.000 persoas e onde moitos foron obrigados a ingresar en campos de concentración, ou encadrados en Compañías de Traballadores Estranxeiros, onde se ocupaban da defensa e construción de fábricas de armamento e fortificacións.[10] Coa ocupación alemá de Francia moitos galegos morreron, e outros foron feitos prisioneiros, dende finais de 1940 comezaron a chegar españois aos campos de concentración nazis, moitos dos cales foron enviados polo goberno colaboracionista de Pétain. Á súa vez, o ministro de exteriores español, Ramón Serrano Súñer desentendeuse dos prisioneiros.
“ | Cando ocupamos Francia o ano pasado, Herr Pétain entregounos 6.000 roxos españois dicindo: «Non os necesito, non os quero». Ofrecémoslle eses 6.000 roxos ao Xefe de Estado Franco, o caudillo español. Rexeitounos dicindo que nunca repatriaría aos que combateran por unha España soviética. Entón ofrecémosllos a Stalin, propoñéndolle o seu transporte. Herr Stalin e o seu Comitern negáronse a aceptalos. Agora están establecidos en Mauthausen estes 6.000 roxos, traballadores; alí están para sempre. Non podemos asentalos en ningunha parte. Que se supón que debemos facer? | ” |
— August Eigruber, gobernador da rexión onde se atopaba Mauthausen, discurso pronunciado en 1941[11] |
En total foron trasladados a Alemaña 48.000 españois, 15.000 traballaron na construción do muro atlántico e 8.000 foron ingresados en Mauthausen; morreron uns 5.000,[12] dos cales máis de 100 eran galegos. Trala liberación aliada dos campos de concentración, xa só quedaban con vida unha terceira partes dos españois e unha cuarta parte dos galegos que ingresaran.[13]
Materias primas
[editar | editar a fonte]Volframio
[editar | editar a fonte]As materias primas tiveron un papel fundamental na segunda guerra mundial, especialmente aquelas utilizadas na industria bélica, unha delas foi o volframio, que era utilizado para blindar armamento. Antes da guerra, os principais produtores eran China (cun 36%), Birmania (cun 17%) e os Estados Unidos (cun 11%). Porén, en caso de guerra Alemaña tería difícil acceso a estes países, polo que decidiu buscalo en Europa, onde os únicos produtores eran España e Portugal. Galiza contaba con case o 70% do mineral español, polo que se converteu no principal centro de extracción. A alta demanda por parte de Alemaña e tamén dos aliados, que realizaban compras preventivas, fixo que o prezo do volframio durante a contenda multiplicara por trinta o que tiña antes desta. Tralo fin da guerra, o descenso da demanda, a maior oferta por parte dos principais produtores e o descubrimento de novas minas fixo que se desplumaran os prezos.[14]
Ano | Cantidade (t) |
Valor en millóns de pesetas |
---|---|---|
1939 | 76 | 0,755 |
1949 | 563 | 6,985 |
1941 | 156 | 3,623 |
1942 | 159 | 18,751 |
1943 | 1396 | 241,054 |
1944 | 2502 | 406,455 |
1945 | 1662 | 246,221 |
Comunicacións
[editar | editar a fonte]Xa dende que comezara a Guerra Civil, os alemáns tiñan a idea de instalar un gran complexo de radio en España, destinado a manter comunicacións cos seus avións e barcos. Para isto utilizaron en Galicia varias infraestruturas, unha antena en Estaca de Bares, a Emisora de Radio Nacional de España da Coruña, que utilizaron dende 1940 a 1943 e coa que contactaban cós submarinos U-Boot. Os Estados Unidos chegaron a estudar un desembarco na praia ferrolá de Doniños, co obxectivo de ocupar a emisora. Pero as estruturas máis importantes foron unhas torres instaladas en Cospeito, que utilizaban o sistema Elektra-Sonne.
Torres de Arneiro
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Torres de Arneiro.
- Véxase tamén: Elektra-Sonne.
No ano 1939, España cedeulle a Alemaña uns terreos en Arneiro (Cospeito), onde os xermanos construíron unha antena de cento doce metros de alto, que canalizaba as comunicacións da Armada e da Aviación nazi, cun radio de mil millas. A estación, ademais de pola antena principal, estaba formada por dúas repetidoras máis baixas e edificios auxiliares.[16] Formaba parte da rede alemá, xunto coa levantada en Sevilla e diversas outras distribuídas por parte de Europa, que facían un total de dezanove. Debido á importancia da antena, os aliados chegaron a planear unha misión para o seu sabotaxe. Porén, finalmente non se chegou a levar a cabo, xa que España se trataba dun país teoricamente neutral e, ademais, os ingleses e americanos remataron por empregar tamén o sinal da torre.[17][18][19][20][21]
U-Boot
[editar | editar a fonte]Os U-Boot, abreviatura do alemán Unterseeboot, foron os «nave submarina», alemáns desde a primeira guerra mundial. O principal escenario onde actuaron foi o océano Atlántico e o mar do Norte e de cando en cando o océano Índico ou o océano Pacífico.
Durante a segunda guerra mundial afundíronse 37 submarinos U-Boot fronte ás costa galegas durante a grande ofensiva aliada no Atlántico norte (1942-1944).
Rede de apoio aos fuxidos
[editar | editar a fonte]Na década de 1940 as irmás Touza organizaron en Ribadavia unha rede de apoio para axudar os fuxidos do nazismo cruzando a fronteira de Portugal[22]. Rexentaban o quiosco da estación de Ribadavia. Ao chegaren os fuxidos á estación de ferrocarril xa viñan co seu contacto, elas agachábanos na súa casa e costeábanlles o paso da fronteira a Portugal.[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Con estas campañas, en moitos casos forzosas, retornaron paulatinamente a España durante o 1939 360.000 refuxiados. Ao final dese ano quedaban en Francia 140.000, dos cales 100.000 eran ex-combatentes.
- ↑ Os Batallóns de Marcha tratábanse de unidades militares compostas por españois, pero dirixidas por un francés e cunha organización interna igual á do exército galo.
- ↑ Ana González Liste (6 de xullo de 2012). Faro de Vigo, ed. "Un estudio constata la relevancia de Galicia en la II Guerra Mundial". Consultado o 14 de outubro de 2013.
- ↑ "HISMA, ROWAK y SOFINDUS, las empresas pantalla alemanas". Consultado o 27 de maio de 2013.
- ↑ Faro de Vigo, ed. (6 de setembro de 2009). "Objetivo Galicia". Consultado o 30 de maio de 2013.
- ↑ El País, ed. (5 de marzo de 2011). "Últimas noticias sobre la División Azul". Consultado o 3 de xuño de 2013.
- ↑ "Méndez, el héroe de Krasny Bor". 26 de setembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2011. Consultado o 4 de xuño de 2013.
- ↑ La Opinión, ed. (20 de marzo de 2011). "Los gallegos de la División Azul" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de febreiro de 2012. Consultado o 3 de xuño de 2013.
- ↑ Razola, Manuel (1979). Triángulo azul: Los republicanos españoles en Mauthausen, 1940-1945. Ediciones península. ISBN 9788429714845.
- ↑ Moradiellos, Enrique. Público, ed. "El exilio republicano español de 1939". Consultado o 8 de xuño de 2013.
- ↑ Llorens Castillo, Vicente; Abellán, José Luis (1976). El exilio español de 1939. Madrid: Taurus. pp. 88–103. ISBN 9788430630332.
- ↑ Rafaneau-Boj, Marie-Claude (1995). Los campos de concentración de los refugiados españoles en Francia. Barcelona: Omega. pp. 107–152. ISBN 978-84-282-1041-6.
- ↑ Wingeate Pike, David (2003). Españoles en el Holocausto. Barcelona: Mondadori. ISBN 8497934881.
- ↑ Vilanova, Antonio. "Los olvidados" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de setembro de 2013. Consultado o 22 de xuño de 2013.
- ↑ Galicia Confidencial, ed. (17 de xaneiro de 2011). "Os galegos que pasaron polos campos de concentración nazis". Vigo.
- ↑ El Correo Gallego (26 de xuño de 2008). "Wolframio. Galicia estuvo en 'guerra económica'". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 21 de setembro de 2013.
- ↑ Catalán, Jordi (1995). Ariel, ed. La economía española y la Segunda Guerra Mundial. Barcelona. p. 184. ISBN 9788434465763.
- ↑ "Características de la Estación Sonne Consol de Lugo". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ El Correo Gallego, ed. (13 de xullo de 2008). "Submarinos". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 29 de maio de 2013.
- ↑ "Los radiofaros Consol (Elektra-Sonne)". Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ Peregrín Pascual Chorro. "El servicio móvil aeronaútico en España" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ "Sonne Consol". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ Abilleira Crespo, Yago. "El sistema Sonne en Galicia". Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ "As irmás Touza salvaron á metade de xente que Schindler, pero sen ningún medio económico”, entrevista a Emilio Ruiz Barrachina en Sermos Galiza, 21 de novembro de 2016.
- ↑ Patiño Regueira, Antón (2005). A Nosa Terra, ed. Memoria de ferro. pp. 153–156. ISBN 84-96403-30-0.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Segunda Guerra Mundial |
A Galipedia ten un portal sobre: Historia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Núñez Seixas, Xosé Manoel (6 de setembro de 2008). "El Tercer Reich, la Wehrmacht y la División Azul, 1941-1945: Memoria e imágenes contrapuesta" (PDF) (en español). USC. ISSN 1134-2277. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 15 de abril de 2015. Consultado o 1 de maio de 2013.
- Pérez, Carlos (2006). "Españoles en la Segunda Guerra Mundial (y II) combatiendo contra el III Reich".
- Rodríguez Galdo, María Xosé; Losada Álvarez, Abel. "El ciclo de creación de empresas mineras en Galicia vinculado a la demanda internacional de volframio" (PDF). Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo.
- Rolland, Eduardo (2006). Galicia en guerra: Espías, batallas, submarinos e volframio: do desfile da Wehrmacht en Vigo á fuxida dos criminais nazis. Xerais. ISBN 978-8497824651.
- Salgado, Juan Carlos (2008). Marea roja, marea negra. Galland Books. ISBN 9788493651732.
- Varios (2004). A Guerra contra a cultura, 1936 (Grial ed.). Vigo: Editorial Galaxia. pp. 50–55.
- Vilanova, Antonio (1969). Los Olvidados: los exilados españoles en la segunda guerra mundial. París: Ruedo Ibérico.
- J. Pazos, Lino (2002). Guerra Submarina en Finisterre (1914-1945). Cambados: Gráficas Salnés. ISBN 978-84-923494-2-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Galicia en guerra Suplemento do xornal La Opinión
- ¿Testigos o encubridores? La División Azul y el Holocausto de los judios.
- "Unha aventura que acabou no inferno". Relato dun galego que participou na División Azul
- Supervivencia, testimonio y arte. Españoles en los campos nazis
- El exilio republicano español desde la perspectiva de las mujeres
- "Programa 6: A arañeira nazi" O explorador, 30/05/2014, TVG.