Galiza a José Afonso
Galiza a José Afonso foi o título dun concerto homenaxe celebrado en honra do cantautor portugués José Afonso, o 31 de agosto de 1985 no parque de Castrelos, en Vigo. No ano 2000 saíu unha escolma do mesmo, editada en duplo CD por Edicións do Cumio, tamén baixo o nome de Galiza a José Afonso.
Unha das intencións do acto era recadar cartos para o cantor, naquela altura gravemente enfermo. Os beneficios foron recollidos pola Associação José Afonso. O propio José Afonso daría o seu visto e prace, pedindo unha serie de condicións, entre as que se contou a incorporación dun grupo de Timor-Leste, naquela altura ocupada militarmente por Indonesia. A grave enfermidade do cantor, que xa lle impedía cantar e que o levaría o 23 de febreiro de 1987, impediríalle tamén asistir en persoa.
O concerto xuntou a unhas vinte mil persoas e prolongouse durante máis de doce horas. Entre os participantes, ademais dos timorenses, xuntáronse músicos, grupos e poetas tanto de Galiza como de Portugal. Entre os portugueses poden contarse a Amélia Muge e Vitorino, mentres que a parte galega dividiuse en canto a estilos. Como representantes do xa extinto colectivo Voces Ceibes, actuaron Benedicto, Suso Vaamonde e Miro Casabella, aínda que tamén actuaron grupos máis vinculados á música tradicional, como Fuxan os ventos, Ricardo Portela e DOA e representantes doutros estilos, como Clunia Jazz, Sui Generis e Jei Noguerol. Xosé María Álvarez Cáccamo, María do Carme Kruckenberg, Manuel Forcadela, Ana Romaní, Xavier Rodríguez Baixeras e Cesáreo Sánchez Iglesias foron algúns dos poetas que recitaron os seus versos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Galiza a José Afonso Arquivado 08 de setembro de 2008 en Wayback Machine., en Ghastaspista.com Arquivado 20 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.