Gangrena
Gangrena | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Gangrena seca nun pé. | |
ICD-10 | R02, I70.2, E10.2, I73.9 |
ICD-9 | 040.0, 785.4 |
DiseasesDB | 19273 |
MedlinePlus | 007218 |
eMedicine | article/782709 article/214992 article/438994 article/2028899 article/2051157 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A gangrena[1] (do latín gangraena, e este, á súa vez, do grego γάγγραινα, [gángraina], que significa 'putrefacción'), é un termo en medicina humana e veterinaria que se refire á morte das células da pel pola falta de rego sanguíneo,[2] acompañada dunha decoloración característica e perda irreversible deste tecido.[3] Os síntomas poden incluír o cambio da cor da pel a negro ou vermello, entorpecemento, inchazo, dor, deterioración da pel e frescura.[4] Os pés e as mans adoitan ser as partes do corpo máis afectadas.[4] Certos tipos de gangrena poden presentar febre ou sepse.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]Nos anos previos ós antibióticos, comunmente empregábanse vermes (larvas) de mosca para tratar feridas ou úlceras e previr ou deter a expansión da necrose. Esta práctica baséase en que algunhas especies de vermes consomen só carne morta, sen afectar o tecido vivente circundante. Caeu en desuso dende a aparición dos tratamentos de feridas con antibióticos e enzimas.
Clasificación
[editar | editar a fonte]A gangrena causada por unha seria infección bacteriana nunha ferida é chamada gangrena húmida.[5] A gangrena causada por falta de circulación nunha ferida ou área afectada chámase gangrena seca.[6]
Tamén existe a gangrena escumosa/gasosa, que é aquela na que o tecido tegumentario -a pel- vai caendo a pedazos, o cal provoca un cheiro desagradable ó olfacto humano; este tipo de gangrena é causada pola bacteria Clostridium perfringens, que xeralmente entra cando hai unha ruptura do tecido (sen importar que o obxecto polo que entrou estea con óxido ou sen óxido).
Gangrena seca
[editar | editar a fonte]Se o fluxo sanguíneo é interrompido nun sector de tecido e non se produce unha infección secundaria, o resultado é unha gangrena seca. As persoas con diminución do fluxo sanguíneo periférico, como os diabéticos, teñen maior risco de contraer gangrena seca.[7]
Os primeiros signos da gangrena seca son unha dor apagada e sensación de frío na área, xunto cunha cor pálida na carne. Se se detecta en forma temperá, o proceso ás veces pode ser revertido mediante cirurxía vascular. Porén, se a necrose chegou a establecerse, o tecido afectado debe ser eliminado para non sufrir gangrena húmida.
Gangrena húmida
[editar | editar a fonte]A gangrena húmida prodúcese principalmente en tecidos e órganos naturalmente húmidos como a boca, o intestino, os pulmóns, o colo uterino e a vulva. As úlceras por presión que ocorren en partes do corpo como o sacro, nádegas e talóns -aínda que non necesariamente húmidas- tamén se clasifican como infeccións de gangrena húmida.
Gangrena gasosa
[editar | editar a fonte]Debido á súa tendencia rapidamente expansiva, é considerada unha emerxencia médica. A gangrena gasosa prodúcese cando unha ferida do tecido brando se contamina con esporas (poden estar en terra ou en feces) de Clostridium perfringens, como ocorre en traumatismos, aborto séptico e feridas de guerra. A rápida progresión da gangrena gasosa ocorre pola tendencia do gas a expandirse, abrindo e separando os tecidos, prodúcese edema que dificulta a circulación favorecendo a extensión da infección anaeróbica expondo así progresivamente máis e máis tecidos saudables á infección. Considérase unha enfermidade invasora.
A gangrena gasosa pode causar mionecrose, produción de gas e sepse. A súa evolución a toxemia e choque séptico é a miúdo moi rápida. Pode producir un líquido fétido porque é a excreción da carne. Só é posible ser salvado extirpando o tecido infectado.
O Clostridium perfringens ten unha actividade prodixiosamente rápida. É moi importante lembrar que, cando se produciu unha fractura exposta, deixou nos primeiros momentos de ser emerxencia traumatolóxica para converterse en urxencia infectolóxica. É urxente lavar con auga e xabón a ferida minuciosamente, logo pasar ó lavado con solución fisiolóxica, povidona, antisépticos e comezar con tratamento antibiótico. É importante lavar e desinfectar as feridas rapidamente.
Tratamento
[editar | editar a fonte]O tratamento habitual é a cirurxía de desbridamento e a escisión con amputación necesaria en moitos casos. Os antibióticos sós non son eficaces porque non penetran abondo nos músculos isquémicos. Porén, adminístranse antibióticos como un tratamento suplementario á cirurxía. Ademais da cirurxía e os antibióticos, nalgúns casos téntase a oxixenoterapia hiperbárica, que actúa como inhibidor de crecemento e matando as bacterias anaeróbicas Clostridium perfringens.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gangrena.
- ↑ "Gangrene". NHS. 13 de outubro de 2015. Consultado o 12 de decembro de 2017.
- ↑ por MedlinePlus. "Gangrena".
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Gangrene Symptoms". NHS. 13 de outubro 2015. Consultado o 12 de decembro de 2017.
- ↑ Essentials of pathophysiology. Lippincott Williams & Wilkins. ISBN 9780781770873.
- ↑ Semiología médica y técnica exploratoria (en español) (8va ed.). Elsevier, España. ISBN 8445810804.
- ↑ "Gangrene – Causes". NHS. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2017. Consultado o 29 de marzo de 2017.
- ↑ "Gangrene – Treatment". NHS. Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2017. Consultado o 29 de marzo de 2017.