Guerra anglo-española de 1585-1604
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2022.) |
Guerra anglo-española de 1585-1604 | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
As delegacións española e inglesa na Conferencia de Somerset House. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Inglaterra Provincias Unidas |
España | ||||||
Líderes | |||||||
Isabel I de Inglaterra Francis Drake John Hawkins John Norreys Robert Dudley Charles Howard Robert Devereux Martin Frobisher Henry Seymour Charles Blount Walter Raleigh |
Filipe II de España Alonso Pérez de Guzmán Alejandro de Farnesio Alonso de Bazán Juan Martínez de Recalde Miguel de Oquendo Martín de Bertendona Francisco de Toledo Juan del Águila Carlos de Amésquita Pedro de Zubiaur |
A guerra anglo-española (1585–1604) foi un conflito entre os reinos de Inglaterra, gobernada por Isabel I de Inglaterra, e de España, onde reinaba Filipe II.
A guerra comezou con vitorias inglesas como a de Cádiz en 1587 e a perda da Armada Invencible en 1588, pero diversas vitorias españolas como a da Armada Inglesa en 1589, así como a enorme mellora na escolta da frota de Indias e a rápida recuperación de España ante as perdas, acabaron por debilitar definitivamente a Inglaterra e desembocaron na sinatura dun tratado de paz favorable a España en Londres en 1604.
Causas
[editar | editar a fonte]Os motivos que levaron a Filipe II á guerra foron económicos, políticos e relixiosos:
- Politicamente, o crecente poder do Imperio español (que en 1580 anexionara o Imperio portugués, estaba en constante expansión en América, e contaba co apoio dos Habsburgo en Alemaña e dos príncipes italianos) era considerado por Inglaterra unha ameaza para a súa seguridade. Inglaterra prestaba o seu apoio aos principais inimigos de España:
- Nos Países Baixos librábase a guerra dos Oitenta Anos, na que as Provincias Unidas loitaban para conseguir a súa independencia da coroa española. Aínda que desde o comezo da guerra houbo presenza militar inglesa xunto ás tropas holandesas, en 1585 este apoio oficializouse coa firma do tratado de Nonsuch, mediante o cal se pactaba unha alianza militar anglo-holandesa contra España.
- En Portugal, que fora anexionado á coroa española en 1580, o pretendente ao trono portugués, don Antonio, contaba co favor de Inglaterra.
- No aspecto relixioso as desavinzas entre ambos os países viñan dos tempos de Henrique VIII de Inglaterra. O protestantismo inglés enfrontábase ao catolicismo español; Isabel I de Inglaterra fora excomungada polo papa Pío V en 1570, e Filipe II de España asinara en 1584 o tratado de Joinville coa Liga católica en París, a fin de combater o protestantismo.
- No aspecto económico, as constantes expedicións dos corsarios ingleses contra os territorios españois nas Indias e contra a frota do tesouro, que cargada de riquezas alimentaba as finanzas da metrópole, supuñan para España unha ameaza aos seus intereses económicos. O pirata sir John Hawkins iniciou a participación inglesa no tráfico de escravos en 1562, gañando enseguida o apoio real británico. Os ataques dos piratas, como a batalla de San Juan de Ulúa nunca foron grandes vitorias, pero si supuñan unha molestia para Filipe II. España consideraba o tráfico non regulado legalmente coas Indias Occidentais como contrabando ilegal. Na década entre 1560 e 1570 foron atacadas varias prazas e afundidos ou capturados algúns barcos españois nas Indias.[1]
A guerra
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]A guerra comezou en 1585. En setembro dese ano Drake navegou pola costa oeste ibérica, saqueando Vigo, A Palma e Santiago de Cabo Verde; cruzou ás Indias Occidentais capturando Santo Domingo e Cartaxena de Indias, por cuxa devolución esixiu ás autoridades españolas o pago dun rescate, e San Agustín (na Florida). Irritado por estes ataques, Filipe II mandou armar unha gran frota coa misión de invadir Inglaterra.
A execución de María I de Escocia en febreiro de 1587 enfadou os católicos da Europa continental. A súa reivindicación ao trono foi herdada por Filipe, que era viúvo de María I de Inglaterra. En xullo do mesmo ano, Filipe recibe autorización do papa Sisto V para depor a Isabel, que xa en 1570 fora excomungada por Pío V.
Expedición de Drake á Península Ibérica (1587)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Expedición de Drake de 1587.
En abril de 1587 Drake levou a cabo unha expedición militar con éxito nas costas da Península Ibérica: atacou a frota amarrada na baía de Cádiz, desembarcou no Algarve destruíndo varias fortalezas, atacou a frota de Álvaro de Bazán amarrada en Lisboa, e pondo rumbo ás illas Azores capturou a carraca portuguesa San Felipe, que procedente das Indias Orientais chegaba á península cargada de riquezas. No transcurso da expedición a frota inglesa conseguiu destruír máis de 100 barcos españois, atrasando os plans españois de invasión máis dun ano.
A Armada Invencible (1588)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Armada Invencible.
En agosto de 1588 os plans españois de invasión de Inglaterra fixéronse efectivos: a Armada Invencible española, dirixida polo duque de Medina-Sidonia atacou a frota inglesa liderada por Charles Howard na Canle da Manga. As condicións climatolóxicas adversas e os enfrontamentos coa frota inglesa provocaron a perda ou a captura da metade das naves españolas.
O fracaso da Armada Invencible permitiu a Inglaterra continuar os seus ataques piratas ás colonias españolas, á vez que continuar coa axuda a Holanda e Francia.
A Invencible Inglesa (1589)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Armada Inglesa.
En 1589 as forzas inglesas baixo o mando de Francis Drake e John Norreys atacaron A Coruña, de onde foron rexeitadas, e seguiron cara a Lisboa, onde fracasaron no seu intento de provocar un levantamento portugués a favor de don Antonio.
O fracaso da Contraarmada inglesa causou grandes perdas financeiras no tesouro isabelino, e permitiu a Filipe reconstruír a frota española do Atlántico, que volveu rapidamente a ter supremacía.
Feitos seguintes
[editar | editar a fonte]Un sistema sofisticado de escolta e de intelixencia frustraron a maioría dos ataques corsarios á frota de Indias a partir da década de 1590: as expedicións bucaneiras de Martin Frobisher e John Hawkins no comezo de devandita década foron derrotadas. Así mesmo, o navío Revenge (Vinganza) un dos máis importantes da súa mariña foi apresado preto dos Azores en 1591, cando unha frota inglesa pretendía capturar a frota de Indias.
En 1592 o mariño Pedro de Zubiaur dispersaba un convoi inglés de 40 buques incendiando a nave capitá e capturando outros tres barcos; ao ano seguinte na batalla de Blaye derrotaba unha pequena frota de seis buques ingleses (afundindo as súas dúas unidades principais) e escapaba dunha frota aínda maior enviada para capturalo.
Expedición de Drake e Hawkins de 1595-96
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Expedición de Drake e Hawkins contra a América Española (1595-1596).
Entre 1595 e 1596, unha expedición inglesa contra os asentamentos españois no Caribe, comandada por Drake e Hawkins, foi derrotada primeiro nas Palmas de Gran Canaria e logo en sucesivos enfrontamentos fronte a forzas españolas moi inferiores en número en diferentes localizacións caribeñas. As defensas españolas adiantáronse aos atacantes, sufrindo os ingleses grandes perdas, incluíndo a morte de ambos os mariños.
Últimos episodios da guerra
[editar | editar a fonte]En 1595, catro barcos españois comandados por Carlos de Amésquita desembarcaron en Cornualla, ao oeste de Inglaterra. Tamén fuxiron sen problemas dunha frota enviada para destruílos.
En xullo de 1596, unha expedición anglo-holandesa dirixida polo conde de Essex Robert Devereux saqueou Cádiz, destruíndo a frota española fondeada na baía; en outubro dese mesmo ano a frota española baixo o mando de Martín de Padilla naufragou fronte ás costas de Galicia cando se dirixía a Irlanda. Inglaterra sufriu unha nova derrota marítima nun ataque contra os Azores en 1597.
Tras a morte de Filipe II en 1598, o seu sucesor Filipe III de España proseguiría a guerra contra Inglaterra. En maio de 1600 iniciáronse conversacións de paz en Boulogne-sur-Mer, que resultaron erradas.[2]
En outubro de 1601 Juan del Águila desembarcou á fronte dos seus terzos en Kinsale, na costa sur de Irlanda, para apoiar as forzas irlandesas que naquela época sostiñan contra Inglaterra a guerra dos Nove Anos. As tropas españolas serían derrotadas a comezos de 1602 na batalla de Kinsale, forzando así o seu regreso a España.
Acordos de paz
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tratado de Londres (1604).
Tras a morte de Isabel I en 1603, o seu sucesor Xacobe I de Inglaterra asinou en 1604 o tratado de Londres con Filipe III, mediante o cal ambos os países acordaban o fin da guerra.
O resultado para España foi moito máis positivo. Foi a principal potencia europea no século XVII, ata que as derrotas contra Francia na guerra dos Trinta Anos e o ascenso do poderío naval holandés acabaron reducíndoa a unha potencia máis.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |