Heikki Häiväoja
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fi) Heikki Aulis Häiväoja 25 de maio de 1929 Jämsä, Finlandia |
Morte | 15 de setembro de 2019 (90 anos) Kauniala Hospital, Finlandia (en) |
Residencia | Ilola (en) |
Actividade | |
Ocupación | escultor, deseñador, artista visual |
Período de actividade | 1950 - 2012 |
Empregador | Universidade de Helsinki |
Familia | |
Cónxuxe | Paula Häiväoja |
Fillos | Johanna Häiväoja |
Premios | |
Heikki Häiväoja, nado en Jämsä o 25 de maio de 1929 e finado en Kauniainen o 15 de setembro de 2019, foi un escultor, artista visual, medallista e deseñador de moedas finlandés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Heikki Häiväoja recibiu a súa formación artística na Escola Industrial de Arte de Helsinqui entre 1947 e 1950, e posteriormente na Academia Finlandesa de Belas Artes, no curso 1950-1951.[1][2]
Posteriormente exerceu tamén a docencia nestas dúas institucións; na Escola Industrial de Arte entre 1958 e 1970, e na Academia de Belas Artes de 1977 a 1984.
A partir da súa primeira peza exposta en 1950, ao longo da súa carreira creou centos de esculturas, desde pequenas estatuíñas de pedra e medallas de bronce, sobre todo na década de 1960, ata grandes instalacións de pedra máis adiante.[3] Entre os seus monumentos destaca o dedicado aos veteranos de guerra en Jyväskylä e tamén o que representa unha muller que viviu durante a guerra en Kallio, Helsinqui.[4] Na década de 2000 o seu traballo centrouse na realización de monumentos funerarios e outras conmemoracións.[5][6]
A súa obra escultórica foi obxecto de diversas exposicións, tanto individuais como colectivas, en países como Suecia, os Países Baixos, Alemaña, Polonia, Dinamarca, Brasil, Mónaco, Italia e Bélxica.[1]
Häiväoja, que xa tiña experiencia como creador de moedas do sistema do marco finlandés durante as décadas de 1960 e de 1970, foi elixido polo Banco de Finlandia para deseñar o anverso nacional común a toda a serie divisionaria de moedas de céntimos de euro, desde a dun céntimo ata a de 50 céntimos, que comezaron a emitirse en 2002.[7]
Heikki Häiväoja foi membro de diversas entidades académicas e asociativas, como a Asociación de Escultores de Finlandia, a Asociación de Artistas de Jyväskylä, a Asociación de Artistas de Vantaa e o Gremio Finlandés da Medalla de Arte.[1]
-
Medalla de J. K. Paasikivi (1970)
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Pola súa traxectoria artística recibiu as seguintes honras no seu país:[1]
- (1981): Medalla Pro Finlandia, da Orde do León de Finlandia.
- (1996): Orde da Rosa Branca de Finlandia, primeira clase.
- (1997): Medalla da Honrra Militar.
- (1999): Cruz ao Mérito dos Veteranos de Guerra.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Heikki Häiväoja estivo casado coa artista de moda Martta Virtanen e en segundas nupcias coa doutora en teoloxía Brita Nickels, e tivo un fillo e unha filla.[1]
Häiväoja finou o 15 de setembro de 2919 no Hospital Kaunial de Kauniainen, aos 90 anos.[8][4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Curriculum Vitae". Suomen Taiteilijaseura / Artists' Association of Finland (o CV só dispoñible na versión finesa).
- ↑ "Häiväoja, Heikki". Uppslagsverket.fi
- ↑ "Heikki Häiväoja". Artists' Association of Finland.
- ↑ 4,0 4,1 "Jämsän Seutu: Taiteilija Heikki Häiväoja on kuollut". En Yle. 17 de setembro de 2019.
- ↑ Nickels, B. (2006). Grave sculpture as interpreter of life and death. Grave sculptures done by Heikki Häiväoja, Kain Tapper and Matti Peltokangas 1952-2002. ISBN 952-10-3407-6
- ↑ "Häicäoja Heikki Aulis". Suomen Kuvataiteiteilijat.
- ↑ Serie de moedas deseñadas por Heikki Häiväoja. Numista.com
- ↑ Esquela funeraria. https://hs.mediadelivery.fi
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Heikki Häiväoja |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kormano, Ritta. "Häiväoja, Heikki". En Knif, H.; F. Hertzberg (red.) (2011). Biografiskt lexikon för Finland 3. Republiken A-L. Atlantis. ISBN 978-951-583-235-1