Herodoro de Heraclea
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século V a. C. ![]() Heraclea Póntica, Turquía ![]() |
Morte | p. século V a. C. ![]() Heraclea Póntica, Turquía ![]() |
Actividade | |
Ocupación | historiador, mitógrafo ![]() |
Herodoro de Heraclea (en grego Ἡρόδωρος ὁ Ποντικός ou Ἡρακλεώτης, en latín Herodorus) foi un mitógrafo grego que viviu na época de Hecateo de Mileto e Ferécides de Siros, arredor do -400 Tivo un fillo chamado Brisón, que foi sofista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Escribiu unha obra sobre a mitoloxía e o culto de Heracles con moita información xeográfica e histórica e de notábel extensión, dado que, polo menos, contaba con 17 libros. Entre as referencias que se conservan está a dos macróns, un pobo do Ponto. De autoría de Herodoro tamén se citan Οἰδιποῦς (Edipo), Πελοπεία (Pelopea) e Ὀλυμπία (Olimpia), pero poderían ser parte da obra sobre Heracles[1].
Por outra banda, hai diversas noticias sobre outros personaxes chamados Herodoro que os estudosos consideraron a posibilidade de que fosen o mesmo personaxe. Así, os escolios da Argonáutica de Apolonio de Rodas mencionan con frecuencia a obra dun Herodoro que podería ser a mesma persoa. Por outra banda, Eustacio de Tesalónica cita en varias ocasións a un Herodoro como autor dalgunhas noticias sobre Homero. Finalmente, Focio cita un informe de Olimpiodoro de Tebas sobre un Herodoro que escribiu sobre Orfeo e Museo. Smith considera (1849-1867) que a partir dos escolios sobre a Argonáutica de Apolonio de Rodas queda claro que Herodoro de Heraclea foi o autor doutra obra tamén chamada Argonáuticas, que sería unha obra sobre a cidade de Heraclea e que estaría escrita en verso; di tamén que é un personaxe diferente do Herodoro que escribiu sobre Orfeo e Museo, e que este segundo autor podería ser o mesmo que cita Eustacio, e que, neste caso, viviu no século I porque Eustacio o cita xunto con Apión, que é desta época. Gudeman, pola súa banda, descarta (1912) que as Argonáuticas fosen escritas en verso, pero recoñece que é moi difícil distinguir se é a mesma persoa ou non e evita tomar posición[2]. Graf, pola súa banda, considera (2006) que todas as noticias fan referencia a unha mesma persoa, e que toda a súa obra tería constado de monografías en prosa sobre temas mitolóxicos[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Herodorus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. II. Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 430-431
- ↑ "Herodoros 5". Realencyclopädie der classischen Altertumswissenschaft.
- ↑ Graf, Fritz. "Herodorus". Brill's New Pauly. Consultado o 16 novembro 2022.