Historia da Antártida
Como non hai pobos nativos da Antártida, a historia da Antártida é a historia da súa exploración. É moi probábel que os primeiros en visitala fosen os pobos veciños ao continente: os pobos Aush da Terra do Fogo, por exemplo, falan sobre o "país do xeo" e un xefe maorí de nome Ui-Te-Rangiora tería chegado á rexión en 650 d.C.[1] No entanto, eses pobos non deixaron vestixios de súa presenza.
A crenza na existencia da Terra Australis —un vasto continente localizado ao sur coa finalidade de balancear o peso de Europa, Asia e África— foi proposta por Tolomeo e Aristóteles na Grecia Antiga. Por iso, a inclusión nos mapas dunha gran masa de terra ao sur era comín nos mapas do século XVI. Mesmo no final do século XVII, co coñecemento de que América do Sur e Australia non facían parte da Antártida, os xeógrafos crían que o continente era moito maior do que é na verdade. A situación permaneceu así até a expedición de James Cook.
Até o final do século XIX, no entanto, a Antártida non fora estudada de forma exhaustiva e a ocupación humana limitábase ás illas subantárticas. Cos dous Congresos Internacionais de Xeografía, realizados no final do século, a situación comezou a mudar e diversos gobernos europeos, alén dos Estados Unidos, patrocinaron exploradores. Sobresaen a disputa entre Roald Amundsen e Robert Falcon Scott pola conquista do Polo Sur e a posterior tentativa de Ernest Henry Shackleton de atravesar o continente. Recentemente, após o Tratado Antártico, 27 países manteñen bases científicas e mais científicos realizaron expedicións.
Primeiras expedicións
[editar | editar a fonte]As primeiras viaxes documentadas ás augas antárticas aconteceron no século XVI. Amerigo Vespucci relatou o rexistro visual de terras na altura dos 52°S. Expedicións sucesivas aproximáronse á rexión até o capitán James Cook, que se dirixiu para a Polinesia por ocasión dun eclipse, e as tripulacións do Resolution e do Adventure cruzaron o Círculo Polar Antártico tres veces entre 1772 e 1775 desfacendo o mito da Terra Australis sen, no entanto, avistala debido ao xeo e a néboa.
A ocupación humana propiamente dita comezou na primeira metade do século XIX, cando navíos baleeiros chegaban á rexión das Illas Sandwich do Sur e acontecen algunhas exploracións esporádicas por parte de navegantes europeos e dos Estados Unidos. En 1819 un navío inglés, o Williams, desviouse de súa rota e foi levado ás Illas Shetland do Sur, e de alí foi fretado nunha viaxe mais para o sur baixo o mando de Edward Bransfield que acabou por aportar o 30 de xaneiro de 1820 na Terra de Graham. Tres anos antes, o capitón ruso Fabian Gottlieb Thaddeus von Bellingshausen descubrira a costa e nomeouna Terra de Alexandre I e Nathaniel Palmer, un cazador de focas de Stonington, Connecticut, tería explorado a rexión.
En 1822, o inglés James Weddell descubriu o mar que leva o seu nome. Entre o fin da década de 1830 e a de 1840 tres expedicións —a francesa de Jules Dumont d'Urville, a estadounidense de Charles Wilkes e a inglesa de James Clark Ross— percorreron a costa a fin de determinar se a Antártida era realmente un continente ou un conxunto de illas unidas polo xeo. O francés Dumont D'Urville descubriu entre outros lugares, a Terra de Adelia e a Illa Joinville. Despois de que o polo norte magnético fose localizado en 1831, exploradores e científicos comezaron a procura do polo sur magnético. Partindo de Tasmania, James Clark Ross, seguiu unha rota inédita até entón e descubriu o mar que leva o seu nome retornando en 1843.[2] Nesa mesma expedición descubriu e bautizou tamén a Terra de Vitoria do Sur e os montes Erebus e Terror, nomeados en homenaxe aos seus dous navíos.
Pasaron varios anos até que o VI Congreso Internacional de Xeografía realizado en 1895 lanzase un chamado á exploración das rexións antárticas debido aos beneficios científicos que poderían conseguirse. A este chamado, en 1897, respondeu o barón Adrien de Gerlache que baixo o mando do Bélxica deixou Anveres con destino á Antártida. A tripulación multinacional incluía un zoólogo romanés (Emile Racovitza), un xeólogo polaco (Henryk Arctowski), un navegador e astrónomo belga (Georges Lecointe), varios noruegueses, incluíndo Roald Amundsen, e un médico estadounidense, Frederick Cook. En 1898, eles convertéronse nos primeiros humanos que pasaron o inverno na Antártida, cando o seu navío ficou preso polo xeo. Ficaron impedidos de proseguir o 28 de febreiro de 1898 e só manobraron fóra do xeo o 14 de marzo de 1899. Durante a súa permanencia forzada, varios homes perderon a saúde, non só por causa da noite do inverno antártico e do sufrimento soportado, mais tamén por causa dos problemas de comunicación entre as diferentes nacionalidades.
Expedicións nacionais
[editar | editar a fonte]Debido ao pouco éxito acadado, o VII Congreso Internacional de Xeografía realizado en 1899 fixo un segundo chamado ao cal responderon diversos países, Alemaña, Inglaterra, Francia e Suecia.
Alemaña organizou unha incursión entre 1901 e 1903 comandada por Erich von Drygalski. Inglaterra, unha entre 1901 e 1904 liderada por Robert Falcon Scott, para a realización de estudos oceanográficos, xeolóxicos, meteorolóxicos e biolóxicos, alén de pretender chegar ao Polo Sur, e entre os seus homes estaba Ernest Shackleton. Entre outros factores, por ter Shackleton contraído escorbuto a meta non foi alcanzada, restando 850 km e a pesar de todos os seus pedidos en contra, Shackleton foi enviado de volta, o que xerou a súa posterior disputa con Scott.
O británico Willian Speirs Bruce intentou obter o apoio da coroa para a realización doutra expedición oficial, mais este foille negado. Con iso, Willian recorreu ao nacionalismo escocés e entre 1902 e 1904 realizouse a Expedizón Nacional Antártica Escocesa. Un francés que organizara unha viaxe de exploración no Ártico decidiu direccionalo cara ao sul. Con o apoio do goberno, realizou en 1904 unha expedición ás Illas Shetland do Sur, a "Expedición Antártica Francesa".
Respondendo ao Congreso Internacional de Xeografía, Suecia organizou a súa propia campaña que, partindo da Terra do Fogo e de Ushuaia, exploraría a Península Antártica en 1895 e 1897. Co éxito desa misión, o capitán Otto Nordenskjöld suxeriu que se proseguise coa exploración do litoral, o que lle foi denegado. Resolveu, por iso, organizar unha expedición con recursos propios que por pouco non terminou en desastre cando o navío ficou preso no xeo e o grupo se dividiu. Foron rescatados en setembro de 1903 após pasaren o inverno a duras penas en abrigos de pedra e con escaseza de alimentos.
Carreira ao Polo sur
[editar | editar a fonte]Ao ser enviado de volta por Scott, Shackleton comezou a organizar o seu plan para a conquista do Polo Sur. Partiu de Nova Zelandia para o Mar de Ross no inicio de 1908. O 20 de outubro deu inicio a súa viaxe. No entanto, as zorras tiradas por ponis mostráronse ineficientes, pois os animais suaban e as temperaturas polares matábanos por hipotermia. Así, os propios homes tiveron que cargar coas zorras. Os mantementos planeados para durar 91 días tornáronse escasos e a 175 km da meta, Shackleton decidiu retornar en 1909. A noticia dos seus esforzos fixo con que fose tratado como heroe e, inclusive, sagrado cabaleiro.
Amundsen e Scott
[editar | editar a fonte]Despois da expedición no Bélxica e de outra ao Ártico a bordo do "Gjea", cando de xeito pioneira, cruzou a pasaxe noroeste, Amundsen resolveu ir rumbo ao Polo Norte, mais coa conquista deste en 1909, mudou os seus plans en dirección ao sur. Simultaneamente, a noticia da expedición de Shackleton fixo que Scott quixes garantir para o Imperio Británico a gloria da conquista e para si a proba da súa superioridade sobre o primeiro. Os dous establecéranse na Plataforma de Ross a 800 km un do outro.
Amundsen partiu o 20 de outubro de 1911, dúas semanas após a partida de Scott. O primeiro grupo levaba zorras tiradas por cans esquimós de Groenlandia e pretendia, a partir da Baía das Baleas, no extremo leste da Barreira de Ross, procurar un camiño descoñecido até o Polo Sur. Scott, coa mesma meta mais con plans pouco definidos e outro nivel de organización (maior, máis cara e menos planeada) pretendía, cun grupo de ponis de Manchuria e menor cantidade de cans, seguir a mesma rota de Shackleton (desde o estreito de McMurdo extremo oeste da barreira de Ross, unha rota aproximadamente 800 kn maior, a través da xeleira Beardmore), que chegara en 1909 a aproximadamente a 150 kn do polo. Debido á diferenza de velocidade entre os medios de transporte (os cans eran obviamente máis rápidos) tivo logo que se dividir ao chegar a un punto de maior altitude. Despois, coa perda dos ponis e debido á pequena cantidade de cans e da falta de capacidade para conducilos, pasou a depender da tracción humana para as zorras.
O 14 de decembro de 1911, o noruegués Roald Amundsen conquistou o Polo Sur, colocando os pés no lugar mais meridional da Terra.[3] Coas crecentes dificultades, Scott dividiu novamente o grupo, seguindo con catro homes: Edward Adrian Wilson, Henry Robertson Bowers, Lawrence Oates e Edgar Evans. Chegaron ao polo o 17 de xaneiro e atoparon a bandeira norueguesa. No camiño de volta, exhaustos pola fame e o frío, dous homes ficaron polo camiño e Scott continuou cos dous restantes, morrendo todos estes a 13 quilómetros dun depósito de provisións.
Travesía do continente
[editar | editar a fonte]Após a conquista do Polo Sur, restaba aínda outra fazaña a ser realizada: atravesar o continente de costa a costa. Shackleton asumiu para si ese desafío.
A "Expedición Imperial Transantártica" de 1914 estaba organizada en dúas frontes: a primeira sairía de Xeorxia do Sur con dirección ao Mar de Weddell a bordo do Endurance o 5 de decembro de 1914, e a segunda de Nova Zelandia con dirección do Mar de Ross no navío Aurora. No entanto, o Endurance ficou preso no xeo e Shackleton decidiu esperar á chegada da primavera, só que o navío foi arrastrado polo xeo. Shackleton pensaba chegar á Illa Cerro Nevado, mais deuse de conta que seria imposíbel, pois o xeo xa os arrastrara até a Península Antártica e acabou por afundir o navío o 21 de novembro de 1915, pouco despois de descargaren algúns botes e mantementos. O capitán decidiu entón lanzarse con cinco homes cara ás Illas Clarence ou Illa Elefante en busca de axuda, chegando despois de tres días remando sen auga ou comida quente.
De alí, achando que a axuda podería demorarse, fixo rumbo cara a Xeorxia do Sur, onde pediu socorro en unha estación baleeira e conseguiu un navío co que poder rescatar os seus homes, que deixara sós baixo o mando de Frank Wild, o seu auxiliar, o 30 de agosto de 1916. Os homes no Aurora tamén tiveran dificultades e o navío retornara a Nova Zelandia para facer reparacións.
Aínda así, organizou unha nova expedición que sairía da Xeórxia do Sur para estudar o océano Antártico, mais morreu no día seguinte da súa chegada á illa.
Historia recente
[editar | editar a fonte]O Contraalmirante da mariña dos Estados Unidos Richard Evelyn Byrd liderou cinco expedicións á Antártida durante as décadas de 1930, 1940, e 1950. Sobrevoou o Polo sur co piloto Bernt Balchen os 28 e 29 de novembro de 1929, para igualar o seu sobrevoo do Polo Norte en 1926. As exploracións de Byrd tiñan a ciencia como finalidade e foi o comezo do uso de aeronaves no continente, a pesar de que o primeiro voo transcontinental fose realizado por Lincoln Ellsworth. As súas expedicións estabeleceron o escenario das modernas exploracións e pescudas da Antártida.
Até 31 de outubro de 1956 ninguén volveu pisar o Polo Sul; nese día o contraalmirante George Dufek e outros aterraron con éxito unha aeronave R4D Skytrain (Douglas DC-3).
Durante o Ano Xeofísico Internacional de 1957 montáronse un gran número de expedicións. O alpinista neozelandés Edmund Hillary liderou unha expedición que usaba tractores preparados para a travesía polar, acadando o polo preto do fin do ano de 1957, a primeira expedición desde Scott en chegar ao Polo sur por terra. Hillary estaba colocando depósitos de subministracións para a expedición transantártica británica, mais "desviouse" para o polo porque a viaxe ía ben. Entón en 1958, o explorador británico Vivian Fuchs conseguiu realizar con éxito a expedición pretendida por Shackleton en 99 días na "Expedición Transantártica da Commonwealth".
O Tratado Antártico foi asinado o 1 de decembro de 1959 e entrou en vigor o 23 de xuño de 1961 e actualmente moitos países manteñen bases de investigación permanente.
Un bebé, chamado Emilio Marcos de Palma, nacido preto da baía Hope o 7 de xaneiro de 1978, converteuse no primeiro ser humano nacido no continente, e tamén o nacemento máis ao sur da historia. A súa nai foi enviada polo goberno da Arxentina para que este fose o primeiro país con habitantes nacidos aló.
O 28 de novembro de 1979, un DC-10 da Air New Zealand, nunha viaxe turística, chocou co Monte Erebus, na Illa Ross, matando as 257 persoas a bordo. O accidente puxo fin permanente ás liñas aéreas que operaban voos comerciais sobre o continente, debido aos riscos comprendidos e a localización remota dos servizos de busca e rescate.
No final do século XX, realizáronse numerosas expedicións, cun renovado interese polo continente. Comezando o 17 de xullo de 1989 e con fin en 24 de febreiro de 1990 realizouse a Expedizón Transantártica formada por exploradores dos Estados Unidos, o Xapón, Francia, o Reino Unido, a China e Rusia, cruzando os Montes Transantárticos e o continente na dirección da súa maior extensión e procurando alertar os gobernos e as sociedades sobre os danos ambientais na rexión. Na "Antartikten Transversale" o italiano Reinhold Messner e o alemán Arved Fuchs realizaron a rota de Shackleton cos métodos de Scott e Laurence de la Terrière foi unha francesa que cruzou soa a planicie antártica.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ IZAGUIRRE, Irina e MATALONI, Gabriela. Antártida, descubriendo el Continente Blanco, p.24. Ediciones Caleuche. S. C. de Bariloche, 2000 ISBN 950-9681-95-4
- ↑ HUNTFORD, Roland. O último lugar da Terra: a competição entre Scott e Amundsen pola conquista do Polo Sul, pp. 25–31. São Paulo: Companhia das Letras, 2002. ISBN 85-359-0209-0
- ↑ "Folha acompanha expedição comemorativa de 100 anos ao Polo Sul". Folha Ciência. 14 de decembro de 2011. Consultado o 16 de dezembro de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ivanov, L. General Geography and History of Livingston Island. In: Bulgarian Antarctic Research: A Synthesis. Eds. C. Pimpirev and N. Chipev. Sofia: St. Kliment Ohridski University Press, 2015. pp. 17–28. ISBN 978-954-07-3939-7