Historia de Casaquistán
Historia de Casaquistán | |
Mapa da CIA do 2001 | |
Historia | Casaquistán |
Categoría | Historia de Casaquistán |
A historia de Casaquistán abrangue a historia de Casaquistán e a dos seus estados predecesores. A actividade humana na rexión comezou cos extinguidos Pithecanthropus e Sinanthropus hai entre un millón e 800 000 anos nas montañas Karatau e nas áreas do Caspio e o Balkhash. Os neandertais estiveron presentes hai entre 140 000 e 40 000 anos nas montañas Karatau e no centro do actual Casaquistán. O Homo sapiens moderno apareceu hai entre 40 000 e 12 000 anos no sur, centro e leste de Casaquistán. Despois do final do último período glacial (hai entre 12 500 e 5 000 anos), os asentamentos humanos estendéronse por todo o país e provocaron a extinción do mamut e do rinoceronte laúdo. As comunas de cazadores-recolectores inventaron arcos e barcos e utilizaron lobos domesticados e trampas de caza.
A revolución neolítica estivo marcada pola aparición da gandaría e da agricultura, dando lugar ás culturas Atbasar, Kelteminar, Botai e Ust-Narym.[1] Á cultura Botai (3600–3100 a. C.) atribúese a primeira domesticación do cabalo, e durante este período tamén apareceron cerámicas e ferramentas de pedra puída. O cuarto e o terceiro milenios foron testemuñas do inicio da produción de metal, da fabricación de ferramentas de cobre e do uso de moldes de fundición. No segundo milenio a. C. desenvolveuse a minaría no centro de Casaquistán.
O cambio de clima forzou a migración masiva de poboacións dentro e fóra do cinto estepario. O período seco que se prolongou desde finais do segundo milenio ata principios do I milenio a. C. provocou o despoboamento dos cintos áridos e das zonas de oasis fluvial, desprazándose as poboacións cara á estepa forestal do norte.
Despois do final do período árido a principios do primeiro milenio a. C. as poboacións nómades emigraron a Casaquistán desde o oeste e o leste, repoboando zonas abandonadas. Incluían varios pobos indoiranios, a miúdo coñecidos colectivamente como Saka.
No século XIII, Casaquistán foi conquistado polo Imperio Mongol e controlado pola Horda de Ouro. Despois do declive da Horda de Ouro, o Kanato uzbeco tomo o control. En 1465, o Kanato casaco obtivo a súa independencia dos uzbekos. Algunhas partes do país comezaron a ser anexionadas polo Imperio Ruso no século XVIII, e o resto foi absorbido gradualmente polo Turquestán ruso a partir de 1867. A moderna República de Casaquistán converteuse nunha entidade política durante a subdivisión soviética do Turquestán ruso nos anos 30.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Presenza rusa
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Rusia Imperial.
Os rusos foron paulatinamente expandindo o seu imperio e estreitando o seu control de Casaquistán, ata que en 1854 fundaron un forte no que hoxe é Almatý. Os tsares oprimiron con dureza os desexos de independencia dos casacos. Os líderes independentistas apoiaron aos bolxeviques na Revolución de Outubro de 1917, o que non redundou no cumprimento das súas aspiracións: o país pasou a formar parte da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), e ao final da década de 1920 procedeuse a "desnomadizar" aos casacos e a convertelos en campesiños nas novas granxas colectivizadas.
Casaquistán comezou a ser poboada con rusos doutras provincias e a servir de campo de concentración e de exilio para os inconformes, á parte de converterse no territorio para as probas e almacenamento de armamento nuclear.
Independencia
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Disolución da Unión Soviética.
En 1989 Casaquistán organizou por primeira vez unha gran protesta contra a URSS debido ás probas nucleares, que tiveron que ser suspendidas. Nursultan Nazarbayev, un casaco próximo aos rusos tomou o poder en 1990 e gobernou dende entón como presidente da república. Non estivo de acordo coa disolución da URSS en 1991, e Casaquistán foi a última república en declarar a súa independencia. A democracia foi moi limitada, cos grupos nacionalistas sometidos e o parlamento disolto polo mesmo Nazarbayev en 1995, por obstruír as súas políticas económicas e étnicas.
Dirixido basicamente por antigos comunistas, tras a independencia, as políticas liberais de Nazarbayev gañaron popularidade e axudas dos gobernos occidentais.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia de Casaquistán |
- ↑ Renfrew, Colin (2014). The Cambridge World Prehistory. University of Cambridge. ISBN 9780521119931.