Lumbrigante
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2016.) |
Lumbrigante | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante [1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Homarus gammarus (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
O lumbrigante[2] (Homarus gammarus, Linné 1758), tamén chamado cereixo,[3] é un crustáceo mariño decápodo macruro (de abdome ben desenvolvido), moi prezado pola calidade da súa carne. Caracterízase polo seu primeiro par de patas rematado en grandes pinzas.
Descrición
[editar | editar a fonte]Casca de cor negra azulada, con manchas máis pálidas; de cor amarelada na cara inferior. O bordo lateral dos segmentos do abdome é abrancazado ou vermello. Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecémo-lo lumbrigante no prato, cociñado, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

A casca do cefalotórax é de forma subcilíndrica, comprimida dorsoventalmente, coa superficie lisa, a diferenza do da lagosta, na que é espiñenta.
Primeiro par de antenas (anténulas) curtas e divididas en dous flaxelos. Segundo par de antenas longo, da mesma lonxitude có corpo, que nacen dunha base pequena e cunha espiña ben visible.
Posúe cinco pares de patas, coma tódolos crustáceos decápodos. O primeiro par é robusto e carácterístico, moito máis grandes cás outras, e remata nunha forte pinza formada por dúas pezas (quelas) desiguais e provistas de varios dentes romos na marxe interna. Estes avultamentos adoitan ser de cor castaña ou avermellada. Normalmente, unha das pinzas -as máis veces, a esquerda- é claramente maior cá outra, sendo a menor máis rápida e cos dentes máis agudos e aserrados. O lumbrigante utiliza a pinza maior para suxeita-las preas e a menor para esgazala en pequenos anacos.
O segundo e terceiro par de patas tamén rematan en pinzas, moito menores cás anteriores. O cuarto e quinto par de patas rematan nunha uña única.
O abdome está formado por seis segmentos ou aneis, que se sobrepoñen ó dobrarse baixo o cefalotórax. Cada segmento posúe dun par de pequenas patas (pleópodos) de función copuladora e ovíxena. Nos machos, os dous primeiros pelópodos están modificados para trasladar os espermatozoides á femia no momento da cópula.
O abdome remata nun último segmento, que forma o telson, plano e rematando nun peite de sedas amarelas ou castañas, tamén presentes nos urópodos que conforman a aleta caudal.
O tamaño medio do lumbrigante oscila entre os 35 e os 50 cm, chegando a talles superiores.
Hábitat
[editar | editar a fonte]O lumbrigante, coma outros crustáceos superiores, é unisexual. O apareamento ten lugar a finais do verán. A femia garda os ovos pegados ó abdome durante 10-12 meses, ata que se produce a eclosión. As larvas pasan por unha primeira fase natatoria ata que alcanzan un talle duns 3 cm, momento no que pasan a unha vida bentónica, para chegar á madurez ó cabo duns 4 anos, cuns 20 cm de lonxitude. Durante o desenvolvemento sofre numerosas mudas da casca, varias ó ano ó principio, que se van reducindo a unha cada dous anos, cando adultas.
Aliméntase de noite, a base de moluscos, vermes e peixes mortos.
Vive en augas pouco profundas, entre fondos rochosos de 2 a 40 m de profundidade. Atópase no Atlántico oriental, desde a altura do norte de Noruega ata os Azores e Marrocos. Tamén está presente no Mediterráneo, ata o Mar Negro.
Pesca
[editar | editar a fonte]Captúrase con nasas especiais, engadadas con peixes ou crustáceos mortos. Ocasionalmente tamén ven enleado nos trasmallos e raeiras.
O talle mínimo autorizado en Galicia é de 25 cm, medidos desde o extremo anterior da espiña infraorbitaria ata o extremo da aleta caudal ou telson.
Adoita comercializarse en fresco, vivo, pero tamén pode atoparse conxelado. Boa parte dos exemplares que se poñen á venda nos nosos mercados ou que se serven nos restaurantes galegos proceden do Reino Unido.
Consómese cocido e con diversas salsas, e tamén simplemente á prancha. Desde hai anos estase estendendo o "arroz con lumbrigante", prato que parece ser orixinal das illas Baleares.
Denominacións antigas
[editar | editar a fonte]- Cancer gamarus (Linne, 1758)
- Astacus marinus (Fabricius, 1798)
- Homarus vulgaris (H. Milne Edwards, 1837)
Sinonimia
[editar | editar a fonte]Nos distintos portos galegos recibe tamén os seguintes nomes:
- bugre.
- cereixo (por similitude con certas cereixas de cor vinoso, escuro).
- labagante, lobagante, lombrigante, lubigante, lubrigante.
- lagosta francesa (segundo Cornide e o padre Crespo. O adxectivo francés utilízase moito para designar variedades de inferior calidade).
Antón Santamarina supón que a denominación castelá bogavante é unha deformación popular de lobagante.
- castelán: bogavante.
- catalán: llamàntol.
- vasco: abakandoa.
- Santander: lubricante, ollocántaro, abacanto.
- Asturias: llocántaro.
- Baleares: grimalt, llomanto.
- inglés: lobster, common lobster, European lobster.
- francés: homard breton (o europeo); homard américain (o canadense).
- portugués: lavagante.
- italiano: astice.
- alemán: Hummer.
Especies semellantes
[editar | editar a fonte]
No mercado pode atoparse outra especie semellante, o lumbrigante americano (Homarus americanus), máis comunmente denominado canadense, máis grande e de cor máis avermellada. Os gastrónomos aseguran que a súa carne é menos fina e saborosa cá da especie europea.
Estes lumbrigantes canadenses poden alcanzar talles enormes: segundo o Libro Guinness dos Récords, o exemplar máis grande foi capturado en Nova Escocia (Canadá), cun peso de 20,14 kg.
Ás veces podemos atopar textos que describen esta especie baixo a denominación castelá de lagosta (ou lagosta americana). A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de lumbrigantes de Galicia.
-
Salpicón de lumbrigante.
-
Cocido.
-
Vivo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ M. Butler, A. Cockcroft, A. MacDiarmid & R. Wahle (2011). "Homarus gammarus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2010 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o January 1, 2012.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lumbrigante.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cereixo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lumbrigante |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lagostas mariñas do mundo (en inglés)
- Ficha en pescaderiascorunesas.es