Antón Santamarina
(2012) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) Antón Luís Santamarina Fernández 18 de febreiro de 1942 (82 anos) San Martín de Suarna, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Director de tese | Constantino García |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, profesor universitario |
Membro de | |
Obra | |
Doutorando | Xosé Luís Regueira, Gonzalo Navaza e Henrique Monteagudo |
Familia | |
Cónxuxe | María do Carmo Ríos Panisse |
Fillos | Duarte Santamarina Ríos, Cibrán Santamarina Ríos |
Premios | |
Antón Luís Santamarina Fernández, nado en San Martín de Suarna (A Fonsagrada) o 18 de febreiro de 1942, é un lingüista galego, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. É un experto en lexicografía recoñecido internacionalmente.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, graduándose en 1967 coa memoria de licenciatura Vocabulario del Valle del Suarna e doutorándose en 1973 coa tese doutoral El habla del valle de Suarna, sobre os dialectos orientais do galego e en concreto da lingua falada en San Martín de Suarna, tese dirixida polo profesor Constantino García.
Profesor adxunto interino desde 1967[1], compaxinou o cargo de profesor da Universidade de Santiago, por oposición desde 1975, co de secretario do Instituto da Lingua Galega entre 1971 e 1991. En 1991 foi elixido polo consello científico director do Instituto da Lingua Galega, deixando este cargo no 2005.
Foi tamén secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, cargo que lle permitiu comezar coa implantación do ensino do galego na EXB e o BUP. Desde 1979 é secretario da Comisión de Toponimia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
En 1983 gañou a cátedra de Filoloxía Románica en Cádiz pero permaneceu na Universidade de Santiago, obtendo a cátedra nesta en setembro dese mesmo ano. Entre 1992 e 1997 foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
O 24 de outubro de 1998 ingresou na Real Academia Galega co discurso A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos do seu ingreso na Real Academia Galega.[2] Foi presentado por Marino Dónega Rozas e Carlos Casares Mouriño.
Foi codirector, con Manuel González González, do Dicionario da Real Academia Galega do 2012.[3]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María do Carmo Ríos Panisse, e foi pai de Cibrán e Duarte Santamarina Ríos.
Obra
[editar | editar a fonte]Xa en 1971, xunto a Guillermo Rojo, Ramón Lorenzo e José Luis Couceiro, publicou os libros de texto Galego 1, 2 e 3 (1971-1974). Neste último ano comezou a dirixi-la revista Verba. Anuario galego de Filoloxía, desde o primeiro número ata o nº 13, en 1986, data na que pasou a se-lo Secretario desta publicación.
Participou en numerosas obras colectivas fundamentais na fixación do estándar e na pescuda lexicográfica e etnolingüística galega. Así, participou na elaboración da primeira edición das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982); coescribiu o Cancioneiro popular galego que elaborou con Dorothé Schubarth[4]; colaborou e dirixiu o Atlas lingüístico galego (1987-2003); coordinou, xunto a Constantino García, o Diccionario da lingua galega editado pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega (1990); e foi coordinador, xunto a Manuel González González, do Vocabulario ortográfico da lingua galega , editado tamén pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega en 2004 [5].
Desde 1986 dirixe desde o ILG o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, unha base de datos con máis de once millóns (11 409 358 en novembro de 2007) de rexistros extraídos de textos publicados desde 1612 á actualidade.
Dirixiu o Dicionario de Dicionarios, editado en 2000 en formato electrónico polo Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié, patrocinado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A terceira edición (2003) contén máis de 300.000 entradas extraídas de 25 dicionarios e vocabularios editados ou inéditos, así como de textos de Martín Sarmiento.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ VV.AA. Cada palabra pesaba, cada palabra medía: homenaxe a Antón Santamarina. USC, 2008, páxina 20
- ↑ "A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos do seu ingreso na Real Academia Galega". Real Academia Galega.
- ↑ "Créditos do Dicionario da RAG". Real Academia Galega.
- ↑ Cancioneiro Popular Galego (Fundación Barrié)
- ↑ Sen esquecer a súa dirección na versión anterior do VOLGa, inédita e que circulara anos atrás como fotocopia en mans de tódolos que traballaban na lingüística en Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Santamarina |