Saltar ao contido

Huayacocotla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaHuayacocotla
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 20°32′00″N 98°29′00″O / 20.5333, -98.4833
EstadoMéxico
Estado federadoEstado de Veracruz Editar o valor en Wikidata
CapitalHuayacocotla (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación21.391 (2015) Editar o valor en Wikidata (37,41 hab./km²)
Xeografía
Superficie571,79 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude2.149 m Editar o valor en Wikidata

Sitio webhuayacocotla.gob.mx Editar o valor en Wikidata

Huayacocotla é un dos 212 municipios en que se divide o estado mexicano de Veracruz. A súa cabeceira é a poboación homónima, onde está a sede do goberno municipal, a igrexa e a principal zona urbana, arredor da praza principal da vila, chamada Praza da Constitución.

O padroeiro da localidade é San Pedro.[1]

Toponimia e escudo

[editar | editar a fonte]

O nome de Huayacocotla provén dos vocábulos de orixe náhuatl Hueyi (gal: "grande") coautli (gal: árbore) e tla (partícula de abundancia), en referencia a unha especie de piñeiro que abunda na rexión,[2][3] coñecido como ocote ou piñeiro moctezuma (Pinus montezumae).[4]

A inscrición HUEYE OCOTL forma parte do escudo do municipio, separada a ambos os lados da súa parte superior, onde aparece tamén unha destas árbores, como elemento natural máis representativo da vexetación da contorna. Baixo a árbore reprodúcense as chaves de San Pedro, padroeiro da vila. A parte central do escudo está caracterizada por unha paisaxe montañosa cunha nube chuviosa e un Sol nacente, e baixo ela unhas mans entrelazadas en sinal de amizade e unhas pólas cos froitos máis característicos da zona, todo isto rodeado por catro grecas prehispánicas e o lema RESPETO, AMISTAD, SINCERIDAD. Na parte inferior, unha fita recolle o nome do municipio, o do estado e o do país.[2][3]

A cor imperante do escudo é a amarela, que representa o pole dos piñeiros, esparexido no tempo da floración.[2][3]

Os primeiros habitantes da área hoxe ocupada por Huayacocotla foron de orixe huasteca,[3] descendentes dos maias, que estaban en contacto cos pobos mesoamericanos.[5]

Cara a 1565 documéntase a existencia de aproximadamente dous milleiros de habitantes nesta área, aínda que a recorrencia das epidemias e das guerras fixo que case un século despois, en torno a 1640, houbese importantes movementos de poboación cara a Chicontepec e a Tutotepec, no estado de Hidalgo.[5]

Detalle do arco interior da igrexa de Huayacocotla, que amosa a data da fin da súa construción (1673).

Os españois tiveron coñecemento da existencia desta zona en 1534, e logo de que o Conde de Regla enviou, en 1550, o monxe agostiño prior do convento de Atotonilco Alonso de Borja, para evanxelizar os poboadores desas terras. Alonso de Borja ordenou iniciar en 1565 a construción da igrexa que hoxe preside a praza central da vila, baixo la supervisión doutro frade agostiño, e o remate das obras non se produciu ata 1673.[5]

Na época de esplendor colonial, houbo diversos nobres españois que intentaron facerse donos de Huayacocotla, como é o caso do Conde de Vaquerías, mais seguía a ser o Conde de Regla quen cobraba os impostos da alcabala aos comerciantes que transportaban mercadorías cara a Nova España, mediante numerosas reas de mulas. Froito desta actividades comerciais, comezaron a fixar a súa residencia en Huayacocotla ricas familias de comerciantes españois.[5]

Por un decreto de 1875 segregouse de Huayacocotla o novo concello de Zacualpan, e en 1877 trasladouse a Huayacocotla a cabeceira do cantón de Chicontepec. Finalmente, o decreto do 27 de maio de 1881 elevou a localidade á categoría de vila.[3]

A conformación actual do municipio de Huayacocotla determinouse mediante un decreto do 29 de setembro de 1979 e outro do 3 de marzo de 1982, que estableceu que a corporación municipal se comporía por un presidente, un síndico único e dous rexedores.[5]

Xeografía e clima

[editar | editar a fonte]

Localización e fisiografía

[editar | editar a fonte]

O municipio de Huayacocotla está situado ao norte do estado mexicano de Veracruz, entre os paralelos 20° 20’ e 20° 43’ de latitude norte, e os meridianos 98° 20’ e 98° 36’ de lonxitude oeste; a unha altitude entre os 500 e os 2.800 metros.[6]

Huayacocotla conforma o esporón máis occidental do estado de Veracruz, na parte máis abrupta da rexión da Huasteca, na parte da Serra Madre Oriental que recibe o nome de Serra de Huayacocotla ou de Chicontepec.[7][8] Destacan alí os outeiros de El Zapote, El Pilón e Encinal —que forman os cumios de Huayacocotla e que serven de límite co estado de Hidalgo—, os de Tepolo e Jabalí, e outros como o Corcovado, La Cumbre ou Poxtetle.[3]

O municipio de Huayacocotla linda ao norte co estado de Hidalgo e co municipio de Zontecomatlán; ao leste cos municipios de Zontecomatlán, Texcatepec e Zacualpan, e co estado de Hidalgo; e ao sur e ao oeste tamén co estado de Hidalgo.[6] A súa distancia aproximada ao noroeste da capital do Estado por estrada é de 195 quilómetros.[3][9]

Con respecto á fisiografía, Huayacocotla áchase na Serra Madre Oriental (nun 89 %) e no Eixe Neovolcánico (nun 11 %).[6]

O municipio ten unha extensión de 571,79 Km2 e ocupa o 0,7 % da superficie do estado de Veracruz.[3][6]

Huayacocotla ten un clima temperado e húmido, con choivas abondosas no verán e no principio do outono, e menos intensas no inverno. A súa temperatura media é de 13,9 ºC, cun rango que oscila entre os 12 ºC e os 22 ºC, e a súa precipitación media anual é de 1.379,7 milímetros.[3][10][11][12]

Demografía

[editar | editar a fonte]

De acordo cos resultados do Censo de Poboación e Vivenda de 2020, realizado polo Instituto Nacional de Estatística e Xeografía (INEGI) de México, a poboación total do municipio de Huayacocotla naquel ano era de 21.796 persoas, das que 11.329 eran mulleres e 10.467 eran homes. Este dato supón un aumento do 4,97 % con respecto ao censo de 2010.[13][14]

Centro de ensino de bacharelato a distancia de Huayacocotla

A densidade de poboación é de 39,65 habitantes por quilómetro cadrado, e a taxa de mortalidade xeral no municipio é de dúas defuncións por cada 410 nacementos. [15]

En 2020, o 56,9% da poboación achábase en situación de pobreza moderada e o 21,3 % en situación de pobreza extrema. A poboación vulnerable por carencias sociais acadou un 17,2 %, en tanto que a poboación vulnerable por ingresos supuña o 0,87 %.[16]

No relativo ao nivel educativo, a maior parte da poboación ten estudos primarios, e a porcentaxe baixa considerablemente nos niveis superiores. Consonte a enquisa intercensal de 2015 elaborada polo INEGI, a taxa de analfabetismo de Huayacocotla en 2020 era do 13,7 %, e do total de poboación analfabeta, o 42,2 % corresponde aos homes e o 57,8 % ás mulleres.[17]

Segundo os datos de 2005, naquel ano existían no municipio 779 falantes de lingua indíxena (395 homes e 384 mulleres), o que representa o 4,30 % da poboación municipal. A principal lingua indíxena é a náhuatl.[3]

Localidades

[editar | editar a fonte]

De entre as 108 entidades menores de poboación que constitúen o municipio de Huayacocotla, as máis importantes por número de habitantes —consonte o censo de 2020— son as seguintes:[18]

Principais entidades menores do municipio
Localidade Poboación
Huayacocotla 6.113
Palo Bendito 1.152
Carbonero Jacales 1.042
Zonzonapa 755
Teximalpa 709
Resto de localidades 12.025
Total do municipio 21.796
Taxi en servizo en Huayacocotla.

Economía

[editar | editar a fonte]

Segundo a enquisa intercensal do INEGI de 2015, o municipio de Huayacocotla contaba cunha poboación economicamente activa de 5.537 persoas.[19]

A maior parte da poboación ocupada dedícase a actividades comerciais, administrativas e de servizos. Tamén é relevante o sector primario, dado o volume de poboación dedicado ás actividades de agricultura, gandaría, silvicultura, caza e pesca. A poboación ocupada restante obtén os seus recursos do sector secundario, sinaladamente en actividades artesanais, industriais e manufactureiras.[19]

Actividade Porcentaxe
Comercio retallista 47,00 %
Industrias manufactureiras 13,80 %
Outros servizos (agás Administración) 12,80 %
Hostalaría 12,80 %
Comercio por xunto 2,91 %
Saúde e asistencia social 2,73 %
Servizos profesionais e técnicos 2,55 %
Servizos de xestión de residuos 1,82 %
Servizos culturais e deportivos 1,09 %
Outros 0,55 %
[editar | editar a fonte]

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

As preparacións gastronómicas máis representativas de Huayacocotla son o tamal, os "tlacoyos de alberjón" —torta de millo rechea—, o mole da zona, a "barbacoa" —carne preparada en forno de terra—, a "chilaca" —unha variante local do chile—, a "fruta de horno —un tipo de galleta local con azucre—, o pan artesanal e o "atole de teja" —bebida á base de semente de xirasol e chocolate—. Tamén son típicos dalgunhas comunidades do municipio bebidas tradicionais como os "curados" de amora, tejocote, mazá e pera, e bebidas fermentadas como o pulque.[3][6]

É particularmente típica de Huayacocotla a interpretación do "son huasteco", a ritmo de violín, "jarana" —instrumento de corda similar a unha pequena guitarra— e guitarra "huapanguera". Tamén son habituais as bandas de vento tradicionais.[6]

Artesanía

[editar | editar a fonte]

En Huayacocotla realízanse traballos artesanais á base de madeira, como máscaras, cadros ou mobles. Son típicos igualmente os abrigos de la, outros traballos de costura e os bordados de punto de cruz.[3][6]

Festividades e celebracións

[editar | editar a fonte]
Disfrace de capote con sombreiro charro no Entroido de 2009.
  1. Plan Municipal... Páxina 31.
  2. 2,0 2,1 2,2 Plan Municipal... Páxinas 30-31.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 "Huayacocotla". Enciclopedia de los Municipios de México. Instituto Nacional para el Federalismo y el Desarrollo Municipal (E-local.gob.mx).
  4. "Pinus montezumae". SIRE-Paquetes Tecnológicos (Conafor.gob.mx).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Plan Municipal... Páxinas 31-32.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Plan Municipal... Páxina 33.
  7. "La Sierra de Huayacocotla". Instituto Terra Nova (Iterra.edu.mx).
  8. García, J. (2021). "La Sierra de Huayacocotla". Es.scribd.com
  9. "Huayacocotla". Municipios.mx
  10. Plan Municipal... Páxina 34.
  11. "Huayacocotla, Ver.". Huayacocotla.wordpress.com
  12. "Clima y previsión meteorológica mensual Huayacocotla, México". Weather-atlas.com
  13. "Huayacocotla". Data México (Economia.gob.mx).
  14. Plan Municipal... Páxina 35.
  15. Plan Municipal... Páxina 38.
  16. Plan Municipal... Páxina 42.
  17. Plan Municipal... Páxinas 38-39.
  18. Plan Municipal... Páxina 36.
  19. 19,0 19,1 Plan Municipal... Páxina 44.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 "Huayacocotla Veracruz: tradiciones". Huayacocotla-veracruz-mexico.blogspot.com
  21. "Inicia la fiesta patronal de padre Jesús y de San Pedro Apóstol, en Huayacocotla". Masnoticias.mx. 17 de febrero de 2020.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 22,6 Plan Municipal... Páxina 32.
  23. "Inician carnavales en Huayacocotla". Masnoticias.mx. 10 de enero de 2023.
  24. "Semana Santa 2024 en Huayacocotla". Masnoticias.mx. 1 de abril de 2024.
  25. "En Huayacocotla, celebran de manera sencilla el Día de la Cruz". Masnoticias.mx. 12 de diciembre de 2023.
  26. "En Huayacocotla, feligresía católica conmemora Corpus Christi". Masnoticias.mx. 8 de xuño de 2023.
  27. "Exposición de altares en Huayacocotla, mantiene viva la tradición de Todos Santos". Masnoticias.mx. 31 de outubro de 2023.
  28. "En Huayacocotla recuerdan a la Virgen de Guadalupe". Masnoticias.mx. 12 de diciembre de 2018.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]