I Asemblea Agraria de Galicia
I Asemblea Agraria de Galicia | |
---|---|
Tipo | congreso |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
A I Asemblea Agraria de Galicia celebrouse en Monforte de Lemos o 15 e o 16 de agosto de 1908 en defensa do agrarismo.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Iniciada por Solidaridad Gallega, que no seu Manifesto facía referencia á necesidade de celebrar unha Asemblea con ampla representación. Á Asemblea acudiron tres tendencias distintas, dúas centradas exclusivamente no tema agrario, a Unión Campesina e o Directorio Antiforista de Teis, e outra que ademais xogaba no eido da política partidaria, Solidaridad Gallega. A Unión Campesina que xurdiu estreitamente relacionada co anarquismo coruñés, e o Directorio de Teis prepararon un regulamento moi estruturado, mentres que os solidarios facían unha convocatoria aberta.
Na asemblea reuníronse 55 sociedades de todo o país máis 6 que se adheriron, e representacións de Solidaridad Gallega e Prácticas Modernas. A presidencia correspondeulle a Chinto Crespo, do Directorio de Teis; foron vicepresidentes Ramón Osorio Pita, Francisco Pérez, Manuel Rey Suárez e Manuel Lorenzo; entre os secretarios figuraron Ricardo Picouto, Joaquín Martín Martínez, Venancio Gavín Gallo e Marcelino Rúa Fernández. Destacou a presenza do ourensán Bricio Serantes, presidente da Sociedad de Agricultores de Canedo.
Discutiuse se a Asemblea ía ser un foro de debate de ampla representación e ton técnico ou se debía converterse nun acto campesinista e reivindicativo. Nesta asemblea impuxéronse os solidarios, nos que a tendencia dominante eran os galeguistas, e traduciuse no abandono de Manuel Martínez Pérez e das seccións da Unión Campesina que o seguiron e na automarxinación dos representantes do Directorio, que pasaron a ser meros observadores; como consecuencia Chinto Crespo cedeu a presidencia da reunión a José Moreno Bello, membro de Unión Campesina que desafiara o liderado de Martínez Pérez. Na xuntanza encetou a desfeita da Unión Campesiña; parte das súas sociedades converxeron cos solidarios.
As 41 conclusións da Asemblea publicáronse nun folleto que editou a xunta coruñesa de Solidaridad Gallega. Refírense á política local (loita contra o caciquismo e participación nas eleccións a todos os niveis) e rexional (mancomunidade, fusión nunha das catro deputacións provinciais) e a cuestións relacionadas coa agricultura e a gandería galegas (Agricultura, Gandería, Industrias Rurais, Instrución, Dereito civil, Foros, Impostos, Cuestións de interese xeral, Loita contra o caciquismo e unha Declaración xeral).
A asemblea redactou tamén un proxecto de regulamento da Federación de Sociedades Agrícolas de Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cabo Villaverde, Miguel (1998). O agrarismo. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-89976-28-7.
- Durán, J. A. (1977). Agrarismo y movilización campesina en el país gallego (1875-1912). Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0244-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A Primeira Asemblea agraria Arquivado 14-07-2014 en Wayback Machine.