Igrexa católica bizantina búlgara
Igrexa católica bizantina búlgara | |
---|---|
Historia | |
Fundación | 927 (primeiro patriarcado) 1861 (volta á comuñón coa Santa Sé de ortodoxos búlgaros) |
Separada de | Igrexa ortodoxa |
Parte de | Igrexa católica |
Goberno | |
Tipo de goberno | Episcopal |
Papa | Francisco |
Exarca apostólico | Hristo Proykov |
Estrutura | 1 exarcado apostólico |
Clasificación | |
Grupo | Catolicismo |
Orientación | Cristianismo oriental |
Demografía e cultura | |
Fieis | arredor de 10.000 en Bulgaria |
Países | Bulgaria |
Linguas litúrxicas | Eslavo eclesiástico, búlgaro |
Ritos litúrxicos | Bizantino |
Outros datos | |
Sede central | Sofía |
A Igrexa católica bizantina búlgara é unha Igrexa particular oriental da Igrexa católica. Actualmente a igrexa está estruturada nun único exarcado apostólico, e o seu xerarca é Hristo Proykov.
Historia
[editar | editar a fonte]Baixo o goberno do tsar Boris I de Bulgaria os búlgaros aceptaron o cristianismo, pasando a depender do Patriarcado de Constantinopla orixinal. O seu sucesor Simeón promoveu a proclamación de autocefalia da Igrexa búlgara, recoñecida finalmente polo Patriarcado de Constantinopla en 927. Posteriormente, co Gran Cisma de 1054, a Igrexa de Bulgaria rompeu a comuñón coa Igrexa católica.
Na época da dominación otomá, a partir de 1859, comezaron a xurdir movementos de unión entre os búlgaros. En 1859, cidadáns de Kukush escribiron unha carta ao papa, na que recoñecían a súa autoridade espiritual, e pedían que non se fixesen cambios na súa liturxia bizantina e que se lles garantise o dereito a escoller os seus propios cregos.
En decembro de 1860, Constantinopla converteuse noutro centro do movemento de unión. Dragan Tsankov, xunto con outros líderes seculares e relixiosos búlgaros, entregou unha carta ao vigairo apostólico papal na que pedían ao papa unha unión eclesiástica. Isto foi aprobado pola Santa Sé e polo goberno otomán, estabelecendo a Igrexa Católica Búlgara: o papa Pío IX aceptou a súa petición e ordenou arcebispo ao arquimandrita Yosif Sokolski o 8 de abril de 1861.
Porén, ao pouco de chegar a Constantinopla en xuño de 1861, Sokolski foi secuestrado por axentes imperiais rusos e enviado nun barco ruso a Odesa, e pasou os 18 anos que lle quedaban de vida nun mosteiro de Kíiv. Non houbo ninguén á cabeza da Igrexa católica búlgara até 1863, cando Rafail Popov foi elixido bispo, co título de vigairo apostólico de Constantinopla mais con sé en Adrianópole.
En 1874 o bispo ortodoxo búlgaro Nil Izvorov comezou en escribiu unha carta a Rafail Popov transmitíndolle que os búlgaros da rexión de Macedonia querían unirse á Igrexa católica búlgara. Logo disto, enviou outra carta ao papa pedíndolle o mesmo. Recibiu resposta afirmativa e pasou a exercer o seu ministerio en Macedonia, até que os otománs lle prohibiron a entrada en Kukush. Popov finou en 1876, e Izvorov sustituiulle como administrador apostólico, subordinado directamente á delegación apostólica de Constantinopla. En 1883 foi nomeado vigairo apostólico, e no mesmo ano se erixiron as vigairías apostólicas de Tracia (con sé en Adrianópole) e de Macedonia (con sé en Tesalónica). Porén, en 1884 Izvorov volveu á Igrexa ortodoxa.
Durante as guerras balcánicas e a primeira guerra mundial a maioría dos búlgaros fuxiron dos territorios das actuais Grecia, Macedonia do Norte e Turquía. Como resultado, as tres vigairías apostólicas foron suprimidas en 1926, para estabelecer o exarcado apostólico de Sofía, o que sucedeu co apoio do visitador apostólico para Bulgaria, Angelo Roncalli, quen tamén apoiou a creación dun seminario interritual en Sofía en 1934.
Co estabelecemento das fronteiras actuais, o exarcado actual só ten xurisdición sobre os búlgaros greco-católicos de Bulgaria, estando os fieis católicos búlgaros en Grecia baixo a xurisdición do exarcado apostólico de Grecia, os de Macedonia do Norte baixo a xurisdición do exarcado apostólico de Macedonia, e os de Turquía baixo a xurisdición do exarcado apostólico de Constantinopla.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A Igrexa católica búlgara organízase actualmente nun único exarcado apostólico, con sé en Sofía. O territorio está organizado en 14 parroquias.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- d'Avril, Adolphe (1897). "Bulgarie chrétienne. X De l'union avec l'Eglise romaine". Revue de l'Orient chrétien (en francés) 2: 165–175.
- Светлозар Елдъров (1994). Униатството в съдбата на България.