Igrexa católica etíope
Igrexa católica etíope | |
---|---|
Historia | |
Fundación | 1961 (erección da arquieparquía de Adís Abeba) |
Motivo | Volta á comuñón coa Igrexa católica de cristiáns etíopes |
Separada de | Igrexa etíope tewahedo |
Parte de | Igrexa católica |
Goberno | |
Tipo de goberno | Episcopal |
Metropolita de Adís Abeba | Berhaneyesus Souraphiel |
Estrutura | Dividida en 7 eparquías |
Agrupacións | Congregación para as Igrexas orientais |
Clasificación | |
Grupo | Catolicismo |
Orientación | Cristianismo oriental |
Demografía e cultura | |
Fieis | 302.000 |
Países | Etiopía |
Linguas litúrxicas | lingua ge'ez |
Outros datos | |
Sede central | Adís Abeba |
Páxina web | ecs.org.et |
A Igrexa católica etíope, antigamente coñecida como a Igrexa abisinia uniata, é unha Igrexa particular metropolitana oriental, parte da Igrexa católica. Estabelecida en 1930, os seus fieis son habitantes de Etiopía.
Como as outras Igrexas católicas orientais, a Igrexa católica etíope está en plena comuñón coa Santa Sé. Acepta a doutrina cristolóxica do Concilio de Calcedonia e a xurisdición universal do Papa. Isto distínguea da Igrexa etíope tewahedo, a Igrexa ortodoxa oriental (non calcedoniana) á que pertencen a maioría dos cristiáns nestes dous países.
Comparte con ditas Igrexa o rito litúrxico alexandrino, empregando a lingua ge'ez como lingua litúrxica.
Historia
[editar | editar a fonte]Os descubrimentos portugueses permitiron que se abriran novas vías de comunicación entre a Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa Etíope, coa chegada no século XIV de misioneiros católicos a Etiopía. O 28 de agosto de 1439 o papa Uxío IV mandou unha mensaxe de unidade coa Igrexa católica ao Emperador de Etiopía Constantino I pero os seus esforzos non deron resultado.[1]
Cos ataques islámicos de 1531 ameazando a Etiopía, o emperador buscou a axuda dos portugueses para derrotar ao Sultanato de Adel na Guerra Adel-Etíope. Xunto cos portugueses, chegaron misioneiros xesuítas, que centraron as súas actividades misioneiras na clase dirixente co propósito de buscar a unión da Igrexa ortodoxa etíope coa Igrexa católica. O emperador Sissinios converteuse principalmente pola predicación do xesuíta Pedro Páez. En 1622, Sissinios fixo do catolicismo a relixión do estado. Ao ano seguinte, o papa Gregorio XV designou a Afonso Mendes, un xesuíta portugués, como patriarca da Igrexa etíope. Mendes tentou latinizar a Igrexa etíope e foi apoiado por Sissinios, mais o efecto desexado foi o contrario e, logo da morte de Sissinios en 1632, o seu sucesor Fasílides expulsou en 1636 a Mendes do país, rematou a unión con Roma e expulsou ou matou os misioneiros que quedaban, permanecendo o país pechado aos misioneiros católicos por 200 anos.[1]
En 1839 os lazaristas e os capuchinos retomaron as actividades misioneiras no país, aínda que con certas limitacións. No mesmo ano, Xustino de Jacobis foi nomeado primeiro Prefecto Apostólico de Abisinia e lle foi encomendada a fundación de misión católicas no país. Logo de oito anos de traballo, foi nomeado bispo titular de Nilopolis en 1847, e pouco despois Vigairo Apostólico de Abisinia, pero rexeitou a dignidade episcopal até que lle foi imposta en 1849.[2]
En 1889 o Emperador Menelik II chegou ao trono e permitiu o acceso ao país aos misioneiros católicos. Coa conquista de Etiopía por Italia na Segunda Guerra Italo-Abisinia as actividades misioneiras aumentaron no país, do mesmo xeito que en Eritrea, baixo control italiano dende 1889.[1]
En 1919 foi fundado o Pontificio Colexio Etíope no Vaticano polo papa Bieito XV, coa Igrexa de santo Estevo, detrás da Basílica de San Pedro, como igrexa do colexio.[3]
A Igrexa latina xa fora establecida no sur do país, en territorios aínda non cristianizados e que foron incorporados ao país a finais do século XIX. A ocupación italiana de Etiopía en 1936 facilitou o aumento do número de xurisdicións de rito latino, mais a expulsión dos misioneiros estranxeiros co gallo do fin da segunda guerra mundial levou a que os cregos de rito etíope tiveran que ocuparse dos territorios até entón baixo réxime latino. En 1951 foi creado o Exarcado Apostólico de Rito Etíope de Adís Abeba, e o ordinariato para Eritrea foi elevado ao rango de Exarcado. Dez anos máis tarde, o 20 de febreiro de 1961, foi establecida unha provincia eclesiástica etíope, con Adís Abeba como Sé Metropolitana[4] con Asmara (en Eritrea) e Adigrat como eparquías sufragáneas.[1]
En 1995 foron creadas dous novas eparquías, Barentu e Keren, en Eritrea,[5] e a vigairía apostólica da Igrexa católica foi abolida, converténdose Eritrea no único país do mundo no que todos os católicos, sen importar o seu rito litúrxico, pertencían a unha xurisdición católica oriental.[3] En 2003 foi creada unha eparquía máis en Endibir na rexión das Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur de Etiopía,[4] e en 2012 outra máis en Segeneiti, no sur de Eritrea, quedando xa que logo estruturada a Igrexa en sete sedes, tres en Etiopía e catro en Eritrea.[3]
O 19 de xaneiro de 2015 o papa Francisco instituíu a Igrexa católica eritrea como Igrexa particular autónoma, separándoa da Igrexa etíope, e nomeando como primeiro metropolita ao arcebispo de Asmara, Menghesteab Tesfamariam.
Xurisdicións, estrutura e demografía
[editar | editar a fonte]Eparquías
[editar | editar a fonte]A Igrexa Católica Etíope ten xurisdición eclesiástica sobre Etiopía. A Igrexa estrutúrase en 4 igrexas locais, unha arquieparquía e 3 eparquías sufragáneas dela. A arquieparquía de Adís Abeba cobre, xunto coas eparquías de Adigrat, Bahir Dar–Dessie e Embeder, a totalidade do territorio etíope.[6]
Xerarquía
[editar | editar a fonte]A maior autoridade desta Igrexa é o arcebispo metropolitano de Adís Abeba, cargo que dende xullo de 1999 ocupa o Abuna Berhaneyesus Souraphiel CM. Por enriba del tan só está o Papa, segundo dispón o canon 43 do CCEO.[7]
Demografía
[editar | editar a fonte]Os fieis da Igrexa católica etíope son unha pequena parte dos cristiáns etíopes, pertencendo a maioría deles á Igrexa ortodoxa etíope. Tamén hai certo número de fieis emigrados aos países do Medio Oriente,[8] e existen minorías en Somalia e Xerusalén. En total, os fieis católicos etíopes (sen contar aos de rito latino) son arredor de 150.000. A continuación amósanse os números do metropolitanato de Adís Abeba en 2016:
Números da Igrexa católica etíope[1] | ||||||||
Fieis | Bispos | Parroquias | Sacerdotes seculares | Sacerdotes relixiosos | Relixiosos | Relixiosas | Diáconos permanentes | Seminaristas |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
70.755 |
4 |
107 |
108 |
177 |
254 |
421 |
0 |
66 |
Características
[editar | editar a fonte]Liturxia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: rito ge'ez.
A Igrexa Etíope emprega na súa liturxia o rito ge'ez (ou etíope), que comparte coa Igrexa etíope tewahedo e coa Igrexa católica eritrea. Este rito é un dos dous ritos alexandrinos, sendo o outro o rito copto.
Disciplina
[editar | editar a fonte]- O celibato non é, como na Igrexa latina, obrigatorio, e en teoría pódense ordenar varóns casados. Porén, a Igrexa católica etíope (xunto cos católicos coptos e siríacos) ten adoptado o celibato como norma, mais permitindo certas dispensas do metropolitano.
- Esta Igrexa só admite ao diaconado a varóns adultos, a diferenza da Igrexa etíope tewahedo que ordena como diáconos a rapaces.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 The Ethiopian Catholic Church, Catholic Near East Welfare Association, (en inglés).
- ↑ Blessed Justin de Jacobis, na Catholic Encyclopedia de 1913 (en inglés).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 The Ethiopian Catholic Church, Ronald G. Robertson en Catholic Near East Welfare Association, p.2, (en inglés).
- ↑ 4,0 4,1 Metropolitan Archdiocese of Addis Abeba, Giga-Catholic Information (en inglés).
- ↑ The Eastern Catholic Churches 2010 Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine., Ronald G. Roberson para Catholic Near East Welfare Association, (en inglés).
- ↑ Arquieparquía de Adís Abeba (en inglés).
- ↑ CCEO, can. 43 (en latín).
- ↑ Intervention de Mgr Berhaneyesus Demerew SOURAPHIEL, Président du Conseil de l'Église Éthiopienne, Président de la Conférence épiscopale (Éthiopie et Érythrée) (ÉTHIOPIE), (en francés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Ethiopian Catholic Church en CNEWA.us (en inglés).