Saltar ao contido

Jacques Yvon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJacques Yvon
Nome orixinalJacques Paul Sosthène Yvon
Biografía
Nacemento16 de novembro de 1823
11.º arrondissement de Paris, Francia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte28 de xaneiro de 1983 (59 anos)
Bordeos.
País de nacionalidadeFrancia Francesa.
EducaciónÉcole des Chartes.
École du Louvre.
Q89547790Presidente da SFN.
Actividade
Campo de traballoHistoriografía, numismática, biblioteconomía e arquivística.
Ocupaciónnumismático Editar o valor en Wikidata
Membro de
Sociedade Francesa de Numismática.
Sociedade Literaria, Histórica e Arqueolóxica de Lión.
Familia
CónxuxeAnne-Marie Briand. Editar o valor en Wikidata

Jacques Paul Sosthène Yvon, nado en París o 16 de novembro de 1923 e finado en Bordeos o 28 de xaneiro de 1983, foi un historiador, numismático, bibliotecario e arquiveiro francés, presidente da Sociedade Francesa de Numismática de 1967 a 1969.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Jacques Yvon naceu en París o 16 de novembro de 1923.[1] Logo de cursar a súa educación secundaria no liceo Janson-de-Sailly, en 1944 ingresou na École des Chartes para facer os seus estudos superiores, dos que se graduou en 1949 cunha tese acerca da ilustración das novelas artúricas dos séculos XIII ao XV.[2][3][4]

Paralelamente, Yvon acadou tamén o diploma da Escola do Louvre.[4]

Carreira numismática

[editar | editar a fonte]

Entre 1949 e 1950, Jacques Yvon exerceu como arquiveiro adxunto nos Arquivos Departamentais do departamento do Ródano, e o 1 de decembro deste último ano regresou a París para ingresar na Biblioteca Nacional de Francia,[5] inicialmente no departamento de préstamos e, a partir de 1951 como conservador no Gabinete de Moedas e Medallas,[1] onde desenvolveu a súa profesión durante as dúas décadas seguintes.[6] O seu labor no Gabinete converteuno nun experto en numismática medieval francesa e tamén nas emisións monetarias do Oriente latino.[4]

En 1952, Yvon ingresou como membro de pleno dereito, na Sociedade Francesa de Numismática (SFN). Tres anos máis tarde sucedeu a Jean Lafaurie como secretario desta entidade; logo foi o seu vicepresidente (1965-1967) e, finalmente, ocupou a presidencia da Sociedade de 1967 a 1969.[7][8] Igualmente, foi un colaborador habitual das dúas publicacións periódicas da SFN, o Bulletin de la Société française de numismatique e a Revue numismatique.[4] Nesta última, publicou en 1958 un estudo sobre as moedas con lendas árabes do Oriente latino, escrito xunto con Paul Belog.[9]

Ademais das súas publicacións numismáticas, Yvon presentou diversos relatorios sobre a moeda medieval francesa, italiana, do Oriente latino e de Armenia no Congreso Internacional de Numismática de Roma (1961) e no de Copenhague (1967), e foi coeditor do volume que recolle os relatorios sobre eses temas no congreso de Nova York (1973). Así mesmo, foi profesor invitado na American Numismatic Society en 1960 e profesor de Numismática na Escola do Louvre en 1964.[4][6]

Outros intereses

[editar | editar a fonte]

En 1949 ingresou na Sociedade Literaria, Histórica e Arqueolóxica de Lión.[5] Tamén foi un membro activo da Asociación de Bibliotecarios de Francia, onde desempeñou o cargo de tesoureiro adxunto ata 1960.[6]

Ademais da numismática, Yvon aproximouse tamén outras ramas da erudición. En 1967 fixo, xunto coa súa esposa, a tradución ao francés e unha edición anotada do Eloxio da loucura, de Erasmo de Rotterdam,[10] e en 1969 colaborou na exposición sobre Erasmo programada para o ano seguinte en París,[4] mais que non chegou a celebrarse.[6]

En 1971 abandonou o seu posto en París, no Gabinete de Medallas, e trasladouse a Bordeos para asumir o de conservador xefe da biblioteca municipal desa cidade.[1] Máis tarde foi nomeado tamén asesor da Dirección Rexional de Asuntos Culturais e presidente do Círculo de Estudos e Bibliotecarios das rexións de Aquitania e Languedoc.[11]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

En 1978, Yvon comezou a sufrir as limitacións provocadas por unha doenza, que o abrigaron a abandonar os seus cargos en 1980. Pasou esta derradeira etapa da súa vida en Bordeos xunto coa súa esposa, Anne Marie Briand, ata que finou o día 28 de xaneiro de 1983, aos 59 anos.[1][11]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Yvon, Jacques (1923-1983)". BnF.fr
  2. Yvon, J. (1948). L'illustration des romans arthuriens du XIII au XVe siècle. École nationale des Chartes.
  3. "École des chartes. Thèses". Theses.enc.sorbonne.fr
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Desgraves (1984). Páxina 386.
  5. 5,0 5,1 "Yvon, Jacques-Paul-Sosthène". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Dumas, F. (1985).
  7. Le Rider, G. et al. (1965). "La Société française de numismatique: 1865-1965". En Revue Numismatique. Tomo 7. Páxina 24.
  8. "Les présidents de la SFN". Société française de numismatique.
  9. Belog, P.; Yvon, P. (1958). "Monnaies à légendes arabes de l'Orient latin". En Revue numismatique. 1. Páxinas 133-168.
  10. Chomarat, J. (1972). "L'Éloge de la Folie et ses traducteurs français au XXe siècle". En Bulletin de l'Association Guillaume Budé. 2. Páxinas 169-188.
  11. 11,0 11,1 Desgraves (1984). Páxina 387.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Pierre Bastien
Presidente da
Sociedade Francesa de Numismática

1967-1969
Sucesor:
Hans-Georg Pflaum