Johann Heinrich Pestalozzi
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2023.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1746 Zürich, Suíza |
Morte | 17 de febreiro de 1827 (81 anos) Brugg, Suíza (pt) |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Birr (pt) |
Catedrático | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Zürich |
Actividade | |
Campo de traballo | Pedagoxía |
Ocupación | pedagogo |
Empregador | Universidade de Zürich |
Membro de | |
Profesores | Johann Rudolf Tschiffeli (pt) |
Alumnos | Allan Kardec, Friedrich Fröbel, Louis-Vincent Tardent (pt) e Peter Kaiser |
Influencias | |
Obra | |
Arquivos en |
|
Familia | |
Cónxuxe | Anna Pestalozzi |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Песталоцци Иоганн Генрих) Enciclopedia de Otto Allgemeine Deutsche Biographie |
Johann Heinrich Pestalozzi, nado en Zürich o 12 de xaneiro de 1746 e finado o 17 de febreiro de 1827, foi un pedagogo suízo. Foi un dos primeiros pensadores ó que se podería denominar "pedagogo" no sentido moderno do termo. O seu pai era cirurxián, pero morreu cando Johann Heinrich era aínda moi pequeno, polo que se criou coa súa nai. Como profetizando a súa obra e pensamento, caracterizouse por ser un neno desobediente, desordenado e con poucos logros escolares na súa infancia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como sociólogo
[editar | editar a fonte]Pestalozzi, tanto polos seus escritos como por toda a súa actuación, é un home da Ilustración, un perfecto e ilustre representante da mesma en tódolos aspectos. En política, adhírese expresamente ó despotismo ilustrado na obra: Ó bo talante, a seriedade e a fidalguía da miña época e da miña patria(1815). En Leonardo e Gertrudis, e en escritos posteriores, sempre presenta a educación como o medio de superar a pobreza do pobo e de conducilo á felicidade e á virtude (outro ideal da Ilustración).
Como home Ilustrado, Pestalozzi postulaba unha relixión sen dogmas revelados nin teoloxías de Igrexa, ás que chamaba "superstición". Para el a relixión residía nos sentimentos do corazón humano e, igual que para Kant, tiña como función moralizar a persoa e a humanidade: a verdadeira relixión é a das boas obras, non a do culto.
Por outra parte, Pestalozzi era un cristián protestante convencido e devoto, practicante e cheo dunha piedade que inculcaba ós seus alumnos e que expresou en moitos dos seus escritos.
Como filántropo
[editar | editar a fonte]Interesado en procurar o ben do pobo, Pestalozzi analiza os fallos da organización e vida social deste, denuncia os abusos que existen nela e propón os medios adecuados para corrixir os fallos, en tódolos ámbitos (laboral, sanitario, cultural, educativo, xurídico).
Como político
[editar | editar a fonte]O interese que tiña pola sociedade e o seu bo funcionamento levou a Pestalozzi a ocuparse da política, na que participou activamente nalgunhas ocasións:
- Na súa mocidade, afiliouse a unha sociedade patriótica e implicouse nas súas actuacións.
- Colaborou co Goberno instaurado en Suíza pola Revolución de 1798, facendo comprender ó pobo a necesidade desta e das medidas gobernamentais tomadas.
- Foi membro dunha delegación que en 1802 visitou a Napoleón para ratificar a nova Constitución que este impuña a Suíza.
Como xurista
[editar | editar a fonte]Pestalozzi comezara os seus estudos facendo a carreira de Dereito e, malia que a abandonou axiña, sen dúbida quedoulle unha sensibilidade e unha afección ó tema xurídico, que, en distintas ocasións, foi tocando durante toda a súa vida, insistindo na necesidade de renovar as leis para facelas máis xustas e máis adecuadas á situación do momento.
Como antropólogo
[editar | editar a fonte]Pestalozzi cultivou unha Antropoloxía social, sobre a que asenta as bases das súas concepcións políticas e sociais, e unha Antropoloxía persoal, que lle serve para saber como orientar a educación das persoas. Na práctica, ambos os tipos de Antropoloxía veñen implicados o un no outro, xa que o comportamento humano é, en gran parte, un comportamento social.
Como literato
[editar | editar a fonte]Pestalozzi foi un escritor profesional e, como tal, desempeñou unha actividade literaria, en varios aspectos. Na súa revista Unha folla suíza, que publicou regularmente durante un ano, ten artigos de contido cultural e frecuentemente inserta tamén poesías. Ocasionalmente coidou moito a forma estética dos seus escritos, como o titulado Epístola a Friné sobre a amizade (1782), no que fai gala dun belo estilo literario. Ocórrelle o mesmo en certos momentos, nos que -por exemplo- describe un solpor nun val ou un sentimento relixioso no corazón humano.
As obras propiamente literarias de Pestalozzi son dúas. Unha, a primeira parte de Leonardo e Gertrudis, libro este que se pode considerar tamén unha novela costumista, na que o autor presenta e describe uns personaxes populares moi característicos e, sobre todo, pon nas súas bocas unha linguaxe coloquial chea de frescura rural e de modismos dialectais. Con razón, o seu autor chámao "un libro do pobo" (e a Cristóbal e Elsa, feito no mesmo estilo, un "segundo libro do pobo"). O grande éxito popular desta obra de Pestalozzi debeuse, sobre todo, a esta característica estilística.
Como pedagogo
[editar | editar a fonte]A pedagoxía de Pestalozzi céntrase na educación infantil e escolar e, desde 1811, el e os seus colaboradores mencionan o sistema pestalozziano co nome de "educación moi elemental". Consiste en facer que o proceso de crecemento humano (sensitivo, intelectual e moral) siga o curso evolutivo da natureza do neno, sen adiantarse artificialmente a este. A educación é vista como unha "axuda" que se dá ó neno neste proceso para que se realice ben, e a actividade educativa e docente é vista como unha "arte".
Como didacta
[editar | editar a fonte]O máis típico de Pestalozzi, e polo que foi máis coñecido e do que estaba máis orgulloso, foi o seu método de ensino, que el mesmo tratou de divulgar e, de feito, en varios países europeos fundáronse escolas pestalozzianas, entre eles España.
Para Pestalozzi, o coñecemento humano comeza coa intuición sensible das cousas, e a partir dela se forman as ideas. Así, tamén o método de ensinanza debe seguir este mesmo proceso, adaptándose ó desenvolvemento mental do neno en cada momento dado. O coñecemento debe avanzar desde unhas intuicións confusas, a unhas ideas claras e distintas.
Vida cultural
[editar | editar a fonte]A súa vida cultural divídese en varias etapas, marcadas polo lugar de estancia.
Con 23 anos chega a Neuhof (1770-1798), casado e cun fillo. Organiza unha leira de explotación agrícola, que non chega a ter éxito. Entón funda alí unha empresa industrial téxtil con nenos pobres, ós que dá educación e instrución. Poucos anos despois (1780) esta iniciativa tamén fracasa, e entón, para subsistir, dedícase á actividade de escritor. Esta función literaria de Pestalozzi dura vinte anos, da que proceden un gran número de obras.
En 1799 múdase a Stans. Trala Revolución Suíza de 1798 (unha réplica da Revolución Francesa), que supuxo un desastre para o cantón do que Stans é capital, o Goberno suízo confía a Pestalozzi (que colaboraba politicamente con el) a educación dos orfos da guerra e dos nenos pobres da rexión. Con esta experiencia, que dura sete meses, Pestalozzi entra no mundo da educación.
Entre 1799 e 1804 vive en Burgdorf. Comeza a traballar como mestre nunha escola pública, e en 1800 funda unha institución educativa privada (internado) no castelo desta cidade. Aos tres anos é obrigado a abandonalo, e entón traslada o seu instituto a Münchenbuchsee, e logo dun ano acepta o ofrecemento da cidade de Yverdón para trasladalo alí.
En 1801 Pestalozzi expuxo as súas ideas en torno á educación no libro Como Gertudis ensina ós seus fillos. O seu método partía do máis sinxelo ó máis difícil: observación, concienciación e discurso.
En Yverdón (1804-1825) a institución docente de Pestalozzi acada a súa plenitude e un renome internacional. Mercé á axuda de bos colaboradores vai perfeccionando e difundindo o seu método. Nos últimos anos xorden dificultades no seo desta institución, que ocasionan desgustos ó seu fundador. En 1825 péchase o instituto, regresando a Neuhof.
O 14 de decembro de 1814 morrera a súa esposa.
En 1815 comezaron as diferenzas entre os profesores da escola. Os últimos anos de Pestalozzi foron anos de abatemento e penas. En 1825 retirouse a Neuhof, onde crecera. Logo de escribir as reflexións da súa vida e o seu último libro O Canto do Cisne, morreu en Brugg.
O seu epitafio reza:
Salvador dos pobres de Neuhof;
Predicador do pobo en Leonardo e Gertrudis;
en Stanz, pai dos orfos;
en Burgdorf e Münchenbuchsee, fundador da escola primaria,
en Iverdon, educador da Humanidade.
Home, cristián, cidadán, todo para os demais, para si, nada.
¡Bendecide o seu nome!
Como el mesmo dicía, a obra mestra da súa vida non a fixera en Burgdorf nin en Yverdon, senón que descansaba nos principios educativos que profesaba: o desenvolvemento da observación, a formación integral do home, a dedicación do profesor á ensinanza, como reflicten os seus seis meses de traballo en Stans. Pestalozzi aínda hoxe ten unha profunda influencia en tódolos aspectos da educación, resaltando tres planos:
- A súa pedagoxía naturalista
- Un método: intuición global
- Finalidade da educación
Pedagoxía naturalista
[editar | editar a fonte]Foi un grande admirador de Rousseau, levando á práctica o naturismo. Así, non aprendeu a ler ós seus fillos ata os 11 anos.
Consideraba a familia como o núcleo fundamental da educación, e despois dela a escola, e o medio vital e social.
Creou escolas populares, abertas a todo o mundo, rexeneradas con espírito social, non público nin institucional. Deixouse guiar polo seu espírito humanitario, dedicándose ó pobo e ós pobres.
Un método: intuición global
[editar | editar a fonte]Valoraba a mecanización da ensinanza, coa busca dun método.
Eu creo que non se pode soñar con obter o progreso na instrución do pobo mentres non se encontren formas de ensinanza que falen polo menos do mestre, ata a fin dos estudos elementais. O simple instrumento mecánico dun método que debe os seus resultados á natureza dos seus procedementos, e non á habilidade daquel que o practica.
O seu método baseábase en:
- Forma (observar, medir, debuxar e escribir): Ensinarlles a distinguir a forma de cada obxecto, as súas dimensións e proporcións. Cal é a súa forma?.
Enriquecer a memoria dos nenos con explicacións sinxelas de obxectos e materiais.
Ensinar a describir e a decatarse das súas percepcións.
Ensinarlle ó neno, por medio do debuxo, a medir tódolos obxectos que se presentan á súa vista e adquirir habilidades para reproducir. Pestalozzi pensou que por medio do debuxo se exercitaba ó neno na súa escritura. - Número (relacións métricas e numéricas): Ensinarlles ós nenos a considerar cada un dos obxectos que se lles dá a coñecer como unidade, separado daqueles cos que aparece asociado. Cantos hai?. Utilización de táboas con letras, acumuladas de 1 en 1 para que o neno coñecese a relación dos números ó mesmo tempo que aprendía as letras.
Partir das cousas simples antes de avanzar ás máis complicadas. - Nome: Familiarizalos desde moi pequenos co conxunto de palabras e nomes de tódolos obxectos que van coñecendo. Como se chama?.
O método de Pestalozzi é un método "lóxico", baseado na concepción "analítica e sistemática" da ensinanza e a aprendizaxe.
Finalidade da educación
[editar | editar a fonte]- Conseguir que o home acade a perfección (desenvolvemento das capacidades humanas)
- A humanización do home é a fin da educación.
- Tripla actividade:
- Espírito: vida intelectual
- Corazón: vida moral
- Man: vida práctica
- A educación segue o desenvolvemento da Humanidade
- O camiño que debe seguir a educación é:
- Ser instintivo, encárgase a familia: educación familiar.
- Ser social, encárgase o Estado: educación escolar.
- Ser moral, encárgase a Humanidade: educación moral e social.
- Dáballe un gran valor á educación relixiosa, sempre que non tivese un carácter dogmático nin confesional.
Función Social da Educación: O principal obxectivo era integrar a nenos de escasos recursos á vida social, a través da ensinanza dun oficio. Pensaba que os seus propios alumnos -a longo prazo- serían os educadores do mañá.
Desempeño do docente: O educador non era concibido como unha figura autoritaria. Neste sentido, o docente debía estar ó servizo das necesidades do alumno.
Concepto do alumno: Unha confianza moi grande nas capacidades do neno.
Papel da escola: A concepción de establecemento escolar estaba moi ligada á ensinanza do oficio: máis que escolas eran obradoiros.
Concepto dos valores: O principal valor do seu interese foi o da educación igualitaria, poder educar a xente marxinada. Confiaba plenamente nas virtudes da educación popular.
Aspectos xerais da educación
[editar | editar a fonte]- Pór en práctica o método de ensinar a uns por medio doutros, debido ó gran número de nenos.
- A ensinanza de ambos os sexos (coeducación).
- Importancia da educación creativa e produtiva.
- Ensinanza de moral e relixión, que se debe iniciar na familia.
- Considerar que as relacións afectivas entre nai e fillo condicionan a este paulatinamente a desenvolver sentimentos de bondade e amor.
- Educación Social: debe iniciarse na familia e continuarse na escola.
- A práctica da escola-traballo, combinando a ensinanza da lectura, escritura, cálculo, debuxo, moral e relixión coas actividades agrícolas.
Contribucións á educación preescolar
[editar | editar a fonte]Con Pestalozzi a pedagoxía comeza a ver o neno dun xeito diferente. Sitúao nunha verdadeira relación coa natureza e a cultura. Malia que a súa ensinanza se basea nunha educación elemental, as súas influencias tamén atinxen á Educación Preescolar.
- Dáballe importancia ó desenvolvemento do neno.
- Puxo en práctica a organización de experiencias e actividades por medio do xogo.
- Valorou as actividades espontáneas do neno.
- Fixo énfase na exercitación das actividades manuais.
- Considerou a exercitación no debuxo como un medio para perfeccionar progresivamente a man, o que lle serviría de base para a escritura.
- Exercitou a linguaxe por medio da conversación sinxela, para despois aprender a ler.
- Destacou a utilidade dos exercicios corporais combinados cos cantos.
- Sinalou como vital o desenvolvemento do neno nos seus primeiros momentos coa familia, en especial coa nai.
- Deulle importancia á afectividade desde o mesmo momento do nacemento do neno.
- Destacou o desenvolvemento social do neno, primeiramente na familia e posteriormente na escola.
- Considerou importante a creación de institucións para atender a aqueles nenos carentes de recursos económicos.
Obras
[editar | editar a fonte]Algunhas das súas obras máis importantes son:
- Die Abendstunde eines Einsiedlers (Vixilia dun solitario) (1780)
- Unha folla suíza (1782). A revista composta e editada por Pestalozzi.
- Epístola a Friné sobre a amizade (1782)
- As miñas indagacións sobre o proceso da natureza no desenvolvemento da humanidade (1797)
- Como Gertrudis ensina ós seus fillos (1801)
- Libro das nais (1803)
- Carta a un amigo sobre a miña estancia en Stans (1807)
- Ó bo talante, a seriedade e a fidalguía da miña época e da miña patria (1815)
- Cartas sobre educación infantil (1819)
- O canto do cisne e os destinos da miña vida (1826)
Os traballos completos de Pestalozzi foron publicados en Stuttgart en 1819, 1826, e nunha edición preparada por Seyffarth aparecida en Berlín en 1881.
Influencias
[editar | editar a fonte]En España Manuel Godoy fundou en 1807 unha escola de tipo pestalozziana en Madrid. Nela foron educados moitos fillos dos altos cargos vinculados á corte, entre eles Francisco de Paula.
En México en 1945 fundouse en Navojoa, Sonora, o Colexio Pestalozzi, dirixido polas irmás da Congregación das Misioneiras Fillas da Purísima Virxe María, Congregación fundada pola Venerable Nai Julia Navarrete.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Johann Heinrich Pestalozzi |