O almirante da frota John Rushworth Jellicoe, nado o 5 de decembro de 1859 e finado 20 de novembro de 1935, foi un oficial británico da Royal Navy. Loitou na Guerra anglo-exipcia de 1882 e no Levantamento dos bóxers e comandou a Grand Fleet na batalla de Xutlandia en maio de 1916, durante a primeira guerra mundial. O seu mando sobre a frota nesa batalla foi controvertido: non cometeu erros graves e a Hochseeflotte alemá retirouse a porto (nun momento no que unha derrota tería sido catastrófica para o Reino Unido), pero no momento foi decepcionante para o público británico que agardaba unha vitoria á mesma escala que a batalla de Trafalgar. Jellicoe posteriormente serviu como Primeiro Lord do Mar pero foi retirado a finais de 1917 como resultado da súa pesimista visión, declarando que non podía facerse nada para derrotar aos U-boats. Tamén serviu como Gobernador Xeral de Nova Zelandia a principios dos anos 20.