Batalla de Xutlandia
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Batalla de Xutlandia | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A batalla de Xutlandia. | |||||||||
| |||||||||
Combatentes | |||||||||
Reino Unido * Australia * Canadá |
Alemaña | ||||||||
Comandantes | |||||||||
Sir John Jellicoe Sir David Beatty |
Reinhard Scheer Franz Hipper | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
151 barcos 28 acoirazados 9 cruceiros de batalla 8 cruceiros acoirazados 26 cruceiros lixeiros 78 destrutores 1 minador 1 portahidroavións |
99 barcos 16 acoirazados 5 cruceiros de batalla 6 pre-dreadnoughts 11 cruceiros lixeiros 61 torpedeiros | ||||||||
Efectos | |||||||||
Mortes: 6094 | Mortes: 2551 | ||||||||
Feridos: 674 | Feridos: 507 |
A batalla de Xutlandia (alemán: Skagerrakschlacht) foi unha batalla naval que enfrontou á Grand Fleet da Royal Navy (que tamén incluía barcos e persoal individual da Royal Australian Navy e a Royal Canadian Navy) contra a Hochseeflotte da Kaiserliche Marine durante a Primeira guerra mundial. A batalla tivo lugar entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916 no mar do Norte preto de Xutlandia, Dinamarca. Foi a meirande batalla naval e o único enfrontamento a grande escala do conflito. Foi o terceiro encontro entre acoirazados de aceiro, tras as máis pequenas pero máis decisivas batallas do Mar Amarelo (1904) e de Tsushima (1905) durante a guerra ruso-xaponesa.
A Hochseeflotte estaba comandada polo vicealmirante Reinhard Scheer, e a Grand Fleet polo almirante Sir John Jellicoe. A intención da frota alemá era atraer, atrapar e destruír unha parte da Grand Fleet, xa que a forza naval xermana era insuficiente para enfrontarse con éxito a toda a frota británica. Isto formaba parte dunha estratexia máis ampla para romper o bloqueo británico sobre Alemaña e así permitir que os mercantes alemáns operasen. Mentres tanto, a estratexia da Royal Navy era atacar e destruír a Hochseeflotte , ou manter á forza alemá lonxe das rutas de navegación británicas.
O plan alemán era o de usar ao rápido grupo de exploración do vicealmirante Franz Hipper, formado por cinco modernos cruceiros de batalla, para atraer aos escuadróns de acoirazados do vicealmirante Sir David Beatty cara a traxectoria da forza principal alemá. Anteriormente foron colocados submarinos nas probables zonas de paso dos barcos británicos. Porén, os británicos interceptaron sinais que lles fixeron sospeitar que probablemente houbese unha frota maior, polo que o 30 de maio Jellicoe navegou coa Grand Fleet para atoparse con Beatty, pasando sobre a liña de submarinos cando aínda non estaban preparados. O plan alemán atrasárase, causando máis problemas aos seus submarinos que chegaron ao límite do seu aguante no mar.
Na tarde do 31 de maio, Beatty atopou á forza de acoirazados de Hipper moito antes do que os alemáns agardaban. Hipper conseguiu levar a vangarda británica cara á traxectoria da Hochseeflotte. No momento no que Beatty avistou á frota principal regresou cara ao resto da frota británica, cando xa perdera dous cruceiros de batalla dun total de seis cruceiros e catro acoirazados, contra os cinco barcos comandados por Hipper. Os acoirazados, comandados polo contraalmirante Sir Hugh Evan-Thomas, foron os últimos en xirar e formaron a retagarda na retirada de Beatty, agora coa forza alemá perseguíndoos cara a principais posicións británicas. Entre as 18:30, cando o sol caía sobre o horizonte occidental, cegando ás forzas xermanas, e a caída da noite sobre as 20:30, as dúas frotas (cun total de 250 barcos) enfrontáronse directamente dúas veces.
Catorce barcos británicos e once alemáns foron afundidos con grandes perdas de vidas. Despois da posta de sol, e durante a noite, Jellicoe manobrou para cortarlles aos alemáns a retirada á base, coa esperanza de continuar a batalla a mañá seguinte, pero cubríndose na escuridade Scheer atravesou as forzas lixeiras británicas formando na retagarda da Grand Fleet e regresando a porto[1].
Ámbalas dúas partes reclamaron a vitoria. Os británicos perderon máis barcos e o dobre de mariñeiros, e a prensa do país criticou o fracaso da Grand Fleet para forzar un resultado decisivo, pero o plan de Scheer de destruír unha parte substancial da frota británica tamén fracasou. A "frota en potencia" alemá continuaba sendo unha ameaza, requirindo aos británicos manter os seus acoirazados concentrados no mar do Norte, pero a batalla confirmou a política xermana de evitar calquera contacto entre frotas. Ao final do ano, despois de máis infrutuosos intentos de reducir a vantaxe numérica da Royal Navy, a Kaiserliche Marine volveu os seus esforzos e recursos á guerra submarina sen restricións coa destrución de barcos aliados e neutrais, o que levaría en abril de 1917 á entrada dos Estados Unidos no conflito.
Antecedentes e planificación
[editar | editar a fonte]Planificación alemá
[editar | editar a fonte]Con 16 acoirazados tipo dreadnought, comparados cos 28 da Royal Navy, a Hochseeflotte alemá tiña poucas posibilidades de gañar nun choque frontal contra a frota británica. Os alemáns adoptaron entón unha estratexia de intentar dividir as forzas inimigas. Organizaron incursións no Mar do Norte e bombardeos na costa inglesa, co obxectivo de atraer pequenas escuadras británicas que poderían ser destruídas por forzas superiores ou por submarinos.
En xaneiro de 1916 o almirante Hugo von Pohl, comandante da frota alemá, púxose enfermo. Foi substituído por Reinhard Scheer, que cría que a frota fora usada de xeito demasiado defensivo, que tiña mellores barcos e homes ca a británica, e que se debía levar a guerra cara ao inimigo.[2] Segundo Scheer, a estratexia naval alemá debería ser "danar a frota inglesa a través de incursións ofensivas contra as forzas navais que participan na observación e bloqueo da baía alemá, ademais da colocación de minas na costa británica e ataques submarinos, sempre que sexa posible. Despois de conseguir unha igualdade de forzas coo resultado destas operacións, todas as nosas forzas terían que prepararse e concentrarse, e intentaríase que a nosa frota buscase batalla en condicións desfavorables para o inimigo".
O 25 de abril, tomouse unha decisión por parte do almirantado alemán para deter os ataques indiscriminados dos submarinos contra barcos mercantes. Isto debeuse ás protestas de países neutrais, sobre todo dos Estados Unidos, xa que os seus cidadáns estaban sendo vítimas deses ataques. Alemaña accedeu a que os seus ataques nun futuro só terían lugar de acordo aos acordos internacionais, que requiría do atacante dar un aviso antes e permitirlle ás tripulacións dos barcos que o abandonasen a tempo, e non atacar a barcos totalmente neutrais. Scheer pensaba que non sería posible continuar cos ataques nesas condicións, que deixaba aos submarinos sen a vantaxe da sorpresa e facíaos vulnerables ás pequenas armas dos seus obxectivos. Debido a isto a frota de submarinos foi destinada para atacar barcos militares[3].
Agardábase que, despois dun ataque con éxito dun submarino alemán, os rápidos escoltas británicos, como os destrutores, serían destinados a operacións anti-submarinas. Se os alemáns podían coller aos alemáns nas localizacións previstas, podería ser unha boa oportunidade de restablecer o equilibrio entre as frotas. A esperanza de Scheer era poder ser capaz de emboscar a unha sección da frota británica e destruíla[4].
Despregue de submarinos
[editar | editar a fonte]Ideouse un plan para estacionar submarinos no litoral das bases navais británicas, e a continuación organizar algunha acción que puideses sacar aos buques británicos cara onde os submarinos agardaban. O cruceiro de batalla SMS Seydlitz fora danado nun enfrontamento anterior, pero debía ser reparado antes de mediados de maio, polo que se organizou unha operación para o 17 de maio. A comezos do mes descubríronse problemas cos condensadores en barcos do terceiro escuadrón de cruceiros de batalla, polo que a operación foi atrasada para o 23 de maio. Dez submarinos (U-24, U-32, U-43, U-44, UC-47, U-51, U-52, U-63, U-66 e U-70) recibiron primeiro ordes de patrullar a zona central do mar do Norte entre o día 17 e o 22, e posteriormente tomar as súas posicións de espera. Os U-43 e U-44 foron estacionados en Pentland Firth, por onde a Grand Fleet adoitaba pasar tras deixar Scapa Flow, mentres que o resto de submarinos dirixíronse cara ao fiorde de Forth, agardando aos cruceiros de batalla que saían de Rosyth. Cada barco tiña unha área asignada, dentro da cal podía moverse se o precisaba para evitar ser detectado, pero baixo as ordes de manterse no seu interior. Durante a patrulla inicial no mar do Norte mandóuselles que navegasen só de norte a sur, para que se algún inimigo se atopaba con eles pensase que estaban de regreso dunha operación. Unha vez nas súas posicións finais, os barcos tiñan estritas ordes de evitar a detección prematura que puidese arruinar a operación. Dispúxose dun sinal codificado a través do cal se podería transmitir para alertar aos submarinos o momento exacto do comezo da operación.
Ademais, o UB-27 foi enviado o 20 de maio con instrucións para traballar de igual xeito no fiorde de Forth pasada a illa de May. Ao U-46 ordenouselle patrullar a costa de Sunderland, que fora elixida para o ataque de distracción, pero debido a problemas no motor non puido deixar o porto e o U-47 foi desviado para realizar esta tarefa. O 13 de maio o U-72 foi enviado para colocar minas no fiorde de Forth; o día 23 o U-74 partiu para minar o fiorde Moray; e o 24 o U-75 partiu cara ás illas Orkney para realizar o mesmo traballo. Os UB-21 e UB-22 foron enviados a patrullar o estuario Humber, onde informes (incorrectos) suxerían a presenza de barcos de guerra británicos. Os U-22, U-46 e U-67 foron colocados ao norte de Terschelling para protexer a operación contra forzas lixeiras británicas estacionadas en Harwich[5].
O 22 de maio descubriuse que o Seydlitz aínda non era estanco tras as reparacións e que non estaría preparado ata o día 29. Os submarinos estaban xa nas súas posicións e estaban experimentando dificultades debido ás condicións de visibilidade e do mar. Os británicos decatáranse dunha actividade submarina infrecuente e comezaron a realizar patrullas que obrigaron aos submarinos a deixar as súas zonas. O UB-27 pasou Bell Rock na noite do 23 de maio no seu camiño cara ao fiorde de Forth tal e como estaba planeado, pero tivo que deterse por problemas no motor. Despois das reparacións continuou aproximándose, seguindo a barcos mercantes, e acadou a baía Largo o 25 de maio. Alí o submarino enredouse en redes que atascou unha das súas hélices, forzándoo a abandonar a operación e regresar a casa. O U-74 foi detectado por catro arrastreiros armados o 27 de maio e afundido a 40 km ao sueste de Peterhead. O U-75 puxo as súas minas nas illas Orkney, e aínda que non tomou parte na batalla, estas foron as responsables do afudimento do cruceiro Hampshire on de ía Lord Kitchener (xefe do exército) nunha misión a Rusia o 6 de xuño. O U-72 foi forzado a abandonar a súa misión sen colocar as minas cando unha fuga de aceite revelou a súa posición deixando unha estela tras o submarino[6].
Cepelíns
[editar | editar a fonte]Os alemáns mantiñas unha frota de cepelíns que usaron para o recoñecemento aéreo e para ataques de bombardeo ocasionais. A incursión planeada en Sunderland pretendía usar cepelíns para ver se a frota británica se aproximaba dende o norte, e así evitar que sorprendese aos atacantes.
Cara ao 28 de maio, fortes ventos do noroeste fixeron que non fose posible enviar os Zeppelíns, polo que a incursión tivo que ser adiada novamente. Os submarinos podían está nas súas posicións só ata o 1 de xuño antes de que as súas subministracións se rematasen e tivesen que regresar, polo que se tiña que tomar rapidamente unha decisión sobre o ataque.
Decidiuse usar un plan alternativo, abandonando o ataque en Sunderland e enviando no seu lugar unha patrulla de cruceiros de batalla cara ao Skagerrak, onde probablemente atoparían buques mercantes transportando mercadorías británicas e patrullas de cruceiros inimigos. Considerouse que isto podería facerse sen apoio aéreo, xa que a acción realizaríase moito máis preto de Alemaña, confiando as tarefas de recoñecemento ás patrullas de cruceiros e torpedeiros.
As ordes para o plan alternativo emitíronse o 28 de maio, aínda que se tiñan esperanzas dunha mellora nas condicións climatolóxicas que permitise levar a cabo o plan orixinal. A frota alemá reuniuse no río Jade e en Wilhelmshaven e indicouselle que estivese lista para a acción na medianoite do 28 de maio[7].
Cara ás 14:00 do 30 de maio, o vento aínda era demasiado forte e decidiuse finalmente levar a cabo o plan alternativo. O sinal codificado "31 May G.G.2490" foi transmitido aos barcos da frota para informarlles entón de que o ataque de Skagerrak comezaría o 31 de maio. O sinal pre-establecido para os submarinos en espera foi transmitida ao longo do día dende a estación de radio E-Dienst en Bruxas, e o buque Arcona ancorado en Emden. Só dous dos submarinos, o U-66 e o U-32, recibiron a orde[8].
Resposta británica
[editar | editar a fonte]Desafortunadamente para o plan xermano, os británicos obtiveran unha copia do principal libro de códigos alemán do cruceiro lixeiro SMS Magdeburg, que fora abordado pola Mariña Rusa despois de que encallase en augas territoriais rusa en 1914. As comunicacións navais por radio dos alemáns podían ser entón rapidamente descifradas, e o almirantado británico normalmente coñecía as actividades alemás.
O Room 40 do almirantado británico adicouse a interceptar os sinais navais alemáns. Interceptou e descifrou un sinal o día 28 de maio ordenando a todos os barcos estar preparados para o día 30. Outros sinais foron interceptados, e aínda que non se descifraron, estaba claro que probablemente estivese en curso unha operación importante. Ás 11:00 do 30 de maio, Jellicoe foi advertido de que a frota alemá semellaba prepararse para navegar a mañá seguinte. Cara ás 17:00 o almirantado interceptou o sinal de Scheer, "31 May G.G.2490", deixando claro que algo importante estaba a piques de ocorrer[9].
Sen saber o obxectivo alemán, Jellicoe e o seu equipo decidiron colocar a frota para evitar calquera intento por parte dos seus inimigos de entrar no Atlántico Norte ou no mar Báltico a través do Skagerrak, situándose preto de Noruega, onde poderían cortar calquera ataque alemán á rutas marítimas do Atlántico, ou evitar que os alemáns acadasen o Báltico. Unha posición máis ao oeste non era necesaria, xa que esa zona do mar do Norte podería ser patrullada por aire usando dirixibles e avións de recoñecemento.
En consecuencia, o almirante Jellicoe levou aos 16 acoirazados dreadnought do 1º e 4º escuadrón de batalla da Grand Fleet e tres cruceiros de batalla do 3º escuadrón de cruceiros de batalla cara ao leste de Scapa Flow ás 22:30 do 30 de maio. Tiña que atoparse co 2º escuadrón de batalla con 8 acoirazados dreadnought máis comandados polo vicealmirante Martyn Jerram que procedían de Cromarty. A forza de asalto de Hipper non deixou a baía de Jade ata as 01:00 do 31 de maio, poñendo rumbo cara ao oeste da illa Helgoland seguindo unha canle aberta a través de campos de minas, a unha velocidade de 16 nos. A forza principal alemá de 16 acoirazados dreadnought do 1º e 3º escuadrón de batalla deixou Jade ás 02:30, uníndoselle ás 04:00 os 6 pre-dreadnoughts do 2º escuadrón de batalla en Heligoland, que procedían do río Elba. A forza máis rápida de Beatty, formada por seis bacos do 1o e 2º escuadrón de cruceiros de batalla, ademais de catro acoirazados rápidos do 5º escuadrón de batalla, abandonaron o fiorde de Forth o día seguinte, e a intención de Jellicoe era atoparse con estes barcos a 90 millas ao oeste da boca do Skagerrak, fronte a costa de Xutlandia, agardando polos alemáns ou ata que as súas intencións quedasen claras. A posición planificada dáballes un amplo rango de respostas posibles ás intencións dos alemáns[10].
Orde de batalla
[editar | editar a fonte]A Grand Fleet de Jellicoe dividiuse en dúas seccións. A forza principal estaba composta por 24 acoirazados e 3 cruceiros de batalla. Os acoirazados formaron tres escuadróns de oito barcos cada un, que á súa vez se subdividiron en dous grupos de 4. Acompañándoos había oito cruceiros acoirazados (clasificados pola Royal Navy dende 1913 como "cruceiros"), oito cruceiros lixeiros, catro cruceiros de exploración, 51 destrutores, e 1 destrutor-minador.
A Grand Fleet navegou sen tres dos seus acoirazados: o Emperor of India que estaba reacondicionándose en Invergordon, o Queen Elizabeth que estaba no dique seco en Rosyth e o Dreadnought reacondicionándose en Devonport. O novo Royal Sovereign, con só tres semanas de servizo, foi deixado atrás, xa que a súa inexperta tripulación non estaba preparada para a batalla.
O recoñecemento británico foi proporcionado pola Frota de Cruceiros de batalla baixo o mando de David Beatty: seis cruceiros de batalla, catro acoirazados rápidos clase-Queen Elizabeth, 14 cruceiros lixeiros e 27 destrutores. O recoñecemento aéreo foi proporcionado polos avións do portahidroavións HMS Engadine, un dos primeiros portaavións da historia en participar nun enfrontamento naval[11].
A Hochseeflotte alemá baixo o mando de Scheer tamén estaba dividida nunha forza principal e unha forza de recoñecemento separada. A frota principal de batalla estaba composta por 16 acoirazados e 6 acoirazados pre-dreadnought organizados de igual xeito que os británicos. Ademais destes barcos tamén contaba con 6 cruceiros lixeiros e 31 torpedeiros.
A forza de recoñecemento alemá, comandada por Franz Hipper, consistía en 5 cruceiros de batalla, 5 cruceiros lixeiros e 30 torpedeiros. Os alemáns non tiñan un equivalente ao Engadine, e ningún aeroplano máis pesado que o aire operou coa frota, aínda que a forza de dirixibles da Kaiserliche Marine estivo dispoñible para patrullar o mar do Norte.
Os buques capitais británicos levaban un gran número de canóns e polo tanto podían lanzar andanadas máis grandes que os buques principais alemáns: 150.760 kg contra 60.879 kg. A meirande parte dos acoirazados e cruceiros de batalla de ámbolos dous lados tamén levaban torpedos de distintos tamaños, ao igual que as embarcacións máis pequenas.
A frota de combate alemá viuse obstaculizada pola baixa velocidade e relativamente pobre armamento dos seis pre-dreadnoughts do 2ª escuadrón, que limitou a velocidade máxima da frota a 18 nos (33 km/h), comparada coa velocidade da frota británica de 21 nos (39 km/h)[12]. No bando británico, os oito cruceiros acoirazados eran deficientes tanto en velocidade como en blindaxe. Eses obsoletos escuadróns foron moi vulnerables aos ataques de buques inimigos máis modernos.
A batalla
[editar | editar a fonte]Acción dos cruceiros de batalla
[editar | editar a fonte]A ruta da frota dos cruceiros de batalla británicos trazouse a través do sector que patrullaba o U-32. Despois de recibir a orde de comezar a operación, o U-32 moveuse a unha posición a 130 km ao leste da illa de May na madrugada do 31 de maio. Ás 03:40 avistou aos cruceiros HMS Galatea e Phaeton deixando o fiorde a 18 nos (33 km/h). Lanzou un torpedo ao cruceiro de cabeza a unha distancia de 910 m, pero o seu periscopio atascouse, revelando a súa posición mentres manobraba para disparar o segundo. O cruceiro apartouse para esquivar o torpedo, mentres que o seu acompañante volveuse cara ao submarino intentando chocar contra el. O U-32 somerxeuse, e cando volveu a elevar o periscopio ás 04:10 viu dous cruceiros de batalla dirixíndose cara ao sueste. Estaban demasiado lonxe para atacar, pero o Kapitänleutnant von Spiegel informou do avistamento dos catro barcos a Alemaña[13].
O U-66 tamén debería estar patrullando o fiorde de Forth, pero foi obrigado a moverse cara ao norte, a 97 km de Peterhead para patrullar buques británicos. Alí tivo contacto co 2º escuadrón de batalla procedente do fiorde de Moray. Ás 05:00 tivo que somerxerse cando o cruceiro Duke of Edinburgh apareceu entre a néboa dirixíndose cara a el. A este seguiulle outro cruceiro, o Boadicea, e oito acoirazados. O U-66 achegouse a 320 m dos acoirazados preparándose para disparar, pero tivo que sumerxirse por un destrutor que se aproximaba e perdeu a oportunidade. Ás 06:35 informou de que oito acoirazados e cruceiros dirixíanse cara ao norte.[14]
Os rumbos reportados polos dous submarinos eran incorrectos, debido a que informaron dunha das trazadas do zig-zag que os barcos británicos usaban para evitar os submarinos. Xunto con informes de que máis barcos abandonaron Scapa Flow a primeira hora desa noite, creouse a impresión no alto mando alemán de que a frota británica estaba separada en distintas seccións movéndose independentemente, que era precisamente o que os alemáns agardaban para facerlle fronte[15].
Os barcos de Jellicoe seguiron cara a súa cita sen danos e sen ser descubertos. Porén, foi enganado por un informe da intelixencia do almirantado advertindo que a frota principal de batalla alemá aínda estaba en porto. O director da División de Operacións, vicealmirante Thomas Jackson, pedíralle á división de intelixencia, o Room 40, a localización actual do sinal de identificación alemán DK, usada polo almirante Scheer. Responderon que nese momento estaba transmitindo dende Wilhelmshaven. Sábese que o persoal de intelixencia de Scheer usou deliberadamente un sinal distinto cando estaba no mar, pero ninguén pediu esa información ou explicou o porque da consulta, que era localizar á frota alemá[16].
Os cruceiros de batalla alemáns evitaron os campos de minas que rodeaban Amrum pasando por unha canle cara ás 09:00. Entón dirixíronse cara ao noroeste, pasando a 56 km ao oeste do buque faro de Horns Revip e encarando o Little Fisher Bank, na boca do Skagerrak. A Hochseeflotte seguíaos a uns 80 km por detrás. Os cruceiros de batalla estaban en liña na cabeza, cos catro cruceiros do II grupo de exploración máis o apoio de torpedeiros que abarcaban un arco de 13 km cara a adiante e cara aos lados. A IX frota de torpedeiros formou para dar apoio próximo ao redor dos cruceiros de batalla. A Hochseeflotte adoptou unha formación semellante, cunha pantalla pechada de torpedeiros a cada lado e unha pantalla máis afastada de cinco cruceiros rodeando a columna entre os 8 e os 13 km. Os ventos finalmente eran moderados polo que puideron usarse Zeppelins, e cara ás 11:30 foron enviados cinco: o L14 ao Skagerrak, o L23 a 390 km ao leste de Noss Head no fiorde de Pentland, o L21 a 190 km de Peterhead, o L9 a 160 km de Sunderland, e o L16 a 130 km ao leste de Flamborough Head. A visibilidade, porén, era aínda mala, con nubes por debaixo dos 300 metros[17].
Contacto
[editar | editar a fonte]Cara ás 14:00, os barcos de Beatty dirixíanse cara ao leste aproximadamente á mesma latitude que a escuadra de Hipper, que avanzaba cara ao norte. Se os cursos se mantivesen sen cambios Beatty pasaría entre as dúas frotas alemás, a 64 km aos sur dos cruceiros de batalla e a 32 km ao norte da Hochseeflotte sobre as 16:30, posiblemente quedando atrapado tal e como os alemán planeaban. Porén, as súas ordes foron as de parar a súa patrulla de exploración cando acadase un punto a 420 km ao leste de Gran Bretaña e entón xirar cara ao norte para atoparse con Jellicoe. Os buques de Beatty dividíronse en tres columnas, cos dos escuadróns de cruceiros de batalla en paralelo separados 4,8 km. O 5º escuadrón de batalla foi situado a 8 km ao noroeste, no lado máis afastado de calquera posible contacto inimigo, mentres que unha pantalla de cruceiros e destrutores despregouse ao sueste dos cruceiros de batalla[18].
Ás 14:20 do 31 de maio, a pesar da densa néboa que impedía unha boa visibilidade, os exploradores da forza de Beatty informaron de barcos inimigos no sueste; as unidades lixeiras británicas, inspeccionando un vapor danés neutral (N J Fjord), que fora detido entre as dúas frotas, atopáronse con dous destrutores xermanos que estaban realizando a mesma misión (B109 e B110). Os primeiros disparos da batalla producíronse ás 14:28, cando os HMS Galatea e Phaeton, do 1º escuadrón de cruceiros lixeiros británico, abriron fogo contra os destrutores alemáns, que se retiraron cara aos seus propios cruceiros lixeiros que se achegaban. Ás 14:36, os alemáns apuntáronse o primeiro impacto da batalla cando o SMS Elbing lle atinou ao Galatea.
Mentres tanto Beatty comezou a mover os seus cruceiros de batalla e as forzas de apoio cara ao sueste primeiro e despis cara ao leste para cortar aos barcos alemáns a ruta cara ás súas bases, e ordenou ao Engadine lanzar un hidroavión para intentar conseguir máis información sobre o tamaño e localización das forzas inimigas. Esta foi a primeira vez na historia que un avión baseado nun barco foi usado para o recoñecemento no combate naval. O aeroplano do Engadine informou que localizara algúns cruceiros lixeiros alemáns pouco antes das 15:30, e recibiu fogo antiaéreo, pero os intentos de transmitir os informes do avión fallaron.
Desafortunadamente para Beatty, os seus cambios na ruta inicial ás 14:32 non foron recibidos polo 5º escuadrón de batalla de Sir Hugh Evan-Thomas (estaba demasiado lonxe para ler as súas bandeiras), porque o cruceiros de batalla HMS Tiger, o último barco da súa columna, xa non estaba nunha posición que lle permitise transmitir os sinais do reflector para Evan-Thomas, tal é como se lle ordenara previamente que fixese. Mentres que antes do xiro ao norte o Tiger era o barco máis próximo a Evan-Thomas, agora estaba máis lonxe que o Lion de Beatty. Os problemas agraváronse porque Evan-Thomas non fora previamente informado das ordes do escuadrón de Beatty, xa que o seu normalmente operaba coa Grand Fleet. Agardábase que os buques da frota obedecesen ás ordes de movemento con precisión e que non se desviasen delas. Como resultado, os catro acoirazados da clase Queen Elizabeth, que eran os máis rápidos e mellor armados do mundo nesa época, permaneceron na súa anterior ruta durante varios minutos, chegando aos 16 km por detrás de Bratty en vez de aos 5 que deberían estar. Beatty tamén tivo a oportunidade durante as horas anteriores de concentrar as súas forzas, sen que houbese razón algunha para non facelo, pero avanzou a toda velocidade, máis rápido do que os acoirazados podían moverse. Dividir as forzas tivo serias consecuencias para os británicos, custándolles o que tería sido unha gran vantaxe en barcos e potencia de fogo durante a primeiros media hora da batalla[19].
Coa visibilidade favorecendo aos alemáns, ás 15:22 os cruceiros de batalla de Hipper, dirixíndose aproximadamente cara ao noroeste, viron ao escuadrón de Beatty a unha distancia duns 24 km, mentres que as forzas británicas non identificaron aos cruceiros de batalla alemáns ata as 15:30. Ás 15:45 Hipper xirou cara ao sueste para levas a Beatty cara Scheer, que estaba a 74 km nesa dirección coa forza principal da Hochseeflotte.
A carreira cara ao sur
[editar | editar a fonte]O comportamento de Beatty durante os seguintes 15 minutos recibiu unha gran cantidade de críticas, xa que os seus barcos estaban fóra de alcance e superados pola escuadra alemá, aínda que disparou durante 10 minutos aos barcos alemáns que permanecían baixo o alcance dos seus canóns. Tamén fallou usando o tempo dispoñible para reorganizar os seus cruceiros de batalla nunha formación de combate, co resultado de que estes aínda estaban manobrando cando a batalla comezou.
Ás 15:48, coas forzas inimigas máis ou menos en paralelo separadas uns 14 km, estando os británicos ao suroeste dos alemáns, Hipper abriu fogo, seguido polos barcos británicos. Así comezou a primeira fase da acción dos cruceiros de batalla, coñecida como "a carreira cara o sur", na cal os británicos perseguiron aos alemáns, e Hipper intencionadamente levou a Beatty cara Scheer. Durante os primeiros minutos da batalla, todos os buques británicos agás o Princess Royal dispararon moi por riba dos seus opoñentes, debido ás condicións de visibilidade adversas. Só o Lion e o Princess Royal colocáranse en formación, polo que os outros barcos víronse obstaculizados á hora de disparar polo seu propio xiro. Beatty estaba a barlovento de Hipper, e polo tanto o fume dos seus propios disparos escurecían os seus obxectivos, mentres que que o fume de Hipper non afectaba aos seus barcos. Ademais, o ceo no leste estaba cuberto de nubes e os barcos alemáns eran difíciles de distinguir.
Beatty ordenou aos seus barcos formar nunha liña, con cada barco inglés enfrontado a un alemán (estando o seu HMS Lion enfrontado ao SMS Lützow). Porén, debido a outro erro coas bandeiras de sinais, e posiblemente porque o Queen Mary e o Tiger foron incapaces de ver ao barco líder alemán polo fume, o segundo buque alemán, o Derfflinger, quedou sen ningún opoñente e libre para disparar sen interrupcións. O SMS Moltke recibiu os disparos de dous dos cruceiros de batalla de Beatty, pero aínda disparou cunha precisión mortal durante ese tempo, acertándolle con nove proxectís ao Tiger nos primeiros 12 minutos. Coa axuda dunha mellor visibilidade, cinco cruceiros de batalla de Hipper rapidamente rexistraron impactos en tres dos seis cruceiros de batalla británicos. Pasarían sete minutos ata que os británicos conseguiron realizar o seu primeiro impacto.
O primeiro dano importante na carreira cara ao sur ocorreu ás 16:00, cando unha salva de 300 mm do Lützow esnaquizou a torreta "Q" no medio do Lion, o buque insignia de Beatty. Ducias de tripulantes morreron no acto, pero evitouse un dano maior cando o oficial da torreta, mortalmente ferido, inmediatamente mandou pechar as portas da polvoreira e a munición e este inundouse. Isto evitou o estoupido masivo da munición ás 16:28, cando unha luzada incendiou cargas de cordita preparadas baixo a torreta e matou a todos os mariñeiros no exterior da polvoreira. O Lion salvouse, pero o HMS Indefatigable non tivo a mesma sorte; ás 16:02 recibiu en popa tres impactos de 280 mm do SMS Von der Tann, causándolle o suficiente dano como para deixalo fóra de combate e detonando a polvoreira "X". Pouco despois, a pesar de estar case á máxima distancia de disparo, o Von der Tann acertou con outra salva de 280 mm na torreta "A" dianteira. Os proxectís probablemente perforaron a delgada blindaxe superior, e segundo despois o Indefatigable foi esnaquizado por outro estoupido dunha polvoreira, afundíndose inmediatamente e salvándose só 2 homes dunha tripulación de 1019.
A posición de Hipper deteriorouse un pouco cara ás 16:15 cando o 5º escuadrón de batalla finalmente puido disparar, polo que tivo que facer fronte aos disparos dos catro acoirazados a popa ademais dos catro cruceiros de batalla restantes de Beatty a estribor. Pero sabía que a súa misión de hostigamento estaba a piques de rematar, xa que as súas forzas estaban achegándose rapidamente ao corpo principal de Scheer. Ás 16:08, o principal acoirazado do 5º escuadrón, o HMS Barham, alcanzou a Hipper e abriu fogo á máxima distancia, impactando un proxectil de 380 mm no Von der Tann en menos de 60 segundos. Aínda así, non foi ata as 16:15 cando todos os acoirazados foron capaces de enfrontarse plenamente aos alemáns a longa distancia.
Ás 16:25 a acción dos cruceiros de batalla intensificouse novamente cando o HMS Queen Mary foi golpeado polo que puido ser unha salva combinada do Derfflinger e o Seydlitz; o barco desintegrouse cando os dous polvoreiras de diante estouparon, afundíndose con só 9 superviventes de 1275 tripulantes. O comandante von Hase, primeiro oficial de artillaría do Derfflingler, sinalaría:
O inimigo estaba disparando magnificamente. O Derfflinger caeu dúas veces baixo s súa infernal choiva e ámbalas dúas foi golpeado. Pero o Queen Mary estaba tendo un mal momento; enfrontado ao Seydlitz ademais do Derfflinger, atopouse co seu destino ás 16:26. Unha chama de cor vermello vivo saíu da súa parte dianteira; despois chegou un estoupido diante, seguido por un moito máis forte no medio do buque. Inmediatamente despois diso voou cun espectacular estoupido, os mastros colapsaron cara dentro e o fume ocultouno todo.
Estímase que durante a carreira cara ao sur, dende as 15:48 ata as 16:54, os cruceiros de batalla impatcaron con 42 proxectís de 280 mm e 12 de 300 mm nos cruceiros de batalla británicos (nove no Lion, seis no Princess Royal, sete no Queen Mary, catorce no Tiger, un no New Zealand, e cinco no Indefatigable), ademais de dous no acoirazado Barham, comparados con só 11 de 340 mm dos cruceiros de batalla británicos (catro no Lützow, catro no Seydlitz, dous no Moltke, e un no von der Tann), e seis de 380 mm dos seus acoirazados (un no Seydlitz, catro no Moltke e un no von der Tann).
"Algo vai mal cos nosos malditos barcos hoxe"
[editar | editar a fonte]Pouco despois das 16:26, unha salva golpeou ao redor do HMS Princess Royal, que quedou oculto pola auga das salpicaduras e o fume dos proxectís. Un home de sinais pronto saltou á ponte do Lion e anunciou "O Princess Royal estoupou, Sir". Beatty xirouse cara ao capitán do seu buque insignia e pronunciou a súa famosa frase: "Chatfield, semella que algo vai mal cos nosos malditos barcos hoxe".
Ás 16:30 o acoirazado de cabeza de Scheer viu a distante acción dos cruceiros de batalla; pouco despois o HMS Southampton do 2º escuadrón de cruceiros lixeiros de Beatty, liderado polo comodoro William Goodenough, viu ao principal corpo da Hochseeflotte de Scheer, esquivando numerosas salvas de proxectís de calibre pesado puido informar en detalle da forza alemá: 16 dreadnoughts con seis vellos acoirazados. Estas foron as primeiras noticias que tiveron Beatty e Jellicoe de que Scheer e a súa frota estaban tamén no mar. Simultaneamente, unha frenética acción dos destrutores comezou no espazo entre as dúas forzas de cruceiros de batalla, xa que os destrutores de ámbolos dous bandos comezaron a loitar entre eles intentando torpedear aos barcos máis grandes. Dende cada bando disparáronse moitos torpedos, pero as forzas de cruceiros de batalla fuxiron dos ataques e todos escaparon ilesos agás o Seydlitz, que recibiu na proa o impacto dun torpedo disparado polo destrutor británico HMS Petard ás 16:57. Aínda que facendo augas, o Seydlitz mantivo a velocidade. O destrutor HMS Nestor, baixo o mando do capitán Barry Bingham, liderou os ataques británicos. Inhabilitaron ao torpedeiro alemán V27, que ao pouco tempo foi abandonado e afundido, e o Petard posteriormente torpedeou e afundía ao V29. O S35 e o V26 rescatarían aos tripulantes dos seus barcos irmáns afundidos. Pero o Nestor e outro destrutor británico, o HMS Nomad, foron inmobilizados por impactos de proxectís, e posteriormente afundidos polos dreadnoughts de Scheer. O capitán Bingham sería rescatado, gañando a Cruz Victoria polo seu liderado na acción dos destrutores.
A carreira cara ao norte
[editar | editar a fonte]Ás 16:40, tan pronto como o propio Beatty viu a liña de vangarda de acoirazados de Scheer a uns 19 km, virou a súa forza de cruceiros de batalla 180°, poñendo rumbo cara ao norte para levar aos alemáns cara Jellicoe. A retirada de Beatty en dirección a Jellicoe chamóuselle "A carreira cara o norte", e durante esa etapa as tornas cambiaron e os alemáns perseguiron aos británicos. Debido a que Beatty fallou novamente sinalizando axeitadamente as súas intencións, os acoirazados do 5º escuadrón de batalla, que estaban demasiado lonxe para ler as súas bandeiras, atopáronse cruzándose cos cruceiros de batalla nun rumbo oposto dirixíndose directamente cara ao corpo principal da Hochseeflotte que se aproximaba. Ás 16:48, á máxima distancia, os acoirazados de cabeza de Scheer abriron fogo.
Mentres tanto, ás 16:47, despois de recibir o sinal de Goodenough e sabendo que agora Beatty estaba levando á frota alemá cara a el, Jellicoe sinalizou ás súas forzas que a acción da frota que levaban agardando tanto tempo era finalmente inminente; ás 16:51, por radio, informaría ao almirantado en Londres.
As dificultades do 5º escuadrón de batalla complicáronse cando Beatty deulle a orde a Evan-Thomas de "virar en sucesión" (en vez de "virar xuntos") ás 16:48 xa que os acoirazados o pasaran. Evan-Thomas recoñeceu o sinal, pero o tenente-comandante Ralph Seymour, tenente de bandeira de Beatty, agravou a situación cando non arriou as bandeiras (para executar o sinal) durante algúns minutos. Ás 16:55, cando o 5º escuadrón movérase dentro do alcance dos acoirazados alemáns, Evan-Thomas izou a súa propia bandeira de ordes, advertindo ao seu escuadrón que agardasen manobras repentinas e que seguisen ao seu líder, comezando despois a virar baixo a súa propia iniciativa. A orde de virar en sucesión daría como resultado que os catro barcos virarían na mesma zona do mar un tras outro, dándolle aos alemáns a oportunidade durante un período de tempo longo de atopar a distancia axeitada para disparar. Porén, o caitán do último barco, o HMS Malaya, virou antes, mitigando os resultados adversos.
Durante a hora seguinte, o 5º escuadrón de batalla actuou como retagarda de Beatty, disparándolle a todos os barcos alemáns baixo o seu alcance, mentres que ás 17:10 Beatty sacara deliberadamente aos seu propio escuadrón fóra do alcance da superior orza de cruceiros de batalla de Hipper para darlle un respiro aos seus barcos danados. Xa que a visibilidade e a potencia de fogo favorecían agora aos alemáns, non houbo incentivo para Beatty para arriscarse a máis perdas de cruceiros de batalla cando a súa propia artillaría non podía ser efectiva: ilustrando o desequilibrio, os cruceiros de batalla de Beatty non acertaron con ningún proxectil aos alemáns nesa fase ata as 17:45, pero eles recibiran cinco disparos antes de ampliar o alcance (catro no Lion, tres deles dende o Lützow, e un no Tiger dende o Seydlitz). Agora os únicos obxectivos que os alemáns podían acadar, os barcos do 5º escuadrón de batalla, recibiron fogo simultáneo dos cruceiros de batalla de Hipper dende o leste e dos acoirazados de Scheer dende o sueste. Tres dos buques recibirían impactos: o Barham catro dende o Derfflinger, o Warspite dous dende o Seydlitz, e o Malaya sete dos acoirazados. Só o Valiant estaba ileso.
Os catro acoirazados eran moito máis axeitados que os cruceiros de batalla para recibir ese tipo de castigo, e non se perdeu ningún, aínda que o Malaya sufriu grandes danos, un incendio na munición e moitas perdas na tripulación. Ao mesmo tempo o fogo de 380 mm dos catro buques británicos foi gañando en precisión e afectividade. A medida que os dous escuadróns británicos avanzaban cara ao norte a toda velocidade, perseguidos con entusiasmo por toda a frota alemá, o 5º escuadrón acertou 15 veces nos cruceiros de batalla inimigos (catro no Lützow, tres no Derfflinger e seis no Seydlitz) e cinco nos acoirazados (aínda que só unha, no SMS Markgraf, fixo algún dano serio).
As frotas converxen
[editar | editar a fonte]Jellicoe era agora consciente de que o enfrontamento total das frotas estaba próximo, pero non tiña suficiente información da posición e do curso dos alemáns. Para axudar a Beatty, ao principio da batalla sobre as 16:05, Jellicoe ordenara ao 3º escuadrón de cruceiros de batalla do contraalmirante Horace Hood acelerar para atopar e apoiar á forza de Beatty, e Hood estaba agora navegando cara ao sur sueste na vangarda da forza de Jellicoe. O 1º escuadrón de cruceiros do contraalmirante Arbuthnot patrullaba a vangarda da principal Jellicoe a medida que avanzaba cara ao sueste.
Ás 17:33, o cruceiro acoirazado HMS Black Prince do escuadrón de Arbuthnot, no flanco suroeste da forza de Jellicoe, púxose á vista do HMS Falmouth, que estaba a uns 8 km por diante de Beatty co 3º escuadrón de cruceiros lixeiros, establecendo o primeiro contacto visual entre os corpos converxentes da Grand Fleet. Ás 17:38, o cruceiro de exploración HMS Chester, foi interceptado pola vangarda das forzas de exploración alemás baixo o mando do contraalmirante Bödicker.
Moi superado en número polos catro cruceiros lixeiros de Bödicker, o Chester foi golpeado antes de ser relevado pola unidades pesadas de Hood, que se dirixían cara ao oeste para tal fin. O buque insignia de Hood, o HMS Invincible, inmobilizou ao cruceiro lixeiro SMS Wiesbaden pouco despois das 17:56. O Wiesbaden converteuse nun branco doado para a meirande parte da frota británica durante a hora seguinte, pero permaneceu a flote e disparou algúns torpedos aos acoirazados inimigos que pasaban a longo alcance. Mentres tanto, os outros barcos de Bödicke fuxiron cara Hipper e Scheer na crenza equivocada de que Hood estaba liderando unha forza máis grande de buques capitais británicos dende o norte e o leste. Unha caótica acción de destrutores entre a néboa e o fume se produciu cando os torpedeiros alemáns intentaron frear a chegada desa nova formación, pero os cruceiros de batalla de Hood esquivaron todos os torpedos e comezaron a dispararlles. Nesta acción, despois de levar a cabo un contraataque de torpedos, o destrutor británico HMS Shark foi inmobilizado, pero continuou devolvendo o fogo aos numerosos buques inimigos que pasaban durante a seguinte hora.
A acción da frota
[editar | editar a fonte]Despregue
[editar | editar a fonte]Mentres tanto, Beatty e Evan-Thomas reanudaran o seu enfrontamento cos cruceiros de batalla de Hipper, desta vez coas condicións de visibilidade favorables a eles. Con varios dos seus barcos danados, Hipper volveuse cara Scheer sobre as18:00, xusto cando o buque insignia de Beatty, o Lion, foi finalmente visto poloIron Duke de Jellicoe. Jellicoe demandou dúas veces a posición da frota alemá a Beatty, que non podía ver aos acoirazados inimigos e non puido responder á demanda ata as 18:14. Mentres, Jellicoe recibiu informes de avistamento confusos e pouco útiles de parte dos cruceiros lixeiros e os acoirazados do flanco de estribor (sur) da súa forza.
Jellicoe estaba nunha posición preocupante. Necesitaba coñecer a localización da frota alemá para decidir cando e como despregar os seus acoirazados dende a súa formación de cruceiro (seis columnas de catro barco cada unha) nunha única liña de batalla. O despregue podería ser na columna máis ao oeste ou na máis ao leste, e tiña que realizarse antes de que os alemáns chegasen; pero un despregue precipitado podería resultar na perda de calquera oportunidade nun encontro decisivo. Despregarse no oeste deixaría á frota máis próxima a Scheer, gañando un tempo valioso ante a chegada do solpor, pero os alemáns poderían chegar antes de que a manobra estivese completada. Despregarse no leste deixaría á frota lonxe de Scheer, pero os barcos de Jellicoe poderían ser capaces de cruzar o "T", e a visibilidade favorecería enormemente á artillaría británica (as forzas de Scheer amosarían as súas siluetas contra o sol poñéndose no oeste, mentres que a Grand Fleet non se distinguiría contra os escuros ceos do norte e do leste, e podería ocultarse polos reflexos do sol na néboa e no fume). O despregue levaría vinte minutos, e as frotas estaban aproximándose a toda velocidade. Nunha das decisións de mando tácticas máis difíciles e críticas da guerra, Jellicoe ordenou despregarse no leste ás 18:15.
Windy Corner
[editar | editar a fonte]Mentres tanto, Hipper reincorporárase a Scheer, e a Hochseeflotte combinada dirixíase cara ao norte, directamente cara Jellicoe. Scheer non tiña ningún indicio de que Jellicoe estaba no mar, e moito menos que se dirixía cara ao noroeste, e distraeuse coa intervención dos barcos de Hood ao seu norte e leste. Os catro cruceiros de batalla superviventes de Beatty estaban agora cruzando a vangarda dos dreadnoughts británicos para unirse aos tres cruceiros de batalla de Hood; nese momento, o buque insignia do contraalmirante Arbuthnot, o cruceiro acoirazado HMS Defence, e o seu compañeiro de escuadrón HMS Warrior atacaron a través das proas Beatty, e o Lion evitou unha colisión co Warrior por moi pouco. Preto dalí, numerosos cruceiros lixeiros e destrutores británicos no flanco suroeste dos acoirazados despregados estaban tamén cruzando os cursos dos outros barcos intentando chegar ás súas propias estacións, evitando por moi pouco colisións, e baixo o fogo dos barcos alemáns que se achegaban. Este período de tráfico pesado debido á fusión e despregue das forzas británicas posteriormente foi coñecido como "Windy Corner".
Arbuthnot sentiuse atraído polo casco á deriva do ferido Wiesbaden. Co Warrior, e o Defence moi preto del para acabar co buque inimigo, o que fixeron foi meterse nas traxectorias dos canóns dos barcos capitais de Hipper e Scheer que se achegaban. O Defence foi atacado con proxectís de calibre pesado de varios acoirazados alemáns, que fixeron estoupar as súas polvoreiras nun espectacular estoupido visto pola meirande parte dos barcos da Grand Fleet; o Defence afundiuse cos seus 903 tripulantes. O Warrior tamén foi golpeado seriamente, pero salvouse da destrución por un contratempo do próximo acoirazado Warspite. O Warspite tiña os seus instrumentos de mando sobrequentados e atascados pola pesada carga de ir a toda velocidade, xa que o 5º escuadrón de batalla realizara unha viraxe dende o norte ás 18:19. O Warspite apareceu como un xugoso obxectivo para os dreadnoughts alemáns e recibiu 13 impactos. O barco puido regresar e sobreviviu ao ataque, pero quedou moi danado, tendo que reducir a velocidade e retirouse cara ao norte; posteriormente, ás 21:07, ordenóuselle que regresase a porto. O W'arspite tería unha longa e ilustre carreira, servindo tamén na segunda guerra mundial. O Warrior, pola outra banda, sería abandonado e afundido o día seguinte, despois de que a súa tripulación fose recollida ás 08:25 do 1 de xuño polo Engadine, que remolcara ao cruceiro acoirazado 160 km durante a noite.
Co Defence afundido e o Warspite rodeado, a iso das 18:19 Hipper moveuse dentro do alcane do 3º escuadrón de cruceiros de batalla do contraalmirante Hood, pero aínda estaba fóra do alcance dos barcos de Beatty. Ao principio a visibilidade favoreceu aos británicos: o HMS Indomitable golpeou ao Derfflinger tres veces e unha ao Seydlitz, mentres que o Lützow rapidamente recibiu 10 disparos do Lion, o Inflexible e o Invincible, incluídos dous baixo a liña de frotación por parte do Invincible que poderían finalmente condenar ao buque insignia de Hipper. Pero ás 18:30, o Invincible aparecéuselles como un claro obxectivo ao Lützow e ao Derfflinger. Os dous barcos alemáns dispararon entón tres salvas cada un sobre o Invincible e afundírono en 90 segundos. Un proxectil de 300 mm da terceira salva golpeou a torreta Q do medio do barco, detonando as polvoreiras e causando o estoupido e afundimento do buque. Só seis dos seus 1032 tripulantes conseguiron sobrevivir. Dos restantes cruceiros de batalla británicos, só o Princess Royal recibiu impactos de calibre pesado nese momento (dous de 300 mm do acoirazado Markgraf). O Lützow, coa proa inundada e sen poder comunicarse por radio, estaba agora fóra da acción e comezou a retirarse; polo tanto Hipper abandonou o seu buque insignia e pasou ao torpedeiro SMS G39, agardando poder embarcarse nun dos outros cruceiros de batalla posteriormente.
Cruzando a "T"
[editar | editar a fonte]Cara ás 18:30, as frotas principais atopáronse por vez primeira, con Jellicoe "cruzando a T de Scheer". Os oficiais dos principais acoirazados alemáns, e o propio Scheer, foron collidos completamente por sorpresa cando saíron das nubes de néboa e fume para atoparse encarando á enorme potencia de fogo de toda liña de batalla principal da Grand Fleet, que non sabían que estaba no mar. O buque insignia de Jellicoe, o Iron Duke, rapidamente conseguiu sete impactos no principal dreadnought alemán, o SMS König, pero nese breve intercambio de disparos que durou apenas uns minutos, só 10 dos 24 dreadnoughts da Grand Fleet realmente abriron fogo. Os alemáns víronse obstaculizados pola pobre visibilidade, ademais de estar nunha posición táctica desfavorable, xusto como Jellicoe pretendera. Decatándose de que se dirixían cara a unha trampa mortal, Scheer ordenou á súa frota virar e fuxir ás 18:33. Baixo un manto de fume e brétema, as forzas de Scheer lograron con éxito o seu obxectivo executando perfectamente un xiro coordinado de 180°, a cal era unha manobra de emerxencia ben practicada pola Hochseeflotte.
Agora era evidente que estabamos fronte a gran parte da frota inglesa. Todo o arco que se estendía dende o norte cara o leste era un mar de lume. As luzadas das bocas dos canóns víanse claramente a través da brétema e do fume no horizonte, aínda que os propios buques non podían distinguirse.
—Vicealmirante Reinhard Scheer.
Consciente dos riscos de que os seus buques capitais fosen atacados con torpedos, Jellicoe non perseguiu directamente ao inimigo e encarouse cara ao sur, determinado a manter á Hochseeflotte ao oeste. A partir das 18:40, os acoirazados da parte posterior da liña de Jellicoe de feito avistaron e esquivaron torpedos, e ás 18:54 o HMS Marlborough recibiu o impacto dun deles (probablemente do inmobilizado Wiesbaden), que reduciu a súa velocidade ata os 16 nos. Mentres tanto, Scheer, sabendo que aínda non había a suficiente escuridade para fuxir e que a súa frota podería sufrir terriblemente nunha persecución, virou cara ao leste ás 18:55. Nas súas memorias escribiría, "a manobra debeuse á necesidade de sorprender ao inimigo, para alterar os seus plans para o que quedaba de día, e se funcionaba podería facilitar a ruptura á noite". Pero a viraxe cara ao leste puxo aos seus barcos novamente contra toda a liña de batalla de Jellicoe.
Simultaneamente, o incapacitado destrutor británico Shark loitaba desesperadamente contra un grupo de catro destrutores inimigos e inmobilizou ao SMS V48 cos canóns, pero finalmente foi torpedeado e afundido ás 19:02 polo S54. O capitán do Shark, Loftus Jones, gañou a Victoria Cross polo seu heroísmo.
Gefechtskehrtwendung
[editar | editar a fonte]O 2º escuadrón de cruceiros lixeiros do comodoro Goodenough esquivou os disparos dos acoirazados alemáns por segunda vez para restablecer contacto coa Hochseeflotte despois das 19:00. Cara ás 19:15, Jellicoe cruzara a "T" de Scheer "T" novamente. Desta vez o seu arco de fogo foi máis apertado e mortal, causando danos severos aos acoirazados alemáns, particularmente ao 3º escuadrón do contraalmirante Behncke (O SMS Konig, Großer Kurfürst, Markgraf e Kaiser foron golpeados, xunto co SMS Helgoland do 1º escuadrón), mentres que do lado británico só o acoirazado HMS Colossus foi golpeado (dúas veces polo SMS Seydlitz, pero con danos leves).
Ás 19:17, por segunda vez en menos dunha hora, Scheer virou a súa frota en inferioridade numérica e con menos potencia de fogo cara ao oeste usando a mesma manobra que na vez anterior, pero nesta ocasión foi executada con dificultade, xa que os principais escuadróns da Hochseeflotte comezaron a perder a súa formación baixo un fogo concentrado. Para impedir unha persecución británica, Scheer ordenou un grande ataque de torpedos por parte dos seus destrutores e unha carga potencialmente suicida por parte dos catro cruceiros de batalla restantes do 1º grupo de exploración. Hipper aínda estaba a bordo do torpedeiro G39 e era incapaz de comandar o seu escuadrón para este ataque. Polo tanto, o SMS Derfflinger, ao mando do capitán Hartog, levou aos moi danados cruceiros de batalla alemáns directamente cara "a meirande concentración de fogo naval ao que calquera comandante dunha frota se enfrontara xamais", con alcances por baixo dos 6,4 km. No que foi coñecido polo "paseo da morte", todos os cruceiros de batalla agás o SMS Moltke recibiron impactos e danados, xa que 18 dos acoirazados británicos dispararon sobre eles simultaneamente. O Derfflinger perdeu dúas das súas torretas principais. As tripulacións do 1º grupo de exploración sufriron importantes perdas, pero os barcos sobreviviron aos danos e regresaron cos outros cruceiros de batalla unha vez que Scheer viuse fóra de problemas e os destrutores alemáns estaban movéndose para atacar. Nesta breve pero intenta parte do enfrontamento, dende as 19:05 ata as 19:30, os alemáns recibiron un total de 37 impactos pesados mentres que inflixiron só 2; só o Derfflinger recibiría 14 deses impactos.
Mentres que os seus cruceiros de batalla atraían o fogo da frota británica, Scheer escapuliuse, soltando cortinas de fume. Mentres tanto, dende as 19:16 ata as 19:40, os acoirazados británicos estiveron enfrontándose tamén aos destrutores de Scheer, que lanzaron varios ataques de torpedos para cubrir a súa retirada. Os buques de Jellicoe apartáronse dos ataques e esquivaron con éxito os 31 torpedos lanzados sobre eles, afundindo ao destrutor alemán SMS S35. As forzas lixeiras británicas tamén afundiron ao V48, que anteriormente fora inmobilizado polo HMS Shark. Esta acción, e o distanciamento, custoulles aos británicos unha perda de tempo e un aumento da distancia críticos na última hora do día, como pretendía Scheer, permitíndolle afastar aos seus buques pesados do perigo.
O derradeiro grande intercambio de disparos entre os buques capitais desta batalla tivo lugar xusto antes da posta do sol, entre ao redor das 20:19 ata as 20:35, cando os cruceiros de batalla británicos superviventes atopáronse cos seus homólogos alemáns. Os británicos recibiron un impacto pesado no Princess Royal pero recibiron cinco no Seydlitz e tres máis noutros barcos alemáns.
Acción nocturna e retirada alemá
[editar | editar a fonte]Ás 21:00 Jellicoe, consciente das deficiencias da Grand Fleet no combate nocturno, decidiu intentar evitar un grande enfrontamento ata as primeiras horas do amencer. Colocou unha pantalla de cruceiros e destrutores a 8 detrás da súa frota de batalla para patrullar a retagarda mentres se dirixía cara ao sur, á esperada ruta de escape de Scheer. Relamente, Scheer optou por cruzar a estela de Jellicoe e fuxir vía Horns Rev. Afortunadamente para el, a meirande parte das forzas lixeiras da retagarda de Jellicoe fallaron ao informar os sete encontros separados coa frota alemá durante a noite; os escasos informes por radio enviados ao buque insignia británico non foron recibidos, posiblemente debido a que os alemáns estaban interferindo as súas frecuencias, A meirande parte dos destrutores non puideron sacar proveito das súas oportunidades de atacar os barcos descubertos, a pesar de que as expectativas de Jellicoe de que as foras de destrutores poderían, se fose necesario, ser capaces de bloquear o curso da frota alemá. Jellicoe e os seus comandantes non entenderon que os furiosos disparos e estoupidos no norte (vistos e oidos durante horas por todos os acoirazados británicos) indicaban que os buques pesados alemáns estaban abríndose paso a través da pantalla de popa da frota británica. No seu lugar, pensaron que o combate era o resultado de ataques nocturnos dos destrutores alemáns. Os barcos británicos máis potentes (o 5º escuadrón de batalla) observou directamente aos acoirazados alemáns cruzando a súa popa enfrontándose ás súas forzas lixeiras, a distancias de 4,8 km ou menos, e os artilleiros do HMS Malaya estaban preparados para disparar, pero o seu capitán negouse, deixando a responsabilidade ao contraalmirante Evan-Thomas (que tampouco informaría dos avistamentos a Jellicoe, asumindo que el mesmo podería velos e que revelar a posición da frota con sinais de radio ou disparos era imprudente).
Se ben o carácter da fuxida de Scheer, e a inacción de Jellicoe, indicaban a superioridade xeral dos alemáns no combate nocturno, os resultados das accións desa noite non foron máis claros que os de toda a batalla. No primeiro dos moitos encontros a distancia curta entre barcos na escuridade, o Southampton, buque insignia do comodoro Goodenough, foi gravemente danado por un grupo de exploración alemán formado por cruceiros lixeiros, pero logrou torpedear ao SMS Frauenlob, que se afundiu ás 22:23 matando a 320 dos seus 329 tripulantes.
Dende as 23:20 ata aproximadamente as 02:15, varias flotillas de destrutores británicos lanzaron ataques de torpedos contra a frota de batalla alemá nunha serie de violentos e caóticos enfrontamentos a moi curto alcance (a miúdo por debaixo de 1 quilómetro). A costa de perder cinco destrutores e de que varios máis resultasen danados, conseguiron torpedear ao cruceiro lixeiro SMS Rostock, que se afundiu varias horas despois, e ao pre-dreadnought SMS Pommern, que estoupou e afundiuse cos seus 839 tripulantes ás 03:10 durante a última fase dos ataques antes do amencer. Tres dos destrutores británicos colisionaron no caos, e o acoirazado alemán SMS Nassau arremeteu contra o HMS Spitfire, arrincando a meirande parte da superestructura do buque británico só coa onda expansiva dos seus enormes canóns, que non podían disparar o suficientemente baixo para golpear ao barco inimigo. O Nassau quedou cun burato de 3,4 metros no seu costado, reducindo a súa velocidade máxima a 15 nos, mentres que a capa metálica perdida quedou tendida sobre a cuberta do Spitfire. O buque británico sobreviviu e regresaría a porto. Outro cruceiro alemán , o SMS Elbing, foi embestido accidentalmente polo dreadnought Posen e abandonado, afundíndose a primeira hora do día seguinte. Dos destrutores británicos, os HMS Tipperary, Ardent, Fortune, Sparrowhawk e Turbulent perdéronse durante os combates nocturnos.
Xusto despois da medianoite do 1 de xuño, o SMS Thüringen e outros acoirazados alemáns afundiron o HMS Black Prince do malogrado 1º escuadrón de exploración, que penetrara por un erro na liña de combate alemá. Despregado como parte dunha forza pantalla a varias millas por diante da forza principal da Grand Fleet, o Black Prince perdera o contacto na escuridade e tomara unha posición preto do que el pensaba que era a liña británica. Os alemáns identificárono ao pouco tempo e abriron fogo. Atordado polos disparos a curta distancia, o Black Prince estoupou morrendo os seus 857 tripulantes. Perdidos na noite, os cruceiros de batalla SMS Moltke e Seydlitz tiveron encontros semellantes a curta distancia coa liña de batalla británica e foron recoñecidos, pero non tiveron a mesma sorte que o Black Prince xa que os capitáns dos buques británicos, novamente, decidiron non abrir fogo por medo a revelar a posición da súa frota. Ás 01:45, o cruceiro de batalla Lützow, afundíndose tras ser danado severamente polo Invincible durante a acción principal, foi torpedeado polo destrutor SMS G38 por orde do capitán do barco Viktor von Harder, despois de que os 1150 superviventes fosen transferidos aos destrutores que chegaron xunto a el. Ás 02:15, o destrutor alemán SMS V4 estoupou de súpeto; o V2 e o V6 achegáronse e rescataron aos tripulantes superviventes antes de que o barco se afundise. Xa que non había inimigos preto, asumiuse que golpeara unha mina ou que fora torpedeado por un submarino.
Ás 02:15, cinco barcos británicos da 13ª flotilla de destrutores ao mando do capitán James Uchtred Farie reagrupáronse e dirixíronse cara ao sur. Ás 02:25 viron a retagarda da liña alemá. O HMS Marksman preguntoulle ao líder, o Champion, se pensaba que eran buques británicos ou alemáns. Respondeu que cría que eran alemáns, Farie entón virou cara ao leste lonxe da liña inimiga. Todos agás o Moresby, que estaba atrás, seguírono, xa que a través da néboa avistou o que pensaba que eran catro pre-dreadnoughts a dúas millas. Izou unha bandeira para indicar que o inimigo estaba ao leste e achegouse para poñerse a distancia de disparo, lanzando un torpedo f a torpedo ás 02:37 e virando despois para reunirse coa flotilla. Os catro pre-dreadnoughts eran realmente dous pre-dreadnoughts, o Schleswig-Holstein e o Schlesien, e os cruceiros de batalla Von der Tann e Derfflinger. O Von der Tann viu o torpedo e tivo que virar forzosamente cara estribor para evitalo pasando moi preto da súa proa. O Moresby reuniuse co Champion convencido de que conseguira un impacto.
Finalmente, ás 05:20, cando a frota de Scheer estaba a salvo no seu camiño a casa, o acoirazado SMS Ostfriesland chocou contra unha mina británica no costado de estribor, matando a un home e ferindo a dez, pero foi capaz de regresar a porto. O Seydlitz, con danos críticos e moi próximo a afundirse, sobreviviu por moi pouco á viaxe de regreso: foi deliberadamente encallado no estuario do río Jade e posteriormente reflotado e levado a porto.
Os alemáns foron axudados na súa fuxida pola incapacidade por parte do almirantado británico en Londres de transmitir sete comunicacións de radio críticas interceptadas pola intelixencia naval, que indicaban a posición, rumbo e intencións da Hochseeflotte durante a noite. Unha mensaxe foi transmitida a Jellicoe ás 23:15 que informaba con precisión do rumbo e velocidade da frota alemá ás 21:14. Porén, os anteriores sinais erróneos recibidos durante o día dicindo que a frota inimiga aínda estaba en porto, e un sinal de intelixencia recibida ás 22:45 dando outra improbable posición, reducira a súa confianza nos informes de intelixencia. Se as outras mensaxes foran recibidas, confirmando estes a información dada ás 23:15, ou se os buques británicos informasen con precisión dos avistamentos e enfrontamentos con destrutores, cruceiros e acoirazados alemáns, entón Jellicoe podería ter alterado o rumbo para interceptar a Scheer e Horns Rev. As mensaxes interceptadas non enviadas presentáranse correctamente ao oficial que estaba de garda esa noite, pero non lles deu a suficiente importancia. Jellicoe finalmente descubriu o paradeiro de Scheer ás 04:15, pero xa estaba demasiado lonxe para atrapalo e a batalla xa non podería reanudarse.
O resultado
[editar | editar a fonte]Informes
[editar | editar a fonte]No mediodía do 2 de xuño as autoridades alemás deron a coñecer un comunicado de prensa adxudicándose a vitoria, e informando da destrución dun acoirazado, dous cruceiros de batalla, dous cruceiros acoirazados, un cruceiro lixeiro, un submarino e varios destrutores, pola perda do Pommern e o Wiesbaden. As noticias de que o Lutzow, o Elbing e o Rostock afudiran non foron reveladas para que o inimigo non soubese deses feitos. A vitoria no Skagerrak foi celebrada na prensa, aos nenos deuselles un día de vacacións e toda a nación festexouno. O Kaiser anunciou un novo capítulo na historia mundial. Tras a guerra, a historiografía oficial alemá eloxiou a batalla como unha gran vitoria e continuou sendo celebrada ata despois da segunda guerra mundial.
No Reino Unido as primeiras noticias oficiais chegaron das transmisións inalámbricas alemás. Os buques comezaron a chegar a porto, e as tripulacións comezaron a enviar mensaxes a amigos e parentes para informar tanto dos superviventes como dos 6000 homes perdidos. As autoridades consideraron suprimir a noticia, pero xa se estendera amplamente. Ás 7 da tarde do 2 de xuño o almirantado deu a coñecer un comunicado baseado na información de Jellicoe, contedo noticias básicas das perdas de cada bando. No día seguinte os xornais británicos informaron dunha vitoria alemá. O Daily Mirror informou que o director do departamento naval alemán dixéralle ao Reichstag: "O resultado do combate é un significativo éxito para as nosas forzas contra un adversario moito máis forte". A poboación británica sorprendeuse de que a batalla, agardada dende había moito tempo, fose unha vitoria para Alemaña. O día 3 de xuño o almirantado emitiu un comunicado ampliando as perdas alemás, e outro máis o día seguinte con afirmacións esaxeradas. Porén, o 7 de xuño a admisión alemá das perdas do Lutzow e o Rostock comezou a variar o resultado da batalla como unha derrota para Alemaña. A percepción internacional do enfrontamento comezou a cambiar cara a unha vitoria británica (os alemáns procuraran cambiar o equilibrio de poder no mar do Norte e foron rexeitados). En xullo, malas noticias da campaña do Somme varreron a preocupación sobre Xutlandia das conciencias británicas.
Avaliacións
[editar | editar a fonte]En Xutlandia, os alemáns, cunha frota de 99 barcos, afundiron 117.000 toneladas de buques británicos, mentres que estes, con 151 barcos, afundiron 63.000 toneladas de buques alemáns. Os británicos perderon 6094 mariñeiros; os alemáns 2551. Varios barcos resultaron gravemente danados, como o Lion e o Seydlitz.
Cara ao verán de 1916 a estratexia da Hochseeflotte era a de reducir a vantaxe numérica da Royal Navy, atraendo a pequenas unidades de buques capitais cara toda a súa frota, intentando evitar un enfrontamento xeral ata acadar a paridade de barcos pesados. En termos tácticos a Hochseeflotte inflixiu claramente máis danos dos que sufriu en Xutlandia e os alemáns non tiñan a intención de manter o lugar da batalla, polo que algúns historiadores apoian a vitoria alemá.
Porén, Scheer pareceu darse conta moi rápido de que máis batallas cunha taxa semellante de desgaste esgotaría á Hochseeflotte antes de reducir á Grand Fleet. Ademais, despois do avance do 19 de agosto que estivo a piques ser interceptado pola Grand Fleet pensaba que xa non podería ser posible atrapar a un único escuadrón de barcos da Royal Navy sen que a Grand Fleet interviñese antes de que puidesen regresar a porto. Polo tanto, a Hochseeflotte abandonou as súas incursións no mar do Norte e virou as súas intencións cara ao mar Báltico durante a meirande parte de 1917 mentres Scheer cambiaba as tácticas contra Reino Unido cunha gurra sen restricións de submarinos no Atlántico.
A nivel estratéxico o resultado ten sido un enorme tema literario sen un claro consenso. Inmediatamente despois, a batalla foi amplamente vista cun resultado indeciso, e este feito segue a ser influente.
A pesar da superioridade numérica, os británicos quedaron decepcionados xa que tiñan a esperanza de obter unha vitoria decisiva comparada á de Trafalgar e de acadar o obxectivo das influentes doutrinas estratéxicas de Alfred Mahan. A Hochseeflotte sobreviviu como unha frota de seu. A meirande parte das súas perdas recuperáronse nun mes (incluso o Seydlitz, o barco máis danado en sobrevivir á batalla, estaba reparado en outubro e oficialmente volveu ao servizo en novembro). Porén, os alemáns fallaron no seu obxectivo de destruír unha parte substancial da frota británica, e non se fixeron progresos para permitir que a Hochseeflotte puidese operar no Atlántico.
Posteriormente apoiouse considerablemente o punto de vista de que Xutlandia foi unha vitoria estratéxica para os británicos. Aínda que estes non acabaron coa frota alemá e perderon máis barcos que os seus inimigos, os alemáns retiráronse a porto e ao final da batalla os británicos dominaban a zona. A frota alemá só sairía ao mar do Norte dúas veces máis, cun ataque o 19 de agosto e en outubro de 1916. Á parte desas dúas operacións (abortadas), a Hochseeflotte (reticente a arriscarse con outro encontro coa frota británica) limitou as súas actividades ao mar Báltico durante o resto da guerra. Xutlandia rematou así co desafío alemán á supremacía naval británica. Un experto naval alemán, escribindo sobre a batalla en novembro de 1918, comentou, "As perdas da nosa frota foron graves. O 1 de xuño de 1916 estaba claro para todo o mundo que esa batalla debía ser a derradeira".
Ao final da batalla, os británicos mantiveran a súa superioridade numérica e tiñan 23 dreadnoughts preparados e catro cruceiros de batalla aínda capaces de loitar, mentres que os alemáns só tiñan 10 dreadnoughts. Un mes despois da batalla, a Grand Fleet era máis forte que en Xutlandia. O Warspite estivo no dique seco en Rosythe, regresando á frota o 22 de xullo, mentres que o Malaya foi reparado en Invergordon, regresando ás súas tarefas o 11 de xullo. O Barham estivo en porto durante un mes en Devenport antes de someterse a probas de velocidade e regresar a Scapa Flow o 8 de xullo. O Princess Royal estivo inicialmente en Rosyth, pero foi transferido ao dique seco de Portsmouth antes de regresar ao traballo Rosyth o 21 de xullo. O Tiger foi enviado ao dique seco en Rosyth e estivo listo o 2 de xullo, O Queen Elizabeth, o Emperor of India e o HMAS Australia, que estaban en mantemento no momento da batalla, regresaron á frota inmediatamente, seguidos pouco despois polo Resolution e o Ramillies. O Lion inicialmente estivo listo para as súas tarefas no mar a a pesar da súa torreta danada, e posteriormente someteuse a unha reparación no mes de xullo cando a torreta Q foi retirada temporalmente e substituída no mes de setembro.
Un terceiro punto de vista, presentado por varias avaliacións recentes, di que Xutlandia, a derradeira acción de frotas entre acoirazados, ilustrou a irrelevancia das frotas de acoirazados tras o desenvolvemento do submarino, da mina e do torpedo. Neste punto de vista, a consecuencia máis importante de Xutlandia foi a decisión dos alemáns de participar nunha guerra submarina sen restricións. Aínda que un bo número de acoirazados foi construído no período de entreguerras, argumentouse que este resultado reflectiu o dominio social entre responsables de tomar as decisións navais dos defensores dos acoirazados, que limitaron as opcións tecnolóxicas para axustarse aos paradigmas tradicionais da guerra no mar. Os acoirazados xogaron un relativamente menor papel na segunda guerra mundial, na cal apareceron os portaavións como a arma ofensiva dominante na guerra naval.
Autocrítica británica
[editar | editar a fonte]O exame do almirantago británico da actuación da Grand Fleet recoñeceu dous problemas principais:
- Os proxectís perforantes británicos estouparon fóra da blindaxe alemá en vez de penetrar e estoupar no seu interior. Como resultado, algúns buques inimigos con só 20 cm de blindaxe sobreviviron a impactos de proxectís de 381 mm. Se eses proxectís penetrasen a blindaxe e estoupasen, as perdas alemás probablemente serían moito maiores.
- A comunicación entre os barcos e o comandante en xefe foron relativamente pobres. Durante a meirande parte da batalla, Jellicoe non tiña nin idea de onde estaban os barcos alemáns, a pesar de que os buques británicos estaban en contacto. Fallaron en informar das posicións inimigas, en contra do plan de batalla da Grand Fleet. Algúns dos sinais máis importantes realizáronse unicamente con bandeiras en vez de usar a tecnoloxía sen fíos ou métodos redundantes para asegurar as comunicacións (un procedemento cuestionable, dada a mestura de brétema e fume que escureceu o campo de batalla).
Comportamento dos proxectís
[editar | editar a fonte]Os proxectís perforantes alemáns foron moito máis efectivos que os británicos, que adoptaron a fallar ao intentar penetrar blindaxes pesados. O feito deuse principalmente en proxectís que caían nun ángulo oblicua, e incrementouse ao disparar a longas distancias. Alemaña adoptara o trinitrotolueno (TNT) como carga explosiva para os proxectís de artillaría en 1902, mentres que o Reino Unido aínda continuaba usando unha mestura de ácido pícrico (lidita). O choque dun proxectil contra a blindaxe a miúdo detonaba prematuramente a lidita antes de que a espoleta se activase, mentres que o a detonación do TNT podía ser atrasada ata que a espoleta se activase tras a penetración na zona vulnerable tras as pranchas de blindaxe.
O tema do pobre comportamento dos proxectís era coñecido por Jellicoe, que como terceiro lord do mar dende 1908 ata 1910 ordenara que se deseñasen novos proxectís. Porén, tras o seu anuncio, non se continuou coa cuestión exposta e non se probaron novos tipos de proxectís. Beatty descubriu o problema nunha festa a bordo do Lion pouco tempo despois da batalla, na cal se atopaba un oficial da mariña sueca. Este visitara recentemente Berlín, onde a mariña alemá burlárase de como os proxectís británicos romperan as blindaxes alemás. A cuestión da efectividade dos proxectís tamén se cuestionara trala batalla do banco Dogger, pero non se fixera nada por resolvelo. Hipper posteriormente comentaría, "Non foi máis que a mala calidade das súas cargas o que nos salvou do desastre".
O almirante Dreyer, escribindo posteriormente sobre a batalla, na que fora capitán do buque insignia Iron Duke, estimou que proxectís máis efectivos como os introducidos máis tarde poderían ter afundido seis buques capitais alemáns máis, baseándose no número real de impactos durante a batalla. O sistema de probas de proxectís, que permaneceu en uso ata 1944, levou a que, estatisticamente, un lote de proxectís dos cales o 70% eran defectuosos tiña a mesma probabilidade de ser aceptado. De feito, incluso os proxectís que fallaban esta proba relativamente suave eran enviados aos buques. Análises dos resultados das probas realizados posteriormente pola Xunta de Artillaría suxeriron que o 30–70% dos proxectís non terían pasado a roba de penetración estándar especificada polo almirantado.
O almirantado inicialmente resistiuse aos esforzos de substituír os proxectís, e non se tomou ningunha acción ata que Jellicoe converteuse no primeiro lord do mar en decembro de 1916. Como resposta inicial, os peores proxectís foron retirados dos barcos a principios de 1917 e substituídos por unidades en reserva. Foron deseñados novos proxectís, pero non chegarían ata abril de 1918 e nunca serían usados en combate.
Perdas de cruceiros de batalla
[editar | editar a fonte]Os cruceiros de batalla británicos foron deseñados para perseguir e destruír aos cruceiros inimigos dende unha distancia á cal os cruceiros non podían responder. Non foron deseñados para ser buques na liña de combate e intercambiar disparos co inimigo. Aínda que un cruceiro de batalla alemán e tres británicos foron afundidos, ningún deles foi destruído por proxectís inimigos penetrando a blindaxe do cinto e detonando as polvoreiras; cada un dos cruceiros de batalla foron penetrados a través do teito dunha torreta e as súas polvoreiras incendiáronse por lumes que pasaron a través da torreta e dos compartimentos de manexo dos proxectís. O Lützow sufriu 24 impactos e a súa inundación non puido ser contida. Finalmente foi afundido por torpedos dos seus escoltas despois de que a súa tripulación estivese a salvo. O Derfflinger e o Seydlitz recibiron 22 impactos cada un pero puideron regresar a porto.
O trazo inquietante da acción dos cruceiros de batalla é o feito de que cinco cruceiros de batalla alemáns enfrontáronse a cinco buques británicos da súa clase, co apoio despois dos primeiros vinte minutos, aínda que a longa distancia, do fogo de catro acoirazados da clase Queen Elizabeth, e foron capaces aínda así de afundir ao Queen Mary e ao Indefatigable.... Os factores que contribuíron ás perdas británicas, primeiramente, foi a mediocre blindaxe dos nosos cruceiros de batalla, particularmente nas torretas, e, en segundo lugar, as planchas da cuberta e a desvantaxe baixo a que os nosos buques traballaban no que se refire á luz.
-Sir John Jellicoe.
Jellicoe ee Beatty, ademais doutros altos oficiais, tiveron a impresión de que a perda dos cruceiros de batalla foi causada pola débil blindaxe, a pesar dos informes de dous comités e as primeiras impresións de Jellicoe e outros oficiais que culpaban á cordita e ao seu manexo. Isto levou a peticións para que se incrementase a blindaxe, e colocáronse 2,5 cm adicionais sobre a relativamente delgada capa da cuberta por riba das polvoreiras. Para compensar este incremento de peso os barcos tiñan que levar menos cobustible, auga e outras subministracións. Fose ou non a blindaxe da cuberta unha debilidade potencial dos buques británicos a batalla non proporcionou ningunha evidencia ao respecto. Polo menos entre os barcos superviventes non se atopou ningún proxectil inimigo que penetrase a blindaxe da cuberta. O deseño do novo cruceiro de batalla HMS Hood (que comezou a construírse no tempo da batalla) alterouse para proporcionarlle 5100 toneladas de blindaxe adicional.
Manexo da munición
[editar | editar a fonte]As cargas de propulsión británicas e alemáns diferían no empaquetado, o manexo e a química. O propelente británico era de dous tipos, MK1 e MD. A cordita Mark 1 tiña unha fórmula de 37% de nitrocelulosa, 58% de nitroglicerina e 5% de vaselina. Era un bo propelente pero producía altas temperaturas e causaba problemas de erosión nos canóns. A vaselina servía tanto de lubricante como de estabilizador. A cordita MD foi desenvolvida para reducir o desgaste do canón. Estaba composta por un 65% de nitrocelulosa, un 30% de nitroglicerina e un 5% de vaselina. Mentres que esta última solucionaba o problema da erosión, non facía nada para mellorar as súas propiedades de almacenamento, que eran pobres. A cordita era moi sensible ás variacións de temperatura, e a súa deterioración podería levarse a cabo a un ritmo moi rápido. A cordita MD tamén desprendía pequenas partículas de po de nitrocelulosa e pirita. Cando o propelente de cordita era manipulado era preciso un oficial de artillaría vixilando, un estrito control dos lotes e frecuentes probas dos paquetes nas santabárbaras dos barcos.
O propelente británico de cordita tendía a arder violentamente, cando non estaba almacenada e estaba exposta na súa bolsa de seda, causando lumes incontrolables cando se incendiaba por impactos próximos. Un estudo realizado en 1945 polos Estados Unidos revelou que a cordita podía incendiarse moi doadamente cando estaba exposta a determinadas condicións. Os buques británicos tiñan unha protección pouco axeitada contra as chamaradas que podían facer incendiarse a cordita. O propelente alemán (o RP C/12, manexado en casquetes de latón) era menos vulnerable e dunha composición menos volátil. Os propelantes alemáns non eran tan distintos en composición á cordita, pero cunha grande excepción: a centralita. A centralita servía como un estabilizador que era superior á vaselina usada polos británicos. Almacenábase mellor e ao incendiarse non estoupaba. Almacenado e usado en cartuchos de latón, demostrou ser menos sensible ás chamaradas. O estaba era un 64,13% de nitrocellulosa, un 29,77% nitroglicerina, un 5,75% centralita, un 0,25% óxido de magnesio e un 0,10% grafito.
A frota de cruceiros de batalla da Royal Navy fixera énfase na velocidade de manipulación da munición por riba do protocolo de seguridade establecido. En exercicios de práctica, a cordita non podía ser subministrada ás armas coa suficiente rapidez a través dos guindastres e os zapóns. Para levar o propulsor a tempo para cargar a seguinte andanada, moitas portas de seguridade mantíñanse abertas en vez de pecharse para protexerse contra as luzadas. Ao manter as cargas nas cámaras entre a torreta do canón e as santabárbaras a Royal Navy mellorou a súa cadencia de fogo, pero facía aos seus barcos vulnerables a unha reacción en cadea se se producían incendios na munición e estoupidos nas polvoreiras. Este hábito pouco seguro levouse ao combate real. Por outra banda, a doutrina dunha alta cadencia de disparos tamén fixo que se tomase a decisión en 1913 de incrementar as subministracións de proxectís e cordita nos buques británicos un 50%, polo medo de quedar sen munición. Cando isto superaba a capacidade das santabárbara, a cordita almacenábase en lugares pouco seguros.
Un expedición submarina no verán do ano 2003 corroborou esta práctica. Examináronse os restos do Invincible, Queen Mary, Defence e Lützow para investigar as causa da tendencia dos buques británicos a sufrir estoupidos internos. A partir desta evidencia, unha gran parte da culpa pode deberse á manipulación pouco estrita do propelente de cordita para os proxectís dos canóns principais. Os restos do Queen Mary revelaron recipientes de cordita almacenados na cámara de traballo da torreta X en vez de estar na santabárbara.
Había unha diferenza máis no propio propelente. Aínda que o RP C/12 alemán ardía cando se expoñía ao lume, este non estoupaba, ao contrario que a cordita. O RP C/12 foi extensamente estudado polos británicos e, despois da primeira guerra mundial, sería a base para a posterior cordita SC.
As memorias de Alexander Grant, artilleiro no Lion, suxiren que algúns oficiais británicos eran conscientes dos perigos da falta de coidado na manipulación da cordita:
"Coa introdución da cordita para substituír á pólvora dos canóns, as normas relativas ás necesarias precaucións no anexo de explosivos relaxáronse considerablemente dun xeito inconsciente, aínda que lamento dicir, a un grao perigoso durante todo o servizo. O lapso gradual nas regulacións a bordo dos buques semellaba deberse a dous factores. En primeiro lugar, a cordita era un explosivo moito máis seguro de manexar que a pólvora. En segundo lugar, pero máis importante, os cambios nas construcións das santabárbara levou a unha falsa sensación de seguridade....A cuberta de ferro ou aceiro, a desaparición das paredes de madeira, as luces eléctricas montadas no seu interior, as escaleiras de aceiro, abertas porque non había rampla para sacar os cartuchos; todo isto fixo desaparecer das mentes dos oficiais e os tripulantes parte das precaucións necesarias co material explosivo".
Grant ademais introduciu medidas a bordo do Lion para limitar o número de cartuchos gardados fóra da polvoreira e para asegurarse de que as portas mantíñanse pechadas, probablemente contribuíndo ás súa supervivencia.
O 5 de xuño de 1916 o Primeiro Lord do Almirantado informou aos membros do gabinete de que os tres cruceiros de batalla foran perdidos debido a un manexo pouco seguro da cordita.
O 22 de novembro de 1916, tras entrevistas detalladas aos superviventes dos cruceiros de batalla destruídos, o Terceiro Lord do Mar, o contraalmirante Tudor, elaborou un informe detallando o almacenamento de cargas nos cuartos de manipulación por parte dos tripulantes, co obxectivo de recargar os canóns máis rapidamente. Tras a batalla, o B.C.F. Gunnery Committee publicou un informe (ao mando do almirante David Beatty) pedindo cambios inmediatos na protección contra luzadas e na manipulación das cargas explosivas.
A Mariña dos Estados Unidos en 1939 tiña cantidades de cordita N, un propelente canadense que se mellorara moito, porén, a súa oficina de artillaría opúxose enerxicamente ao seu uso a bordo dos barcos de guerra estadounidense, considerándoo pouco axeitado como propelente naval pola súa inclusión de nitroglicerina.
Artillaría
[editar | editar a fonte]Os sistemas de control de artillaría británicos, baseados en táboas Dreyer, eran mellores que os alemáns, como se demostra na proporción de impactos de gran calibre realizados sobre a frota alemá. Debido ás súas vantaxes demostradas, estes sistemas foron instalándose nos barcos a medida que avanzaba a guerra, estando equipados os principais canóns na meirande parte dos buques capitais británicos en maio de 1916. A Royal Navy usaba sistemas de control de fogo centralizados nos seus buques capitais, dirixidos dende un punto alto do barco onde se podían ver mellor as caídas dos proxectís, utilizando un director de observación que orientaba as armas e indicaba a súa elevación. A diferenza dos británicos, os cruceiros de batalla alemáns controlaban o fogo das torretas usando un observador que só orientaba os canóns, que ademais non disparaban todos ao mesmo tempo. O resto dos buques capitais alemáns nin sequera tiñan esa innovación. Os telémetros alemáns eran xeralmente superiores ao británico FT24, xa que os seus operadores estaban mellor adestrados debido á complexidade dos telémetros Zeiss. O seu deseño estereoscópico permitíalle que en certas condicións podían saber a distancia dun obxectivo cuberto polo fume. O equipo alemáns non era superior en alcance ao telémetro británico Barr & Stroud 15 ft que se atopaba nos buques capitais máis novos, e, a diferenza dos telémetros británicos, os alemáns tiveron que ser substituídos cada 30 minutos, afectando ás medicións proporcionadas aos artilleiros.
Os resultados da batalla conformaron o valor de disparar os canóns a través dun director centralizado. A batalla impulsou á Royal Navy a instalar sistemas de fogo nos cruceiros e destrutores, onde ata ese momento non se utilizaran, e no armamento secundario dos acoirazados[20].
Os barcos alemáns decatáronse de deberían ser máis rápidos calculando a distancia correcta dos obxectivos, para obter así unha vantaxe temperá. Os británicos usaban un "sistema de corchete" no que se disparaba unha salva se disparaba á distancia onde se supoñía o obxectivo, e dependendo de onde caese, a distancia era progresivamente corrixida cara a arriba ou cara a abaixo dependendo se os seguintes disparos impactaban diante ou detrás do inimigo. Os alemáns usaban un "sistema de escaleira" no que se lanzaba unha salva inicial de tres disparos a diferentes distancias, sendo o central o máis aproximado. O sistema de escaleira permitía aos artilleiros conseguir información da distancia dos tres disparos máis rapidamente que no sistema de corchetes, que requiría agardar entre disparos para ver onde impactaba o derradeiro. Os buques británicos adoptarían o sistema alemán[21].
Determinouse que os telémetros que equipaban á meirande parte dos buques británicos non eran axeitados a longa distancia e non actuaban tan ben como os que levaban os barcos máis modernos. En 1917 itroducíronse novos telémetros para aumentar a precisión dos disparos.
Sinalización
[editar | editar a fonte]Ao longo da batalla, os buques británicos experimentaron dificultades coas comunicacións, mentres que os alemáns non sufriron este tipo de problemas. Os británicos preferían a sinalización entre barcos con bandeiras e luces, evitando sistemas sen fíos, mentres que os alemáns usaban estes sistemas con éxito. Unha conclusión extraída foi que os sinais de bandeiras non eran un xeito satisfactorio de controlar a frota. A experiencia usando luces, particularmente pola noite era unha forma excelente para amosarlle ao inimigo a localización precisa dos buques, invitándoo a responder con disparos. Os sinais de recoñecemento das luces, unha vez vistas, poderían ser tamén doadamente copiadas polo inimigo en futuros enfrontamentos[22].
Os buques británicos fallaron informando de enfrontamentos cos inimigos e tamén, no caso dos cruceiros e destrutres, buscando activamente aos alemáns. Na frota xurdira a costume de non actuar ser ordes, e este feito demostrou ser fatal cando as circunstancias impediron que as ordes fosen enviadas ou recibidas. Os comandantes fallaron ao enfrontarse aos inimigos porque crían que outros oficiais de máis rango tamén eran conscientes da presenza destes nas proximidades e agardaban a recibir ordes ao respecto. A radio, o xeito máis directo para pasar mensaxes a través da frota (aínda a que interferida polos alemáns), foi evitada para non revelar a presenza dos barcos ou por medo a saturar as canles con informes innecesarios[23].
Ordes permanentes da frota
[editar | editar a fonte]As operacións navais estaban gobernadas por ordes permanentes enviadas a todos os barcos. Estas trataban de establecer o que os barcos deberían facer en todas as circunstancias, particularmente en situacións onde os buques tiñan que reaccionar sen ter de referencia a unha autoridade superior, ou cando as comunicacións fallaban. Distintos cambios foron introducidos como resultado da experiencia gañada na batalla.
Unha nova indicación foi introducida para instruír aos comandantes de escuadrón de actuar independentemente no caso de pensar que se trata do mellor xeito de axudar á frota principal, particularmente para usar cando as circunstancias puidesen ser difíciles para enviar ordes detalladas. Do mesmo xeito, modificáronse instrucións sobre que facer se a frota precisaba realizar unha acción evasiva polo ataque de torpedos. Aos comandantes déuselles a opción de que se a súa parte da frota non estaba baixo ataque inmediato poderían continuar atraendo ao inimigo en vez de virar cara ao resto da frota. Nesta batalla, cando a frota se afastou do ataque de destrutores de Scheer cubrindo a súa retirada, non todos os buques británicos resultaron afectados, e puideron continuar enfrontándose ao inimigo nun combate máis próximo.
Varias oportunidades de atacar os buques inimigos con torpedos presentáronse pero perdéronse. A todos os barcos, non só aos destrutores armados principalmente con torpedos senón tamén aos acoirazados, recordóuselle que levaban estas armas para utilizar no caso de que xurdise a oportunidade de facelo. Os destrutores foron instruídos para achegarse á frota inimiga e disparar os torpedos tan pronto como o enfrontamento entre os buques principais puidesen manter aos canóns inimigos ocupados en barcos máis grandes. Os destrutores tamén deberían estar para interceptar aos destrutores inimigos se estes lanzaban un ataque, tratando de evitar que lanzasen os seus torpedos e manténdoos afastados da frota principal.
Para engadir un grao de flexibilidade ao despregarse para o ataque, unha nova indicación foi proporcionada para desgregar a frota dende o centro en vez de facelo como anteriormente dende a dereita ou a esquerda da formación. O rápido e potente 5º escuadrón de batalla foi movido á fronte da formación de cruceiros para que tivese a opción de despregarse cara a dereita ou a esquerda dependendo da posición do inimigo. No caso de enfrontamentos nocturnos, aínda que a frota principal prefería evitar o combate de noite, especificábase que un escuadrón de destrutores e cruceiros buscaría ao inimigo e lanzaría ataques.
Controversia
[editar | editar a fonte]Na época, Jellicoe foi criticado pola súa cautela e por permitir que Scheer escapase. Beatty, particularmente, estaba convencido de que Jellicoe perdera unha grande oportunidade para aniquilar a Hochseeflotte e gañar o que equivaldría a outro Trafalgar. Jellicoe foi promocionado fóra do mando activo para converterse no Primeiro Lord do Mar, a cabeza profesional da Royal Navy, mentres que Beatty substituíuno como comandante da Grand Fleet.
A controversia permaneceu entre a mariña e entre o público durante unha década tras a guerra. As críticas centráronse na decisión de Jellicoe ás 19:15. Scheer ordenara aos seus cruceiros e destrutores avanzar e lanzar un ataque de torpedos para cubrir a retirada dos seus acoirazados. Jellicoe elixiu virar cara ao sueste, e así manterse fóra do alcance dos torpedos. Se, pola contra, virase cara ao oeste, poderían os seus buques esquivar os torpedos e destruír á frota alemá? Os defensores de Jellicoe, incluído o historiador Cyril Falls, sinalaron a loucura de correr o risco de ser derrotados na batalla cando xa case tes o dominio do mar. O propio Jellicoe, nunha carta ao almirantado meses antes da batalla, afirmou que tiña a intención de afastar a súa frota de calquera ataque masivo de torpedos (o que viña sendo a resposta táctica universalmente máis aceptada para ese tipo de ataques, practicada por todas as grandes mariñas do mundo), e que no caso dun enfrontamento das frotas na cal o inimigo se dera a volta el podería asumir que a intención era a de conducilos cara minas ou submarinos e declinaría a ser conducido a iso. O almirantado aprobou ese plan e expresou a súa total confianza en Jellicoe no seu tempo (outubro de 1914).
Perdas
[editar | editar a fonte]As perdas británicas foron de 6784 homes, e as alemás de 3039, facendo un total de 9823 perdas humanas.[24]
Buques británicos[editar | editar a fonte]
|
Buques alemáns[editar | editar a fonte] |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cambell, Analysis, p. 274
- ↑ Tarrant, p. 49
- ↑ Tarrant, p. 55
- ↑ Cambell, Analysis, p. 2
- ↑ Tarrant, p. 57-58
- ↑ Tarrant, p. 58-60
- ↑ Tarrant, p. 61
- ↑ Tarrant, p. 60, 62, 65
- ↑ Tarrant, p. 63-64
- ↑ Tarrant, p. 64
- ↑ Cambell, Analysis, p. 26
- ↑ Cambell, Analysis, p. 16-19
- ↑ Tarrant, p. 65-66
- ↑ Tarrant, p. 66-67
- ↑ Tarrant, p. 67
- ↑ Marder III, p. 41-42
- ↑ Tarrant, p. 69-70
- ↑ Tarrant, p. 70-71
- ↑ Campbell. Analysis. p. 35
- ↑ Marder, III, p. 213-214
- ↑ Marder, III, p. 166, 214
- ↑ Marder, III, p. 175-176
- ↑ Marder, III, p. 176-178
- ↑ Brewers Dictionary of 20th Century Phrase and Fable
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bennett, Geoffrey (2005). Naval Battles of the First World War. Londres: Pen & Sword Military Classics.
- Brown, G.I. (1998). The Big Bang: A History of Explosives. Gloucestershire: Sutton Publishing
- Campbell, John (1998). Jutland: An Analysis of the Fighting. Lyons Press.
- Marder, Arthur J. (1966). Volume III: Jutland and after, May 1916 – December 1916. From the Dreadnought to Scapa Flow. Oxford University Press.
- Tarrant, V.E. Jutland: The German Perspective – A New View of the Great Battle. Weidenfeld & Nicolson.