José Tragó
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de setembro de 1856 Madrid, España |
Morte | 3 de xaneiro de 1934 (77 anos) Madrid, España |
Educación | Real Conservatorio Superior de Música de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | pianista, compositor |
Profesores | Eduard Compta i Torres (en) e Georges Mathias |
Alumnos | Manuel de Falla e Joaquín Turina |
Instrumento | Piano |
Familia | |
Irmáns | Nicolás Tragó y Arana |
José Tragó y Arana, nado o 25 de setembro de 1856 en Madrid e finado na mesma cidade o 3 de xaneiro de 1934, foi un pianista e compositor español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]José Tragó naceu o 25 de setembro de 1856 en Madrid. Iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio de Madrid, estudando piano con Eduardo Compta e harmonía con José de Aranguren.[1] En 1870 gañou o primeiro premio de piano do Conservatorio.[2]
Logo de finalizar a súa formación na capital de España trasladouse a Francia para perfeccionar os seus estudos, obtendo o segundo premio do Conservatorio de París en 1876 e primeiro premio o ano seguinte. Alí estudou co que fora discípulo de Chopin, Georges Mathias, e presentouse na sala Pleyel en 1880, e posteriormente aparecería como concertista nas principais salas de España e Francia, colaborando tamén con salientables artistas como Pablo Sarasate ou Fernández Arbós. Así mesmo, foi nomeado pianista de cámara da raíña Isabel II de España.[1][2]
De volta en España foi o intérprete dos primeiros recitais de piano que se celebraron no Salón Romero de Madrid en 1894 e 1895, chamados Sesiones de Música Clásica de Piano.[2]
A partir de 1886 volcouse por completo no ensino dende a súa cátedra no Conservatorio de Madrid, de feito moitas das súas obras, como Tarantela e Zortzico, teñen un marcado carácter didáctico.[1] No conservatorio madrileño impartiu clase ata a súa xubilación en 1928. Durante a súa etapa como mestre tivo como alumnos a Manuel de Falla, Joaquín Turina, Julia Parody, Enrique Aroca ou Carmen Pérez.[2]
En 1889 fundou a "Sociedad de Música Clásica Di Camera" xunto co violinista Fernández Arbós e o violonchelista para difundir a música de cámara, especialmente o seu repertorio contemporáneo. Tamén formou parte na mesma época da Sociedad de Cuartetos de Madrid en dúas etapas distintas, finalizando a súa vinculación coa sociedade na súa última tempada en 1894.[2]
Foi membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando dende 1907.[2]
O 3 de xaneiro de 1934 morreu en Madrid aos 76 anos.[1]
Obra
[editar | editar a fonte]A súa traxectoria como compositor é a menos coñecida. O seu catálogo, composto de obras para piano, para canto e piano, e obras para solfexar, está composto por 15 composicións, principalmente formas breves para piano de salón, sexan danzas ou obras de inspiración popular.[2]
Cómpre salientar a súa colección Escuela de Piano, integrada por 14 volumes e con carácter didáctico, na que presenta obras pianísticas doutros autores, ordenadas, anotadas e dixitadas por Tragó. Esta colección foi editada para ser empregada como libro de texto no plano de estudos do Conservatorio de Madrid.[2]