Josep Bargalló i Valls
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
Josep Bargalló i Valls, nado en Torredembarra en 1958, é un político catalán e ex-Conseller en Cap (vicepresidente) da Generalitat de Cataluña.
Josep Bargalló licenciouse en filoloxía catalá pola Universidade de Barcelona. Afiliouse a Esquerra Republicana de Catalunya en 1995, pero xa era deputado por esta formación desde 1992 e continuou séndoo até 2003. Simultaneou funcións co seu posto de tenente de alcalde no seu concello natal (1999-2003) e o de vicepresidente do Consello Comarcal do Tarragonés.
Precisamente, foi en 2003 cando Bargalló ocupou o seu primeiro cargo político importante. A finais dese ano, e após a vitoria postelectoral do Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC), Iniciativa per Catalunya-Els Verds (IC-V) e o seu propio partido, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), foi designado conselleiro de Educación (Conseller d'Ensenyament). Ocupou o cargo desde o 20 de decembro dese ano até o 20 de febreiro de 2004.
Logo do cesamento de Josep-Lluís Carod-Rovira como Conseller en Cap (xaneiro de 2004) por se ter reunido coa banda terrorista ETA, Bargalló foi elixido como sucesor, ocupando o cargo desde o 20 de febreiro dese ano até o 11 de maio de 2006 (data na que o presidente da Generalitat, Pasqual Maragall, destituíu todos os cargos de ERC das súas funcións).