Saltar ao contido

KS Noux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
KS Noux
Fundación1996
Desaparición2007
Cidade Espoo,
Uusimaa
Finlandia Finlandia
CoresVermello, Branco
           

O KS Noux foi un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Espoo, Finlandia. O equipo foi fundado en 1996 e desapareceu en 2007.[1][2]

Na tempada 2002-03 debutou na Naisten SM-sarja, a máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés, logo de que o equipo das Karhu-Kissat renunciara á súa praza na competición por problemas económicos tras tres tempadas na elite, e que a liga ampliara a oito o número de equipos participantes.[2] O primeiro partido do equipo na Naisten SM-sarja tivo lugar o 14 de setembro, cando se enfrontou ás Kärpät a domicilio, colleitando unha contundente derrota por 13-1. Con todo, o día seguinte, xa como local, chegou o primeiro punto do Noux logo de caer na prórroga fronte o Y-Ilves de Ylöjärvi (3-4). Finalmente o equipo non foi quen de puntuar en ningún outro partido e pechou a clasificación cun único punto e 13 derrotas no tempo regulamentario dos 14 partidos que disputou, colleitando a maior goleada da tempada logo de perder por 30-2 fronte ás súas veciñas das Blues na 11ª xornada. Na fase de promoción o Noux finalizou na cuarta posición con 13 puntos, por detrás do TPS, Y-Ilves e Hunters Porvoo, polo que non puido manter a súa praza entre os mellores equipos de Finlandia.[3] Durante a súa única tempada na elite o equipo foi dirixido por Sami Haapanen, quen despois gañaría oito campionatos cos equipos das Blues e K-Espoo, ambos de Espoo, así como o premio ao mellor adestrador do ano nas tempadas 2013–14, 2018–19 e 2021–22.[4]

  1. "KS Noux" (en inglés). EliteProspects.com. Consultado o 18 de marzo de 2024. 
  2. 2,0 2,1 "Espoon KS Noux jääkiekon naisten SM-sarjaan". Yle Urheilu (en finés). 19 de agosto de 2002. Consultado o 18 de marzo de 2024. 
  3. "Championnat féminin de Finlande 2002/03" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 19 de marzo de 2024. 
  4. "Sami Haapanen" (en inglés). EliteProspects.com. Consultado o 19 de marzo de 2024.