Saltar ao contido

Kediet Ijill

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kediet Ijill
O Kediet Ijill visto desde un satélite da NASA

Elevación: 915 metros
Latitude: 22° 37′ 60″ N
Lonxitude: 12° 33′ 0″ O
Localización: Mauritania
Cordilleira:
Primeira acensión: ?
Rota máis fácil: ?
Localización do Kediet Ijill no N.O. de Mauritania

O Kediet Ijill é unha montaña do occidente do deserto do Sáhara, que con apenas 915 m.s.n.m. é a maior elevación de Mauritania.

A transcrición do nome ofrece algunhas variantes; así pode aparecer como Kedia de Idjil, Kediet ej Jill, Kediet Idjil, Kodia d'Idjil, e aínda outras. A primeira parte do nome corresponde ao árabe kudya "outeiro", mentres a segunda, sen apenas seguranza, semella estar emparentada co bérber do norte iүil, ighil ( en transcrición árabe:ّإﻳﻐﻞ) "crista; outeiro". A reunión dos dous nomes de distintos estratos lingüísticos compón unha case tautoloxía, como acontece con frecuencia en tales casos de designacións xeográficas.

Situación

[editar | editar a fonte]

O Kediet Ijill sitúase no noroeste de Mauritania, a unha decenas de quilómetros da fronteira do Sáhara Occidental (controlado por Marrocos), na zona coñecida po El Hammami, na rexión de Tiriz Zemmour, e dentro do distrito administrativo de F'Dérik, de cuxa capital, a localidade homónima, dista apenas 24 km, movéndose en dirección noroeste desde a montaña. Máis lonxe, a nordeste aséntase a localidade de Zouérat.

Moi próximo á montaña sitúase, tamén a noroeste, o chott ou shebkhra de Ijill, terreos afundidos e cargados de sal, que son explotados como salinas.

Características

[editar | editar a fonte]

O Kediet Ijill é unha montaña-illa maciza formada por minerais férreos (magnetitas e hematitas) e cuarzos, que resiste a erosión. A súa xénese, magmática, é diferente a das formacións montañosas tabulares dos próximos adrar, tanto de Mauritania como do achegado Sáhara Occidental, que corresponden a materiais sedimentarios fortemente traballados polos axentes erosivos.

Economía

[editar | editar a fonte]

Xunto a montaña están situadas as minas de ferro de Kediet Ijill, en explotación desde hai varios decenios e cuxo mineral sae por ferrocarril até os portos mauritanos de Cansado e Port-Étienne.