LT22 Radio La Colifata
LT22 Radio La Colifata | |
---|---|
Tipo | emisora de radio |
País | Arxentina |
[ editar datos en Wikidata ] |
Radio La Colifata é unha emisora de radio arxentina que emite en frecuencia modulada. Debe o seu nome á palabra lunfarda «colifato», que significa «tolo que se deixa querer». Posúe a peculiaridade de ser a primeira no mundo dirixida por pacientes dun psiquiátrico.[1][2]
Orixe
[editar | editar a fonte]Crouse o 3 de agosto de 1991 por iniciativa de Alfredo Olivera, aínda estudante de psicoloxía, como parte dunha terapia de recuperación para os pacientes del Hospital Neuropsiquiátrico Dr. José T. Borda. O obxectivo orixinal do programa era fornecerlles aos pacientes, tanto internos como externos, un espazo de autonomía e facilitarlles ferramentas para recuperaren a iniciativa necesaria na súa reinserción ao saíren do internamento.[3][1] Olivera buscaba:
Reconstruír o uso da linguaxe [...] cuxa perda é un dos elementos asociados ás psicoses, modificar a idea de que os internos psiquiátricos son xente perigosa (...) e mellorar a comprensión do problema do sufrimento psíquico.
Os seus inicios
[editar | editar a fonte]No seu formato orixinal, as emisións gravadas cos internos transmitíanse nunha columna especializada na FM comunitaria S.O.S. de San Andrés, provincia de Buenos Aires. Olivera dirixía as sesións de gravación, nas que cada interno tomaba unha gravadora de cinta portátil e falaba libremente do que quixese comunicar. Logo eran editados de maneira artesanal cun sistema de dobre casete en forma de micro-programas de até dous minutos de duración. Os resumos das gravacións convocaron unha ampla audiencia, o que posibilitou que anos despois se reunise o equipo necesario para transmitir desde o mesmo Hospital Borda. Alí é onde se atopa dende entón a emisora.
Os locutores Lalo Mir e Adrián Noriega e o xornalista Nelson Castro captaron este proxecto e colaboraron no seu desenvolvemento transmitindo estes micro-programas nos seus programas radiais.[4]
As transmisións directas desde o hospital realízanse os sábados entre as 14 e as 20 horas (UTC -3). A radio pódese escoitar en directo as 24 horas na páxina de Internet ou na FM 100.3 en Buenos Aires. As seis horas de programación retransmítense en formato de microprogramas que non duran máis de dous ou tres minutos durante a semana en varias emisoras arxentinas, uruguaias e mexicanas.
Os martes de 9:30 a 10:00 (hora local) realízase un dúplex entre La Colifata e Contacto Noriega, un programa presentado por Adrián Noriega que se emite en varias emisoras do país. Tamén se poden realizar visitas os días de transmisión no número 375 da rúa Ramón Carrillo, no barrio de Barracas (Buenos Aires).
Equipamento técnico
[editar | editar a fonte]O equipamento técnico adquiriuse mediante doazóns individuais e dúas subvencións oficiais, unha da Secretaría de Desenvolvemento Social da Nación (1996) e outra do goberno porteño (1997). O seu primeiro transmisor, de fabricación caseira, foi doado polo señor Américo, da radio barrial comunitaria de San Miguel (1992), cunha potencia de só 1 watts. En 1997 a empresa M-31, fabricante de equipamento radial, doou un transmisor de 300 watts, e o programa de televisión Sorpresa y Media, presentado daquela por Julián Weich, facilitou a antena.[4]
Desde 2011 transmite cunha potencia de 10 000 watts. En 2014, con motivo do seu 23° aniversario, estreou nova antena e novo transmisor, cos que deron cobertura a case toda a cidade de Buenos Aires. Foron financiados con recursos do goberno nacional a través da Autoridade Federal de Servizos de Comunicación Audiovisual (AFSCA).
Desde 2015 a súa frecuencia atopábase ilegalmente interferida pola Cadena Vida, emisora que alugaba o sinal a quen tivese un transmisor ilegal, que se atopaba nas torres de Dock Sud. Desde 2016, La Colifata presentou varias denuncias de interferencia fronte ao ENACOM. En 2019, tras 28 anos de labor ininterrompido, o ENACOM concedeulle a licenza definitiva.
O resto do equipo —unha consola mesturadora de 6 canles, equipo de gravación e reprodución de CD, DAT, casetes e discos de vinilo, micrófonos e un Citroën empregado como unidade móbil— proceden de doazóns particulares.
O futbolista Oscar Ruggeri, xunto con Lalo Mir e a ONG Organización Ecológica Utopía, reuniu os fondos para a construción do local do estudo dentro do predio do Hospital Borda. Olivera actuou como enxeñeiro de gravación, coa colaboración de internos e exinternos. Tamén contan con estudos propios dentro do hospital, construídos grazas a unha empresa privada.
Influencia mundial
[editar | editar a fonte]The Coca-Cola Company promoveu Radio La Colifata en España para a bebida isotónica Aquarius.
Outro difusor da emisora foi o cantautor franco-español Manu Chao. Este coñeceu o proxecto a través dos micro-programas realizados na emisora e entregados ao director Carlos Larrondo.[5] Estes formaron parte dunha compilación de grupos musicais da rúa do Barrio Gótico de Barcelona, entre outros, Che Sudaka. O grupo español El Canto del Loco publicou o CD+DVD Radio La Colifata presenta a El Canto del Loco, onde comparten vivencias cos membros do proxecto.
Os membros de La Colifata participaron como extras na película Tetro, de Francis Ford Coppola, e no videoclip dun tema do cantante arxentino Javier Calamaro, incluído no seu disco Este minuto.
En 2007 Radio La Colifata recibiu a Mención Especial dos Premios Konex, outorgados pola fundación homónima arxentina.
No audiovisual
[editar | editar a fonte]- LT22 Radio La Colifata (2000), documental francés de 53 minutos dirixido por Pierre Barouger e Chloé Ouvrard.
- Rompiendo muros (2001), documental dirixido por Alejandra Perdomo.[6]
- LT22 Radio La Colifata (2008), documental español dirixido por Carlos Larrondo.[7]
- En 2021 a canle franco-alemá ARTE Reportage publicou un documental sobre a emisora que dá conta do seu alcance terapéutico. Mostra tamén os seus novos proxectos ligados á economía solidaria e sustentábel que permiten que os pacientes creen traballo para si mesmos, á vez que promocionan o desenvolvemento das economías rexionais.
Experiencias similares no mundo
[editar | editar a fonte]Varias radios inspiráronse en La Colifata,[8] cada unha adaptada ao seu criterio de traballo e á comunidade na que se atopan.[1]
- Radio Nikosia (Barcelona, España)[9]
- Radio Vilardevoz (Montevideo, Uruguai)[10]
- Radio Travesías (Marbella, España)[11]
- Podemos Volar (San José, Costa Rica)[12]
- Les Z'entonnoirs (Roubaix, Francia)[13]
- Radio Diferencia (Valparaíso, Chile)[14]
- Radio Estación Locura (Santiago, Chile)[15]
- Radio Radiola (Tandil, Arxentina)[16]
- Radio Total Normal (Estocolmo, Suecia)[17]
- Radio Citron (París, Francia)[18]
- Radio Descosidos (Lima, Perú)[19]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "La Colifata, la primera radio en transmitir desde un hospital psiquiátrico, se exporta a Europa". La Nación (en castelán) (París: Grupo Nación de Comunicaciones). 14 de abril de 2013. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 9 de marzo de 2023.
- ↑ Basilago, Jorge (xaneiro de 2001). ""Colifata means crazy"". Soundscapes (en inglés) 3. ISSN 1567-7745. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2023. Consultado o 9 de marzo de 2023.
- ↑ Fell, Nicola (31 de xaneiro de 2005). "Crazy Radio gives patients voice". BBC News (en inglés). Consultado o 9 de marzo de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 Petti, Alicia (29 de agosto de 2011). "Celebración en el medio de la crisis". La Nación (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "La Colifata". Manu Chao (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de xullo de 2009. Consultado o 21 de xuño de 2009.
- ↑ Manrupe, Raúl; Portela, María Alejandra (2003). Un diccionario de films argentinos II 1996-2002. Buenos Aires: Editorial Corregidor. p. 213. ISBN 950-05-1525-3.
- ↑ "LT22 Radio La Colifata". IN-EDIT TV (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2023. Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "La Colifata, modelo de radio universal". La Nación (en castelán). 27 de maio de 2007. Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Radio Nikosia" (en catalán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Vilardevoz" (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Programa de Radio Travesías" (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Podemos Volar". Facebook (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Les Z'entonnoirs" (en francés). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Radio Diferencia" (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Radio Estación Locura" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2020. Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Radio Radiola" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2014. Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Radio Totalnormal" (en sueco). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Radio Citron" (en francés). Consultado o 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Colectivo Descosidos: Comunicación y Salud Mental". Facebook (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio oficial LT22 radio La Colifata Sitio oficial.
- La Colifata!Arquivado 25 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- Streaming de La Colifata