Saltar ao contido

Literatura catalá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento no parque das Homilies d'Organyà (Manresa)
Monumento no parque das Homilies d'Organyà (Manresa)

A literatura catalá é a literatura escrita en lingua catalá, con independencia do lugar ou da orixe da persoa creadora.[1] Divídese en tres grandes períodos históricos: o esplendor medieval (en especial, o Século de ouro valenciano),[2] a Decadència (cando, por motivos políticos e polo auxe do Século de Ouro Español, o castelán fixo minguar o uso do catalán como lingua de cultura) e a literatura contemporánea (coa existencia conxunta de catalán e castelán en Cataluña, Valencia e as illas Baleares). Pola súa banda, a literatura andorrana tamén fai parte da literatura catalá.

Orixes históricas

[editar | editar a fonte]

Paso do latín vulgar ás linguas romances

[editar | editar a fonte]

A lingua catalá orixínase a partir do latín vulgar introducida polos romanos no nordeste da península ibérica e ao sur da Galia narbonense durante o século II a. C.. A evolución desta lingua cara ás primeiras formas do catalán foi gradual. A división entre ambos idiomas produciuse, probablemente, a partir do século VIII co chamado renacemento carolinxio, que restableceu o emprego do latín culto na administración.[3] Xa que logo, dende esta época xa hai indicios do uso oral do catalán e da consciencia de que o que se fala é diferente do latín.

Durante o século IX principiou a introdución das linguas romances nos textos escritos, namentres o latín seguía a ser a lingua culta de Europa e da Igrexa. Este proceso culminou, para a lingua catalá, a mediados do século XIII, cando aparece a súa primeira literatura escrita. En concreto, entre os séculos XI e XII apareceron dúas obras escritas no vernáculo: o Llibre jutge ou Liber iudicum (s. XII), tradución dunha escolma de leis visigodas en latín, e mais as Homilies d'Organyà, de comezos do século XIII, que conteñen prédicas. Estes textos representan a estrutura feudal e a Igrexa, respectivamente, os dous piares fundamentais da orde social da época.[4]

A primeira poesía en lingua vulgar compúxose en occitano. Porén, a lingua dos trobadores non se pode identificar con ningún dialecto en concreto, senón que se trata dunha koiné que incorpora elementos de diversas falas.[5] Esta lingua supradialectal entendíase nas cortes de toda Occitania e, dende alí, chegou ao norte de Italia, a Cataluña, Aragón, Navarra, Castela, Portugal, Sicilia e, incluso, Bizancio. Esta koiné continuou usándose até o século XV, coa obra en valenciano de Ausiàs March (1397-1459).[4]

Primeiros textos en catalán

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Catalán antigo.
Páxina das Homilies d'Organyà
Páxina das Homilies d'Organyà

As palabras e construcións catalás en documentos cotiáns como testamentos, actas ou vendas obsérvanse dende o século IX. Este feito indica que a lingua oral das persoas que redactaban os escritos era ben diferente daquela nas que estes se escribían. Estas palabras en catalán (máis ou menos latinizado) eran topónimos, antropónimos, unidades de medida ou nomes de obxectos domésticos e ferramentas agrícolas; é dicir, elementos e conceptos para os que non se coñecía unha equivalencia latina. Xa que logo, a lingua de transmisión oral do momento era o romance catalán.[6]

Deste xeito, nesta época van aparecendo de maneira progresiva grafías que reflicten a evolución do catalán respecto do latín (por exemplo, comannar e comanar no canto de commandare, coa redución do grupo consonántico latino nd), topónimos derivados do latín (Ferrera, procedente de ferraria; ou Rialbo, de rivo albo), nomes comúns en catalán (achaptaràs, consel, engan...). Máis adiante, atópanse fragmentos cada vez máis extensos en catalán, como esta frase dun texto de Organyà, datado de 1034: "moreres iii et oliver i et noguer i et amendolers iiii et pruners et figuers" ("tres moreiras e unha oliveira e unha nogueira e catro amendoeiras e ameixeiras e figueiras").[7]

Os primeiros documentos feudais escritos en catalán proceden do século XI. Entre os máis antigos conservados totalmente en catalán destacan o Jurament de Radulf Oriol (1028-1047), os Greuges de Guitard Isarn, senyor de Caboet (1080-1095) e o Jurament de pau i treva del comte Pere Ramon de Pallars Jussà al bisbe d'Urgell (1098). Do século XII son os Greuges dels homes de Sant Pere de Graudescales e os Greuges dels Homes d'Hostafrancs de Sió que, do mesmo xeito que os Greuges de Guitard Isarn, proceden da diocese de Urgell.[6][7]

A mediados do século XII atópanse os primeiros documentos redactados integramente en catalán, como o Libre Jutge.[6] O manuscrito, conservado na biblioteca de Montserrat, data de entre o 1180 e o 1190, e trátase dunha copia da versión catalá dun libro da primeira metade do século XII (c. 1140). O texto, para alén do seu interese xurídico, destaca por ser o testemuño máis antigo da prosa catalá.[1]

Por outra banda, os primeiros textos literarios son as Homilies d'Organyà, de finais do século XIII. É unha colección de sermóns conservados nesta poboación do Alt Urgell, que consisten en comentarios en catalán a varias pasaxes dos Evanxeos escritos en latín.[8]

Literatura medieval

[editar | editar a fonte]
Portada de Tirant lo Blanc
Portada de Tirant lo Blanc

Como se indicou máis arriba, entre os séculos XI e XII empezaron a aparecer os primeiros textos en catalán, sobre todo de carácter xurídico e relixioso. Non será até o século XIII que algúns autores principiaron o uso literario da lingua. Así, aos poucos, as linguas vernáculas empregáronse para fins até entón reservados ao latín. A primeira forma de literatura romance será a poesía trobadoresca, recitada en occitano; entre os trobadores cataláns máis senlleiros destacan Guillem de Berguedà (c. 1138-c. 1198), Cerverí de Girona (1259-1285) e Guillem de Cabestany (c. 1162-c. 1212). Nos séculos XIII e XIV atopamos a figura de Ramon Llull (1235-1315), que escribiu a súa obra relixiosa, filosófica e moral en catalán; neste sentido, está considerado o creador do catalán literario, así como o primeiro autor de obras científicas en vernáculo.[9] Nesta época sobresaen tamén as Cròniques de Jaume I (1208-1276), Bernat Desclot (1240?-1288), Ramon Muntaner (1265-1336) e Pere III (1319-1387), destinadas a narrar feitos reais, máis con certos elementos propios da literatura. Entre os séculos XIV e XV, cabe notar a prosa humanista de Bernat Merge (c. 1340-1413), creador de Lo somni (1399). Finalmente, no século XV, por motivos económico-políticos, o centro cultural e o núcleo de produción literaria en catalán trasládase a Valencia, dando orixe ao chamado Segle d'Or valenciano. Entre os libros máis notables deste período están as novelas de cabalerías Tirant lo Blanc e Curial e Güelfa, así como a poesía de Ausiàs March.

A poesía trobadoresca

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Trobadorismo e Trobador, trobadora.
Miniatura que representa a Guillem de Berguedà con dúas damas
Miniatura que representa ao trobador Guillem de Berguedà con dúas damas

A poesía trobadoresca é a primeira forma de lírica, un dos principais xéneros medievais, en lingua vernácula. Xa que logo, os trobadores foron os primeiros en abandonar o latín culto para as súas producións poéticas, asumindo a lingua occitana durante os séculos XII e XIII. En total, consérvanse arredor de 2500 pezas de poetas nacidos na Occitania, mais tamén do norte de Italia e de Cataluña. Estes últimos empregaron tamén o occitano, tamén denominado provençal, unha sorte de koiné supradialectal uniforme para todos os lugares.[1]

Esta poesía xurdiu nun momento de gran permeabilidade cultural entre os territorios cataláns e occitanos, polo que algúns estudosos falan dun "espazo cultural occitano-catalán". Secasí, este intercambio non era unidireccional, senón que nesta rexión convivían e interactuaban numerosos centros culturais (as cortes).[10]

Malia chegarnos de maneira escrita, trátase dunha literatura concibida para ser recitada con acompañamento musical. O mesmo trobador compoñía tanto a letra como a música para as súas poesías, que despois eran divulgadas polos xograres. Na actualidade, apenas se conserva a notación duns poucos poemas.[1] A pesar destas características, a poesía trobadoresca distínguese da popular polo feito de teren unha autoría recoñecida. Os centros de produción e distribución desta literatura non foron os mosteiros, senón as cortes dos señores feudais. Unha proba da perfección formal destas pezas atópase na aparición de tratados poéticos en occitano, entre os que sobresae o Rasós de trobar (s. XIII) de Ramón Vidal de Besalú (1196?-1252?). Trátase da primeira gramática do occitano que se coñece, e ten como obxectivo ensinar a lingua aos trobadores para que poidan escribir poesía con corrección.[11] Esta obra compúxose nunha época na que cada vez abundaban máis os catalanismos, como se pode apreciar na lírica de Cerverí de Girona (1259-1285).

Sábese da vida duns 225 trobadores grazas ás vidas e razós, pequenos textos anónimos que orixinalmente se acompañaban de composicións poéticas con introdución e comentarios. Tamén narraban a biografía dos autores, aínda que a fronteira entre o histórico e o imaxinario era por veces difusa. Unha das máis coñecidas e que destaca polo seu carácter lendario é a de Guillem de Berguedà (c. 1138-c. 1198), chamada tamén a "lenda do corazón devorado". Algunhas destas biografías foron incorporadas en textos posteriores, como a de Guillem de Cabestany (c. 1162-c. 1212), recollida nun dos contos do Decamerón (1350) de Giovanni Boccaccio (1313-1375).[12]

Os xéneros da poesía trobadoresca

[editar | editar a fonte]

O xénero máis prolífico da literatura trobadoresca foi a cançó, que versaba principalmente sobre o amor. Trátase, porén, dun amor cuns elementos formais e uns motivos que se repiten, conformando o que se coñece como amor cortés ou fin'amors, en occitano. Esta idea de cortesía consistía na veneración dunha dama perfecta á que, de xeito voluntario, o trobador servía con devoción.[13] Este código de galantería pódese interpretar como unha metáfora do vasalaxe ao señor feudal.[1] Por outra banda, o amor cortés é eminentemente adúltero, xa que o trobador lle declara o seu amor a unha dama (midons) casada, nun contexto no que o matrimonio é concibido como unha ferramenta política para a acumulación de poder e patrimonio. Por este motivo, o poeta debe celar; é dicir, esconder ou ocultar este amor e mantelo en segredo, sobre todo para o marido (gilós) e os seus amigos ou aduladores (lausengiers). No seguinte fragmento de Lo dous cossire ("A doce inquedanza") pódese ver a Guillem de Cabestany dirixíndose á súa dama para amosarlle a dor que lle causa o seu amor por ela e a necesidade de escondelo:

(occitano)

[…]
Tout m'avetz rire
e donat pessamen:
pus greu martire
nulhs hom de mi no sen;
quar vos qu'ieu plus envey
d'autra qu'el mon stey
desautorc e mescrey
e dezam en parvensa:
tot quan fas per temensa
devetz em bona fey
penre, neus quan no·us vey.

[…]
(galego)

[…]
Tomou o meu sorriso
e deume un pesar:
máis grave martirio
non sente home ningún;
porque o que eu cobizo
máis ca nada no mundo
rexeito e ignoro
e maltrato en aparencia;
todo canto fago polo medo
debe en boa fe
tomarse, incluso cando non vos vexo.

[…]
Guillem de Cabestany, Lo dous cossire

Para alén do tema amoroso, os trobadores trataron tamén asuntos relevantes da vida na corte. Entre estes outros xéneros está o sirventés, unha poesía moralizante, de sátira persoal, propaganda política, represión ou crítica aos costumes etc.[14] Un exemplo do sirventés é a Cansoneta leu e plana ("Cancionciña leve e plana") de Guillem de Berguedà, coa que o trobador ataca a figura do marqués de Mataplana (1174?-1213):

(occitano)
Cansoneta leu e plana
leugereta, ses ufana,
farai, e de mon Marques
del traichor de Mataplana,
q'es d'engan farsitz e ples.
A, Marques, Marques, Marques,
d'engan etz farsitz e ples
[...]
(galego)
Cancionciña leve e plana,
lixeiriña, sen pretensións,
eu farei do meu marqués,
do traidor de Mataplana,
que de engano vai cheo e recheo.
Ai, marqués, marqués, marqués,
de engano ides cheo e recheo.
[...]
Guillem de Berguedà, Cansoneta leu e plana

Así mesmo, pódense distinguir outros xéneros como o pranto, un lamento fúnebre para unha persoa querida; a alba, descrición da carraxe dos namorados que deben separarse ao abrente tras unha noite xuntos; a pastorela, diálogos amorosos entre un cabaleiro e unha pastora no medio do campo. Finalmente, existen outros xéneros referidos ao diálogo e debate entre trobadores, como a tenzón, o partimen ou joc partit e mais o tornejamen.[12]

A narrativa histórica: as crónicas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Catro grandes crónicas.
Detalle do Llibre dels fets cunha ilustración do banquete no que se decidiu a conquista de Mallorca
Detalle do Llibre dels fets cunha ilustración do banquete no que se decidiu a conquista de Mallorca

Xunto coa poesía trobadoresca en occitano desenvolveuse a prosa historiográfica, representada polas chamadas catro grandes crónicas. Estes textos foron escritos a finais do século XIII e no século XIV, e constitúen un dos mellores conxuntos historiográficos da Europa medieval.[15] Trátase de textos que presentan a historia medieval de xeito didáctico e moralizante, segundo o principio de delactare et prodesse; é dicir, para deleitar e ser de proveito. Por este motivo, a fronteira entre a historia (entendida como o relato de feitos obxectivos e contrastables) e a literatura non é clara.[16] Canto ao idioma, aínda que a coroa de Aragón era un territorio plurilingüe, estas crónicas foron redactadas en catalán, xa que era a fala das rexións máis influentes e, xa que logo, a da propia corte e a administración. Neste sentido, nas crónicas domina unha narración catalanocéntrica.[17]

A primeira das crónicas é o Llibre dels fets (c. 1270-1276) do rei Xaime I de Aragón (1208-1276). Nesta obra, o monarca ditou os feitos da súa vida, nunha narración que obvia todo o que puidese prexudicar a imaxe dun soberano heroico e cabaleiroso. Destacan no relato as conquistas de Mallorca e Valencia. Sobresae por estar escrita en primeira persoa (empregando o plural maxestático Nós), o que a converte nun texto único na Europa do seu tempo, xunto coa Crònica de Pere el Cerimoniós.[18]

A segunda delas é o Llibre del rei En Pere (c. 1280-1288), de Bernat Desclot (1240?-1288). Trátase dunha narración dos sucesivos reinados da coroa de Aragón dende a súa fundación; o espazo dedicado a cada un aumenta progresivamente até chegar ao goberno de Pedro III de Aragón (1240-1285), que ocupa o groso da obra.[17] Un dos elementos principais do libro é a pericia do seu autor como historiador, que realizou investigacións sobre a documentación e as fontes históricas dispoñibles, xa que non foi testemuña directa dos feitos que relata.[19] Entre os sucesos comentados, cabe notar os actos dos almogávares, a conquista de Sicilia ou as loitas contra os franceses.

A terceira obra, Crònica de Ramon Muntaner (1325-1328), escrita polo propio Ramón Muntaner (1265-1336), ten carácter épico. Comprende o período entre Xaime I de Aragón e Afonso III de Aragón (1265-1291). Neste caso, malia ser testemuña directa de moitos dos contidos, o autor decidiu mesturar os feitos históricos coa literatura, describindo aos monarcas cataláns como seres sobrenaturais protexidos pola graza divina.[17]

Para rematar, está a Crònica de Pere el Cerimoniós (c. 1345-1385), probablemente ditada polo propio rei Pedro IV de Aragón, inspirado no Llibre dels fets de Xaime I. Do mesmo xeito, Pedro IV é tamén o protagonista do libro. Porén, a súa descrición afástase do espírito épico e cabaleiresco das outras crónicas.[20]

A literatura relixiosa e moralizante: Ramon Llul

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ramon Llull.
Retrato de Ramon Llull (1232-1316)
Retrato de Ramon Llull (1232-1316)

As crónicas contribuíron a configurar a prosa literaria en catalán, e posteriormente influíron nas novelas de cabalerías como Curial e Güelfa ou Tirant lo Blanc. Con todo, o creador do catalán literario por excelencia foi Ramon Llull (1232-1316), recoñecido pola súa extensa obra escrita, redactada en catalán, occitano, latín e árabe. É considerado o primeiro autor de obras científicas nunha lingua vernácula.[21]

A súa obra fundaméntase na fe cristiá, que o autor decidiu defender tras unha fonda crise relixiosa. O conxunto dos seus traballos, así como a creación dunha escola destinada á instrución de misioneiros, reflicten o desexo do escritor de difundir a doutrina cristiá. A súa estratexia para mellorar os resultados dos métodos tradicionais de evanxelización, baseados na autoridade dos textos sagrados, levouno a difundir o seu pensamento mediante a escritura, o ensino, a disputa coas autoridades teolóxicas, a petición a papas e reis ou a fundación de centros de formación misioneira. Para alcanzar os seu propósitos, dedicou gran parte da súa vida a viaxar para estender a súa mensaxe e poñela a proba.[22]

Llull creou un sistema filosófico ao que chamou Ars, no que integrou de maneira coherente a relixión, a filosofía, a ciencia, a moral e a orde social, a partir dun sistema de verificacións mecánicas comprensibles e transmisibles que debían demostrar a superioridade do cristianismo e facilitar así a conversión dos practicantes doutras crenzas. Desta extensa produción literaria consérvanse 260 obras, entre as que sobresaen o Llibre de contemplació en Déu, o Llibre de l'orde de cavalleria, o Romanç d'Evast e Blaquerna, o Llibre de Santa Maria, o Llibre de meravelles, Lo Desconhort, a Arbre de ciència, a Arbre de filosofia d'amor, o Cant de Ramon ou o Llibre de les bèsties.

O autor usou o catalán en obras filosóficas, científicas e teolóxicas para divulgar as súas ideas a un público urbano, burgués ou aristócrata.[23] Foi o primeiro en empregar a prosa en catalán de forma extensa e de creación propia, xa que as manifestacións anteriores eran escritos específicos e a miúdo traducidos do latín. Por outra banda, un contido desta magnitude filosófica non se atopa nunha lingua diferente do latín, o árabe ou o hebreo até René Descartes (1596-1650), tres séculos máis tarde.[24]

Neste sentido, Llull creou un modelo de lingua culta e unificada para o catalán. Unha prosa segura, flexible e matizada, apta para expresar o pensamento e o sentimento. Así mesmo, aumentou o repertorio léxico do idioma para poder escribir as súas obras filosóficas e doutrinais, usando tanto as fontes romances como incorporando neoloxismos do latín. Segundo os traballos de Francesc de Borja Moll (1903-1991), o vocabulario utilizado por Llull é duns 7000 termos, dos cales un 52% son termos populares cataláns, un 20% son nomes derivados dende o catalán e un 18% son latinismos.[25] O resto son nomes propios, occitanismos e termos onomásticos. En definitiva, Llull conseguiu fixar o catalán literario en toda a súa plenitude, ao tempo que estableceu o modelo lingüístico que despois empregou a Cancelleria Reial. Ademais, a súa obra tivo tamén ampla repercusión nos círculos intelectuais do resto de Europa.

A narrativa humanista: Bernat Metge

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Bernat Metge e Lo somni.
Retrato mural de Bernat Metge, obra de Toni Espinar
Retrato mural de Bernat Metge, obra de Toni Espinar (Muro de Alcoy)

Os intensos e prolongados contactos comerciais con Italia converteron a Cataluña nun importante foco de difusión do pensamento humanista. Un expoñente desta realidade foi a constitución da Cancelleria Reial, órgano administrativo da coroa de Aragón organizado en base a unha rede extensa de funcionarios (escribáns, notarios e secretarios) aos que se lles esixía o dominio de tres linguas específicas: o latín (un idioma de alcance europeo), o aragonés e mais o catalán (ambos os dous oficiais nos dominios da coroa).[26]

Neste contexto sitúase Bernat Metge (1346-1413), escritor, secretario real e home de confianza do rei Xoán I de Aragón e da súa esposa Iolanda de Bar. Foi escribán do rei e, a través de varias traducións de obras humanistas e dos seus propios escritos, introduciu esta corrente no panorama literario catalán. En 1381, saíu do prelo o Llibre de Fortuna e Prudència, composto en verso, onde amosa as relacións entre o azar e a providencia divina nunha sociedade, a catalá, sacudida por unha forte crise financeira. Tamén publicou Valter e Griselda (c. 1388), tradución do Griseldis de Francesco Petrarca (1304-1374) e da última novela do Decamerón de Giovanni Boccaccio (1313-1375). Nesta peza, a traxedia de Griselda convértese nunha reflexión sobre o papel do humanismo na formación dos individuos.[27]

En 1396, tras o pasamento do rei Xoán nun accidente de caza e nun contexto de crise sucesoria, María de Luna, a esposa do monarca Martiño I de Aragón, principiou un proceso xudicial contra o escritor e o resto dos principais conselleiros da corte. Este feito foi crucial para a redacción do libro que se converteu na obra mestra de Metge: Lo somni (1399). Esta obra tiña como finalidade principal convencer ao rei Martiño da súa inocencia e pedir a súa rehabilitación política.[28]

No primeiro capítulo, Metge narra como, na prisión, soñou que o rei Xoán se lle aparecía dende o purgatorio para dialogar con el. Máis adiante, o monarca explicoulle os motivos da súa morte e predixo a súa absolución xudicial. O autor logrou finalmente o seu obxectivo de recuperar o favor do rei Martiño. Porén, esta absolución tivo lugar antes da publicación de Lo somni, unha vez rematada a crise sucesoria. Neste sentido, pódese descartar a influencia do libro na decisión real. Non obstante, ao demostrar a súa valía con este texto puido recuperar o seu cargo como secretario.[28]

Por outra banda, o humanismo influíu tamén de maneira determinante na traxectoria doutros escritores posteriores a Metge, como Andreu Febrer (c. 1375-c.1437), primeiro tradutor da Divina Comedia, Pere March (c. 1336-1413), Jaume Gassull (s. XV-c. 1515), Bernat Fenollar (c. 1438-1516), Bernat Hug de Rocabertí (c. 1415-1485) ou Pere Torroella (1420-1492), entre outros.

A prosa doutrinal

[editar | editar a fonte]

En paralelo ao desenvolvemento da ideoloxía humanista, nos territorios de fala catalá adquiriron tamén importancia certas voces procedentes dos estamentos relixiosos que seguiron o camiño iniciado por Ramon Llull. Neste eido, sobresaen as traxectorias de Francesc Eiximenis (1330-1409), Anselm Turmeda (c. 1355-c. 1423) e Vicent Ferrer (1350-1419).

Francesc Eiximenis

[editar | editar a fonte]
Retrato de Francesc Eiximenis (1330-1409)
Retrato de Francesc Eiximenis (1330-1409)

Francesc Eiximenis foi un escritor franciscano, probablemente un dos autores cataláns medievais máis lidos, copiados, publicados e traducidos. Por este motivo, tivo moita influencia tanto no ámbito literario como no político. Entre os seus lectores destacaron os reis aragoneses Pedro IV, Xoán I e Martiño I, a raíña María de Luna ou o papa Bieito XIII de Aviñón.[29]

Da súa obra en catalán destacan o Tractat d'usura, o Llibre dels àngels, o Llibre de les dones ou a súa Vida de Jesucrist; con todo, o seu libro máis ambicioso é Lo Crestià, unha enciclopedia impulsada por Pedro IV e composta por Eiximenis entre 1379 e 1392. Hoxe en día, o texto ten gran valor por recoller información sobre a vida medieval. Malia ser un proxecto inacabado, Lo Crestià foi unha gran Suma teolóxica en catalán que tiña como obxectivo servir de guía para a vida do bo cristián.[30]

Anselm Turmeda

[editar | editar a fonte]

O mallorquino Anselm Turmeda foi tamén un freire franciscano, mais converteuse ao islam debido ao seu desengano coa sociedade occidental e o cristianismo. Trasladouse a Tunes, onde escribiu moitas das súas obras críticas coa sociedade cristiá da época. Xunto con Ramon Llull, foi un dos poucos autores en escribir tanto en árabe como en catalán, e os seus textos tiveron gran difusión no mundo de fala catalá.[31]

O seu libro máis extenso é a Disputa de l'ase (1417), escrito en Tunes pero dirixido ao público catalán. Trátase dunha peza de inspiración puramente árabe, na que Turmeda mantén unha batalla dialéctica cun asno sobre quen ten superioridade no mundo: o ser humano ou o resto dos animais. O asno consegue rebater todos os argumentos do autor agás o derradeiro, relativo á encarnación de Deus no ser humano.[31]

Vicent Ferrer

[editar | editar a fonte]
Monumento a Vicent Ferrer en Valencia
Monumento a Vicent Ferrer en Valencia

Vicent Ferrer foi un misioneiro dominico valenciano que recorreu Europa predicando a súa visión da moral e do cristianismo. De elevada formación intelectual, tivo grande influencia na corte do papa Bieito XIII, así como na elección da dinastía castelá dos Trastámara para gobernar a coroa de Aragón. Os seus sermóns eran seguidos por milleiros de oíntes en todo o continente, polo que conseguiu conversións multitudinarias que lle deron fama de taumaturgo.[32]

Da súa obra consérvanse 280 sermóns, grazas a transcricións parciais feitas por estenógrafos que o acompañaban. Destas pezas destacan as estratexias oratorias, a linguaxe directa e expresiva, e o rexistro coloquial empregado, que ofrece información moi fiel sobre as características do valenciano da época. Ferrer foi venerado como santo por varias confesións cristiás, e un dos milagres que se lle atribúen é o don de linguas; é dicir, a capacidade ser entendido por todos os que o escoitaban, incluso se facía discursos en valenciano en territorios nos que se falaba outra lingua.[33]

Un dos seus discípulos foi Antoni Canals (1352-1419), un frade dominico nado no reino de Valencia. Desempeñouse como profesor de teoloxía en Valencia e como inquisidor, e estivo vencellado á Casa Real. Destacou polos seus sermóns, que non se conservaron, así como por tres traducións ou adaptacións de obras clásicas ao catalán. Destacan a súa tradución do De providentia de Séneca (c. 4 a.C.-65), unha versión do Dictorum factorumque memorabilium de Valerio Máximo (s. I a.C.-s. I) e a súa tradución libre do libro sétimo do Àfrica de Petrarca.[34]

O Século de ouro

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Século de ouro valenciano.

O período delimitado polo Compromiso de Caspe (1412) e a revolta das Xermanías (1519-1523) foi o momento de máxima expansión política e cultural da lingua catalá. A coroa de Aragón mantivo as súas posesións en Sardeña e incorporou aos seus territorios os reinos de Sicilia e Nápoles. Por outra banda, hai tamén unha liñaxe valenciana nun dos centros europeos da época: os Borxia en Roma. A causa da crise económica e o aumento dos conflitos sociais que sacudiron a Cataluña nesta etapa, o núcleo intelectual e cultural trasladouse do principado a Valencia. Xa que logo, o reino de Valencia obtivo a hexemonía demográfica, económica, política e cultural da coroa de Aragón.[35]

Figuras como Jordi de Sant Jordi (c. 1395-1424), Jaume Roig (c. 1400-1478), Joan Roís de Corella (1435-1497) ou Isabel de Villena (c. 1430-1490) acreditan a calidade da literatura valenciana do século XV. O apoxeo deste período alcanzouse coa lírica do célebre poeta Ausiàs March e coa narrativa de Joanot Martorell (c. 1405-1465), autor de Tirant lo Blanch, predecesora da novela europea moderna.

Tras a extinción da Casa de Barcelona, Afonso V de Aragón (1396-1458) trasladou a corte a Nápoles, co conseguinte traslado de toda a vida cultural da mesma, incluíndo poetas cataláns e casteláns. Os novos reis, de orixe castelá, favoreceron a presencia da súa lingua na corte, malia respectar e manter o catalá como lingua da administración.[35]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]