Lucus Augusti
Tipo | cidade romana cidade fortificada | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Gallaecia, Roma Antiga e Tarraconense, Roma Antiga | |||
| ||||
Composto por | ||||
Características | ||||
Patrimonio da Humanidade | ||||
Muralla de Lugo | ||||
Tipo | Patrimonio cultural → Europa-América do Norte | |||
Data | 2000 (24ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) | |||
Identificador | 987 | |||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | ||||
Muralla de Lugo | ||||
Tipo | Patrimonio cultural | |||
Data | 1993 (17ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) | |||
Identificador | 987 | |||
Ben de interese cultural | ||||
Muralla de Lugo | ||||
Data | 16 de abril de 1921 | |||
Identificador | RI-51-0000191 | |||
Historia | ||||
Período de tempo | Imperio Romano | |||
Actividade | ||||
Fundador | Paulo Fabio Máximo | |||
Lucus Augusti ( grego antigo: Λοῦκος Λὐγούστον,[1] bosque sagrado de Augusto), agora Lugo, foi unha cidade romana fundada por Paulo Fabio Máximo, situada á beira do Minius (Miño) na vía que une Bracara (Braga) e Asturica (Astorga).[1]
Foi a principal fundación urbana romana durante o reinado de Augusto no actual territorio galego. Converteuse en capital dun conventus iuridicus, o Convento Lucense, que cos Convento Bracarense e Asturicense, completaba a xeografía política do noroeste, englobando aos galaicos e ástures, na provincia que chegaría a ser coñecida como Gallaecia.[2]
Ademais converteuse nunha das dúas capitais dos galaicos que, neste caso, deron nome aos Callaïci Lucenses. O convento, segundo Plinio o Vello, tiña 16 pobos e 166 000 habitantes libres.
Historia
[editar | editar a fonte]Segundo Pomponio Mela, foi a principal das cidades dos capori (caporos) aínda que isto non se corresponde con outras fontes.[3] Sexa como for, as orixes de Lucus Augusti como urbe foron froito da presenza das lexións romanas, presenza que aumentou durante as guerras cántabras (29 a. C. - 19 a. C.).
Campamento militar
[editar | editar a fonte]Algúns autores calculan que posiblemente cara o 25 a. C. foi establecido un campamento militar romano[4] aparentemente fundado por Caio Antistio Veto que, segundo Orosio, xunto a Gaius Firmius, loitaron unha difícil campaña para someter ás tribos gallaeci das partes boscosas e montañosas máis remotas da Gallaecia que bordean o océano Atlántico, derrotándoas só despois dunha serie de duras batallas,[5] aínda que os detalles desta campaña seguen sendo descoñecidos. Antistio creou unha ceca, para cuñar moeda provincial romana de bronce para pagar á media lexión (cinco cohortes) que tiña ao seu mando.[Cómpre referencia]
Outras hipóteses suxiren que a fundación foi por decisión do emperador, fundamentada na existencia dun santuario dunha divindade indíxena.[4] Como mínimo serviu como sistema de promoción da figura do emperador, xa que posteriormente a cidade adquiriu especial sona polo seu culto ao emperador Augusto.[4]
Outra teoría sobre a etimoloxía do topónimo fala sobre que os romanos formaron un "Lucus" (do latín: claro na fraga ou bosque sagrado), sendo o sitio un lugar sagrado de reunión para as poboacións derredor.[Cómpre referencia]
Porén, a teoría que máis forza está a gañar nos últimos anos é a do campamento militar. E, en calquera caso, a elección da localización da nova capital conventual cumpría perfectamente as súas necesidades ao ser accesible para tódolos pobos que pertencían ao conventus, estar ben comunicada, contar con augas termais e contar cun río navegable ata o Sil.[6] A súa posición estratéxica permitiu ao Imperio Romano consolidar a conquista no noroeste peninsular.[4][7]
Cidade augusta
[editar | editar a fonte]CAESARI PAVLLVS FABIVS MAXVMVS LEGAT CAESARIS V(rbis) C(onditori) A(ugusto) M(onumentum) Caesari |
A partir do ano 15 a. C.,[7][2] o previo campamento militar, foi evolucionando para converterse en cidade augusta, sendo o seu fundador Paulo Fabio Máximo, legado do emperador Octavio Augusto,[7] que participaba na organización territorial do noroeste da Península Ibérica, fundou nas coordenadas tolemaicas de 7° 25′ - 44° 25′ a cidade de Lucus Augusti.[9]
Deste xeito consagrábase o pacto sagrado, Sacramentum, entre Augusto e os habitantes da Gallaecia polos que estes manteríanse leais e en paz constante, habitando as cidades e campamentos romanos. Para selar este pacto sagrado, un dos catro que Augusto estableceu cos pobos do limes do Imperio, Augusto mandaría acuñar entre o 12 a. C. e o 14 d. C. unha serie de moedas conmemorativas.[10] Para poboala, Paulo Fabio Máximo, licenciou aos soldados de maior idade dándolles terras para cultivar e substituíndoos por soldados galaicos.
Consérvanse hoxe tres monólitos fundacionais da cidade, crese que falta un por atopar xa que, segundo o rito fundacional, debería haber catro.
Capital do Convento Lucense
[editar | editar a fonte]Como capital do Convento Lucense tivo un papel destacado na organización administrativa do noroeste peninsular.[4] Lucus Augusti, como capital do convento, non só foi o centro administrativo e político da zona, senón tamén un punto estratéxico no contexto das rutas comerciais e de comunicacións romanas. O seu desenvolvemento durante o Imperio Romano reflectía a súa importancia dentro da provincia da Gallaecia, sendo un referente económico, social e cultural para o resto do territorio que formaba parte deste convento.
Ceca
[editar | editar a fonte]A ceca de Lucus Augusti onde probablemente se cuñaron as primeiras moedas en Gallaecia ao redor do ano 25 a. C.. Estas moedas foron creadas para pagar á media lexión de Publio Cornelio, que comandaba o exército romano tras a súa chegada ao noroeste da Península Ibérica. Entre as moedas cuñadas destacan o denario (cun peso de 3,5 a 3,8 g e un diámtero de 20 mm), o quinario (1,8 g, 10 mm), os áses de bronce (10 g, 26 mm), dupondios (16 g, 29 mm) e sestercios (38 g, 38 mm), sendo os áses a cuñaxe máis numerosa. As moedas presentan na maioría das veces motivos bélicos, como caetras e cascos de guerra, e a figura de Octavio Augusto, en diferentes orientacions, e foron utilizadas para simbolizar vitorias e acordos coas tribos locais.
Planificación urbanística
[editar | editar a fonte]A planificación urbanística da cidade estaba marcada polo cardo (orientación leste-oeste) e o decumanus (norte-sur).[7] A cidade contaba con vías, un acueduto, edificios residenciais e mansións particulares, algunhas adornadas con mosaicos.
A planificación inicial da cidade establecía a súa superficie total en 64 ha, pero só se chegou a edificar unha superficie de 46 ha.[4] Posibles razóns para este crecemento máis limitado puideron ser o seu carácter marcado de centro agropecuario, comercial e administrativo, feito que limitaba a densidade residencial a un grupo reducido integrado polas clases dirixentes, os funcionarios e os oficios artesanais.[4]
Pensouse durante algún tempo que un anfiteatro romano podería estar baixo o barrio do Carme, pero esta teoría foi desmentida polos arqueólogos no 2021.[11]
Termas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Termas romanas de Lugo.
As termas romanas de Lugo, construídas ao redor do ano 15 a. C., son un testemuño da importancia das instalacións termais na Roma Antiga e contemporáneas á fundación de Lucus Augusti. Situadas preto da ponte romana, aproveitaban un manancial de augas mineromedicinais con propiedades sulfuradas e carbonatadas que brotan a 43,8 °C. Constitúen un exemplo significativo da arquitectura romana dedicada ao benestar físico e social, integrada na vida cotiá dos seus habitantes.
O apodycterium, ou vestiario, é o recinto mellor conservado das termas. Esta sala posúe un pavimento de opus signinum, unha mestura de tella e ladrillo con cal, e presenta dezaoito furnas para gardar roupa e obxectos persoais. A sala de baños, abovedada, tiña tres zonas diferenciadas: o frigidarium para baños fríos, o tepidarium para mornos e o caldarium para quentes, reflectindo o sofisticado sistema de calefacción e confort dos baños romanos.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Algúns exemplos do desenvolvemento da cidade entre do século I ao III son:
- A Casa dos Mosaicos é unha antiga domus situada no centro de Lucus, construída entre os séculos I e II d. C., que albergaba restos dunha vivenda romana, entre eles mosaicos decorativos, pinturas murais e as bases de columnas. Na casa tamén se conserva o hypocaustum, un sistema de calefacción usado na época.
- A Domus do Mitreo é un xacemento que conserva os restos dunha casa romana dos séculos II e III. A súa extensión foi máis aló da muralla. Consérvanse os restos das distintas estancias e algunhas pinturas, pero tamén un espazo para o culto ao deus Mitra cun altar votivo dedicado a un centurión da Legio VII Gemina a cargo do departamento fiscal de Lucus Augusti.
- O mosaico de Dédalo e Pasífae, atopado na rúa Armañá, ocupaba 38 m2 e representa a entrega dunha vaca por Dédalo a Pasífae, a raíña de Creta.[7] Dátase cara a primeira metade do século III.
- O acueduto facilitaba o abastecemento de auga á cidade. A súa ruta conectaba o barrio de Pías e o Castiñeiro, situados a uns 1,5 quilómetros ao noroeste da antiga cidade, co recinto urbano. Aínda que a data exacta de construción é incerta, é probable que se rematase ao redor do século III, cando tamén se construíu a Muralla de Lugo, xa que o acueduto cruzaba a cidade á altura da actual Porta de San Fernando.
Muralla
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Muralla de Lugo.
A súa construción iniciouse arredor do ano 260, buscaba garantir a defensa da cidade nun contexto de crecente inestabilidade, e prolongouse ata o ano 325,. A muralla rodea o casco histórico da cidade cun perímetro de 2 266 metros. Esta estrutura defensiva tiña orixinalmente 85 torres, das que se conservan 71, e un foxo en forma de V rodeaba a muralla, complicando o acceso en caso de ataque. A súa función non só era militar, senón tamén simbólica e económica, proporcionando traballo a numerosos obreiros. A pesar do paso dos séculos, a muralla segue a ser un exemplo excepcional de arquitectura militar romana.
A estrutura foi levantada empregando lousa e granito, cun núcleo de morteiro de terra e pedra. Cada torre, que permitía a vixilancia e defensa mediante armamento romano como béstas e onagros, estaba coroada con varias plantas e grandes xanelas. A disposición estratéxica das torres evitaba ángulos mortos, asegurando unha cobertura visual completa. A muralla contaba tamén cun espazo interior coñecido como intervallum, entre o muro e as edificacións, para facilitar a defensa. Hoxe en día, a única torre parcialmente conservada con xanelas da época romana é a Mosqueira, símbolo do esplendor arquitectónico militar de Lucus Augusti no Imperio Romano de Occidente.
O recinto urbano estendeuse polo norte e o oeste e delimitou a zona interior cunha extensión próxima as 35 ha, e a cidade exterior, que superaba as 20 ha.[4]
Abandono da cidade imperial
[editar | editar a fonte]Investigacións nos solares 21 e 22 da Praza de Santo Domingo identificaron unha fase de abandono na segunda metade do século IV d. C. Este período está relacionado co colapso das estruturas urbanas e unha diminución da actividade económica e administrativa da cidade, no contexto máis amplo da decadencia do Imperio Romano de Occidente. Este horizonte arqueolóxico inclúe evidencias de materiais reutilizados, restos de viridarium (xardíns interiores) e frigidarium, xunto con achados de cerámica e moedas.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Smith, William (1854). "Lucus Augustus". perseus.tufts.edu. Consultado o 2023.
- ↑ 2,0 2,1 Villanueva Acuña, Manuel (2016). "La fundación de Lucus Augusti: nuevas perspectivas". Revista de historiografía (RevHisto) (25): 273–286. ISSN 1885-2718. doi:10.20318/revhisto.2017.3586.
- ↑ Flórez, Enrique (2004). La provincia antigua de Galicia y su metrópoli, la Iglesia de Braga. p. 58.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "Lucus Augusti". egu.xunta.gal. Consultado o 2024.
- ↑ Orosius, Paulus. "6: 21, 2". Historiae Adversus Paganos (PDF). pp. 210, 211.
- ↑ Mª Dolores Dopico Caínzos (2013). Universidade do Porto, ed. "Nuevas formas de administración, nuevas formas de control: La fundación de Lucus Augusti y su Convetus" (PDF). Portugália (en castelán) 34: 83–100.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. pp. 62, 63. ISBN 978-84-9865-672-5.
- ↑ "Lucus augusti. Monólito.". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2011. Consultado o 06 de xuño de 2011.
- ↑ Felipe Arias (1983-1984). Universidade do Porto, ed. "A cidade de Lucus Augusti" (PDF). Portugália. 04-05: 209–214.
- ↑ Dovale, Héctor Manuel Vázquez. "Lucus Augusti. La Ciudad Sagrada de Augusto".
- ↑ "A arqueoloxía desmonta a teoría do anfiteatro romano de Lugo". galego.lavozdegalicia.es. 2021. Consultado o 2024.
- ↑ Folgueira Castro, Adrián; Bartolomé Abraira, Roberto (2020). "Lucus Augusti. Un ejemplo de horizonte de abandono de la ciudad imperial. El caso de la excavación arqueológica en los solares nº 21-22 de la Plaza de Santo Domingo, Lugo" (PDF). Ex Officina Hispana. ISSN 2255-5560.