Saltar ao contido

Mañufe, Gondomar

Mañufe
ConcelloGondomar[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°06′29″N 8°46′21″O / 42.108052777778, -8.7725416666667
Área7,57 km²
Poboación1.392 hab. (2019)
Densidade183,88 hab./km²
Entidades de poboación24[1]
editar datos en Wikidata ]

San Vicente de Mañufe é unha parroquia que se localiza no concello de Gondomar. Segundo o padrón municipal en 2019 tiña 1392 habitantes (721 homes e 671 mulleres), 23 máis ca en 2014 (604 homes e 665 mulleres). No ano 2004 tiña 1229 habitantes (624 homes e 605 mulleres), 54 máis ca en 1999. Eclesiasticamente, pertence ao Arciprestado de Miñor.[2]

Ten 24 entidades de poboación e unha superficie de 7,57 km².

Cruceiro de Mañufe no lugar do Acordo.
Ponte de Mañufe, románica do século XII
Cruceiro e capela de San Sebastián, Mañufe, Gondomar
Cemiterio parroquial de Mañufe, Gondomar

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O topónimo Mañufe provén da tradición onomástica xermánica achegada por suevos e visigodos[3]. Segundo Ávila y La Cueva esta parroquia recibía no século XII o nome de Monufi, topónimo  que segundo Antonio Soliño Troncoso procede do nome persoal Maniulfus[4], afirmación compartida por Gonzalo Navaza quen sinala está  composto de dous elementos de orixe xermánica, o primeiro (man) significa "home" e o segundo (ulfus) significa "lobo".[3]

Explica Navaza, que non por isto debe entenderse que o nome persoal  Maniulfus signifique home-lobo. Débese considerar que os antepasados da alta idade media cando combinaban elementos onomásticos do repertorio xermánico para formaren os nomes que impoñían aos seus fillos e fillas, non pensaban nos significados deses elementos que seguramente non coñecían. O autor dá como exemplo a existencia de nomes compostos por elementos que son opostos ou contraditorios no seu significado. Tal sería o caso do nome persoal Fernando ≤ Fredenandus, onde o primeiro elemento significa "pacífico" e o segundo "belicoso".[3]

Por outra banda, os nomes de lugar de Mañufe permiten confirmar xunto cos estudos arqueolóxicos e documentais a presenza de diferentes culturas nesta parroquia ao longo da historia. Así o confirma a recollida de próximo a un millar e medio de topónimos realizada entre os anos 2015 e 2016 polo historiador de Baiona, Anxo Rodríguez Lemos, presentada baixo o título "Os nomes de Mañufe[5]. De Fontán a Portavedra", dirixida polo Instituto de Estudos Miñoranos e financiada polo Concello de Gondomar.

Exemplo da pegada romana neste territorio son os topónimos Fontán e Texosa; así como Mañufe e Nande son froito da tradición xermánica[6].

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Patrimonio civil

[editar | editar a fonte]

Casa A Fundación

Artigo principal: Casa A Fundación.

Esta casa señorial, probablemente do século XVII, atópase na Costa, parroquia de Mañufe, Gondomar. Actualmente en ruínas, asentábase sobre un pequeno outeiro sobre o río Folón (Río Pequeno na cartografía oficial) nomeado na zona como Río das Bouzas e tamén como Río da Costa. A vivenda principal tiña dúas plantas e dependencias auxiliares típicas dunha casa labrega na súa contorna: curral, cuadra, bodega, lagar e almacén. Para as labores de explotación contaba con muíño fariñeiro e unha levada de augas para o regadío

Casa de Baludío
Artigo principal: Casa Baludío.

A casa e terras de Baludío sitúanse na Texosa. Foi unha casa grande galega con terras de labranza orixinariamente do mosteiro de Santa Baia de Donas. Sobre ela fundou morgado o capitán Álvaro Pérez de Ceta y Figueroa en 1623. Actualmente atópase en ruínas.

Casa de Dona María ou Casa Inquisicional de Cristillón
Artigo principal: Casa de Dona María.

A súa fundación remóntase á primeira metade do século XVII. A casa foi residencia dun inquisidor do Santo Oficio cuxas armas se mostran nun brasón pétreo que coroa o lintel do portalón de entrada á casa.

Pazo de Fontán
Artigo principal: Pazo de Fontán.

O Pazo e Pousa de Fontán é unha casa señorial (hoxe en ruínas) situada no lugar e camiño do mesmo nome. Levantada entre os séculos XV ou XVI, -as súas terras eran confinantes ao sur co Río Miñor e atravesadas de leste a oeste pola Levada do Bravo.

Pazo de Mendoza ou Pazo da Escola
Artigo principal: Pazo da Escola.

O Pazo da Escola (orixinariamente Pazo de Mendoza) é unha casa grande galega da segunda metade do século XVIII fundada polo Pilcarpo de Mendoza. Existe outro pazo de Mendoza tamén fundado por Policarpo de Mendoza en Baiona

Pazo de Moldes
Artigo principal: Pazo de Moldes.

O Pazo de Moldes, tamén coñecido como Casa Forte de Moldes ou Pousa de San Blas é un antigo couto sobre os que a foi edificada unha casa grande galega no contorno do século XIV. Canda ela, unha capela baixo advocación de San Brais, sede dunha romaxe tradicionais da parroquia de Mañufe. No século XXI, inda que con algunha reforma no exterior, mantén en boa conservación as súas estruturas, sendo utilizada como vivenda familiar. Atópase no lugar de San Brais, parroquia de Mañufe, Gondomar.

Ponte de Mañufe
Artigo principal: Ponte de Mañufe.

A Ponte de Mañufe é a máis antiga das existentes na comarca do Val Miñor. A obra ten unha probable orixe romana e unha posterior reconstrución datada no ano 1140 segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón. Sitúase na actual estrada provincial PO-2035 ao seu paso polo río Miñor, e segue a ser a principal porta de entrada e saída á parroquia de Mañufe tanto do tráfico peonil como vehicular no século XXI. Une os lugares da Texosa (norte) e A Ponte (sur), na devandita parroquia situada no concello de Gondomar. Está catalogada como Ben de Interese Cultural dentro do espazo de protección delimitado no Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.

Patrimonio relixioso

[editar | editar a fonte]
Cruceiro de Piquetes
Artigo principal: Cruceiro de Piquetes.

Está situado no lugar de Piquetes, na encrucillada do Camiño Real Tui-Baiona co Camiño de Cristillón que leva ao cemiterio de Mañufe. Antigamente foi lugar de culto e procesión da festividade de San Brais. Esta partía da capela do Pazo de Moldes cara a este cruceiro onde daba volta e retornaba ao templo. Non ten data acreditada documentalmente, mais os estudos da súa fábrica polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso a fan estimar sobre o século XVII. No estudo desta peza de Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, tampouco constata data de construción, mais coincide en que se trata dun cruceiro "primitivo". Cumpre coa fisionomía típica do cruceiro: plataforma, base, fuste, capitel e cruz.

Cruceiro do Acordo
Artigo principal: Cruceiro de Mañufe.

Coñecido como do Acordo ou de Mañufe, este cruceiro salienta polo seu peto de ánimas policromado e unha alegoría do pecado orixinal representada por unha serpe que gabea polo fuste. Non hai data acreditada da súa construción, pero sábese que entre os séculos XVI e XVIII ao pé deste monumento relixioso tiveron lugar as reunións do Partido do Miñor integrante da antiga provincia de Tui, durante o Antigo Réxime. A peza tivo varias reconstrucións a última en 2017, quedando da orixinal só a base e parte do peto de ánimas. Trátase dun ben de interese patrimonial protexido polo Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.

Igrexario de San Vicente de Mañufe

A igrexa de San Vicente de Mañufe é un templo cristián situado no lugar da Moreira. Data do século XII, pero a maior parte da obra actual é barroca, consecuencia dunha gran reforma no século XVIII. Ten como celebración principal a do santo patrón da parroquia, san Vicente, o día 22 de xaneiro. Forma parte da diocese católica latina de Tui-Vigo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. "MIÑOR archivos". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2023-09-13. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Navaza, Gonzalo; Soliño Troncoso, Antonio; Mouriño, Miguel Anxo; Autores Varios (2012). retallos de GONDOMAR DE MIÑOR. Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 13–15. ISBN 978-84-616-1271-0. 
  4. Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 105. 
  5. "Anxo Rodríguez Lemos presenta su estudio de la toponimia de Mañufe". Faro de Vigo (en Castelán). Consultado o 25/05/2020. 
  6. Varios, Varios (2007). Gondomar. Dinamismo económico (en Castelán). Concello de Gondomar. p. 24. 

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Mañufe

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Mañufe no concello de Gondomar (Pontevedra)

O Barco | O Campo das Bestas | A Costa | Cristillón | A Cruz | Fontán | Galisteo | A Goldra | O Lameiro | A Moreira | Nande | Penalba | Piquetes | A Ponte | A Portavedra | Pousada | O Rapadouro | San Brais | San Sebastián | Santo André | Seidóns | A Sequiña | A Texosa | O Verdeal

Parroquias de Gondomar

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Gondomar

Borreiros (San Martiño) | Chaín (Santa María) | Couso (San Cristovo) | Donas (Santa Baia) | Gondomar (San Bieito) | Mañufe (San Vicente) | Morgadáns (Santiago) | Peitieiros (San Miguel) | Vilaza (Santa María) | Vincios (Santa Mariña)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]