Magyar Televízió
Magyar Televízió Televisión Húngara | |
---|---|
Inicio das emisións | 23 de febreiro de 1957 |
Propiedade de | MTVA |
Slogan | Értéket közvetít (Transmitindo valores) |
País | Hungría |
Lingua | húngaro |
Sede central | Budapest |
Na rede
| |
mtv.hu |
Magyar Televízió (en galego, Televisión Húngara), tamén coñecida como MTV, é a compañía de televisión pública de Hungría. Fundada en 1954 como parte de Magyar Rádió, funciona como un organismo independente da radio pública desde 1974.
Actualmente o grupo xestiona dúas cadeas de televisión con cobertura en toda Hungría e un servizo adicional que emite as sesións do Parlamento húngaro a través de Internet. MTV é membro activo da Unión Europea de Radiodifusión e parte do grupo húngaro MTVA desde 2011.
Historia
[editar | editar a fonte]MTV durante a República Popular de Hungría
[editar | editar a fonte]As primeiras probas de Magyar Televízió tiveron lugar en 1954, pero non foi ata o 23 de febreiro de 1957 cando comezaron as emisións regulares da televisión de Hungría. A inauguración oficial da canle produciuse o 1 de maio de 1957, coa emisión dun desfile militar do Exército húngaro, e desde o 2 de xullo dese mesmo ano empezaron a emitirse programas diarios de información. Nese tempo MTV formaba parte da radio pública húngara, Magyar Rádió.[1] Desde a súa creación e ata o final da República Popular de Hungría en 1989, Magyar Televízió estivo controlada por completo polo Estado.[2]
Nos seus primeiros anos Magyar Televízió foi unha das cadeas de televisión máis activas de Europa do Leste, e foi unha das impulsoras dunha plataforma de televisións públicas da órbita socialista, distinta á Unión Europea de Radiodifusión (UER), que servise para intercambiar programas. Deste xeito, MTV foi un dos catro grupos fundadores da Organización Internacional de Radio e Televisión (OIRT) xunto a Checoslovaquia, Alemaña Oriental e Polonia.
Nos seguintes anos, o desenvolvemento de MTV continuou coas primeiras emisións en cor en 1967, a creación dunha segunda canle en 1971, e a separación en dúas entidades independentes de Magyar Televízió e Magyar Rádió en 1974.[1] Outros avances significativos foron a creación do teletexto en 1981,[2] as desconexións territoriais para provincias tres anos despois, e a chegada de programas estranxeiros de países occidentais como as telenovelas.
MTV durante a República de Hungría
[editar | editar a fonte]Coa caída do réxime socialista e o nacemento da República de Hungría en 1989, Magyar Televízió modificou o seu funcionamento. A programación das dúas canles de televisión cambiou por completo, e durante os seus primeiros anos en democracia producíronse numerosos cambios en curtos períodos de tempo. O novo Goberno creou unha canle pública independente de MTV, Duna TV, que comezou as súas emisións o 24 de decembro de 1992. En 1993, MTV integrouse na UER despois de que este organismo absorbese á OIRT.[1]
En 1997, o Goberno de Hungría aprobou a chegada da televisión comercial privada coa concesión de dúas novas canles: TV2 e RTL Klub. Para que TV2 tivese unha frecuencia en todo o país, o Executivo pensou retirar a súa concesión á segunda canle de Magyar Televízió, algo que finalmente se desestimou. Con todo, a televisión pública trasladou a súa frecuencia aos operadores de cable e satélite, mentres que a primeira canle continuou en analóxico.[2]
MTV atravesou un proceso de renovación coa chegada do século XXI. O Executivo húngaro eliminou o canon que cobraba aos seus cidadáns por ter un televisor para manter o ente público, e converteu a MTV nunha Corporación dependente da publicidade e os fondos do Goberno. Nese tempo o grupo modificou a súa imaxe corporativa e trasladou a súa sede nos arredores de Budapest.[3][4] En 2008 comezaron as emisións das dúas canles do grupo en alta definición.[5]
Canles de televisión
[editar | editar a fonte]- M1: Primeira cadea. Oferta unha programación de contidos xerais con vocación de servizo público, informativos, películas e produción propia.
- M2: Segunda canle, dedicado á cultura e ás minorías húngaras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Magyar Televízió (ed.). "Hungarian Television: our History" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2007. Consultado o 2 de setembro de 2010.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Magyar Electronikus Konyvtar (ed.). "A Magyar Televízió története" (en húngaro). Consultado o 2 de setembro de 2010.
- ↑ Magyar Televízió (ed.). "The future of MTV" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2007. Consultado o 2 de setembro de 2010.
- ↑ 31 de xullo de 2009. Magyar Televízió, ed. "The Hungarian Television has moved" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2015. Consultado o 2 de setembro de 2010.
- ↑ 1 de xullo de 2009. Magyar Televízió, ed. "Hungarian Television: Digital terrestrial transmission started" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2015. Consultado o 2 de setembro de 2010.