Manifestación polo galego en maio de 2009
A manifestación polo galego acontecida en Compostela o 17 de maio de 2009 foi unha manifestación cívica en prol da lingua galega, de reivindicación dos seus dereitos e en contra da derrogación do decreto do galego no ensino, englobado dentro do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade en setembro de 2004, e que veu a ser un novo pulo á tarefa normalizadora da lingua do país, conxuntamente coa Lei de normalización lingüística que ampara administrativamente a lingua propia de Galiza, unha lei aprobada tamén por unanimidade en 1983, durante o mandato exercido polo PPdeG no máximo órgano de goberno galego, a Xunta de Galicia.
Características
[editar | editar a fonte]A concentración, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, contou con máis de 20.000 sinaturas de particulares e máis de 570 asociacións adscritas para esta concentración cívica. Estimase que acudiron á capital galega co gallo da manifestación un total de arredor de 40.000 manifestantes[1], se ben outras fontes cifran o número total de asistentes en 50.000[2].
Diversos persoeiros dos máis variados ámbitos de Galiza deron o seu apoio a lingua, entre eles: Manuel Rivas, Carlos Blanco, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, Carlos Callón, Guillerme Vázquez, Antón Reixa, Mercedes Peón ou Francisco Jorquera.
A praza da Quintana compostelá encheuse dúas veces, polo que o discurso dos organizadores tivo que ser lido por partida dobre. Cómpre salientar a presenza no acto de Avelino Pousa Antelo, loitador de vello en prol da lingua galega que, conxuntamente con Teresa Moure, Iolanda Castaño, Nemésio Barxa e Brais Fernández, leu o manifesto, titulado Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, no que foi esixida a "igualdade de dereitos para o galego" e se rexeitou a idea de dar pasos atrás en materia lingüística, o que foi denominado coma "unha volta ao tardofranquismo"[3].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Preto de 40.000 manifestantes en defensa da lingua de Galiza.". Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2009. Consultado o 17 de maio de 2009.
- ↑ "Unha manifestación histórica e multitudinaria.". Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2009. Consultado o 17 de maio de 2009.
- ↑ "Derogar o decreto do galego é retroceder ao tardofranquismo.". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 17 de maio de 2009.