Saltar ao contido

Manuel Loureda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaManuel Loureda
Biografía
Nacemento11 de novembro de 1941 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte30 de xuño de 2017 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Altura1,77 m Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1962 Editar o valor en Wikidata - 1974 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1960–1961   SDC Órdenes
1960–1974   Deportivo da Coruña 286(51)

Manuel Loureda Calvete, nado na Coruña o 11 de novembro de 1941 e finado na mesma cidade o 30 de xuño de 2017, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e pasou toda a súa carreira como futbolista profesional no Deportivo da Coruña, no que ingresou en 1960 e no que se retirou 14 anos despois, en 1974, tras 323 partidos oficiais e 69 goles. Foi un fixo nas aliñacións do club na época do chamado "equipo ascensor" e viviu catro ascensos e seis descensos de categoría.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no equipo xuvenil do Sporting Coruñés, ata que o 27 de xullo de 1960, con 18 anos, asinou contrato co Deportivo da Coruña.[2] Na tempada 1960/61 xogou cedido no Ordes, da Terceira División,[3] incorporándose ao Deportivo no verán de 1961. Pasou a tempada 1961/62 no equipo de reservas, e non tivo ningunha oportunidade co primeiro equipo ata que este certificou o ascenso á Primeira División. Finalmente, o 22 de abril de 1962 debutou co Deportivo da Coruña, xogando ante o Córdoba en Riazor o primeiro dos dous partidos non oficiais que decidiron o campión de Segunda División.[4][5] En setembro foi titular no histórico Trofeo Teresa Herrera 1962, no que o Deportivo derrotou ao poderoso Benfica campión das dúas últimas Copas de Europa.[6]

Xa iniciada a tempada 1962/63, debutou da man do adestrador Rabassa en partido oficial, na segunda xornada da Primeira División ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu, encontro que acabou con derrota por 2–1. Tamén ante o Real Madrid, pero en Riazor, marcou o seu primeiro gol co Deportivo (e único nesa campaña). Foi na xornada 17, nun partido que rematou tamén en derrota (1–3). Sumou 13 partidos durante a tempada, na que os xogadores máis habituais na dianteira foron Veloso, Montalvo e Jaime Blanco. Rabassa foi destituído en decembro e a continuación pasaron polo banco Rodrigo García Vizoso e Lelé, pero o equipo acabou descendendo a Segunda División despois de perder a promoción contra o Levante.[7]

Na tempada 1963/64, da man do adestrador arxentino Roque Olsen, Loureda foi o atacante que máis partidos xogou (todos excepto un), formando xunto a Veloso, Montalvo e Lamelo unha prolífica dianteira que levou ao equipo a se proclamar campión de Segunda, con 74 goles a favor. O ascenso certificouse a falta de dúas xornadas para o final, grazas a un gol de Loureda que culminaba a vitoria do Deportivo por 2-1 no derbi galego contra o Celta de Vigo en Riazor.[8][9] Rematou a campaña con 15 goles, entre eles un triplete na goleada por 8-2 sobre o Alavés, colocándose como o quinto máximo goleador do Grupo 1 de Segunda.

No seu regreso á máxima categoría, só puido disputar 13 partidos, pois en xaneiro recibiu unha sanción de 14 xornadas por agredir a un árbitro asistente nun partido ante o Atlético de Madrid.[10][11] O equipo coruñés realizou unha pésima campaña, acabando de último e descendendo de novo a Segunda.[12] Volveu ser unha peza fixa nas aliñacións do Deportivo na seguinte tempada, xa con Orizaola no banco, e pechou a liga con 10 goles e un novo título de campión. Ademais, na goleada por 9-1 sobre o Melilla na Copa do Xeneralísimo converteuse nun dos poucos futbolistas na historia do Deportivo en marcar cinco goles nun mesmo partido.[13]

Continuou como titular habitual no ataque deportivista durante os seguintes oito anos, aínda que con menores cifras goleadoras, e viviu outros catro descensos de categoría e dous ascensos. A 1973/74 foi a súa última tempada como futbolista. Ese ano participou en 20 partidos, marcando un gol na Copa, e non puido evitar o descenso do equipo á Terceira División, por primeira e única vez na historia do club coruñés. Derrubado animicamente, ao remate do partido contra o Mallorca que certificou o descenso precisou de asistencia debido a unha crise nerviosa,[14] e dous días despois anunciou a súa retirada do fútbol.[15]

No momento da súa retirada era o terceiro xogador con máis partidos oficiais disputados na historia do Deportivo (323), só por detrás de Acuña e Domínguez, e o terceiro máximo goleador (69), superado só por Veloso e Guimeráns. Actualmente ocupa o 12º posto en número de partidos e o décimo en goles.[16]

Faleceu o 30 de xuño de 2017, aos 75 anos de idade.[17][18]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Deportivo
  1. "Xogadores de lenda: Manuel Loureda Calvete". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  2. "Actualidad deporlivista". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xullo de 1960. p. 5. 
  3. "Las cesiones". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 1960. p. 4. 
  4. "Ganó el Deportivo al Córdoba por 3-1". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de abril de 1962. p. 4. 
  5. "El Deportivo derrotó al Córdoba por 3 tantos a 1". El Correo Gallego (en castelán) (27563). 24 de abril de 1962. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2023. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  6. "El Deportivo conquistó el XVII Trofeo Teresa Herrera". La Noche (en castelán) (12627). 10 de setembro de 1962. p. 5. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  7. "Temporada 1962-1963". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  8. "Temporada 1963-1964". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  9. "R.C. Deportivo, 2 - R. C. Celta, 1". La Noche (13219). 13 de abril de 1964. p. 5. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  10. "Juego duro, parcialidad arbitral y dos expulsiones en Riazor". El Pueblo Gallego (en castelán). 26 de xaneiro de 1965. p. 16. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  11. "Loureda, del Coruña, sancionado con catorce partidos". El Pueblo Gallego (en castelán). 28 de xaneiro de 1965. p. 13. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  12. "Temporada 1964-1965". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  13. "Gran partido del Deportivo que goleó al Melilla (9-1)". La Noche (en castelán) (13756). p. 6. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  14. "Jugamos a tope". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de maio de 1974. p. 28. 
  15. "Loureda se retira". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de maio de 1974. p. 36. 
  16. "Listado de jugadores del Deportivo de La Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  17. "Loureda, un dos poucos futbolistas que defendeu ao Dépor durante toda a súa carreira, falece aos 75 anos de idade". Deportivo da Coruña. 30 de xuño de 2017. 
  18. "Fallece Manuel Loureda Calvete, el Djalminha del Dépor de los 70". La Voz de Galicia. 30 de xuño de 2017.  (en castelán)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]