Saltar ao contido

Manuel Mayer von Furtwängler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaManuel Mayer von Furtwängler

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento18 de novembro de 1802 Editar o valor en Wikidata
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Morte6 de febreiro de 1889 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar Editar o valor en Wikidata
Familia
FillosEnrique Mayer Castro Editar o valor en Wikidata

Manuel Mayer von Furtwängler, nado en Ferrol o 18 de novembro de 1802 e finado en Santiago de Compostela o 6 de febreiro de 1889, foi un militar de ideoloxía liberal, oficial da Milicia Nacional de Santiago, que participou no pronunciamento constitucional de 1820, na resistencia contra os Cen Mil Fillos de San Luís, na Primeira guerra carlista e na Revolución Galega de 1846. Foi condecorado en 1869 coa Gran Cruz da Constancia da Milicia Nacional.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Manuel Vicente Rufino Mayer von Furtwängler naceu na parroquia de San Julián de Ferrol o 18 de novembro de 1802. Era fillo de Lorenz Mayer Köpp e Johanna von Furtwängler Merk, dous comerciantes reloxeiros alemáns naturais de Urach-Schwarzwald, na Selva Negra do Principado de Fürstenberg, que emigraran a España en 1792. O seu pai, Lorenz Mayer [1], fundou unha das primeiras reloxerías da cidade de A Coruña, sendo un importante impulsor da artesanía reloxeira en Galicia [2], actividade á que levaba dedicada a familia dende o século XVII.

Neto por vía paterna de Joseph Mayer von Kaltenbach, sarxento de cabalaría, da liñaxe suaba dos Kaltenbach; e Clara Köpp Merk. Neto por vía materna de Ferdinand von Furtwängler, da familia dos Furtwängler, outra antiga liñaxe suaba da que saíron importantes artesáns, reloxeiros, eruditos e artistas; e de Marian Merk.

Iniciou a carreira militar en 1820, cando se alistou voluntario na Milicia Nacional, sendo un dos que participou na proclamación coruñesa da Constitución do 21 de febreiro de 1820 instigada polo coronel Rafael del Riego, que deu paso ao Trienio liberal (1820-1823).

Combateu en 1823 a invasión francesa dos Cen Mil Fillos de San Luís que viñan de Francia a restaurar o absolutismo, capitulando o 15 de xullo tras o sitio da cidade da Coruña. A persecución dos liberais producida polos realistas durante a Década ominosa motivou o seu exilio ás Illas Canarias.

De regreso á Península, o 17 de marzo 1834 alístase por segunda vez á Milicia, para combater no bando cristino durante a Primeira guerra carlista en Galicia. Formou parte do célebre Rexemento de Infantaría "Castilla" nº16 durante toda a guerra, participando na batalla da Sionlla o 16 de xaneiro de 1835 baixo as ordes do Coronel García, na batalla de Ferreiros o 13 de xullo de 1835 baixo o mando do Mariscal de Campo Francisco Sanjuanena Gaitán, e na batalla de Lavacolla o 22 de febreiro de 1836.

Durante a contenda, o 13 de xuño de 1836 foi nomeado comandante da Patrulla reservada para a seguridade e a orde da cidade de Santiago, polo Marqués de Astariz, o coronel Jacobo Llorente y Pazos de Provén, séndolle encomendada a vixilancia e protección nocturna de Compostela xunto a cinco milicianos. O 8 de marzo de 1837 nun documento da Comandancia Militar de Santiago o referido Marqués de Astariz certificou os seus méritos: “Certifico que D. Manuel Mayer Furtwängler, de la Primera Compañía de Granaderos del Batallón n°2 de la Milicia Nacional de Santiago, corrió con voluntariedad a incorporarse a la columna bajo mis órdenes, cubriendo con valor y celo todo el servicio para el que le he nombrado, manifestando así de un modo inequívoco sus sentimientos de adhesión a la causa justa Nacional y a los derechos de nuestra Augusta Soberana Isabel II y libertades de la Patria”.

Tras o fin da guerra, tomou parte do Pronunciamento progresista de setembro de 1840, que daría paso á Rexencia do xeneral Baldomero Esparetro. En 1841 foi nomeado Subtenente de Granadeiros, recibindo en 1842 dous Reais Despachos por méritos e distintivo da Milicia Nacional "por haberse hecho digno del mismo defendiendo con las armas en la mano la Constitución en tantas ocasiones".

En 1846 secunda na cidade de Santiago de Compostela o Pronunciamento do coronel Miguel Solís, a coñecida Revolución galega contra o réxime moderado do xeneral Ramón María Narváez. O fracaso na Batalla de Cacheiras provocou a súa expulsión do Exército e a retirada dos recoñecementos e condecoracións.

Tras o triunfo do Bienio Progresista alístase en 1854 á Milicia por terceira vez, sendo reelixido Subtenente da Primeira Compañía de Granadeiros do Batallón n°2 da Milicia Nacional de Santiago, mediante Real Despacho dado pola S.M. Isabel II en Aranjuez o 13 de xuño de 1855, concedéndolle o uso do uniforme regular de Suboficial do Exército.

En 1856 é ascendido a oficial, como tenente da Primeira Compañía de Granadeiros do Batallón n°2 da Milicia Nacional de Santiago, formado por 105 milicianos, dous tenentes e un capitán.

Os seus méritos foron recoñecidos polo Capitán Xeneral de Galicia na Coruña o 3 de marzo de 1862, que probou os "méritos y servicios que resultan de las guardias, patrullas, retenes, persecución de malhechores, custodia de presos, escolta de correos y convoyes en tiempos excepcionales".

En 1869 foille concedida pola S.M. o xeneral rexente Francisco Serrano Domínguez a Gran Cruz da Constancia da Milicia Nacional. Durante a súa vellez estivo comprometido coa defensa dos ideais liberais, participando en banquetes democráticos. "Decano quizás de los liberales de Galicia", segundo recolle o historiador Gil Novales [3].

Á marxe da carreira castrense, herdou do seu pai o obradoiro de reloxería, e foi o fundador en 1830 da Reloxería Mayer de Santiago de Compostela.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

En 1852 casou con Antonia de Castro y Varela, e foron pais do profesor da Escola de Artes de Santiago, gravador e ourive compostelán Enrique Mayer de Castro. Foi avó do mestre reloxeiro Antonio Mayer Méndez (1910-1996), e do tamén gravador e profesor da Escola de Artes e Oficios de Santiago, Enrique Mayer Méndez[4] (1907-2001). Foi bisavó dos tamén artistas Enrique e Santiago Mayer Viña.[5], e do acibecheiro Fernando Mayer Garea[6].

Notas

  1. Landeira de Compostela, Fernando (1957). Theatro Chronométrico del Noroeste Español. Biblioteca Literaria del Relojero. p. 135-143. 
  2. "Ciudad de relojes y relojeros". La Opinión. 
  3. Gil Novales, Alberto (2010). Diccionario biográfico de España (1808-1833) II. p. 1935. 
  4. "Enrique Mayer Méndez". 
  5. "Santiago Mayer Viña". 
  6. "Fernando Mayer Garea". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]