María Auxiliadora
María, auxilio dos cristiáns (en latín: Maria Auxilium Christianorum) é un título dado á Virxe María. San Xoán Crisóstomo chamábaa «Auxilio potentísimo, forte e eficaz dos que seguen a Cristo».[1] Este título tomou forza en Occidente co papa Pío V no século XVI. Foi definitivamente popularizado co desenvolvemento das obras educativas e apostólicas de Don Bosco no século XIX, na advocación mariana de María Auxiliadora. Aínda que comunmente se asocia o título coa Igrexa católica, a Igrexa ortodoxa tamén o recoñece desde que en 1030 Ucraína logrou defenderse dunha invasión bárbara, feito que a relixiosidade da época atribuíu ao auxilio da Virxe María.
Historia
[editar | editar a fonte]Até o século XIX, a advocación de María Auxiliadora asociouse fortemente á defensa militar dos bastións católicos e ortodoxos en Europa, o norte de África e Medio Oriente fronte aos musulmáns. Precisamente baixo o pontificado de Pío V, a Europa cristiá reuniu unha importante forza militar para deter na batalla de Lepanto (1571) o expansionismo do Imperio Otomán polo Mediterráneo occidental. Mentres a liga Santa, encabezada por España, derrotou a armada do Imperio Otomán, o papa pedira a toda a cristiandade que rezase o rosario. En gratitude pola vitoria, o papa Pío V instituíu a festa da Virxe das Vitorias, despois coñecida como a festa do Rosario, a celebrarse o primeiro domingo de outubro, e agregou o título "auxilio dos cristiáns" (Sancta Maria Auxilium Christianorum) ás ladaíñas lauretanas. Coa popularización que os salesianos fixeron da devoción a María Auxiliadora en todos os países onde se abriron casas de Don Bosco, deuse o xurdimento de numerosos santuarios, entre os cales o máis soado é precisamente o da Basílica de María Auxiliadora en Turín. O título de María como «auxilio dos cristiáns» forma parte até hoxe das ladaíñas lauretanas.[2]
Don Bosco
[editar | editar a fonte]San Xoán Bosco foi un dos maiores propagadores desta advocación. El vía o florecemento das súas obras apostólicas e educativas entre a mocidade como obra da Virxe María. Comeza a referirse a esta co nome de María Auxiliadora a partir de 1860, xusto cando a Virxe lle manifestou o seu desexo de ser honrada baixo o devandito título e a súa vontade de que se lle construíse un templo.
É posible que este desexo de afidarse a María como "Auxilio dos cristiáns" teña relación co avance do nacionalismo que avogaba pola unificación de Italia, aínda en contra da existencia dos Estados Pontificios e polo tanto da autoridade do papa. Don Bosco estivo moi preto do pontificado do papa Pío IX, o último papa-rei dos Estados Pontificios. O recordo recente da promesa feita á Virxe por parte de Pío VII prisioneiro de Napoleón a principios do século puido inspirar en Don Bosco a súa devoción a unha advocación que probara éxito nos momentos máis difíciles da Igrexa. Ben pronto a expansión das obras salesianas no cinco continentes terían como consecuencia a internalización desta advocación de orixe estritamente europea. Por outra banda, fundou o Instituto das Fillas de María Auxiliadora co fin de levar o Sistema Preventivo Salesiano ás raparigas e de honorar á Virxe baixo dita advocación.
Significado da expresión "María Auxiliadora"
[editar | editar a fonte]Co adxectivo "auxiliadora", os católicos significan que a Virxe María trae consigo o "auxilio" de Deus, Xesucristo. O título de "María Auxilio dos Cristiáns", expresa a comediación de María respecto da humanidade. Como Nai do Redentor, por forza e mérito da corredención, os católicos contémplana como a axuda da humanidade necesitada de redención; o é tamén de cada individuo, ao considerarlla a Nai espiritual de todos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sálesman, Eliécer (2006). Ejemplos marianos. 234 casos históricos interesantes. Quito: San Pablo. p. 20. ISBN 9978-06-022-7. Consultado o 31 de agosto de 2017.
- ↑ Santa Sede (ed.). "Letanías de la Virgen". Libr. Editrice Vaticana. Consultado o 26 de mayo de 2014.
Enlaces externos
[editar | editar a fonte]- María Auxiliadora, Espiritualidade Edición Non. 91 -3 de maio de 2005, O Catolicismo.com.co.
- María Auxiliadora, EWTN.
- María Auxiliadora, ACI Prensa.