Marga Gil Roësset
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Margarita Gil Roësset 3 de marzo de 1908 Las Rozas de Madrid, España |
Morte | 28 de xullo de 1932 (24 anos) Las Rozas de Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | escultora, poetisa, ilustradora, escritora |
Movemento | Las Sinsombrero (en) |
Familia | |
Irmáns | Consuelo Gil |
Parentes | María Roësset Mosquera, tía Marisa Roesset Velasco, curmán |
Margarita Gil Roësset, nada en Las Rozas, provincia de Madrid o 3 de marzo de 1908 e finada o 28 de xullo de 1932, foi unha escultora, ilustradora, poetisa española pertencente á Xeración do 27.
Foi considerada unha nena prodixio e unha escultora formidábel e inclasificábel, que foi admirada na súa época pola intelectualidade. Morreu moi nova polo que a súa polifacética obra é escasa, aínda que de grande valor. As súas ilustracións inspiraron o escritor e ilustrador Antoine de Saint-Exupéry para a súa obra O Principiño, que as coñecía polas súas habituais visitas a España.[1]
Forma parte da saga familiar de mulleres artistas: a súa irmá foi a escritora Consuelo Gil Roësset (1905-1995), a súa tía foi a pintora María Roësset Mosquera (1882-1921), a súa curmá a pintora Marisa Roesset Velasco e a súa sobriña a poetisa e fotógrafa Margarita Clark.[2][3][4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Marga Gil Roësset naceu en Las Rozas, nos arredores de Madrid, en 1908. O parto foi complicado e os médicos auguráronlle unha morte prematura, mais a súa nai negouse a deixar morrer a súa segunda filla e conseguiu sacala adiante.[3] Máis tarde naceron os seus irmáns Pedro (1910) e Julián (1915).[5]
Tanto ela como a súa irmá máis vella, Consuelo Gil Roësset, tres anos maior que ela, creceron nun ambiente ilustrado e foron educadas na casa baixo a tutela da súa nai, Margot Roësset, que lles inculcou o gusto pola arte, apremounas a crear contos e instruíunas para ser cultas, falar catro linguas, viaxar, visitar museos e asistir a concertos de música clásica.[6]
Gil Roësset foi unha nena prodixio. Aos sete anos xa mostraba unha extraordinaria capacidade para o debuxo. É desta idade a obra máis temperá que se conserva dela, un conto que escribiu e ilustrou para a súa nai. Mais este talento queda patente coa publicación en 1920 dun conto da súa irmá titulado El niño de oro, primorosamente ilustrado por ela.[5]
En 1923, en París, ambas as irmás publicaron outro conto, Rose des Bois. Marga tiña 15 anos nese momento e xa alcanzara a mestría. Foi entón cando deu un xiro absoluto e empezou a dedicarse á escultura. A súa nai sempre quixera rodear as súas fillas co mellor e seguindo esta liña levouna a Victorio Macho, escultor español, precursor da escultura contemporánea española, que se negou a darlle clase por medo a estragar o seu talento. Foi, por tanto, completamente autodidacta e, quizais por iso, non se lle puideron atopar influencias. Os críticos coincidían en que era única, distinta, xenial. En palabras de José Francés, como escultora “Marga É”.[Cómpre clarificar][5]
En 1930, aos 22 anos, presentou un Adán y Eva á Exposición Nacional e foi un clamor. Ninguén se explicaba como era posíbel que Marga Gil Roësset puidese esculpir así.[7]
Relación con Juan Ramón Jiménez e morte
[editar | editar a fonte]Marga Gil Roësset e a súa irmá Consuelo eran admiradoras de Zenobia Camprubí, coñecida por ser tradutora do poeta bengalí Rabindranath Tagore, que coincidía que estaba casada con Juan Ramón Jiménez. En 1932, nun recital de ópera, Marga Gil Roësset e o matrimonio foron presentados pola austríaca Olga Bauer-Pilecka. A escultora quedou namorada do poeta. Por outra banda decidiu de inmediato facer un busto da súa admirada Zenobia. Debido á súa gran mocidade nunca creu que chegaría lonxe porque ninguén a tomaría en serio.
Uníronse diversos factores (falta de confianza, a súa mocidade e un amor arrebatado e imposíbel cara a Juan Ramón Jiménez), que a facían infeliz e decidiu suicidarse. Marga Gil Roësset pegouse un tiro na tempa á idade de 24 anos o xoves 28 de xullo ás seis da tarde. Xusto antes entregoulle a Juan Ramón Jiménez un cartafol amarelo, pedíndolle que non o lese nese momento. Dentro do cartafol, Juan Ramón atopou o diario desta precoz ilustradora e escultora no cal lle confesaba o seu amor por el.[8] A última anotación do seu diario dicía:
... Y es que... Ya no quiero vivir sin ti... no... ya no quiero vivir sin ti... tú, como sí puedes vivir sin mí... debes vivir sin mí... [...] Mi amor es ¡infinito... La muerte es... infinita... el mar... es infinito... la soledad infinita... yo con ellos... ¡contigo!... Mañana tú ya sabes... yo... con lo infinito... lunes, noche [...] Pero en la muerte, ya nada me separa de ti... solo la muerte... ... solo la muerte, sola... y, es ya... vida ¡tanto más cerca así... ... muerte... cómo te quiero.[9]
Tamén deixou cartas á súa irmá, aos seus pais e a Zenobia Camprubí. A súa morte esnaquizou tres xeracións da súa familia (os seus pais, os seus irmáns e os seus sobriños). En 1933 publicouse un libro póstumo de cancións, con texto en francés e español da súa irmá Consuelo, música do seu cuñado, José María Franco, e tres ilustracións súas, unha das cales se supón que foi imitada en O principiño de Antoine de Saint-Exupéry. Juan Ramón Jiménez quedou impresionado polo feito, ao que dedicou varios poemas, e consagroulle á autora unha das descricións literarias contidas nos seus Españoles de tres mundos.[2]
O seu diario, xunto con outro material existente na casa de Juan Ramón Jiménez e Zenobia Camprubí, foi saqueado en abril de 1939, logo entrada das tropas franquistas en Madrid e do final da guerra civil. Carlos Martínez-Barbeito xunto cos escritores Félix Ros e Carlos Sentís, identificándose como membros do Servicio Nacional de Prensa y Propaganda do novo réxime, entraron no piso, no número 38 da rúa Padilla e intimidaron a persoa que quedara ao coidado da casa, rexistraron e requisaron canto quixeron, sen dar explicacións nin dar rexistro do confiscado, no que foi un verdadeiro saqueo.[10][11] Martínez Barbeito diría que se xuntara con ese grupo "espontáneamente" sen ter que ver co resto do grupo e que a súa participación no suceso era para consevar o requisado «por manos cuidadosas»[12] Entre o roubado figuraba o diario de Marga Gil, que empezou a saír publicado no xornal ABC en febreiro de 1997[13], meses antes da morte de Martínez Barbeito. O diario publicouse de forma íntegra en 2015.[14]
Obra
[editar | editar a fonte]Segundo Nuria Capdevila-Argüelles, «a súa traxectoria impresiona polo cambio de xénero artístico (do papel, a acuarela e a tinta á madeira, a escaiola e o granito) e estilo (do modernismo á vangarda) nun tempo moi breve. En pouco máis de dez anos, menos da metade da súa curta vida, desprega a súa pericia como ilustradora, usando tinta chinesa e acuarela sobre papel. Despois domina a técnica do baleirado en escaiola e bronce para alcanzar a continuación unha sorprendente mestría na talla de madeira, aplicando, a finais da súa vida, martelo e cicel á pedra e ao granito».[4]
Grazas á súa escultura, Marga Gil, quen se instruíu polos seus propios medios, foi aceptada nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1930 e de 1932. A súa mellor escultura foi o busto da esposa de Juan Ramón Jiménez, Zenobia Camprubí. No ámbito da ilustración, combinaba modernismo e simbolismo e ilustraba os contos que escribiu Consuelo Gil Roësset de Franco, a súa irmá. É probabelmente un dos exemplos máis duros e singulares do expresionismo español.[7]
En xuño de 1930 foi entrevistada grazas ao protagonismo da súa escultura Adán y Eva na Exposición Nacional de Belas Artes. Marga Gil Roësset argumentaba sobre a súa maneira de traballar: “Eu sempre tento operar sobre as miñas esculturas de dentro a fóra. É dicir, trato de esculpir máis as ideas que as persoas. Os meus traballos, en canto á forma, poderán non ser moi clásicos; mais, polo menos, levan o esforzo de querer manifestar o seu interior”.[15]
Antes de se suicidar, Marga Gil tentou destruír toda a súa obra mais no ano 2001, o Círculo de Belas Artes de Madrid mediante unha exposición e varios artigos de prensa (ABC Cultural 1997) conseguiron recuperar o que quedaba das súas esculturas (o máis danado no seu afán destrutor), as súas acuarelas e os seus debuxos en tinta chinesa. A Fundación Juan Ramón Jiménez tamén contribuíu á preservación das obras mediante a inauguración dunha exposición sobre a escultura de Marga na Casa Museo de Moguer.[16]
- Ilustracións para El niño de oro. 1920.
- Ilustracións para Rose des Bois. 1923.
- Maternidad. 1929.[17]
- La niña que sonríe.
- Para toda la vida.
- Adán y Eva. 1930.[18][17]
- Grupo. 1932.[17]
- Zenobia Camprubí. 1932.[17]
- Ilustracións para Consuelo Gil Roësset, Canciones de niños. Música de José María Franco, Madrid, Signo, 1932.
Influencias posteriores
[editar | editar a fonte]En 1933 publicouse un libro de cancións con texto en francés e español da súa irmá Consuelo, música do seu cuñado José Mª Franco, e tres ilustracións de Marga Gil. Unha desas ilustracións é tan parecida ás da obra do Principiño de Antoine de Saint-Exupéry que se considera moi probábel que se inspirase nelas, sobre todo tendo en conta que este escritor visitara España con asiduidade.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Suicidio de la escultora Margarita Gil enamorada de J.R. Jiménez". La Vanguardia. Consultado o 6 de marzo de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 Cf. a súa biografía en Marga Clark, Amarga luz Barcelona: Circe, 2002.
- ↑ 3,0 3,1 Marcos, Ana (28 de xaneiro de 2015). "Quién fue Marga Gil y por qué debería interesarte (más allá de su suicidio por Juan Ramón Jiménez)". Verne EL PAÍS. Consultado o 14 de febreiro de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 Capdevila-Argüelles, Nuria (2010). "Marga Gil Roësset (1908–1932): soledad agónica, desamor y arte en granito y papel.". Journal of Iberian and Latin American Studies, 16(1), pp.7-22.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Marga Gil Roësset". perso.wanadoo.es (en español). Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2016. Consultado o 6 de marzo de 2016.
- ↑ "Cien años de Marga Gil, la escultora que se suicidó enamorada de Juan Ramón". Soitu.es. 3 de marzo de 2008. Consultado o 14 de febreiro de 2016.
- ↑ 7,0 7,1 "Fortuna crítica e influencias del escultor Iván Mestrovic en España" (PDF). 2010. Consultado o 14 de febreiro de 2016.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de abril de 2017. Consultado o 06 de maio de 2019.
- ↑ Martín Rodrigo, Inés (27 de xaneiro de 2015). "Marga Gil Roësset: Diario de su amor imposible hacia Juan Ramón Jiménez". abc (en castelán). Consultado o 6 de marzo de 2016.
- ↑ Alarcón Sierra, R. (2006). "Juan Ramón ante la guerra". En Javier Blasco e Antonio Piedra. Juan Ramón Jiménez. Premio Nobel 1956 (PDF). Madrid: Residencia de Estudiantes/Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales. p. 357. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de febreiro de 2023. Consultado o 09 de febreiro de 2023.
- ↑ Fernández, Víctor (10 de febreiro de 2022). "Juan Ramón Jiménez y los tres ladrones: el misterio del cuadro desaparecido". La Razón (en castelán). Consultado o 2023-02-09.
- ↑ González Ródenas, Soledad (2005). Juan Ramón Jiménez a través de su biblioteca: lecturas y traducciones en lengua francesa e inglesa (1881-1936) (en castelán). Universidad de Sevilla. ISBN 978-84-472-0866-1.
- ↑ Palau de Nemes, Graciela (2004). "Nuevos datos inéditos sobre el suicidio de la escultora Marga Gil Roësset (1908-1932) por amor a Juan Ramón Jiménez". En Juan de la Cuesta. Actas del XIV Congreso de la Asociación Internacional de Hispanistas: New York, 16-21 de julio de 2001 (PDF). Madrid: Centro Virtual Cervantes. pp. 413–418.
- ↑ Manrique Sabogal, Winston. "Ya no puedo vivir sin ti, Juan Ramón". El País.
- ↑ Gil Roësset, Marga, 1908-1932 ([2000]). Marga Gil Roësset (1908-1932) : Círculo de Bellas Artes, Madrid, mayo-junio 2000. Madrid: Círculo de Bellas Artes. p. 43. ISBN 8486418208. OCLC 433102434. cita textual recollida en Cirlot, Victoria. ""De dentro afuera”: la vivencia interior de Marga Clark" (PDF) (1ª ed.). Consultado o 6 de marzo de 2016.
- ↑ Cirlot, Victoria. ""De dentro afuera”: la vivencia interior de Marga Clark" (PDF) (1ª ed.). Consultado o 6 de marzo de 2016.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 http://www.epdlp.com/cuadro.php?id=2136
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2014. Consultado o 06 de maio de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Capdevila-Argüelles, Nuria. (2013). Artistas y precursoras : un siglo de autoras Roësset (1882-1995). Madrid: Horas y Horas. ISBN 9788496004542. OCLC 859257293. (en castelán)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Portal consagrado á vida e obra de Marga Gil Roësset. Mantido por Ana Serrano, Comisaria da primeira exposición que se fixo sobre Marga Gil. (en castelán)
- Inquilina en un amor desaforado. Antonio Lucas. El Mundo, 26 de outubro de 2014. (en castelán)
- La Fundación Lara publica por primera vez los diarios completos de Marga Gil, que recogen la historia de su amor imposible por Juan Ramón. Fundación José Manuel Lara, 20 de xaneiro de 2015. (en castelán)
- Marga Gil, la mujer que se suicidó por Juan Ramón Arquivado 29 de maio de 2016 en Wayback Machine.. Juan Ángel Juristo. Cuarto Poder, 30 de xaneiro de 2015. (en castelán)
- Publican el Diario de Marga Gil, el amor no correspondido de Juan Ramón Jiménez. EFE. 20minutos, 29 de xaneiro de 2015. (en castelán)
- La historia de amor imposible entre Juan Ramón Jiménez y Marga ve la luz. Antena 3 (vídeo). (en castelán)
- Fotografías dela e da súa obra. Proxecto Las sinsombrero Arquivado 07 de maio de 2019 en Wayback Machine. (en castelán)
- Páxina web Las sinsombrero Arquivado 23 de xuño de 2019 en Wayback Machine. (en castelán)