Mauro García
Mauro | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Mauro García Juncal | ||
Nacemento | 21 de maio de 1971 | ||
Lugar de nacemento | Moaña | ||
Altura | 1,77 m. | ||
Posición | Defensa, centrocampista e dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Alondras | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1987–1988 | Alondras | ||
1988–1995 | Pontevedra | 194 | (23) |
1995–2000 | Compostela | 170 | (7) |
2000–2003 | Rayo Vallecano | 38 | (2) |
2003–2006 | Pontevedra | 61 | (1) |
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Mauro García Juncal, nado en Moaña o 21 de maio de 1971, é un exfutbolista galego, que xogaba en diferentes posicións na banda dereita.
Destacou principalmente no Pontevedra, no que xogou nove tempadas, e no Compostela, onde militou cinco anos, tres deles na Primeira División. Disputou 470 partidos oficiais entre os dous equipos e xogou tamén co Rayo Vallecano en Primeira e na Copa da UEFA.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Formouse na canteira do Alondras, subindo ao primeiro equipo de Terceira División na tempada 1987/88. Na seguinte campaña foi fichado polo Pontevedra, que militaba na Segunda División B. Xogou seis tempadas na banda dereita do club pontevedrés, principalmente en funcións ofensivas, disputando máis de 200 partidos e marcando 23 goles.
A súa fichaxe en 1995 polo Compostela provocou un enfrontamento entre os presidente dos dous clubs, Ramón Crespo e José María Caneda, polo xeito no que esta se levou a cabo.[1] Debutou co equipo santiagués na primeira xornada da tempada 1995/96 da Primeira División, no derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos, onde entrou na segunda parte para substituír a Iñaki Eraña. Na primeira parte da tempada, a pesar de xogar case todos os partidos, fíxoo habitualmente saíndo dende o banco. Isto cambiou a partir de decembro, cando se fixo coa titularidade, colocándoo Fernando Vázquez en labores defensivos, no lateral dereito. Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría nunha vitoria por 2-1 contra o Athletic Club en San Lázaro.
Foi unha das pezas máis habituais da defensa compostelanista durante os seguintes anos, xunto a Bellido, Villena e Nacho, e militou no club ata o ano 2000, sumando 190 partidos en cinco tempadas (tres en Primeira e dúas en Segunda). A continuación fichou polo Rayo Vallecano de Juande Ramos, na Primeira División. Militou tres tempadas no club madrileño, co que xogou a Copa da UEFA, perdendo a categoría na última delas.
No ano 2003 regresou ao Pontevedra, adestrado por José Aurelio Gay.[2] Titular indiscutible, na súa primeira tempada contribuíu ao primeiro ascenso do club á Segunda División en case 30 anos. Xogou no club granate ata a súa retirada en 2006, alcanzando os 280 partidos oficiais co club.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "El Pontevedra califica de impresentable a Caneda". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de abril de 1995. p. 47.
- ↑ "El Pontevedra apura la confección de la plantilla". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xullo de 2003. p. 33.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).